Listado de la etiqueta: ibby

Gálix

Tras sete anos a cargo de Xosé Antonio Perozo, o editor de Cuarto de Inverno David Cortizo asumiu a presidencia da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Unha noticia excelente para o sector do libro e da lectura en Galicia xa que supón unha renovación xeracional (necesaria) e azos renovados para as iniciativas desta asociación sen ánimo de lucro, fundada o 14 de xaneiro de 1989 coa intención de «defender e promover a cultura e lingua galegas a través da literatura infantil e xuvenil». Unha causa asumida dende a primeira presidencia do mestre David Otero, como das posteriores de Xabier DoCampo, Pilar Sampedro, Manuel Figueiras, entre outras, comprometidas todas na promoción e visibilidade social do libro e infantil e xuvenil en galego, superando os prexuízos de consideralo unha modalidade editorial menor e a lix como un xénero literario subalterno, ademais de asumir a representación galega na Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) e na Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY), creada en Zurich hai setenta anos coa intención de promover o entendemento internacional a través dos libros para crianzas, que celebrou en Compostela (2010) aquel seu memorable trixésimo segundo congreso, baixo o lema «A forza das minorías». Agradécese o compromiso de continuidade asumido polo equipo de Cortizo, no que se integran autoras, ilustradoras, editoras e mediadoras da lectura, que aventura un relanzamento e unha presentación novidosa para un sector clave para a edición en lingua galega, que supón máis dun terzo da facturación, dos títulos publicados e do catálogo dispoñible nas librarías, como para a formación do lectorado autónomo neofalante e do lectorado literario adolescente, tarefas as que contribúe coas súas actividades formativas e iniciativas de mediación. Gratitudes a Perozo polo xeneroso e resistente desempeño en anos moi difíciles, parabéns e azos a Cortizo e o seu equipo polo camiño de esperanza aberto para a lix nosa.

Publicado en Nós diario: 02-08-2023

Onte 1857: Medrar lendo

DILI_glMágoa que a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil quedase un chisco chafada pola incomprensión e descoñecemento prexuizoso sobre a literatura infantil e xuvenil que manteñen sectores da crítica literaria e do galeguismo. As acusacións reiteradas de infantilización, como a peor doenza da literatura galega, constitúen apenas un síntoma dunha vella doenza que só se pode curar lendo criticamente os textos do xa amplo catálogo da lix galega. Como salienta o texto e o cartel preparado polo sección rusa do IBBY para a edición de 2017, escrito por Sergey Makhotin, ilustrado por Mikhail Fedorov e traducido ao galego por Sabela González, medrar lendo e contar con mediadores constitúe unha posibilidade preciosa para formar lectores literarios futuros. Non hai libros para maiores e outros para miúdos, hai libros valiosos e outros que non o son tanto. Xa o deixou escrito o noso mestre Agustín Fernández Paz, fonte inesgotable de claridade á que acudir nestes debates:

Os libros valiosos son os que teñen vida, aqueles capaces de suscitar en quen os le unha mirada novo, distinta, intensa, sobre as persoas e a socierdade. É dicir, capaces de provocar unha mutación (aínda que sexa pequena) tanto no sistema no que os inscriben (xa non se pode escribir coma se ese libro non existise) como nas persoas que os lean (xa non é posible mirar a realidade do mesmo modo ca antes de lelo). Agustín Fernández Paz, Un mundo de palabras (Xerais, 2017, en edición).

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1607: Marilar, académica

2016030819444067072Compartín onte con Marilar Aleixandre a tertulia política d’ A Crónica da Radio Galega, onde como tantos outros mércores debatemos cos xornalistas Fran Espiñeira e Ánxel Vence. Todos abeizoamos a Marilar pola súa candidatura para cubrir a cadeira de Xosé Neira Vilas  na Academia Galega, o que supón un merecidísimo recoñecemento para a súa traxectoria como escritora en lingua galega e como unha das científicas máis destacadas da nosa cultura.

Coa entrada de Marilar Aleixandre a Academia gaña o talento literario da autora dun catálogo amplísimo, narrativo, poético e ensaístico, con obras extraordinarias como Teoría do caos, A expedición do PacíficoA Cabeza de Medusa ou Ovella descarreirada, mais tamén a súa experiencia internacional como membro da xunta directiva do IBBY, o seu compromiso como veterana activista feminista e ecoloxista, a súa experiencia política, como o coñecemento profundo que como catedrática de Didáctica das Ciencias da USC ten do mundo educativo e do método científico. Sen dúbida, a de Aleixandre é unha grande incorporación para a dinamización da institución de Tabernas que semella decidida a recuperar tanto tempo perdido.

