Listado de la etiqueta: ksado

Marconi nas Rías Baixas

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro as tres visitas que parece realizou o premio nobel Giulielmo Marconi ás Rías Baixas:

Giulielmo Marconi, enxeñeiro italiano, inventor da radiografía sen fíos, Premio Nobel de Física en 1909 en recoñecemento das súas contribucións no desenvolvemento da telegrafía inalámbrica, visitou Vigo en tres ocasións, 1924, 1928 e 1932, a bordo do seu iate Elettra. Na primeira chegou o 21 de agosto de 1924, camiño de Lisboa, acompañado da súa primeira muller Beatrice O’ Brien. Polo publicado Faro de Vigo sabemos que deron un paseo pola cidade nunha visita motivada, quizais, pola necesidade de recargar ou por algún contratempo da embarcación.

A segunda durou catro días, do xoves 10 ao domingo 13 de maio de 1928, acompañado pola súa segunda dona. Mantiveron unha axenda pública preparada por Guido Paganini, cónsul italiano en Vigo, membro pioneiro coma o propio Marconi do Partido Fascista italiano, industrial da salgadura, coa intención de que coñecesen a fábrica de conservas de Massó en Bueu, unha das máis modernas das Rías Baixas. A tarde da súa chegada visitaron de incógnito a cidade, mais na mañá do día seguinte o alcalde Mauro Alonso, o presidente da Cámara de Comercio, Tomás Mirambell e outros presidentes das institucións viguesas acudiron ao Elettra para saudar aos visitantes e agasallar a Cristina Bezzi-Scali cun ramo coas fitas das bandeiras italiana e española. Ao mediodía, o concello convidounos a un banquete no Hotel Moderno, entón o establecemento máis acreditado da cidade, inaugurado en 1906 por Jesús Fernández Otero, propietario do hotel Continental da Laxe. Durante o xantar algúns participantes fixéronlle apuntamentos sobre as instalacións radiográficas do Monte Vixiador, desmanteladas pola Compañía Nacional de Telegrafía sen fíos. Marconi e a súa dona asinaron na segunda páxina do Libro de ouro da cidade e foron agasallados con dous libros moi coidados de recente publicación, o Álbum de Vigo 1927 de P.P.K.O e as Estampas compostelanas do fotógrafo Ksado, 55 láminas impresas en sepia por Gráficas Villarroca.

Tras o xantar, Paganini tiñálles organizada unha viaxe en automóbil até a península do Morrazo, na que pasaron por Redondela, Figueirido, Santa Cristina de Cobres, subiron ao monte Xaxán, para dirixirse despois á fábrica de Massó de Bueu. De regreso, embarcaron en Cangas nos botes do Elettra, que os trasladaron a bordo do buque laboratorio, cunha tripulación de trinta e dúas persoas ao mando do capitán Lauro. A embarcación contaba con seis camarotes e un equipamento de transmisores e receptores que permitían unha comunicación con territorios asiáticos de ultramar. Fora adquirida polo inventor en 1922 por 21.000 liras, sendo o seu nome orixinal o de Rovenska, utilizada como buque patrulla da Royal Navy na Canle da Mancha durante a Guerra do 14.

Na visita de Bueu, os viaxeiros tiveron a oportunidade de coñecer o gabinete de curiosidades dos propietarios da fábrica, Gaspar e José María Massó, que foi de grande interese para eles. En concreto, pola crónica que fixeron os anfitrións, sabemos que Marconi prendeu o seu interese nos pregos das transaccións dos buques negreiros con América dos séculos XVI e XVII, conservados polos Massó, entre outras coleccións de documentos. Libros, maquetas e obxectos de navegación, como reparou nunha zanfona, instrumento musical medieval que descoñecía. O italiano aconsellou aos Massó que organizasen aquelas reliquias como un pequeno museo da navegación e da pesca, comprometéndose de facelo, a volver e inauguralo.

O sábado, o terceiro día da escala, os Marconi cancelaron a visita a Compostela, limitándose a acudir a sede da rúa do Príncipe do Círculo Mercantil, atendendo o convite do seu primeiro presidente, Bernardo Bernárdez. O domingo, antes de saír ao mar pasaron polo Club Náutico e percorreron a ría nunha canoa-automóbil do señor Cervera que pilotou con grande pracer a señora Brezzi. E horas antes, Marconi aínda atendeu a visita dunha representación do profesorado e alumnado do Instituto de Vigo, creado hai pouco, ofrecéndolles a oportunidade de experimentar coas ondas inalámbricas e coñecer o funcionamento do gramófono eléctrico.

Parece que Marconi non fallou ao seu compromiso cos Massó e visitou as rías nunha terceira ocasión, aínda que non temos constancia dela nos medios. O 26 de novembro de 1932 inaugurou o museo que os Massó abriron en Bueu, do que deixou constancia asinando no libro de ouro do Museo Massó, que continúa aberto tras nove décadas, como herdanza desta visita. Marconi investigaría no seu buque laboratorio até o seu falecemento en 1937, tras nove infartos, sobre o campo das microondas, que daría pé a tecnoloxía dos radiofaros. Á morte de Marconi, o Elettra sería vendido ao Ministerio de Telecomunicacións italiano, lrequisado pola armada nazi e atacado e fundido pola aviación aliada o 22 de xaneiro de 1941.

