Artigos

Onte 1263: Noite da Edición 2015

noite_da_edicion_2015

No Pazo da Cultura de Pontevedra celebrouse a Noite da Edición 2015 na que se entregaron os premios aos mellores libros do pasado ano, outorgados polos membros da Asociación Galega de Editores. Nesta edición homenaxeouse ao editor Telmo Eiriz, propietario de Galinova que celebra o vinte e cinco aniversario da súa actividade. Antes de comezar a cerimonia, Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra guiounos polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que na súa XVI edición dedica a súas actividades ao tránsito Da Ciencia á Ficción.

A cerimonia foi conducida polas poetas Lucia Aldao e María Lado con grande axilidade e humor, o que moito axudou a ganduxar as numerosas intervencións da noite. Comezou Laura Rodríguez, presidenta da nosa asociación, sinalando con claridade meridiana as importantes dificultades do sector editorial en Galicia e convidando a participar na campaña de promoción da lectura #eusiqueleo promovida pola AGE durante os meses da vindeira primavera dos libros. O noso admirado Alfonso García Sanmartín, ex-presidente da AGE, fixo a laudatio do labor editorial de Telmo Eiriz, quen nas súas palabras de resposta convidou a defender o libro impreso en papel.

Kalandraka, Alvarellos, Baía e Xerais levaron os galardóns nas diversas modalidades, correspondendo a María Reimóndez o premio Xosé María Álvarez Blázquez á mellor autora do ano. O seu discurso brillantísimo homenaxenado a Begoña Caamaño, que recibira o mesmo premio dous anos antes, e reclamando unha maior implicación do sector editorial na publicación de textos de mulleres e na igualdade real, foi un dos momentos máis relevantes. Como tamén o foron as palabras de Agustín Fernández Paz, cando agradeceu o Ánxel Casal ao mellor libro de ficción por A viaxe de Gagarin, denunciando os prexuízos que se volven verquer sobre a literatura e sobre a lingua galega. Foron tamén momentos moi bonitos para nós, as palabras de gratitude de Helena Pérez, en nome de Xerais, despois de recibir o premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil por Escarlatina, a cociñeira defunta, así como as da súa autora, Ledicia Costas cando colocou o seu aclamadísimo libro no territorio dos que procuran a igualdade de facto entre os mozos e as mozas, neste caso entre os grandes da cociña.

Particular relevancia para os editores galegos ten en cada Noite da Edición o premio Francisco Fernández del Riego co que a xunta directiva da nosa asociación recoñece unha iniciativa cultural ou editorial externa ao noso colectivo. O premio foi nesta edición para as Bibliotecas Escolares de Galicia polo seu labor continuado e compartido de fomento da lectura, promovido e alentado dende o equipo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, formado por Cristina Novoa, Pilar Sampedro e Xosé Luís Barreiro. Un recoñecemento necesario, para un traballo de máis dun milleiro de profesores e profesoras que merece a maior gratitude dos editores.

 

Onte 794: O futuro da biblioteca no entorno dixital

Aproveitei o sábado para repasar as notas que tomei no X Simposio o Libro e a Lectura da Asociación Galega de Editores que nesta edición abordou «O futuro da biblioteca no entorno dixital». Máis alá do éxito de participación, un cento de profesionais, a maior parte bibliotecarias, a intensa xornada amosou que, a pesar da conxuntura de crise e dos recortes dos poderes públicos sobre as políticas de lectura, a biblioteca pública conta con máis usuarios e máis actividade que nunca. Todas as intervencións consideraron que a biblioteca pública é un servizo cultural esencial, tanto polo seu carácter inclusivo e interxeracional como pola súa inequívoca vontade de abordar o tránsito á cultura dixital.

Comezou a xornada coa conferencia de Jordi Permanyer, xerente do Servei de Biblioteques da Diputació de Barcelona, que conta na actualidade con 215 bibliotecas e 1.300 traballadores. Permanyer comezou insistindo no valor público das bibliotecas, «algo que non está na axenda dos responsables políticos», como os grandes mediadores da información utilizados polos cidadáns. Pareceume moi novidoso o estudo que presentou sobre o retorno dos investimentos en bibliotecas públicas, que no caso da rede barcelonesa supón por cada euro un retorno directo de 2,25 €, e unha estimación de 4,25 € máis de beneficios indirectos sobre a economía do entorno da biblioteca (transporte, bares, etc.). Foi excelente a súa exposición sobre o valor social das bibliotecas que considerou non debemos identificar só no eido cultural, no fomento do hábito e da competencia lectora entre a cidadanía ou na preservación da memoria local. Tamén o valor das bibliotecas está presente no eido social, pola súa capacidade de inclusión social e promotoras da diversidade cultural; no eido económico, como fomentadoras de inclusión laboral e do progreso económico local; coma no eido educativo e informativo, xa que as bibliotecas asumen un papel decisivo na alfabetización informacional e na inclusión dixital. A cerna da intervención de Permanyer foi a presentación do modelo de biblioteca pública da rede local barcelonesa. «Concibimos cada biblioteca como un espazo de encontro feliz para construír e imaxinar o futuro dos nosos cidadáns». Un espazo de formación permanente, un espazo aberto e libre ao cidadán para compartir e para o seu lecer. «Cremos na biblioteca como nova praza pública», rematou Permanyer unha intervención moi clarificadora.

