Listado de la etiqueta: ile

Dona Ernestina, mestra

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a reinvidicar a figura da pedagoga redondelá Ernestina Otero

A mestra e pedagoga Ernestina Otero Sestelo é unha das nosas pioneiras que mellor expresaron o anceio de igualdade e liberdade da causa feminista. Nacida en Redondela en 1890 cursou a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra, obtendo aos dezaoito anos o grao de «Mestra superior». Inqueda e afouta, Ernestina vencendo as resistencias daquel tempo que aconsellaba ás mulleres recluírse no eido privado, ao ano seguinte ingresou na recén creada Escuela de Estudios Superiores de Magisterio de Madrid destinada á formación do profesorado das Escolas Normais, o precedente das actuais facultades de Pedagoxía. Unha estancia en Madrid que resultou decisiva xa que lle permitiu coñecer a persoas vinculadas á Institución Libre de Ensinanza, impregnándose das ideas educativas progresistas e coeducadoras, que dende entón desenvolvería na súa práctica profesional.

De regreso a Galicia, casou co boticario Luis Pereira Míguez, incorporándose en 1915 á Escola Normal de Pontevedra como profesora de Pedagoxía. Integrada na vida cultural e social capitalina, Ernestina promove coas súas alumnas iniciativas educativas novidosas como excursións e visitas a museos, instalacións industriais ou lugares históricos. Actividades que despregará con toda a súa intensidade unha vez proclamada a República, cando ocupará a dirección da Normal e presidirá o Consello Provincial de Primeira Ensinanza, órgano de xestión da rede de escolas públicas que recibiu pulo durante aqueles anos de entusiasmo educativo. Ernestina participou na creación de novas escolas e na posta en marcha de cantinas e roupeiros escolares, cos que se pretendía fomentar a escolarización e contribuír a mellora da situación precaria de moitas familias. Mais tamén atendeu á promoción da educación de persoas adultas, ao fomento da reciclaxe do profesorado rural e á cooperación cos concellos na creación de campos agrícolas experimentais.

Comprometida co país, ademais de fomentar o estudo e investigación das características xeográficas, históricas e culturais de Galicia, en febreiro de 1933 asinou o «Manifesto dos intelectuais galegos en favor do Estatuto de Autonomía», nunha relación onde só aparecía dúas mulleres, ela e Mª Cruz Pérez inspectora de Primeiro Ensino. Unha sinatura e un compromiso coa democracia que co levantamento militar pagaría moi caro, tanto ela como a súa familia, xa que foi depurada e suspendida de emprego e soldo en novembro de 1936 (como as súas irmáns Lola e Esperanza, mestras as dúas) e, despois en xuño de 1937, expulsada definitivamente do seu posto case coincidindo co pasamento do seu home, que morrería anémico, tras recibir malleiras e múltiples inxestións de aceite de rícino provocadas polos rebeldes fascistas. Anos difíciles para ela nos que mantivo a súa familia e pagou varias multas con pasantías e converteu a rebotica do seu home en roupeiro solidario desde o que axudar a presos do penal da illa de San Simón e ás súas familias. Revisado o seu expediente en decembro de 1939, Ernestina sufriría o traslado forzoso a Escola Normal de Ourense, onde exerceu unha década até que en 1951, tras ser autorizada a participar no concurso de traslados, recuperou por fin a súa praza na Escola de Maxisterio de Pontevedra. Durante un lustro, representou na Normal da Boa vila os valores da ILE e as experiencias educativas do movemento da Escola Nova da que sempre foi seguidora, formando nelas a varias promocións de mestres e mestras nos que deixou unha forte pegada.

