Listado de la etiqueta: culturgal_2013

Onte 809: Culturgal 2013, día de clausura

O domingo do Culturgal 2013 volveu ser outra xornada magnífica tanto polo número, diversidade e calidade de actividades do programa como pola resposta entusiasta do público que volveu petar o Pazo da Cultura pontevedrés. Segundo estimacións da organización foron 14.000 as persoas que ao longo destas tres xornadas visitaron Culturgal 2013, a cifra máis elevada das edicións celebradas en Pontevedra. Como tamén semella significativo que case un vinte por cento dos visitantes apoiase o evento adquirindo unha chapa de «entrada responsable» ou que as vendas da tenda aumentasen con respecto á edición anterior. Culturgal consolidouse como o evento anual de referencia para o encontro en man común dos diversos sectores das industrias culturais galegas. Un feito ao que non é alleo o éxito de público, que aumenta en cada edición. A participación de públicos diversos, con forte presenza do que denominamos como «público familiar» (os picariños e a súa ledicia son os protagonistas da feira), permite enxergar un horizonte esperanzoso para a cultura galega. Fronte ao conformismo paralizante, fronte aos modelos rotineiros, Culturgal 2013 conseguiu de forma creativa e paciente mobilizar a ese público que acredita na existencia do produto cultural galego. Ademais, Culturgal 2013, a pesar de contar con menos recursos públicos ca nunca, acuñou un novo xeito de facer as cousas, ampliando límites e superando prexuizos. A organización foi modélica polo rigor na confección do programa e no respecto de horarios e compromisos; máis tamén pola serenidade para afrontar dificultades e polo apoio e agarimo con todas as persoas, fosen as expositoras, as convidadas ou cada unha das visitantes. Os meus parabéns por esta proeza a todas as persoas do equipo organizador dirixido por Xosé Aldea. O vindeiro 2014, máis Culturgal!

Onte 808: Culturgal 2013, día grande

Foi o sábado o agardado día grande do Culturgal 2013. Dende primeira hora da tarde o público familiar petou o Pazo da Cultura pontevedrés. Para nós, o grande protagonista da xornada (na que se desenvolveron medio cento de actividades moi diversas) foi o escritor Manuel Rivas (un clásico nas seis edicións de Culturgal). No espazo infantil contou e cantou O raposo e a mestra diante de varios centos de pequerrechos, axudado pola incrible sonorización musical que do seu relato fixo o xenial Cé Orquestra Pantasma. O pasecorredoiras final de ambos os dous foi memorable. Despois, Rivas participou na presentación da revista Luzes, que agotou os seus exemplares na fiera, un detalle máis ca esperanzador para este proxecto xornalístico. As asinaturas posteriores e as magníficas conversas de Teresa Cuíñas con Riveiro Coello, Berta Dávila, Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras foron seguidas por centos de persoas. Hoxe domingo Culturgal 2013 ofrece unha xornada de peche tamén moi atractiva con case corenta actividades. Pola mañá contaremos coa presenza do grande Agustín Fernández Paz e pola tarde coa conversa de Anselmo López Carreira con Montse Dopico e coa presentación de Vento e chuvia de Manuel Gago e Manel Cráneo, un dos libros máis solicitados na feira.

Onte 807: Culturgal 2013, día inaugural

Excelente o día inaugural de Culturgal 2013. Nesta sexta edición a instalación é moi xeitosa, máis limpa e ordenada que noutras edicións anteriores. A instalación dunha carpa para o espazo de música e a ubicación do espazo dos nenos ao fondo contribúen a serenar e ampliar a feira. Na primeira xornada demostrouse que a pesar da gran redución do patrocinio da Xunta de Galicia, este Culturgal 2013 (o da corresponsabilidade) aumenta o número de expositores, mantén o nivel dos seus servizos e a calidade das súas actividades. Quedei moi contento do resultado dos encontros que Manuel Lourenzo e Marcos Calveiro mantiveron cos lectores do IES Montecarrasco de Cangas. O famoso sofá do Culturgal continúa ofrecendo un alto nivel de interese nas conversas que Camilo Franco mantivo con Luís Rei Núñez, Rosa Aneiros, Francisco Castor e Anxos Sumai. Outrosí sucedeu coa presentación de 20 anos de Bravú por parte de Xurxo Souto no espazo das Tecnoloxías. No entanto, polos datos que recabamos ao remate da xornada, semella que o número de visitantes e a cifra de vendas puido ser lixeiramente inferior á primeira xornada do primeiro día do ano anterior. En todo caso, hoxe sábado será o día grande deste Culturgal 2013 coa participación de Manuel Rivas presentando con Cé Orquestra Pantasma O raposo e a mestra, coa presentación posterior da revista Luzes, cos foros sobre materiais educativos dixitais, co encontro de editores coas bibliotecas escolares, coas conversas de sofá de Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras con Teresa Cuíñas, así como o grande concerto da noite de Kepa Junkera e os seus amigos galegos, entre os máis de cincuenta actos previstos. Moito Culturgal o que queda por diante, si señor!