Artigos

Un día para a lectura

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao día do libro:

Celebramos este 23 de abril, día mundial do libro e do dereito de autor, nas datas máis decisivas da campaña das eleccións xerais. Unha oportunidade excelente, máis alá das imaxes publicitarias das candidaturas cos libros e coas rosas, para reflexionar sobre as políticas públicas sobre o libro e a lectura. Como tamén o é para reparar nas mudanzas profundas do concepto de lectura, que no seu sentido máis amplo constitúe o procedemento mediante o que interpretamos todo o que nos rodea.

No entorno da comunicación contemporánea, onde se presentan xuntos os textos e os hipertextos, enriquecidos cos enlaces da web e das utilidades multimodais (audios e vídeos), como os usuarios mesturan o emprego dos soportes impresos (libros, xornais e revistas) co acceso ás pantallas dixitais dos máis diversos formatos (teléfonos, tablets, computadoras até os propios televisores), a lectura é a ferramenta coa que descodificar todo este mundo híbrido, a chave imprescindible para poder alí entender e participar. A lectura, un dos hábitos máis diferenciais da nosa condición humana, resulta máis necesaria ca nunca. A lectura non pode ser considerada como unha afección dunha minoría da poboación, á que lle gusta gozar da arte literaria en tempo de lecer. No novo paradigma da comunicación dixital, a lectura é unha competencia imprescindible da cidadanía, sendo a alfabetización dixital e a educocomunicación interxeracional unha responsabilidade ineludible dos poderes públicos. Un enfoque novidoso que comeza a agromar nalgúns programas do 28-A, mais que non apareceu, a pesar da súa importancia, entre as medidas que centran os debates electorais.

Joaquín Rodríguez, unha das voces máis autorizadas en España sobre os futuros do libro, escribía estes días que se algo poden facer as administracións públicas no terreo do libro é crear condicións para que medre e se consolide o número de lectores e lectoras competentes. E para conseguilo deben activar os recursos principais dos que dispoñen, o sistema educativo e os medios de comunicación públicos. Os poderes públicos deben colocar a lectura e a escritura, tanto impresa como dixital, na cerna do currículo tanto de educación primaria como de secundaria, así como deben introducir o fomento da lectura na axenda pública, sobre todo a utilizado polos medios de comunicación, á altura doutras expresións da vida saudable como o fomento do deporte, como se ven facendo no Reino Unido e o seu programa de clubes de lectura que mobiliza a milleiros de lectoras.

Experiencias de éxito de colocar a lectura no centro da actividade educativa obrigatoria existen no noso entorno, como a estratexia nacional de lectura de Finlandia, que atende de forma especial ás contornas familiares desfavorecidas con escaso contacto coa lectura e cos libros. Como tamén podería emularse o modelo de «Ler. Plano Nacional de Leitura» desenvolto en Portugal, que asume a lectura como unha prioridade política dos poderes públicos para toda unha década (2017-2027). Un plano de lectura transversal e coordinado, no que participan varios ministerios, xunto ás cámaras municipais e entidades privadas, cuxos obxectivos primeiros son favorecer a integración social por medio da lectura, a inclusión de persoas con necesidades específicas e o desenvolvemento articulado dunha cultura científica, literaria e artística. Un plano de lectura modélico que pon no centro o papel das bibliotecas públicas, das bibliotecas escolares e dos centros de ciencia viva, recoñecido como a chave da tan admirada e recente revolución educativa portuguesa.

Xaora neste día do libro en plena campaña electoral non se pode esquecer o compromiso da administración do estado co mundo da libraría, que vive os seus momentos máis difíciles, tras a diminución significativa da compra de libros, que non remonta dende a crise de 2009, e as mudanzas de hábitos do propio lectorado no novo entorno da lectura hibridada e da incorporación da edición ás industrias do lecer. As nosas librarías precisan dun plan de intervención urxente, como o que Macron artellou en Francia dotando de 15 millóns de euros para investir en mellora da infraestrutura libreira. Como é imprescindible a recuperación do programa de «Librarías con Selo de Calidade», que debería implicar, como sucede en Francia e Alemaña, contraprestacións fiscais e axudas directas para aquelas librarías que ofrecen en mellores condicións o libro ao seu lectorado.

Este 23 de abril, que volve encher as ramblas de libros e rosas (que envexa desoutro éxito da sociedade civil catalá e a súa mobilización lectora anual), é unha oportunidade magnífica para que os partidos presenten as súas propostas arredor da lectura, que non pode continuar fóra da nosa axenda pública.

 

Onte 563: O sistema educativo finlandés

Este documental dunha hora de duración, dirixido por Bob Compton e conducido por Tony Wagner, investigador de Harward, presenta de forma moi detallada as características do sistema educativo finlandés, considerado na actualidade como o mellor do mundo. Na peza explícanse ao público estadounidense algunhas das claves do seu éxito, dende o sistema de formación e selección do profesorado, pasando pola súa autonomía no desenvolvemento do currículum e a confianza das autoridades e da sociedade no seu traballo docente, até o carácter estritamente público do sistema e a gratuidade total dos seus servizos.