Un daqueles seus alumnos, Herminio Barreiro, anos despois inesquecible profesor de Historia da Educación da facultade de Pedagoxía de Compostela, escribiu que dona Ernestina foi «o símbolo da emancipación feminina e feminista na educación da primeira metade do século XX». A pesar de sufrir o desgaste da persecución política e os achaques dunha feble saúde, até o seu pasamento en 1956 dona Ernestina representou o valor da dignidade daquelas mulleres que permaneceron relegadas e silenciadas na súa defensa a prol da igualdade e dos dereitos das mulleres. Por ventura, só hai uns poucos anos comezaron os recoñecementos e a posta en valor da súa figura. Primeiro en Redondela, o seu berce natal e espazo familiar, despois en Pontevedra, onde exerceu durante trinta anos, que incorporaron o seu nome ao rueiro. Hai pouco na Universidade de Vigo, que lle deu o seu nome a un dos seus edificios. Como recoñecementos honoríficos co nome de Ernestina Otero outorga cada 8 de marzo o Consello Municipal da Muller de Vigo (nesta edición á xornalista María Xosé Porteiro) e a Asemblea Feminista Paxaretas a aquelas persoas e entidades do concello de Redondela que traballan a prol da igualdade real entre homes e mulleres. Grazas, a dona Ernestina, mestra e pioneira.

 

A exposición da EMAO

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a exposición 130 anos de Vigo e a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) de Vigo:

A exposición sobre os 130 na historia de Vigo da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) é un dos acontecementos máis relevantes dos últimos anos para a consolidación da fraca memoria da cidade. Velaí o acordo do concello de Vigo de prorrogala até o 4 de outubro (agosto pechado) para facer posible que novos visitantes se unan aos varios milleiros que visitaron a sala de exposicións da EMAO no edificio deseñado polo arquitecto Michel Pacewicz. Comisariada polo historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses (IEV) José Luis Mateo Álvarez e Rafael Ojea Pérez, actual director da EMAO, contando coa colaboración de Mª Jesús Cuesta de Pedro, técnica da Biblioteca Pública García Barbón, esta exposición centrada máis en obxectos ca en textos permite coñecer o bulir desta institución educativa dende a súa creación en 1886 na rúa do Circo como centro cultural obreiro de Vigo, pasando polo seu esplendor no primeiro terzo do século XX, até o seu renacer actual, amosando ao tempo a súa contribución decisiva ao desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.

A Escola de Artes e Oficios (EAO) foi unha institución educativa pública e gratuíta xenuinamente viguesa sen a que non poderiamos entender o Vigo do século vinte xa que alí se formaron como profesionais milleiros de vigueses e viguesas. Como salientou a historiadora da educación e membro do IEV a doutora María Dolores Durán Rodríguez, na súa maxistral conferencia do pasado 4 de xullo, a EMAO constituíu un dos axentes de modernización principais da sociedade de Vigo e comarca. Unha modernización que formaba parte do proxecto dos seus promotores, como Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena ou Manuel Diego Santos, todos eles influenciados polos principios da Institución Libre de Ensinanza (ILE), que no emerxer do proceso de industrialización pretendía de forma sistemática e organizada a formación cultural e profesional das clases traballadoras. Proxecto que compartían Fernando García Arenal, o fillo da excepcional Concepción Arenal, un dos primeiros directores da EAO, como tamén o filántropo José García Barbón, que en 1900 doou á cidade os dous edificios do centro, onde se crearon tamén a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Laboratorio Municipal e Hixiene de Vigo (1900-1931), que ademais das actividades da escola acolleron outras institucións educativas como a Escola de Náutica (1915-1925), a Escola Pericial de Comercio (1920-1934) ou o primeiro instituto de segunda ensinanza (1937-1939).

Particular interese ten nunha exposición moi coidada nos detalles a achega que o alumnado, profesorado ou os benfeitores da escola fixeron a consolidación do celme de Vigo como cidade industrial e obreira. Pola EAO pasaron boa parte dos emprendedores da construción naval viguesa como Antonio Sanjurjo de La Industriosa (que convocaba un premio para o alumnado da EAO), Enrique Lorenzo de Vulcano ou Francisco Cardama Godoy, que pasou da carpintaría de ribeira a montar un dos estaleiros vigueses de referencia. Mais tamén na industria do vidro, como é o caso de José Cameselle Rial fundador de Cristalería La Belga, o inesquecible establecemento dos espellos cóncavo e convexo de Marqués de Valladares. Como tamén contribuíu ao desenvolvemento do sector das artes gráficas, fose como auxiliar do conserveiro, velaí os casos de Eugenio Fadrique de La Artística e Antonio Alonso de La Metalúrgica, como de impresores de tipos móbiles como José Cao Moure (PPKO), tamén editor e libreiro, Juan Noia Gil, fundador de Gráficas Numen ou da Litografía Espinosa.

