A ollada literaria á traxedia do Pitanxo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a traxedia do Pitanxo vista dende a ollada literaria da novela El balanceo del Alakran de Eduardo Fernán-López:
«Un pesqueiro pertencente a unha armadora galega naufragou a 250 millas da illa de Terranova en augas NAFO cando participaba na marea do fletán negro. A bordo da embarcación de 50 metros de eslora, construída nun dos estaleiros da ría, traballaban 24 tripulantes, dos que apenas tres foron rescatados con vida en estado de shock hipotérmico polos servizos de salvamento canadianos e varios buques galegos que acudiron ao mayday, recuperaron nove cadáveres e continúan a busca dos doce desaparecidos. O buque navegaba sobre ondas de até dez metros de altura e ventos de máis de setenta nós, sen que a armadora ofrecese un comunicado sobre o sucedido nunha das maiores traxedias da flota galega».
Eis o texto dunha noticia de axencia á que poñéndolle nomes propios e datas correspondería co naufraxio de 15 de febreiro de 2022 do Villa de Pitanxo, o buque de Pesquerías Nores de Marín, construído en 2004 nos estaleiros MCíes, que tras tres anos de investigación e a mobilización teimosa dos familiares das vítimas se xulga este mes na Audiencia Nacional, onde son acusados o capitán e os dous armadores de 21 homicidios por imprudencia grave e dereitos contra os traballadores.
Relato da traxedia reconstruído en crónicas de investigación pola xornalista Lara Graña de Faro de Vigo, que polo seu detalle, composición e vontade de estilo, como pola procura paciente da verdade do sucedido merecerían ser reunidas nun libro. Crónicas que dende as informacións de outubro de 2022 desvelaron graves deficiencias nunha embarcación que nunca debeu saír de porto por ter prohibido faenar onde se fundiu, unha zona de formación de xeos, como polas condicións de traballo e de seguridade precarias dunha tripulación sometida a xornadas de vinte e horas, entre outras carencias.
Porén, este texto inicial serve tamén para presentar un achegamento dende a ficción ao naufraxio do Villa de Pitanxo realizado por Eduardo Fernán-López na excelente novela El balanceo del Alacrán (Destino 2025). Un thriller no que son imaxinadas tanto as situacións creadas como o carácter dos responsables do naufraxio en augas canadianas do Alacrán, na ficción propiedade do conglomerado empresarial Barros. Movéndose polo Vigo actual de Caballero, o inspector Tristán Negreira, de inequívoca afouteza celtista, e a subinspectora Virginia Almeida, membros do Grupo de Homicidios da comisaría de policía de Vigo, investigan un crime dobre, do que son vítimas o presidente da armadora do Alacrán e a súa filla única cando o visitaba de forma ocasional a casa de Coruxo.
Certo que El balanceo del Alacrán non afonda na investigación do naufraxio do Villa de Pitanxo, mais constitúe unha denuncia esclarecedora das duras condicións de traballo da flota viguesa de longo alcance como alerta sobre os intereses non sempre lexítimos dunha parte do empresariado da pesca que se considera intocable.
El balanceo del Alacrán incorporase ao catálogo do Vigo literario, entre aquelas novelas recentes mellor conseguidas do «Vigo noir», fose polo conseguido deseño do protagonista, o empático e namoradeiro inspector Cabaleiro, pola complexidade dun argumento con numerosas subtramas, sen menoscabo dalgúns tributos literarios, como o de saber que o amado Leo Caldas continúa tomando as xoubas espetadas que agora prepara Poldo no Elixio.
Xaora, tamén é valiosa a incorporación ao Vigo literario do escritor Eduardo Fernán-López, nacido en Villalpando, Zamora, e vigués dende hai unha década, de quen coñeciamos o seu debut no xénero negro con La dentellada (Titanium, 2021), coa que obtivo unha excelente acollida. Novela protagonizada polo inspector de policía vigués Martín Brétema que trasladado a Zamora, cando comeza unha relación sentimental cunha xornalista de La opinión de Zamora, terá que investigar o asasinato dunha rapaza no marco da protesta que reclama a conservación da histórica Panificadora de Villalpando. Unha cara descoñecida do Vigo literario, a exportación de personaxes a outras localizacións.
Coñeciamos a Eduardo Fernán-López polas súas excelentes crónicas en Zenda, sobre a experiencia da utópica da cidade dos muchachos de Ourense, animada polo padre Silva, ou sobre a peripecia do empresario ourensán da automoción Eduardo Barreiros. Textos documentais que, como as súas dúas novelas policiais viguesas, engaiolan pola súa escrita coidada e polo seu corrosivo e atractivo solimán temático.
Recomendo esta sorprendente novela viguesa que imaxino terá continuidade decontado como serie policial. Como parabenizo os textos da xornalista Lara Graña en Faro de Vigo sobre a traxedia do Villa de Pintaxo, que foron claves para que as vinte unha familias das vítimas tivesen a busca, a verdade, a xustiza e a dignidade que veñen reclamando dende hai catro anos.




