Listado de la etiqueta: gasto_social

Límites da cidade bonsai

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o modelo de cidade ornamental presentado pola alcaldía viguesa coa intención de renovar o seu mandato.

alcaldiaO éxito popular do arranxo urbano deste Nadal levou ao concello a decidir prolongar algúns dos seus elementos lumínicos máis espectaculares, como paraugas e arcos de lucería, até a celebración dos desfiles do Entroido da metade do vindeiro mes de febreiro. Outrosí sucederá, neste caso de forma definitiva, coas xardineiras da porta do Sol e da praza da farola de Urzaiz e as colocadas en Príncipe, diante do Marco, coa intención “de mitigar o predominio das losetas”, a pesar de que a humanización destes espazos urbanos é recente. Con estas medidas, anunciadas cando se inauguraron de forma imprevista as escaleiras mecánicas da rúa da Segunda República (a pesar de non estar rematada a totalidade da obra proxectada), a alcaldía profundiza no seu modelo de cidade bonsai, esa cidade fermosa e ornamental, que a súa comunicación popularizou como a das “humanizacións”, durante os seus dous mandatos en minoría. Modelo co que levado a súa máxima expresión pretende recuncar un terceiro e mesmo un cuarto con maioría absoluta.

Coma se de Campos de Jordão se tratase, a cidade bonsai da Serra da Mantiqueira no estado de São Paulo, chamada a capital da Suíza brasileira, en Vigo estendemos sen problema ningún a celebración lumínica das festas de inverno case outros dous meses, alleos a austeridades e estreiteces deste tempo de devalo no que moito se ampliaron as desigualdades. E o peor do caso non é o dispendio que a continuidade da lumareira vai ocasionar, que aposto será defendido polos seus promotores coma un “importante” aforro, nin os efectos contaminantes provocados por este consumo enerxético, que aventuro serán considerados como marxinais, se non, e sobre todo, o pobre exemplo que, ás portas das eleccións municipais de maio, supón para a cidadanía viguesa o modelo político deste conformismo dominante.

Mais non nos enganemos, no Vigo de 2015 non existe outra primacía política que non sexa a establecida pola alcaldía. Hai tempo que Abel Caballero carece de oposición, abandonándose no Campo de Granada o diálogo, a concertación e a planificación estratéxica como criterios para o arranxo dos asuntos do común. Razón pola que pouco importa contradicir o calendario gregoriano, trasacordar os costumes do noso ciclo anual de festas ou esquecer o carácter austero e laborioso dunha cidade atlántica industrial nacida coma abella da ribeira.

Sempre tan antipáticos, os datos sobre a situación económica e social de Vigo e a súa área metropolitana ao remate de 2014 non son para botar máis foguetes que os imprescindibles nos votos de esperanza do aninovo. A pesar do seu descenso, as taxas de desemprego mantéñense moi por riba do 20 %, o que supón máis de 31.000 persoas inscritas en Vigo nos servizos públicos de emprego, cerca de 45.000 nos concellos da área metropolitana, e das que practicamente a metade non reciben ningún tipo de prestación. Co agravante de que se ven reducindo tamén a poboación activa, mesmo a pesar da (aínda) lixeira reactivación do sector naval e do anuncio do novo modelo da furgoneta de Citröen, que obrigará a unha diminución dos costes sociais da factoría matriz e das empresas do sector da automoción, coas consecuencias que iso suporá para os salarios dos seus traballadores.

Coma tampouco son para facer grandes alardes os datos publicados polo Ministerio de Facenda sobre os gastos en servizos públicos básicos que con 371,5 euros por veciño sitúan ao concello de Vigo na posición 2.212 do ránking estatal (por detrás dos da Coruña e Pontevedra) ou sobre o gasto en protección social por habitante que con 66,8 euros o sitúan no posto 2.945 (por detrás da Coruña). Nin tampouco o tan cativo desenvolvemento do planeamento de vivenda social e equipamento público previsto no PXOM nin as cifras de viaxeiros de Peinador que medraron un pouco no último ano, mais que continúan deixando a nosa terminal como a pechacancelas das tres galegas.

Datos todos que obrigan a recoñecer a fraxilidade, cando non precariedade, económica e social na que se atopan tanto a cidade, como a súa área metropolitana, esoutro proxecto estratéxico varado en mar de ningures pola incapacidade dos responsables do concello e da Xunta de chegar a un acordo institucional, sequera para poñer en marcha o imprescindible servizo de transporte metropolitano.

Sei que nas próximas municipais a cerna do debate xirará arredor do engado do modelo de cidade bonsai presentado con fita de agasallo pola alcaldía. Xaora, non estaría de máis darlle unha volta de torca e lembrar se non sería viable unha cidade fermosa nas súas beirarrúas e espazos públicos, mais tamén inclusiva nas políticas sociais, educativas e culturais, capaz de artellar o seu entorno metropolitano como cidade industrial atlántica. Pagaría a pena ampliar os límites da cidade bonsai.