Listado de la etiqueta: fausto_isorna

Onte 2025: Vinte anos do «Dicionario dos seres míticos galegos»

Traballando onte no texto do discurso que me encargaron para ler na noite dos fachos da Peneda reparei en que a primeira edición do Dicionario do seres miticos galegos xa fixera vinte anos da súa publicación. Foi o 17 de maio de 1999 cando se rematou de imprimir este libro extraordinario de Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda, ilustrado por Lázaro Enriquez. Un fito que pasou completamente desapercibido, como tantos outros da historia da edición en galego, para a que foi a primeira obra que recolleu e organizou un corpus da nosa tradición oral. Unha obra pioneira na ampliación e modernización da nosa literatura de tradición oral. Tamén outros dos éxitos de lectores e lectoras da Xerais dos anos de entusiasmo de entre séculos.

Detrás da edición daquel gran libro estiveron o meu admirado mestre ilustrador Lázaro Enríquez, o deseñador e maquetador Fausto Isorna e os editores Fran Alonso e Xosé García Crego, que conseguiron ofrecer unha obra clásica, tanto pola escolla tipográfica, polas láminas intercaladas, pola sobrecuberta como pola disposición a dúas columnas da páxina. Un libro que dúas décadas despois non perdeu elegancia nin atractivo como arca de papel do noso imaxinario colectivo.

Xaora, merecen homenaxe os meus benqueridos tres mosqueteiros de Lugo, Cuba, Reigosa e Miranda, cuxa proeza de recuperación do tesouro oral galego, fose neste dicionario, fose nos Contos colorados, fose nos vinte volumes de Cabalo buligán, fose na Pequena mitoloxía de Galicia, fose nas tres entregas das Lendas de Galicia ou en diversas creacións individuais, aínda non foi recoñecida como merece.

Por ventura, para que non o teña, aínda deben quedar algúns exemplares da 5ª edición do Dicionario dos seres míticos galegos, actualizado en 2008. Unha obra referencial e inmorredoira, que conta tamén cunha excelente edición en castelán.

Onte 1209: «O como é o que conta», artigos de Pepe Barro

o_como_e_o_que_conta

Aproveitei as horas de lectura de onte para mergullarme nas páxinas d’ O como é o que conta, unha colectánea de trinta artigos sobre o deseño, a cultura e a imaxe da cultura do noso admirado Pepe Barro. Unha edición moi reducida, apenas cen exemplares, que Pepe preparou o pasado nadal para agarimar as súas amizades, probablemente, coa intención de poñer en valor o deseño gráfico nestes tempos de crise, confusión e tanto tira para diante. Eis a importancia do título, O como é o que conta, que salienta o valor engadido e o carácter de actividade creativa e artística do deseño. Particular interese teñen no libro varias achegas á historia do deseño gráfico do libro galego e a recuperación do texto de «Quid», un artigo precioso no que Xosé Luís Méndez Ferrín defende que «a comunicación visual convertiuse nun factor de primeira importancia na vida moderna».

Pepe Barro pertence ao grupo fundacional do deseño gráfico galego contemporáneo, aquel que chantou as súas raíces sobre a tradición de Castelao e Luís Seoane, logo desenvolvida en Sargadelos por Isaac Díaz Pardo. Barro leva catro décadas ofrecendo os seus servizos, a súa investigación e a súa reflexión á comunicación gráfica galega. Comezou en 1977 preparando o deseño do semanario A Nosa Terra. Consolidou o seu traballo como membros dos ateliers que mantivo primeiro como BC&D (Pepe Barro, Chichi Campos e Xosé Díaz) e despois como Grupo Revisión Deseño (Pepe Barro, Xosé Díaz, Xosé Salgado e Lía Santana), onde desenvolveu moitos dos proxectos gráficos de Xerais ou traballos tan emblemáticos como os das caixas de ovos de Pazo Vilane até a camisola da selección galega de fútbol.

A edición galega actual ten unha débeda de recoñecemento co traballo que Barro e os socios dos seus ateliers fixeron para a modernización do libro galego como produto gráfico. Un labor que compartiron con outros deseñadores gráficos do seu tempo como Francisco Mantecón, Manuel Janeiro, Uqui Permiu, Francisco Vizoso, Fausto Isorna, Miguel Vigo ou Doñate. Grazas a todos eles no libro galego tamén o como é o que conta.

Onte 1076: O mar interior de Prado

Aproveitando unha horiña que quedou entre xuntanzas, visitei onte Mar interior, a exposición retrospectiva da obra de Miguelanxo Prado instalada no segundo andar do Museo das Peregrinacións das Praterías. Comisariada por Fausto Isorna e producida por El Patito Editorial, a mostra de 59 pezas orixinais está dividida en dúas salas, a primeira dedicada aos seus traballos iniciais de ilustración e animación, a segunda aos protagonizados polo mar. Produciume particular emoción ver os orixinais das ilustracións de libros publicados por Xerais, dende as da edición de Retorno a Tagen Ata de 1986, pasando polas de Cos pés no aire, Contos de nadal, até as máis recentes de Fantasmas de luz. Como gustei das de Pedro y el lobo, sempre un dos meus traballos preferidos de Miguelanxo, ou da presenza fachendosa daquel Xabarín que entusiasmou a xeración de picariños galegos dos noventa. Xaora, a cerna da exposición está na segunda sala, onde se presentan algúns orixinais de Trazo de xiz de 1993, un dos títulos centrais na obra de Prado, así como os seus universos oceánicos, primeiro o da película De profundis de 2007, despois o de Ardalén, obra mestra coa que obtivo o Premio Nacional de Cómic do pasado ano. Aquí podemos gozar de todos os matices do seu universo mariño, traballados sobre o seu cromatismo lírico e o seu trazo narrativo tan característico dun contemporáneo con espírito de clásico. En ambas as dúas salas hai sorpresas e curiosidades, entre outras, algunhas edicións internacionais dos libros de cómic, os orixinais de cartelaría de festivais ou os deseños dos personaxes de Men in Black da factoría Spielberg. Mar interior constitúe un dos acontecementos culturais e literarios do ano en Galicia. Ben sería que puidese itinerar polo país adiante.