Moi interesante foi tamén a intervención de Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación, que iniciou o panel de presentacións de experiencias de éxito. Cristina Novoa definiu as bibliotecas escolares como «bibliotecas de última xeración, onde teén cabida o impreso e o dixital, a creación literaria e a información», «bibliotecas que funcionan coma unha estación intermodal que nos permite movernos en distintas direccións». «Cremos nun modelo integrador, híbrido, con materiais impresos e en soporte electrónico, aunando o presencial e o virtual, integrando a cultura impresa e a cultura dixital». Para Novoa «a biblioteca escolar é unha biblioteca específica que dá resposta ás demandas de información e lectura do alumnado, do profesorado e do resto da comunidade educativa». «A biblioteca escolar é un espazo educativo, na que se integran os recursos presentes e en liña conformando unha colección responsable, equilibrada, informada e con certa perspectiva de futuro». «A biblioteca escolar é un espazo de aprendizaxe, un acelerador de información. Estas bibliotecas activas crean contextos fértiles para a adquisición das competencias básicas». Rematou Cristina Novoa presentando o modelo de Biblioteca Escolar 2.0 e o proxecto da E-LBE de inicio do emprego de dispositivos de lectura electrónicos nas bibliotecas escolares de Galicia.

Tamén gustei da intervención de Mari Luz Corral, directora da rede de bibliotecas de Oleiros, que presentou o programa desta rede bibliotecaria municipal recoñecida en 2011 co prmeio María Moliner. Como me entusiasmou a claridade da presentación de Catuxa Seoane sobre a utilización dos medios dixitais na modélica rede municipal de Bibliotecas da Coruña, da que anotei algunhas das súas afirmacións: «A biblioteca pode estar aberta as vinte e catro horas por medio da súa presenza en liña.» «Os virtuais non son usuarios de segunda.» «Os bibliotecarios tenden pontes. Sempre detrás do físico e do virtual están os bibliotecarios». Despois Francisco Domínguez, director da Biblioteca Penzol, presentou o proceso de dixitalización (non exento de problemas e recursos) desta biblioteca especializada na conservación da memoria de Galicia. Rematou o papen de experiencias, e a intensa xornada de mañá, coa intervención de Mª del Mar Larouba, directora da Biblioteca Pública da Coruña que presentou un informe completísimo sobre o papel das bibliotecas nodais e o entorno dixital. Especial interese desta presentación foron as referencias a Galiciana, Hispana  e Europeana, como bibliotecas virtuais públicas, así como os programas actuais de préstamos de e-books en bibliotecas públicas.

Na sesión de tarde, tras o debate sobre as bibliotecas e o entorno dixital, o escritor Suso de Toro ditou unha conferencia memorable de peche en defensa da biblioteca pública. O autor de Sete palabras comezou advertindo que «a profesión bibliotecaria, coma o oficio de escritor, tamén está en crise, unha crise de función, de sentido, xa que o que se está dilucinando nestes momentos son as funcións da biblioteca no futuro». «Até agora as bibliotecas almacenou contidos e transmitiunos. As bibliotecas públicas eran o “palacio do pobo”, onde reinaba democraticamente a poboación. Agora este modelo está cuestionado pola biblioteca dixital, que cuestiona tanto a función de almacenamento como a de transmisión». Preguntouse, entón; Suso de Toro cáles poden ser as funcións da bibilioteca. En primeiro lugar, referiuse á lectura individualizada. «O lector solitario é un mutante antropolóxico, que le en voz alta na súa cabeza. O lector é alguén distinto a outras persoas. A lectura solitaria crea individuos e un diálogo cos mortos. É este un diálogo libre, de igual a igual. O lector pode disentir co autor, emocionarse, pode pechar o libro. O lector está exercendo a liberdade de xuízo. Cada vez que lemos un texto estmaos dialogando cos mortos, xa que toda obra é póstuma, forma parte do pasado de quen a escribiu; cada unha desas lecturas estános reintegrando a comunidade formada por todos os que a leron, mais ao mesmo tempo establecendo unha relación íntima e verdadeira co autor».

