Xela Arias escritora cubista
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Xela Arias, escritora homenaxeada o 17 de maio, coicidindo co 59 aniversario do seu nacemento:
O 4 de marzo celébrase o 59 aniversario do nacemento de Xela Arias, na Granxa Barreiros, na parroquia de Ortoá, Sarria, onde seu pai era mestre. Primoxénita de Amparo Castaño López e Valentín Arias López, foi inscrita como María de los Ángeles, aínda que xa moi cativa déuselle en dicirlle Xela, nome que cando tiña 32 anos, tras reclamación xudicial, recoñeceulle o xulgado de 1ª Instancia de Sarria.
Desde o berce tivo o galego como lingua primeira, «agora teño o idioma inclinado nas entrañas» («Tigres coma Cabalos» 1990), que utilizou nos seus oficios de escritora, editora, tradutora e profesora, en todos os seus actos públicos e no seu ámbito privado. Unha lingua urdida no pouso dos afectos, «se che falamos con tino, a modo, recompós termos e frases» («Darío a diario» 1996), «íspeme o idioma e sábemo suando en sida» («Intempériome» 2003), escribiu, mais tamén no compromiso teimoso da súa defensa, «galicia e nós nó de verbos nos novelos dos nomes» («Denuncia do equilibrio» 1986), convencida de que «non hai idioma abondo para recoñecérmonos» («Festa da Palabra Silenciada» 2001) coma comunidade.
Galego adquirido en Ortoá nos seus tres primeiros anos, nunha casa chea de libros até o teito, mais tamén nas visitas á das avoas Ilduara e Amparo, como da relación coa tía Irene coa que foi ás vacas ou coa tía Amparo da que aprendeu remedios máxicos, como relata en «Non te amola!», proxecto de memorias de infancia iniciado en 1991, que dende entón permaneceu inédito, nunha autora que fixo da autoesixencia, a procura da innovación e a reflexión sobre os seus textos, características dunha obra literaria tan breve como intensa.
Despois dun paso de tres cursos polo Colexio Fingoi de Lugo, onde fixo o parvulario e o primeiro da Primaria, centro dirixido entón por Ricardo Carvalho Calero, inesperada serendipia, en setembro de 1969 a familia trasládase a Vigo por ser destinado o pai como mestre na Escola Nacional Graduada de Sárdoma, en Moledo, centro onde completará o ensino primario, despois, Educación Xeral Básica (1969-1976), e onde comezará a escribir os seus primeiros contos. Dende os sete anos, Xela Arias instálase na cultura urbana, como confesou en varias entrevistas: «eduqueime xogando nun solar e logo de ir á escola nunha arrabalde de Vigo, seguín estudando no instituto do Calvario, fixen vida de barrio».
Tras abandonar os estudos de COU, pola pulsión de independencia e afouteza que caracterizou a súa vida, con apenas dezanove anos (1980) empeza a traballar, polo seu bo manexo do galego falado e escrito, como oficinista no primeiro equipo de Edicións Xerais de Galicia, que entón iniciaba a súa andaina editorial. Será a década dos oitenta fecunda para ela como editora, actividade na que se ocupou axiña de tarefas relacionadas coa revisión e corrección dos textos nun momento decisivo de fixación da norma ortográfica aprobada en 1983. Como tamén o será como tradutora literaria, responsable dun catálogo moi diverso de case cincuenta obras, nas que procurou unha lingua con xenio popular, completa e capaz, iniciado co «Cabalum» (1983) de Carlos Oroza e «O gato gaiado» (1986) de Jorge Amado.
E tamén fecunda como poeta, actividade iniciada no bulir incansable daquel «Vigo aínda durmido», como acuñou nun poema publicado no número 3 do fanzine «Katarsis» (1984), o chamado «Vigo da movida». Tempo de entusiasmos perigosos, naquel Vigo marcante do desemprego e da droga, no que Xela se implicou como artenauta e activista literaria, participando en recitais e publicacións diversas («Neboeira», «Tintimán», «Ith»..) nas que vinculaba os seus poemas coas artes plásticas, velaí a súa colaboración co pintor Xosé Guillermo, ou coa música do grupo Desertores, para os que prepararía as letras do elepé «El desertor» (1991).
Implicación xeracional que a levou a participar de forma moi activa na sección de Creación de «Faro de Vigo», onde debutou en xuño de 1983 cunha páxina memorable na que incluíu catro poemas rompedores, recibidos con entusiasmo polo poeta Carlos Oroza («celebro estar en el acontecimiento de tu poesía»), mais tamén na interesantísima sección «Mulleres», coordinada por Pilar Comesaña, ou naquel fascinante «Pharo The Bego» (1984-1986), suplemento bimensual do decano onde os seus poemas compartiron páxina cos de Manuel Rivas.
Poeta viguesa sen xeración, escritora cubista, que coas súas insólitas colocacións pronominais humanizaba os verbos e coa súa provocadora creación léxica retorcía os nomes, confesou que de poder escoller a súa reencarnación sería en Lou Reed en feminino. A homenaxe que recibe este ano das letras é unha oportunidade única para descubrir e valorar como merece a obra de quen «perder pé aínda é a ambición preciosa» (1989) e «vencerse non é cousa de se tratar» (2003).