Listado de la etiqueta: discapacidade

Neurodiverxencia

Salvador Macip, catedrático de Medicina Molecular da Universidade de Leicester, confesou nun artigo de prensa que viviu 54 anos sen saber que era autista, tras unhas probas psicodiagnósticas que confirmaron este diagnóstico. Un Trastorno do Espectro Autista (TEA), compartido co 1 % da poboación mundial, que posúe un cerebro que utiliza unha cablaxe diferente ao da maioría. En palabras de Uta Frith: o autismo afecta a algo tan esencial na nosa vida cotián como a capacidade de entender o que os demais fan dependendo do que pensan, cren ou senten. Pluralidade que provoca problemas de incomprensión no entorno escolar de xeito que algunhas persoas desta condición poden ter dificultades máis ou menos importantes. O mesmo poderiamos dicir doutras persoas etiquetadas como neurodiverxentes, con trastornos de dislexia, discalculia, síndrome de Tourette ou déficit de atención e hiperactividade (TDAH), con frecuencia asociados, manifestacións do funcionamento alternativo do cerebro. Persoas vulnerables, sobre todo no sistema educativo, deseñado para mozos e mozas neuronormativas que, a pesar do masking, a máscara utilizada coa intención de ocultar a súa neurodiverxencia, poden representar entre o 10 % e o 25 % da humanidade. A pesar de xa estar clasificadas con etiquetas estigmatizadoras como «raras», «deficientes» ou «perigosas», o que non resulta moi distinto as do resto das minorías non normativas, o sistema educativo e sanitario continúa considerando a estas persoas como alumnado ou pacientes que acreditan un determinado grao de discapacidade, que ademais determina as axudas que poidan recibir. Velaí a razón pola que sabendo o valor das palabras reclaman o seu dereito a ser recoñecidas e tratadas nun entorno acolledor inclusivo simplemente como «persoas neurodiverxentes». Coma no resto dos dereitos, esta é unha leira na que moito cómpre sachar, sobre todo no sistema educativo. A neurodiverxencia é outra das expresións da diversidade que precisa de sensibilidade, apoio e recoñecemento.

Publicado en Nós diario: 03/09/25

Autismo. Chamémolo polo seu nome

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do Día Mundial do Autismo:

O 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento de Hans Christian Andersen, celebrouse o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coa intención de promocionar a lectura e os mellores libros entre a infancia e a mocidade. Efeméride que neste ano o IBBY, a asociación internacional do libro infantil e xuvenil, da que forma parte Galix como sede galega, encargou á sección de Grecia que difundiu a mensaxe do escritor Yagalis Iliopoulos «Son un libro, leme» ilustrada por Photini Stephanidi, unha brillante humanización do carácter do libro pola súa expresión de beleza e diversidade. Mensaxe coincidente na súa intencionalidade inclusiva co texto «Autismo. Chamémolo polo seu nome», promovido pola Federación Autismo Galicia e outras asociacións europeas, para celebrar, tamén o 2 de abril, o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, efeméride instaurada polas Nacións Unidas en 2007 coa intención de concienciar e sensibilizar a sociedade sobre a realidade das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e contribuír ao exercicio efectivo dos seus dereitos. Serendipia ventureira que une cada dous de abril á cultura da diversidade do libro coa causa da visibilidade das persoas con autismos e da procura da súa inclusión efectiva en todos os eidos da vida social.

Espectro que, segundo as doutoras Utta Frith e Francesca Happé, «ten distintas causas e etioloxías e nun só individuo diversos síntomas poden ter diferentes orixes», o que salienta que tanto a singularidade, a vulnerabilidade como a variabilidade son inherentes a esta condición que acompaña ao longo da vida toda a 7 millóns de persoas en Europa, cerca do medio millón en España, 27.000 en Galicia e 3.000 en Vigo. Prevalencia do 1 % da poboación á que segundo o doutor vigués Cipriano Jiménez Casas, pioneiro en Galicia da abordaxe integral dos autismos, dende o centro Menela e a revista Maremagnum, cómprelle engadir que é dunha muller por cada catro homes, o que amosa unha infradiagnóstico feminino, expresión doutra fenda de xénero, sen esquecer que cada vez son máis numerosos os diagnósticos de persoas adultas.