Ao longo de toda a peza, chama moito a atención como a consideración dos profesores como auténticos traballadores do coñecemento vertebra un sistema educativo en transformación e innovación permanente. Tras o fío de conversas e secuencias de clase (moi conseguidas) desenvólvense, polo menos, catro ideas de política educativa que identifiquei como esenciais. Primeira: a escola é un espazo que se ocupa das aprendizaxes, nin máis nin menos. Segunda: para conseguir éxito educativo (aprendizaxes e formación) é indispensable contar cos mellores e máis formados profesores e profesoras. Terceira: “en educación menos é máis”, unha forma sutil de expresar que un currículum básico reducido debe ser desenvolvido por cada centro escolar nun proceso baseado na autonomía e confianza no profesorado. Cuarta, todo este sistema alicérzase nun gran consenso político e social sobre a importancia da educación, o que lle outorga estabilidade e capacidade proxectiva.

Recomendo vivamente o documental, tanto ao profesorado coma as persoas interesadas en cuestións educativas e políticas. Máis alá de calquera tipo de perigosa mitificación, axuda a cuestionar algúns dos principios educativos que vimos utilizando. Non fai falta nin sequera facer comparacións obvias.

Onte 423: Finlandia

Finlandia é o país das abidueiras entre a brétema. Mais tamén é o país do Kalevala, o seu grande relato épico e mitolóxico, un longo poema pertencente á tradicion oral, compendiado, fixado e publicado por Elías Lönnrot en 1849, que tivo un papel sobranceiro no proceso de independencia finesa e inspirou algunhas das pezas do músico Jean Sibelius, outra das glorias nacionais. Finlandia é o país da sauna, das luces do norte e do larpeirísimo chocolate de Karl Fazer, que merece unha estatua no mesmo centro de Helsinqui. Ademais hoxe é o país de Nokia, dos deseños de Marimekko, que decora os avións de Finnair, como dos simpáticos Moomim e dos lareteiros Angry Birds, figuras das iconografía infantil internacional. Mais e sobre todo, Finlandia é hoxe un país que constitúe modelo de educación pública de calidade, capaz de preservar a equidade e igualdade cos mellores resultados do seu alumnado nas probas PISA. Baseado nunha revolución lectora de considerables dimensións, que con moito supera os muros da escola, así como nunha confianza plena no profesorado e na dignificación social do seu papel, este modelo educativo constitúe quizais a cerna do exitoso proxecto social deste país sereno, non exento de contradicións e rixideces.

A ter en conta sobre Finlandia

  1. 5.4 millóns de habitantes, 90 % falan finés, 5,4 % sueco.
  2. 35 % cualificación universitaria ou equivalente.
  3. 78 % da poboación de relixión luterana.
  4. 6% terra de cultivo, 68 % bosque, 180.000 lagos.
  5. 35.200 € PIB per cápita (25.100 €, media UE27).
  6. + 2,9 % PIB (2011).
  7. 7,3% desemprego.
  8. 3.540 € de soldo medio mensual (homes), 2.918 € (mulleres).
  9. 81 % fogares con ordenador; 73 % con banda ancha; 96 % televisión dixital.
  10. 98 % móbiles; 43 % smartphones.
  11. No sistema educativo non existe a Inspección educativa e só hai unha proba de avaliación externa, ao remate dos estudos secundarios (equivalnete ao noso bacharelato).

Onte 422: Helsinqui

Gustoume de Helsinqui o seu carácter de alongadísima cidade portuaria. O perfil dos guindastres, bastante máis antigos cós vigueses, achégalle un arrecendo a salitre ao barrio neoclásico cercano á praza do Senado e aos impoñentes edificios do parque da Explanad. As novas edificacións de vivendas, case a beiramar, mesmo nos espazos portuarios recuperados, son tan espectaculares como incomprensibles para os nosos criterios urbanísticos. O centro comercial (onte pechado por festivo) camíñase de seu, entre o rebumbio aceirado dos modernos tranvías e os escaparates das marcas máis caras do mundo. Mágoa que non puidésemos visitar o monumento a Sibelius, o tempo non deu para máis. Outra razón para volver a unha cidade cun chisco máis de encanto do agardado.

Onte 421: Tampere

Tampere, a cidade das abidueiras entre a brétema, reconvertíu a súa vella factoría algodoneira nun emblemático complexo de lecer e cultura. Esa transformación representa tamén a dunha cidade pequena reiventada nas dúas últimas décadas como centro de innovación tecnolóxica e sede de dúas universidades. No entanto, Tampere foi capaz de manter o pulo do seu mercado tradicional onde arrecende a pan e locen as carqueixas de Nadal.

Onte 420: Cara o norte

Dedicamos a xornada de santos a facer unha longa viaxe cara a norte. Ao longo de doce horas comprobamos a fiabilidade de LH e a disciplina finesa nos servizos de transporte público. Non hai queixa posible. A Europa luterana funciona. Máis aínda, cando nin notamos a friaxe severa coa calorosa acollida. Case tres días por diante para coñecer algo máis da vida nórdica.