Listado de la etiqueta: dicionario_dos_seres_míticos_galegos

Onte 2148: «Crónica da Galiza Bizarra» de Calros Solla

Das miñas lecturas galegas recentes un dos títulos que máis me entusiasmou foi Crónica da Galiza Bizarra (Morgante 2022) de Calros Solla, a compilación dunha centena longa de textos publicados na prensa galega de 1848 a 1968 entre aqueles de carácter aparentemente extravagante, fóra do habitual, ficcional ou inventado. Unha obra que ofrece unha crónica dunha Galicia oculta e extraordinaria protagonizada por persoas que viviron nas marxes da historia como a Encamada de Gonzar (1848), que xaxuou durante tres décadas; a Xaxuadora de Millerada (1888), que permaneceu dez anos sen comer; a Nena xata de San Sadurniño (1892) ou a Santiña de Seixomil (1933), que viviu seis meses encamada sen comer nin beber. Crónica de acontecementos insólitos como o Cataclismo de Doroña (1897), o da balea varada no areal de Valdoviño (1899) ou o descubrimento do tesouro do Grove (1914), entre outros.

Recuperación de episodios da Galicia máxica como o da serpe chuchona de Allariz (1896), a visita do demo a Anllóns (1899), o manuscritos da monxa de Filgueira (1906), o tigre de Meá (1914) ou o romance do Urco (1916). Un libro que ademais constitúe un auténtico gabinete de curiosidades ou rarezas de seres extraordinarios como o polo de tres cabezas aparecido en Campolongo (1903), a criatura bicéfala do coruñés doutor Barbeito (1904), o teso de Bos Aires (1905), un cadro de priapismo na Galicia emigrante. Como tamén dá conta de acontecementos naturais asombrosos como a enigmática lunferna de Oca (1849), as luces aparecidas na Coruña (1916), o refacho ardente das illas Cíes (1918), a chuvia negra de Valadouro (1956), a aurora boreal (1957), a refulxencia no ceo sobre a ría de Vigo (1959) ou a mareira do Berbés (1962).

Esta Crónica da Galiza Bizarra de Calros Solla é unha achega moi valiosa que nalgunhas das súas páxinas dialoga con outras compilacións de textos sobre esa Galicia bizarra ou encantada oculta no noso relato cultural, como o recentemente reeditado Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) de Xoán Cuba, Xosé Miranda e Antonio Reigosa, autores que hai máis de dúas décadas comezaron ese formidable proceso de modernización do vieiro bibliográfico do patrimonio oral galego.

Parabéns a Calros Solla polo rigoroso traballo de documentación como polo coidado didáctico e precisión dos textos que contextualizan cada unha das pezas da hemeroteca e das numerosas notas que as amplían. Un libro que recomendo vivamente.

Onte 2125: «Dicionario irreal para un país imposible» de Xavier Seoane

Había tempo que tiña interese por comentar o Dicionario irreal para un país imposible (Xerais 2020) de Xavier Seoane, o libro galego máis orixinal e atractivo dos impresos o pasado ano. Unha obra inserida na cultura dicionarista de Xerais, a editora galega que leva ofrecido o catálogo máis amplio e continuo deste tipo de obras. Un dicionario das silveiras, como o define o seu autor, emparentado con outras obras alfabéticas literarias das que tan orgulloso quedara o equipo de edición noso: dende o Elucidario (Xerais 1999) de Gonzalo Navaza da colección Ferros, dirixida por Cid Cabido, pasando polo Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) de Cuba, Miranda e Reigosa, obra fulcral na literatura galega de tradición oral revisada e reimpresa nas dúas últimas décadas en varias ocasións, até o Abecedario das mantenzas (Xerais 2012), que o noso admirado doutor Fausto Galdo non chegou a ver publicado.

Só un sabio de espírito renacentista e paciencia xenerosa como Xavier Seoane puido ter asumido completar durante dúas décadas o que hoxe xa é un monumento cultural galego. Contando coa súa condición de lector letraferido e o pouso da súa enorme erudición humanista, Seoane apenas botou man dos milleiros de lecturas da temática e do carácter máis diverso, peneiradas coas ferramentas da retranca e da súa fluidez compositiva, para definir varios centos de nomes comúns e propios, así como algúns títulos e frases feitas. Escolla orientada sempre orientada a acadr un achegamento analítico e poético a ese país imposible que chamamos Galicia.

