O Vigo primeiro
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a algunhas das pezas da exposición «Vigo no tempo»:
Nas visitas guiadas á exposición «Vigo no tempo» (VT) entre as fontes documentais varias pezas chaman moito a atención das visitantes: o primeiro documento onde aparece citado Vigo (1097), procedente do Arquivo Histórico Nacional de Madrid, Tombo I de Melón; o primeiro plano da vila de Vigo (1597), procedente do Arquivo Xeral de Simancas; e a concesión outorgada por Fernando VII do título de «cidade nobre, leal, fiel e valorosa» a favor de Vigo (1810), procedente do Arquivo Municipal de Vigo. Documentos orixinais nos que a veciñanza viguesa máis curiosa pode indagar no celme da súa identidade, tres pezas que funcionan como chaves explicativas doutros tantos momentos decisivos da súa historia. O de 1097, a constitución da vila e o despregue intenso da poboación na ría e no Val do Fragoso do século XI en diante, como amosa a extensa rede de igrexas románicas (presente no apartado do «Miradoiro»). O de cinco séculos despois, a necesidade de amurallar a vila para defendela durante a Idade Moderna dos ataques que chegaban polo mar. E o de 1810, confirmado con outro posterior de 1819, ambos os dous asinados polo rei felón, o comezo da maioría de idade de Vigo como cidade e a súa consciencia colectiva de constituírse como tal.
O datado o 9 de agosto de 1097 trátase dun pequeno pergameo manuscrito en latín transcrito íntegro por José de Santiago Gómez na súa Historia de Vigo y su comarca (1896), e citado despois por Xosé María Álvarez Blázquez en A cidade e os días (1960), que constitúe o documento máis antigo que se coñece referido a Vigo. Trátase do testemuño da sentenza sobre o litixio mantido entre os veciños de Vigo e os de Canadelo respecto aos lindes de ambos os dous lugares, que eran o alto da Besada, o Carballo e a Mámoa, así como outros accidentes naturais e lugares de cultivo (o arroio, o cerro, o mar e os campos de herba…). Unha acta notarial na que aparecen os nomes dos que hoxe podemos considerar os primeiros vigueses, Afonso Vigoyz e Ramiro Oduariz e Cencoy, protagonistas deste litixio de marcos, e os primeiros veciños do barrio do Canadelo, Eñego Vermuiz, Petro Vermuiz e Ramiro Petriz. Nomes aos que engadir os das testemuñas, Petro Nebula, Petro Toeriquiz, Osevo Golester, entre outras, que foron, segundo a cédula, «pondo os seus pés ao longo da demarcación en litixio», asinada polo notario Joannes e os abades Morio e Nigro.
Ten tamén grande interese para a nosa cidade que sexa exposto por vez primeira en Vigo o «Plano esbozo de Vigo (1597)» atribuído a Leonardo Turriano, enxeñeiro militar italiano ao servizo de Filipe II, depositado no arquivo de Simancas, primeiro coñecido, sen escalas, mais con distancias indicadas. Amosa unha vila de Vigo pletórica, cuxa fasquía apenas variará en 250 anos, debuxada probablemente antes de ser arrasada por Drake, que segundo o arquitecto Xaime Garrido contaba con 650 casas e unha veciñanza aproximada de 4.500 habitantes. Tiña unha forma de «H» inclinada, cos brazos saíntes unha cara ao Berbés e outro cara ao Areal, onde se identifica o fondeadoiro. Distínguese o centro da vila, a actual praza da Constitución, e ao seu redor as prazas da Herba e da Leña; a rúa Real que chega á praia do Berbés, a rúa da Ferraría e a súa prolongación na de Santiago até a Falperra. Na liña de costa polo norte envolve o núcleo urbano, entre dúas enseadas, a formada polo «porto das barcas e todos os xéneros de naos e navíos» (hoxe recheo do ensanche de García Olloqui), e o oeste a da praia do Berbés, onde aparece rotulado «porto das Barcas». Identifícase o nome de Santa Marta, capela fundada polos cistercienses de Melón (hoxe igrexa e convento de San Francisco). O máis curioso deste perfil de costa é o «muelle» (embarcadoiro) que aparecía no cabo da Laxe, para Xaime Garrido, quizais o primeiro peirao construído en Galicia. As vivendas aparecen en socalcos en paralelo á ría e no outeiro identifícase a ermida de Santa María do “Clastro”. Na lenda dáse conta da existencia de apenas «cinco pezas de ferro labrado, perdidas sen ningún aprecio nin valen nada», o que advirte das dificultades para a súa defensa.
Vigo primeiro do que se identifican outras pegadas novidosas en «Vigo no tempo», dende os expedientes citados de declaración de cidade, pasando polas mudanzas do seu escudo, do que decaeu en 1811 a vieira, tras a abolición do señorío do arcebispado de Compostela, e no que se mantivo a oliveira como a primeira icona viguesa, até a exposición do primeiro número do Seminario Patriótico de Vigo de 2 de maio de 1823, o primeiro periódico de Vigo nacido para apoiar a causa liberal e defender a capitalidade provincial viguesa, aprobada durante o Trienio Liberal, ou do primeiro número de Faro de Vigo de 3 de novembro de 1853, comprometido xa aquel día «en canto o permitan nosas forzas ao fomento dos intereses de Galicia».