Artigos

Onte 2106: «Calendario Xerais 2021. Mulleres. Llanos»

Non quero que remate o ano sen recomendar o Calendario Xerais 2021. Mulleres. Llanos, outra alfaia desa extraordinaria serie  sobre a memoria fotográfica concibida e editada por Celia Torres Bouzas. Unha colección de referencia na historia da fotografía en Galicia iniciada en 2014 coa publicación da escolma dunha ducia de fotos da viaxe a Galicia que Ruth Matilda Anderson fixo entre 1924 e 1925, introducida por un texto de Manuel O’Rivas. Serie continuada en 2015 con Mariñeiros de José Suárez, en 2016 pola Emigración de Alberto Martí e no 2017 por unha escolma do traballo fotoxornalístico de Magar. Xaora, foi a partir de 2018 cando a serie mudou a ollada para darlle visibilidade ás fotos de mulleres: en 2018 fotografadas por Pacheco, con texto de Ledicia Costas; en 2019 por José Suárez, con texto de Pedro Feijoo; en 2020 polas traballadoras de Massó, con texto de Covadonga López de Prado; e en 2021, por Llanos, con texto de Sabela Fraga Costas.

Cada un destes almanaques protagonizados por mulleres, calendarios fotográficos de parede con formato de 30 x 60 cm, que inclúe festivos e fases da lúa, propón unha ollada cun enfoque feminista sobre a Galicia do pasado século, privilexiando a visibilidade das mulleres no espazo público, sexa nos traballos comunitarios, agrarios, pesqueiros ou industriais, participando nas actividades sociais, políticas, deportivas, culturais ou relixiosas. Unha contribución moi salientable á construción dunha memoria fotográfica alternativa e crítica, capaz de desvelar outro tipo de referentes e de incorporar no relato galego contemporáneo o papel decisivo das mulleres.

Ese é o enfoque escollido tamén para o Calendario Xerais 2021 no que se escolma unha ducia de fotos protagonizadas por mulleres do Arquivo Llanos depositado no Museo Etnolóxico de Ribadavia dende a súa adquisición pola Consellaría de Cultura en 2009. Fotos de tres xeracións de fotógrafos da familia Llanos, a do avó e pai (ambos os dous de nome Francisco) do noso admirado Ángel Llanos, falecido en 2012, instalados na viguesa rúa Elduayen dende 1885. Daquel arquivo extraordinario de máis de 100.000 instantáneas, que documentaron as transformacións da cidade de Vigo ao longo de todo o século XX, neste almanaque tan singular aparece apenas unha ducia das protagonizadas por mulleres.

O almanaque de Llanos convida a que reparemos cunha ollada feminista durante un mes en situacións e acontecementos moi diversos e atractivos: un partido de fútbol feminino no campo de Coia protagonizado por dous equipos de xogadoras belgas (1925); unha mascarada  teatral de entroido; a esculcar no escaparate do Garaxe Americano da rúa García Barbón (1936); a identificar as protagonistas dun paseo pola rúa do Príncipe (1920-1930); a lembrar o que foron as batallas de flores en Policarpo Sanz (1926); a coñecer unha escena do mercado de froitas e verduras na praciña das ostras (fotografía escollida para a portada do calendario); a entrar nunha clase de costura a máquina (1935); unha escena nun lavadoiro do periurbano; unha reunión política ou sindical durante a segunda República; o interior da gardería da conserveira Massó (1950-1960); até finalizar cunha carreira atlética nas Avenidas e cunha «fotoesperanza» protagonizada por unha rapaciña, como símbolo do empoderamento e da construción dos propios relatos por parte das mulleres.

Todos os nosos parabéns a Celia Torres, editora e alma mater deste proxecto editorial precioso e único na edición cultural galega.

Fotógrafo José Suárez

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á exposición sobre José Suárez do Museo Centro Gaiás.

marineiros_15.javiota
Na fotografía galega hai pezas que se transformaron en iconas Galicia do século XX. Ese foi o caso das fotos da despedida de Manuel Ferrol ou dos adeuses de Alberto Martí, que expresan toda a dor da emigracion, como o retrato da muller e a radio de Virxilio Vieitez, traduce a soidade dos que aquí quedaron. Outrosí sucede coa ollada inmensa do neno que garda nos seus brazos a dorniña “Javiota” de José Suárez, enxergando un horizonte que cremos de esperanza. Cartaces en branco e negro son hoxe arquivos de memoria capaces de explicar o noso devir colectivo quizais mellor ca moitos textos académicos. Fotografías que forman parte do noso patrimonio común, cuxa difusión constitúe unha obriga dos poderes públicos ao tempo que unha posibilidade para reflexionar sobre o que fomos, o que somos e o que queremos ser como comunidade de seu.

A exposición sobre José Suárez instalada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura até o 27 de marzo é unha oportunidade para descubrir o conxunto da obra dun fotógrafo coñecido que axiña quedou esquecido. 206 fotografías e 150 obxectos persoais, escollidos por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, conforman unha mostra exhaustiva que percorre todas as series do fotógrafo de Allariz, mesmo as que permanecían inéditas ou nunca expostas, conformando a panorámica duns “ollos vivos que pensan”, título da exposición que corresponde a unha frase de José Bergamín, ao que Suárez retratou no exilio en Buenos Aires. Mais os comisarios, co afán didáctico que caracteriza as súas mostras, quixeron contextualizar o traballo do fotógrafo ourensán nos espazos onde foi mostrado e publicado, dando conta tanto da súa peripecia biográfica como das súas viaxes a Xapón ou Sudáfrica, que influíron na súa obra fotográfica. Contidos presentados en dez audiovisuais que se completan coa posibilidade de consultar nunha taboíña dixital cada un dos libros publicados polo fotógrafo alaricano. Recursos que xunto a un catálogo impreso de magnífica edición cadran unha exposición modélica, tanto polos contidos como pola súa montaxe e diversidade de recursos utilizados.