Un trastorno que condiciona a comunicación e interacción coas outras persoas, mais tamén a forma de aprender, pensar ou comportarse. Emporiso, con independencia das capacidades intelectuais e características individuais, existen trazos diferenciadores e ao mesmo tempo específicos desta condición dos autismos que fan que estas persoas teñan dificultades, sobre todo nos entornos institucionais, como os educativos, mais tamén posúan habilidades e capacidades únicas. Razón pola que é fundamental entender que os autismos, dende a publicación do DSM-V en 2013 son un amplo espectro onde cada persoa pode situarse. Xaora, todas as persoas con TEA son distintas en intereses, capacidades e necesidades, aínda que todas compartan un diagnóstico e sexan radicalmente iguais en dereitos (recoñecidos tanto na Convención das Nacións Unidas para as persoas con discapacidade como pola Estratexia Europea da Discapacidade 2021-2030). Asumir esa duplicidade é imprescindible para entender hoxe cabalmente os autismos como para promover a tolerancia e o respecto, que reclama este colectivo, desfacendo estigmas e falsas crenzas, como que afecta só aos nenos e aos homes, como eliminando as barreiras de accesibilidade no acceso a todo tipo de servizos.

A cidadanía debe coñecer os autismos para comprender, aceptar e empatizar con eles e coas súas familias, rematando con décadas de rexeitamento, exclusión e discriminación. A cidadanía ten que valorar os autismos en toda a súa variabilidade, abandonando os prexuízos que os magoan, esas lentes que deforman a comprensión de cada un dos casos, apoiando ás súas familias na expresión do seu orgullo e dereito a ser respectadas e escoitadas. A cidadanía toda esta chamada a participar nunha mudanza profunda, a de construír unha sociedade inclusiva, se por tal entendemos a que é acolledora da diversidade e respectuosa coa expresión da diferencia. Estratexia empregada polas asociacións de familiares do entorno dos autismos, como a viguesa TEAVI, para desenvolver este 2 de abril a campaña de concienciación «Chamémolo polo seu nome», coa que pretenden promover unha imaxe positiva e real das persoas no espectro do autismo. Imaxe que identifican facendo o símbolo do infinito coas mans ou debuxándoo cunha ampla gama de cores, expresando así que o autismo non é lineal, é un espectro, unha condición diversa, específica e singular. Como tamén forma parte dela a procura do compromiso das administracións coa sociedade inclusiva que milleiros de edificios e monumentos emblemáticos de todo o mundo se iluminasen de azul o 2 de abril amosando o apoio ás persoas con TEA e as súas familias.

Contos para a diversidade

O período de confinamento impediu a realización este curso no noso colexio da Semana da inclusión prevista para o mes de maio. Un programa de actividades concibidas para que toda a comunidade educativa fomente e asuma os valores da non discriminación, respecto e tolerancia, apreciando a diversidade como un valor presente en todas as persoas.

Un dos temas principais da educación para a inclusión é o coñecemento da discapacidade e da realidade daquelas persoas que viven con ela dunha forma normalizada. Como tamén das linguaxes e dos sistemas alternativos de comunicación utilizados por persoas con diversidade funcional ou con algún tipo de discapacidade visual, sonora, física ou intelectual.

A fundación Once ofrece unha interesante biblioteca infantil de lecturas en liña que baixo o título «Contos que contaxian ilusión» permite coñecer as vivencias de nenos e nenas con diversidade funcional: cegueira, xordeira, xordocegueira, parálise cerebral, acondroplasia, tartamudez, TEA, espina bífida, TDAH…

Unha ducia de contos que se poden ler en diversos idiomas, dende o galego e castelán ao inglés, así como escoitar locutados ou descargar e imprimir. Textos que ademais teñen asociadas unha serie de actividades, como confeccionar marcadores, decorar a portada ou crear monicreques dos seus personaxes.

Velaí a relación de títulos e temáticas asociadas á diversidade funcional aos que se pode acceder dende a casa:

–. Nacho Pista Tenista. Temática: Espina Bífida.

–. Aitor Aviador. Temática: TDAH (Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade ).

–.Rosalía Espía. Temática: Xordeira.

–. Amador Actor. Temática: Parálise cerebral.

–. Aurora Locutora. Temática: Cegueira.

–. Silvina Bailarina. Temática: Síndrome de Down.

–. Pablo García Policía. Temática: Acondroplasia.

–. Aneta Poeta. Temática: Tartamudez.

–. Regina As da Cociña. Temática: Xordocegueira.

–. Ramón, paleontólogo de profesión. Temática: TEA (Trastorno do Espectro do Autismo)

–. Calista Periodista. Temática: IMID (iniciais en inglés de Enfermidades Inflamatorias Inmunomediadas)

–. Baltasar Nacido para Investigar. Temática: Enfermidades raras.

Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.