Tolas?
Atopo na sempre interesante colección Ensaio de Galaxia unha obra tan potente coma perturbadora: As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936 da profesora e escritora Carmen V. Valiña. Libro de concepción singular e xénero híbrido, ofrece trece relatos escritos a partir das historias clínicas do hospital de Conxo conservadas no Arquivo de Galicia, protagonizadas por mulleres que nunca importaron, internadas algunhas durante décadas, das que apenas unha parte delas tiñan, en realidade, trastornos mentais, e o resto eran marxinadas por alcohólicas, adictas ao sexo, nais en solitario, violadas e abusadas, abandonadas polo home emigrante ou simplemente rapazas raras das que a familia pretendía desfacerse. Contos de escrita coidada e forte pegada emotiva, imaxinados pola autora, mais cento por cento reais, que amosan a faciana máis escura da abordaxe da doenza mental hai máis dun século, cando a reclusión constituía a principal terapia. Textos que compoñen unha crónica negra do manicomio de Conxo, o único de España propiedade da Igrexa, onde as diferencias de clase marcaban os coidados recibidos polas internas, dende as dos cuartos de primeira clase, con comida de restaurante, até chegar á atención precaria das «pobres de solemnidade» recollidas polas deputacións provinciais. Relatos que desvelan violencias que nunca quedaban ao descuberto, fose por que esas mulleres eran consideradas como «histéricas insoportables» ou por adoptar comportamentos extravagantes. Un cento de historias de vida rescatadas do papel, como a de Dolores que entrou un outono no manicomio e saíu para o asilo outro outono, 45 anos máis tarde, iso si, sen tratamento «por consideralo ineficaz». Labregas analfabetas (a maior parte), agredidas, excluídas, abandonadas, vencidas, sometidas ás que Carmen Valiña dálles a voz e o rostro humano que en vida lles foi negado. Ás portas da Feira do libro da Coruña recomendo unha das propostas narrativas máis interesantes das que lin no que vai de ano.
Publicado en Nós diario: 30/07/2025