 

A cidade retratada

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a comentar a exposición inaugural do Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI).

RGB básico

Non podo agochar a miña decepción tras a visita á exposición “Vigo, a cidade retratada”, coa que abre as súas portas o Centro de Arte Fotográfica de Vigo (CAFVI), un edificio recuperado no corazón do Casco Vello, no recanto entre a praza de Eduardo Chao e a rúa Alta. Apenas 50 fotografías do Arquivo Pacheco, correspondentes ao segundo terzo do século XX, ás últimas décadas de traballo de Jaime Pacheco e ao labor continuado dende 1958 polos seus fillos Jaime e Alberto, organizadas en cinco apartados (o litoral, a industria, os servizos, a expansión urbana e a vida social) ocupan unha parte da planta baixa do que foi concibido como centro de exposición e investigación de referencia da fotografía galega. Mágoa que para o noso abraio estoutra escolma dos amplísimos fondos do Arquivo Pacheco estea moi lonxe do rigor e do afán innovador, didáctico e divulgativo que se agardaría da casa viguesa da fotografía, unha nova peza da Rede de Museos do concello de Vigo.

Non parece xustificable nun centro museístico público a precariedade dunha instalación como a presentada en “Vigo, a cidade retratada”, tanto pola rudeza dos soportes utilizados e organización labiríntica do espazo expositivo como mesmo pola súa confusa iluminación. Nin tampouco a escasa novidade do relato visual proposto, sexa polo reducido número de pezas inéditas como pola súa temática tan xeralista, arredor da transformación de Vigo en cidade portuaria industrial, un caixón de xastre que recolle dende as paisaxes da ría, pasando polas escenas de traballo urbano, até a batalla de flores. Nin é entendible, mesmo considerando a precariedade orzamentaria que sofre todo o sector cultural, a ausencia dalgún soporte documental impreso ou dixital de axuda ás visitantes, que engada información sobre cada unha das fotografías e sobre o contexto dos apartados temáticos, máis aínda cando coñecimos que os textos son accesibles só dende a web do concello. Nin tampouco é comprensible a falta de publicidade nin a ausencia de créditos da exposición e do seu comisariado, que non atopamos por ningures. Carencias que pouco axudan a prestixiar o CAFVI e poñer en valor o Arquivo Pacheco, unha das pezas máis queridas e populares do patrimonio vigués do que continúan aínda inéditas para o público a maior parte das súas 140.000 fotografías.

O CAFVI foi ideado no primeiro mandato de Caballero, cando o BNG se responsabilizou da concellaría de Cultura, ao abeiro dos fondos do Plan E e no marco do programa de construcións públicas promovido polo Consorcio do Casco Vello, que supuxo o traslado dos rexistros da propiedade a catro inmobles entre a rúa Real e a rúa Alta. Paralizado durante case tres anos, tras a primeira fase de construción do edificio, financiado polo Ministerio de Cultura cun millón de euros, o pasado ano a Concellaría de Cultura destinou 379.000 euros para o acondicionamento e instalacións interiores. Xaora aquel proxecto inicial, bautizado como Centro Galego da Fotografía, foi deseñado para instalar as valiosas coleccións fotográficas municipais (os arquivos Pacheco, Ksado, Fotobienal e Vigo Visións) e promover a creación e difusión da fotografía contemporánea. Integrado formalmente na Rede de Museos do concello de Vigo, en proceso de profunda reestruturación, o CAFVI foi aberto parcialmente e de forma apresurada, coa fallida exposición de Pacheco que comentamos, coincidindo co inicio da campaña electoral.

Vigo é a capital fotográfica de Galicia. Foino pola transcendencia do traballo dos seus fotógrafos pioneiros, dende Prosperi, Pacheco e Llanos até o dos seus fotógrafos amadores, como Ricardo Terré e Rainieiro Fernández. Foino polo traballo dos seus fotoxonalistas, como Bene, Magar e Cameselle, e o dos seus fotógrafos de estudio, como Mary Quintero e o seu irmán Roberto. Foino pola excelencia da súa Fotobienal, creada por Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, unha actividade cultural internacional de primeira, capaz de xerar unha extraordinaria colección de máis de mil duascentas pezas nas que Vigo quedou retratada por algúns dos fotógrafos contemporáneoas máis importantes do mundo. Eis a materia prima sobre a que recuperar o proxecto cultural do Centro Galego da Fotografía, inserido no redeseño en profundidade de toda a rede museística, que sofre unha crise estrutural. Vigo conta cun hiperquipamento museístico no entorno dunha grave indixencia do seu uso, un paradoxo ao que non son alleos o fracaso dalgúns proxectos de musealización, a indiferencia dos públicos e, sobre todo, a precariedade orzamentaria das administracións públicas, sobre todo da Xunta de Galicia e Goberno de España. Neste contexto, a nova concellaría de Cultura debe deseñar a conciencia o proxecto do CAFVI para evitar os erros da súa primeira mostra.