Festa do libro e da lectura
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do Día do Libro e da Lectura:
Novidade deste 23 de abril é o programa de actividades literarias organizadas polo concello de Vigo con motivo da celebración do «centenario do día do libro» e doutra homenaxe a Domingo Villar. Iniciativa de interese polos escritores e escritoras protagonistas, na que botamos en falta a presenza dos libros e das librarías na rúa, como eixo da mobilización lectora que se pretende, como da ausencia de calquera tipo de achega no programa das vinte e nove editoras metropolitanas viguesas (Agoeiro, Belagua, Clío, Creotz, Cumio, Cydonia, Dismes, Dos acordes, Edimaes, Elvira, Engaiolarte, Euseino, Fosfatina, Galaxia, Instituto de Estudios Vigueses, Ideas Propias, Ir Indo, Lobito Bueno, Lusco e Fusco, MC Sports, Morgante, Nova Galicia edicións, Patas de peixe, Plutón Kids, Rinoceronte, Solar de edicións, Triqueta Verde, Trymar e Xerais), máis do sesenta por cento do sector editorial galego que coa súa actividade terma da industria metropolitana de artes gráficas e fan de Vigo a capital editorial de Galicia.
Programa presentado como centenario do Día do Libro que se comezou a celebrar en España o 7 de outubro de 1926, data que se cría do nacemento de Cervantes, mais que en 1930 pasou ao 23 de abril, cando se acreditou que esta foi a data da morte do autor do Quixote, mais que non sería oficializada até que en 1933 se celebrou en Madrid coa participación do goberno. O investigador José Luis Mateo Álvarez, no seu libro A Sociedade de Amigos da Arte de Vigo. Unha década de actividade cultural (IEV, 2022), acredita que en Vigo os actos da Festa do Libro estaban organizados pola Escola de Comercio e o Instituto de Bacharelato, coa colaboración das principais librarías que en 1933 organizaron a Semana do Libro como unha feira diante do Pazo de Xustiza na rúa do Príncipe. No ano seguinte a Festa do Libro contou coa participación dos Amigos da Arte, que desenvolveron un programa de actividades literarias, sobre todo de recitais poéticos dos autores vigueses do momento (como o xornalista, Bene Conde, tamén pintor e fotógrafo, Julio Sigüenza ou Urbano Rodríguez Moledo, poeta e dramaturgo, que sería fusilado en 1936) para apoiar a iniciativa da saída dos libros á rúa.
Este día do libro, no que lembramos aquela Festa do Libro republicana, é o momento de reclamar a creación da rede de bibliotecas na cidade, onde Vigo arrastra unhas carencias inadmisibles, que vimos denunciado nos últimos vinte e cinco anos. O conflito entre o concello de Vigo e a Xunta de Galicia, que non se poñen de acordo sobre as características da Biblioteca do Estado (para a que parece se conta con espazo para construíla no Chouzo), porén, pode volver adiarse ante a ausencia de Presupostos Xerais do Estado. Secasí é boa noticia a colocación da primeira pedra da Biblioteca de Teis e o compromiso expresado polo alcalde que tería as condicións da Xosé Neira Vilas do Calvario, o que de confirmarse orzamentariamente, permitiría facer realidade a existencia, por fin, dunha rede de bibliotecas municipais viguesas, como centros de fomento da lectura e da actividade literaria, o que, a súa vez, pasaría pola dotación de persoal especializado e fondos para a actual sala de lectura de Navia. Rede na que a medio prazo deberían incorporarse as importantes bibliotecas especializadas viguesas, a da Fundación Penzol e a do Instituto de Estudios Vigueses, como unha sala divulgativa do Arquivo de Vigo e do Arquivo do Porto de Vigo.
Sen esquecer que esta festa do libro é un momento propicio para recuperar o proxecto estratéxico de solicitar a UNESCO a declaración de Vigo como «Cidade da Literatura», incorporándose así a unha rede selectísima de 53 cidades de 39 países e 6 continentes que ofrecen un espazo de intercambio literario e de creación cara o mundo dos seus autores e autoras. Unha distinción da UNESCO que recoñecería a excelencia literaria e apoiaría os proxectos de proxección internacional da importante industria editorial viguesa. Xaora, Para outorgala, a UNESCO valora o cumprimento dunha serie de requisitos, todos eles dirixidos ao compromiso desas cidades de integrar a literatura e a lectura no desenvolvemento urbano sostible. Condicións que, coa mellora da dotación bibliotecaria en marcha, Vigo cumpre de máis: o carácter literario forma parte do ADN dunha vila creada polo poeta Martín Codax, que hoxe conta cun mapa literario que identifica 153 autores e autoras, 285 títulos narrativos e máis de 3.300 referencias literarias; como conta cunha industria editorial diversa e profesionalizada, con actividade dende hai dous centos anos; ademais de actividades, festivais e premios de fomento da creación literaria. O sector privado do libro debería colaborar co concello na preparación desta candidatura, que proxectaría no mundo o Vigo literario.



