A B.S.O. de Eladio e os seres queridos
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á publicación do disco B.S.O. (2005-2025) de Eladio y los seres queridos:
Vigo é unha potencia musical, unha cidade con moi diversas bandas sonoras, onde os seus públicos aprecian e respectan aos seus músicos. Non coñezo ningunha outra que conte con dúas orquestras privadas, a Clásica de Vigo, a formación orquestral máis antiga de Galicia, cunha traxectoria de catro décadas, e a Vigo 430, formación profesional que conta con vinte anos. Nin existe ningunha outra que teña unha orquestra folk coma SonDeSeu, proeza musical viguesa nacida en 2001 na Escola Municipal de Música Tradicional, creada para protexer e difundir o patrimonio popular, que conta cun elenco artístico docente fabuloso e un alumnado interxeracional numeroso. Nin tampouco hai outra con nove bandas populares e as súas correspondentes escolas musicais, canteira de milleiros de intérpretes.
Nin ningunha outra que conte con dous conservatorios públicos, varias escolas de música privada, entre elas unha de rock, media ducia de salas de música ao vivo, brillantes festivais como ImaxinaSons de jazz (por desgraza desaparecido hai seis anos), Marisquiño ou a fantasía sonora emerxente dende hai vinte anos do Sinsal na illa de San Simón. Como hai poucas que conten espazos públicos de ensaio (certo que insuficientes a todos os efectos) para as novas bandas, inseridas nunha tradición musical moderna acuñada nas últimas catro décadas.
Nese ecosistema musical vigués apareceu hai vinte anos «Eladio y los seres queridos», grupo 100 % vigués que dende entón representa os mellores valores dunha banda auténtica de indie pop rock e canción popular. Promovida en 2005 por Eladio Santos, parella artística de Germán Fandiño en «Tony Lomba & Elio dos Santos» e compoñente que foi de formacións independentes como Starlux, Medusa ou The Foggy Mental Breakdown, o cuarteto actual está formado por el mesmo como cantante, guitarra e compositor; Óscar Durán «Uka», baixo; David Outumuro, batería; e Adrián Blanco, piano e teclados, os dous últimos profesores de conservatorio.
Grupo cunha traxectoria independente e honesta, recollida en sete discos, un cento de cancións rexistradas, centos de concertos dun directo cristalino e dúas ducias de temas memorables sobre melodías bonitas e textos coidados de dicción impecable que relatan historias cotiáns interesantes e ofrecen reflexións comprometidas sobre a vida e o amor. Gravacións moi coidadas nas que adoitan contar con apoio orquestral, o que imprime un selo inconfundible ao seu son limpísimo, propio dun grande grupo clásico de rock and rol.
Traxectoria celebrada coa publicación recente dun disco B.S.O. 2005-2025 no que recollen dezaseis dos seus temas máis populares gravados de novo en Casa de tolos de Nigrán con Segundo Grandío, nos que contaron con convidados de luxo: Amaral e As fillas de Casandra en «Non quero perderte», Depedro en «Medidas desesperadas», Vega en «El norte» e Pucho de Vetusta morla en «Al Himalaya». Ademais de Gala Santos, filla de Eladio, en «Bella Durmiente». Cancións ás que se engaden outros himnos eladianos: «Miss Europa», «Academia», «Viviendo sin miedo», «Highway to heaven», «Con el corazón en la mano» e, claro está, «El tiempo futuro», himno non oficial da cidade de Vigo, incluído no seu disco insignia Están ustedes unidos (Esmerarte 2011), que xa levan o millón de reproducións nas plataformas, contando cun videoclip extraordinario, parte xa do patrimonio popular vigués.
Disco que anuncian presentarán o 3 de outubro no Teatro Afundación nun serán que promete memorable e no que agardamos estreen a versión galega d’ «O tempo futuro», canción manifesto que expresa o carácter austeramente revolcado desta cidade nosa construída co esforzo e a inxenuidade xenerosa da súa cidadanía seguindo o ritmo marcado polas sirenas. Concerto no que se escoitará «Están ustedes unidos», que reafirma a mensaxe positiva e cariñosa do grupo, esa asertividade tan característica de Eladio y los seres queridos, esa confianza nas persoas e nas posibilidades de actuar unidos que tantos compartimos con eles.
Diante desta gran banda, faise difícil entender que despois de dúas décadas non debutase no palco de Castrelos. Un grupo que merece ser homenaxeado e recoñecido no seu viguiño de corazón. Anomalía que por desgraza padecen outros grupos e artistas vigueses, como Siniestro total, que sen dúbida agardaba poder despedirse cun derradeiro castrelos, ou como Iván Ferreiro ou Carlos Núñez, o noso músico máis internacional. Se celebramos a aposta do Celta pola canteira da Madroa, cal é a razón de que non se faga cos nosos músicos no palco público de Castrelos? É tan difícil reservar dúas ou tres datas do programa para a música viguesa? En todo caso, recomendo que bulan á billeteira do concerto do 3 de outubro onde Eladio e os seres queridos van petalo. Recomendabilísimo!