A EAO tivo un papel extraordinario no desenvolvemento artístico da cidade, grazas a figuras case renacentistas como Jesús Miramontes Durán (cuxa biografía merecería un tratamento de seu) ou dunha longa nómina de artistas de disciplinas diversas, dende Reveriano Soutullo (músico), Camilo Nogueira (escultor), Laxeiro (pintor), Cesáreo González (creador de Suevia films), Xohán Carballeira (xornalista) a José Rodríguez Vilar (o cartelista do cine Fraga)… Como mención á parte merecería a contribución da EAO na formación da muller, unha das finalidades da doazón de García Barbón, xa que polas súas aulas pasaron moitas das nosas avoas que cursaron estudos de mecanografía, corte e confección, debuxo, música ou idiomas. Ámbito que merecería unha nova exposición, como o caso extraordinario da pianista e activista Urania Mella, a fundadora de feminismo vigués, a quen con toda xustiza se homenaxea na mostra.

Nesta modélica exposición da EMAO atopamos o xerme do que podería ser unha das salas do século XX dese museo da cidade que Vigo tanto necesita. Recomendo acudan a unha mostra fonte de moitas memorias compartidas. Parabéns a EMAO por tan magnífica iniciativa!

Onte 1743: Onde o mundo se chama Escudeiros

Escudeiros_03-09-2016_01

Foi emocionante acompañar no serán de onte a Ramón Nicolás na presentación en Escudeiros d’ O espello do mundo, a súa primeira novela. Toda a comunidade xuntouse no Centro Social para celebrar a publicación da obra e para escoitar ao profesor Xesús Alonso Montero e aos seus escritores. Abriu o acto coa solemnidade que merecía o gaiteiro Manuel Ferro que deu paso ao escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, que presentou aos membros da mesa e contextualizou a novela de Nicolás nas terras do concello de Ramirás, tanto por desenvolverse no mosteiro de San Pedro, como pola forte presenza nestas páxinas de san Xoán de Escudeiros. Lembrou Alberte que a parroquia tiña unha importante tradición mineira, sendo identificada moitas veces como «Escudeiro dos comunistas».

A segur interviu o historiador Carlos Méndez que lembrou un chisco emocionado a importancia de Escudeiros na historia, dende as súas primeiras pegadas prehistóricas, pasando pola presenza das ordes monásticas, o episodio dos tres pesos do coronel Guillade, co que remataron as guerras carlistas, até a biblioteca da Institución Libre de Enseñanza, que montou un mestre da República, e a presenza de Maruja Mallo na parroquia, formando parte das Misións Pedagóxicas, cando estalou a Guerra Civil. Citou despois, aos escritores de Escudeiros, Lois Antón e Xoán Carlos Domínguez Alberte, e lembrou o documental que filmou alí Rubén Riós. Rematou o profesor Méndez salientando a importancia da novela de Ramón Nicolás «a partir da que deixamos de ser o espello de Escudeiros para ser espello do mundo, nestas páxinas quedarán para sempre os nosos topónimos, as nosas palabras, nomes e xentes».

O profesor Alonso Montero celebrou falar por vez primeira «onde o mundo se chama Escudeiros» e cualificou a novela como «a obra dun creador que sabe construír un mundo de ficción». Detívose no carácter epistolar da novela e na singularidade da correspondencia intercambiada entra a abadesa de Ramirás, onde había un cenobio feminino, e a monxa alemá Hildegarda von Bingen. «As cartas están traducidas ao galego, pero o asombroso para o lector é que parecen escritas en latín clásico. Toda a novela está escrita nun galego clásico e unha prosa reverenvial que dá gusto».