Con semellantes intencións, para tecer o urdime de cada entrada deste glosario literario utilizou textos informativos, contos, poemas, reflexións, receitas, reseñas de libros e discos, referencias intertextuais, entre outros materiais, tanto propios como alleos. E o resultado que acada Seoane é unha auténtica delicattesen literaria, onde ningunha expresión da cultura galega resulta allea ou superflua. Case catrocentas páxinas apaixonantes onde campan a imaxinación, o humor, o espírito crítico e a reflexión máis desprexuizada e atrevida.

O dicionario de Seoane pode lerse como mellor lle preste ao lectorado, en calquera sentido e de calquera xeito. Con todo, confeso que algunhas entradas resultáronme memorables, coas que non parei de subliñar ou de rir a cachón: acento, Amancio, buguina, carácter, chuvia, emigración, identidade, Mendiño, palleiro, queixo (“epifanía casual elaborada con leite…”), retranca, ríos, saudade (na segunda acepción), xeito… Aínda que mención á parte merecen algunhas alfaias que o lectorado vai atopando como a tradución desas sete páxinas poéticas memorables tituladas “Os galegos, pioneiros audaces do amplo mundo”, compostas ao xeito de Walt Whitman.

Non podo rematar este comentario sen mencionar o extraordinario traballo de ilustración de Ramón Trigo, un dos grandes pintores e ilustradores actuais, que nunha ducia de pezas ofrece unha iconografía do país imposible retratado por Seoane. Un traballo plástico que por si mesmo merece unha exposición e unha difusión de seu. Como tamén é de excelencia o coidado da edición do editor Ramón Domínguez e do cadro da editora, tanto polo deseño de interiores, a escolla tipográfica, o tratamento do texto como dos materiais e acabamentos. Unha edición agarimada pola editora para ofrecer un dicionario de espírito clásico (e polo tanto perdurable), para un libro que entra así nesa reducida categoría das «obras mellor editadas». Libro para as que aman os libros, que non debe faltar en biblioteca ningunha, incluída as escolares. A miña gratitude a Seoane pola inmerecida dedicatoria. Beizón.

Onte 2070:«Guía de campo da Galicia Encantada»

Un dos grandes proxectos da cultura galega dos últimos vinte e cinco anos foi a edición e actualización dunha parte do seu patrimonio de literatura oral. Unha iniciativa privada que colleu pulo e visibilidade coa publicación do monumental Dicionario dos seres míticos galegos (Xerais, 1998) a cargo de Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Cuba. Un proxecto editorial de longo alento que os tres mosqueteiros de Lugo continuaron coa publicación da colección de conto popular Cabalo buligán e coa de máis dunha ducia de libros monográficos de mitos, lendas e contos en diversos formatos e coleccións de Xerais. Un traballo etnográfico de recuperación e investigación traballado nas polafías, mais tamén de escritura literaria e de ilustración creativa (velaí o legado visual de Lázaro Enríquez e Noemí López), que nunca será suficientemente valorado polo que supuxo para o noso patrimonio inmaterial.

Dentro deste proxecto histórico, de idéntica transcendencia ao da conservación do patrimonio do románico popular ou de calquera das nosas catedrais, incríbese o traballo que Antonio Reigosa ven realizando dende o mes de marzo de 2005 como creador e coordinador de Galicia encantada, a enciclopedia da fantasía popular de Galicia en internet. Un proxecto pioneiro de edición colaborativa en liña que en 2015, coincidindo cos seus dez primeiros anos, fixose libro de papel (e tamén ebook), baixo o título Galicia Encantada. O País das mil e unha fantasías. Unha iniciativa que agora recunca, con motivo décimo quinto aniversario da web, cun segundo volume, Guñia de campo da Galicia Encantada. Dos seres míticos e dos lugares que habitan. Con caracterñisticas de edición semellante ao primeiro, Reigosa escolma aquí máis dun cento de relatos que descubren mitos ou lendas vinculadas a lugares singulares por razóns históricas, arqueolóxicas, naturais ou culturais, e tras dos que se agochan crenzas e ritos de todo tipo.

En vinte dous capítulos temáticos, Reigosa ofrece unha viaxe fascinante polos territorios da Galicia encantada: cocos e asustanenos, a morte, cousas de demos, lendas urbanas, extravagantes célebres, fenómenos, míticas, nubeiros, casas encantadas, remedios de medicina popular, pontes, santos e milagres, tesouros, mitoloxía dos animais, augas e plantas, orixe dalgúns topónimos… Un libro de vontade colaborativa, como o espazo web da súa orixe, froito das achegas de máis de oito informantes de todas as xeografías galegas, inserido nese labor colectivo de enorme transcendencia cultural de recuperación, coñecemento, coidado e difusión do noso patrimonio inmaterial, un dos eixos esenciais na preservación da nosa lingua e da nosa cultura. Mais tamén é un libro de espírito inequivocamente narrativo e literario, unha gozada para ler e compartir a lectura. Parabéns a Reigosa por este enorme e magnífico labor.