Xaora, o primeiro que impacta son as series etnográficas dos anos 30, escolmadas no libro “Galicia, Terra, mar e xentes” (Xerais, 1981), onde se recolle parte do traballo fotográfico previo, realizado en Bueu, antes de que filmase a película “Mariñeiros”, que remataría no exilio e nunca sería proxectada en Galicia. “Mariñeiros”, serie publicada en Arxentina en 1937, exposta con éxito en Vigo en 1971, na sala de exposicións da Caixa de Aforros, e escolmada por Xerais en formato almanaque este 2015, por si soa xa merece un lugar relevante na historia da fotografía galega. Un traballo fotográfico no que se aborda en profundidade a vida dos mariñeiros galegos a través de retratos en primeiro plano ou imaxes dos seus obxectos, como redes ou aparellos, mais onde están sempre presentes as persoas ou os espazos onde deixaron a súa pegada. Nesas fotos, como a citada do rapaz da “Javiota” ou a impresionante do Gabián celta, Suárez acuñou o seu estilo de retrato máis característico, onde nunca aparece a ollada frontal, suxerindo con inequívoca tenrura un futuro incerto.

Sorprenden as series de fotografías do exilio (1936-1959), sobre todo as da neve da cordilleira (Suárez foi un gran amante do esquí), as de Tierra de Fuego e as da viaxe a Xapón de 1953, nas que por vez primeira se distanciou das persoas fotografadas. Están presentes, ademais, as fotos que fixo dende o seu retorno do exilio en 1959 até os anos anteriores ao seu suicidio na Guarda o 5 de xaneiro de 1974, días moi difíciles nos que viviu co ánimo vencido. As paisaxes brancas e as persoas vestidas de negro da súa serie da Mancha, de mediados dos sesenta, expresan o seu interese polo Quixote. A serie taurina (1967), un traballo de encargo dunha revista norteamericana, serviulle para explorar as posibilidades expresivas das sombras. Mentres que nas fotos localizadas en Eivissa e Mojácar volveu sobre a súa relación obsesiva entre o ser humano e a paisaxe. Remata a mostra coas fotos tiradas en Galicia nos sesenta, onde recupera o interese pola ollada etnográfica, aínda que non faltan os motivos simbólicos en pezas como a do escaparate de chapeus da rúa do Vilar ou a do crego e as cadeas da praza do Obradoiro.

A mostra de José Suárez emociona até chegar a conmover. Todos e cada un dos seus cartaces posúen alma, todos eses retratos que non miran á cámara deitan melancolía, non exenta dun aceno esperanzado. Suárez soñou que o seu arquivo servise algún día para iniciar unha fototeca galega. Quizais esta excelente mostra, que viaxará a Buenos Aires no outono austral, coincidindo coa Feira do Libro na que Compostela será cidade convidada, contribúa a pór en valor a súa obra. Recoméndoa.

Onte 1486: O calendario de Martí

XG002357_calendario_2016_alberto_marti_CUB.inddXa está á venda o Calendario Xerais 2016 dedicado á serie sobre a emigración do fotógrafo Alberto Martí. Tras o éxito dos calendarios fotográficos anteriores, dedicados a Ruth Matilda Anderson e José Suárez, escolléronse as fotos da exposición Os Adeuses para que o seu comisario, José Caruncho, seleccionase unha ducia das pezas máis conmovedoras. Un calendario que constitúe un excepcional documento daquelas despedidas da Galicia emigrante no peirao da Coruña de finais dos cincuenta e comezos dos setenta, así como da chegada a Vigo en 1961 do Santa María após do secuestro polo DRIL. Unha ducia de atados de memoria que agardo contribúan a poñer en valor o noso patrimonio fotográfico. Un agasallo magnífico con memoria.

Onte 1118: O calendario de Suárez

calendario-José-Suárez-2015-656x403Xa está á venda o Calendario Xerais 2015 dedicado este ano ao fotógrafo José Suárez. Como fixera con Ruth Matilda Anderson, a editora Celia Torres escolleu trece fotografías que constitúen unha magnífica escolma dos traballos realizados no Morrazo en 1935, probablemente correspondentes aos estudos previos da película Mariñeiros, rematada no exilio e que nunca se puido ver en Galicia. Os textos de Xosé Luís Suárez Canal e Domingo García Sabell constitúen o adro axeitado para entender un traballo fotográfico centrado sobre os homes e mulleres da Galicia tradicional, labrega e mariñeira, recollido no libro que Xerais lle publicara en 1981, un país que xa non existe, do que se conservan apenas pegadas na memoria. Cada unha das pezas, (dende a mítica do neno co Javiota, pasando polas redeiras, até o vello das patelas) vai enmarcada cun texto literario de autores e autoras, a maioría do noso tempo, que a vivifica e actualiza no contexto actual. Outra peza bibliográfica para a nosa memoria fotográfica. Un magnífico agasallo.