O Congreso do IBBY en Compostela inaugúrase hoxe

Hoxe é o día. Ás sete do serán realizarase o acto de inauguración do 32º Congreso do IBBY de Santiago de Compostela, un evento no que participarán seiscentas persoas de todo o mundo que traballan no eido da creación, edición e difusión da literatura infantil e xuvenil. Polo completísimo programa que se desenvolverá até o domingo á noite e pola fasquía das exposicións que xa puidemos ver montadas onte a tarde, este Congreso IBBY vai quedar moi atractivo.

Ademais das conferencias, táboas redondas e obradoiros que integran o programa do IBBY 2010, o recinto expositivo acolle diversos stands entre os que está o da Asociación Galega de Editores (AGE). Nel amosaranse as máis recentes publicacións para nenos publicadas por un total de 16 editoriais asociadas: Kalandraka Editora; Editorial Everest Galicia; Rodeira; Baía Edicións; OQO Editora; Edicións Xerais de Galicia; Nova Galicia Edicións; El Patito Editorial; Sotelo Blanco Edicións; Edicións Tambre; Biblos Clube de Lectores; Edicións Obradoiro; Editorial Galaxia; Edicións Embora; Ir Indo Edicións e Nigra Trea. Colabora coa organización deste espazo o Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia. Ademais, no mesmo stand poderase contemplar a mostra «A literatura infantil e xuvenil Galega e as minorías». Trátase dunha escolma cos 40 libros de literatura galega que mellor reflicten temáticas relacionadas coas minorías.

Así mesmo será de grande interese para o coñecemento, visibilización e proxección da nosa Literatura Infantil e Xuvenil a exposición «50 anos de literatura infantil-xuvenil galega», un percorrido polos libros fulcrais do xénero en galego, dende Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas de 1961 a O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz de 2007.

Congreso do IBBY en Compostela, 8 ao 12 de setembro

Ao longo da tarde de onte realizamos unha nova xuntanza do Comité Executivo do 32º Congreso do IBBY que se celebrará no Pazo de Congresos de Compostela do 8 ao 12 de setembro. Tras as múltiples dificultades que houbo que superar para organizar con dignidade e humildade –en tempos de crise e recurtes orzamentarios que afectan tanto a todas as administracións públicas coma aos patrocinios das empresas privadas– un evento internacional tan grande e importante coma este, non teño dúbida que o de Compostela será un magnífico Congreso IBBY. Chamadas polo tema «A forza das minorías», participarán case seiscentas persoas, chegadas dos cinco continentes, o que supón que será a cita literaria internacional máis numerosa e diversa do ano e o congreso literario máis importante dos celebrados en Galicia. Dentro do apretadísimo programa (aquí un adianto case completo en pdf) dispúxéronse polas mañás as conferencias (entre elas a esperadísima de Manuel Rivas: «A literatura infantil e xuvenil dende (como) inxurxencia poética», o domingo 12), mesas redondas e obradoiros, deixando as tardes para a presentación das comunicacións e as actividades do IBBY. Outros ponentes galegos serán Miguelanxo Prado, Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, María Reimóndez, Eva Mejuto, Blanca Ana Roig, Víctor Freixanes, Montserrat Pena Presas e Gonzalo Moure. Durante o congreso entregaranse os diplomas da Lista de Honra do IBBY (onde estarán os galegos Agustín Fernández Paz e Nacho Chao), os Premios IBBY-Asahi de Promoción da Lectura 2010 e os Premios Andersen 2010. Ademais haberá case unha ducia de exposicións e outras actividades para os congresistas (dende un concerto de Mercedes Peón ata varios roteiros literarios e históricos pola cidade de pedra). Agardamos que durante os cinco intensos días do Congreso todo vaia o mellor posible e que os nosos convidados e convidadas conserven para sempre unha lembranza inesquecible de Compostela, Galicia e a súa cultura.

2 de abril, Día internacional do libro infantil e xuvenil

O 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, unha celebración promovida polo IBBY que coincidindo co nacemento de Hans Christian Andersen pretende achegar os valores da lectura á infancia de todo o planeta. desta volta correspondeu a confección do cartel á ilustradora Noemí Vilamuza e do texto da mensaxe ao escritor Eliacer Cansino, ambos os dous en representación das organizacións da OEPLI. O texto e o cartel, dispoñible nos catro idiomas oficiais, pode baixarse en pdf aquí.

Día Internacional do libro infantil 2009

Reproducimos a mensaxe e o cartel conmemorativos do Día Internacional do Libro Infantil 2009, promovido polo IBBY. O texto e a ilustración son do ilustrador exipcio Hani D. El-Masri e a tradución para o galego de Manuel Figueiras.