 

Onte 2025: Vinte anos do «Dicionario dos seres míticos galegos»

Traballando onte no texto do discurso que me encargaron para ler na noite dos fachos da Peneda reparei en que a primeira edición do Dicionario do seres miticos galegos xa fixera vinte anos da súa publicación. Foi o 17 de maio de 1999 cando se rematou de imprimir este libro extraordinario de Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda, ilustrado por Lázaro Enriquez. Un fito que pasou completamente desapercibido, como tantos outros da historia da edición en galego, para a que foi a primeira obra que recolleu e organizou un corpus da nosa tradición oral. Unha obra pioneira na ampliación e modernización da nosa literatura de tradición oral. Tamén outros dos éxitos de lectores e lectoras da Xerais dos anos de entusiasmo de entre séculos.

Detrás da edición daquel gran libro estiveron o meu admirado mestre ilustrador Lázaro Enríquez, o deseñador e maquetador Fausto Isorna e os editores Fran Alonso e Xosé García Crego, que conseguiron ofrecer unha obra clásica, tanto pola escolla tipográfica, polas láminas intercaladas, pola sobrecuberta como pola disposición a dúas columnas da páxina. Un libro que dúas décadas despois non perdeu elegancia nin atractivo como arca de papel do noso imaxinario colectivo.

Xaora, merecen homenaxe os meus benqueridos tres mosqueteiros de Lugo, Cuba, Reigosa e Miranda, cuxa proeza de recuperación do tesouro oral galego, fose neste dicionario, fose nos Contos colorados, fose nos vinte volumes de Cabalo buligán, fose na Pequena mitoloxía de Galicia, fose nas tres entregas das Lendas de Galicia ou en diversas creacións individuais, aínda non foi recoñecida como merece.

Por ventura, para que non o teña, aínda deben quedar algúns exemplares da 5ª edición do Dicionario dos seres míticos galegos, actualizado en 2008. Unha obra referencial e inmorredoira, que conta tamén cunha excelente edición en castelán.

Onte 1275: Crego

Crego_25-03-2015

Todos os membros do cadro de Xerais celebramos onte a xubilación de Xosé Manuel García Crego, o noso director de edición. Foi un xantar feliz nun día luminoso, mais tamén inevitablemente saudoso, no que expresamos a nosa gratitude, admiración e agarimo para quen é o noso referente profesional e humano na profesión da edición. Crego pecha o seu currículum profesional tras 11.442 días en Xerais, máis de tres décadas, tras ter sido o responsable da edición e fabricación de case 3.500 títulos en lingua galega. Unha proeza que forma parte xa da historia da edición galega. En todos e cada un deles, dunha ou doutra maneira, Crego deixou a pegada do seu rigor na composición do libro, na elección dos materais e no seu acabamento. En cada un deles respectou as características e singularidades de cada texto que pretendeu facer un libro único.

Ocupouse Crego da edición e fabricación de todo tipo de obras, dende os complexos libros de texto ás coleccións infantís, pasando polas primeiros libros ilustrados de Xerais como a marabillosa triloxía de Ferrín da década de 1980, até os discos da aventura musical de Xerais Media ás revistas como Golfiño ou Bravú, no que dirixiu a fabricación do primeiro pasaporte galego. Dirixiu a edición de obras extraordinarias para a nosa lingua, como o Dicionario dos seres míticos galegos, ilustrado polo seu amigo Lázaro Enríquez, ou as dúas edicións do Gran Dicionario Xerais e do resto da liña de dicionarios da que foi responsable. Mimou a edición de facsímiles de gran valor como La primera luz de Murguía, a primeira edición de Longa noite de pedra e da Noite estrelecida, ou Galicia de Murguía, hoxe consideradas valiosas edicións de bibliófilo. Imposible resumir nunhas liñas un labor editorial extraordinario. Nos últimos anos, mimou a produción das gravacións musicais dos nosos métodos de Educación Infantil coa paciencia teimosa e o amor a lingua galega que desenvolveu tamén nesoutra fantasía colectiva que é Cantares do Brión.

Crego é un enxeñeiro do libro galego, un dos grandes editores galegos contemporáneos, unha das trabes de ouro da nosa edición nestas tres décadas. Con todos os abrazos para a súa mestría e amizade. Sempre, sempre.

Cadro_de_Xerais_25-03-2015jpg