Fronte a esta lectura individual contrapuxo Suso de Toro o carácter comunitario da biblioteca. «Cando o lector entra na biblioteca recoñécese como parte dunha sociedade coa que comparte algo. Cando ten o carné ba biblioteca pública sabe que forma parte dunha comunidade humana coa que comparte unha afinidade, unha militancia cívica, sabe que non está só, non é un mutante, é un cidadán que sabe que non está só.» «Neste momento no que rexe unha ideoloxía que nos reduce a consumidores, reivindico o comunitarismo, que recoñece a liberdade, a disidencia e as comunidades humanas organizadas por valores. Aí é onde se encadra hoxe o papel da biblioteca como memoria da lectura e da cultura, que a ordena, a xerarquiza e a interpreta. A biblioteca fronte o mercado que nos reduce á banalidade e á confusión.» «A biblioteca en tempos de críse inclúenos a todos. A biblioteca dá calor, respecto e dignidade para todos. É un espazo cívico, de orde, que acolle a todos, os que teñen traballo e aos que non. A biblioteca é xeradora de sociabilidade.» Rematou Suso de Toro o seu discurso reclamando a consideración da biblioteca como «cámara reservada», como «espazo onde rescatar o silencio». «Non todos os lugares son iguais. A biblioteca pídenos un respecto, xa que é un resto do sagrado. A biblioteca vive na crise da nosa civilización».

A arte de ler en tempos de crise e mudanza

A idea de que a lectura pode axudar ao benestar da xente é moi antiga. A biblioterapia, entendida como o carácter terapéutico da lectura, é unha práctica asociada á cultura do libro dende moi vello. Michèle Petit defende no seu libro El arte de la lectura en tiempos de crisis unha idea terapéutica semellante, a de que os libros amparan as vidas en momentos difíciles, como mesmo acuden en rescate de grande número de persoas en tempos de crise. Así sucedeu, salienta Petit, tras a crise do 29 e a Segunda Guerra Mundial, períodos nos que se desenvolveron moito as bibliotecas e aumentaron os índices de lectura na sociedade estadounidense e agromou o concepto de edición cultural en países como Alemaña, Francia, Reino Unido ou Italia.

Semella que hoxe a coincidencia da crise económica, coa do modelo de edición cultural e a do tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, sitúan ao sector do libro nunha situación decisiva de mudanza inevitable e profunda que debemos ser capaces de transformar en oportunidade. Unha crise e unha mudanza que se producen a nivel mundial, mais que en pequenos países como o noso se presentan como un desafío histórico. Este é o momento de reclamar que a lectura entre a formar parte da axenda pública, xa que no actual proceso de mudanza do conxunto do sector do libro e da súa cadea de valor, onde coexisten ou integran textualidades e soportes, a clave está nas políticas de lectura e na necesidade de intermediacións e de estratexias diferencias na abordaxe de ambas as dúas textualidades, a impresa e a electrónica.

Cremos que, polo momento, non van desaparecer a publicación de libros impresos, mais xa é un feito innegable que están desaparecendo ou diminuíndo até cifras case marxinais a edición de determinados xéneros e tipos de edición. Nos vindeiros anos as edicións impresas e electrónicas convivirán no mercado e nos hábitos dos lectores, procurando cada unha delas os seus espazos de especialización. No entanto, os libros impresos máis fermosos e máis coidados serán os que máis posibilidades contarán de obter o apoio dos lectores e lectoras, o que constitúe un reto para os editores que aposten por continuar con este formato analóxico. Como tamén, é un feito indubidable que as redes sociais dixitais son hoxe as ferramentas máis útiles para promocionar o libro impreso e o fomento da lectura en ambos os dous soportes. Estou convencido de que o desenvolvemento dunha rede social específica para o libro en galego é un requisito indispensable para asegurar a autonomía do noso sector neste proceso de tránsito e convivencia de soportes.

Se non se supera a actual identificación do dixital co gratuito, non haberá posibilidade de reconstruír unha cadea de valor intersectorial para a edición profesional dos libros dixitais. Modelos como os que se anuncian de pago por lectura, popularmente o «Spotify dos libros» ou os libros da nube (Bookish e 24symbols) poden ser unha alternativa a considerar, sempre que se asegure a privacidade dos usuarios e os seus dereitos como lectores, como sinalaba acertadamente Javier Celaya no debate que hoxe mantivemos no Encontro de Bibliotecas Escolares. Por certo, extraordinario traballo o que se ven desenvolvendo en Galicia dende o inicio deste Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares no curso 2006-2007 promovido pola Consellaría de Educación, o máis potente movemento de fomento da lectura que se desenvolveu nunca no país noso, no que se espellan outras comunidades e países (Beizóns para os seus integrantes, moi especialmente para Cristina Novoa e Pilar Sampedro, as responsables da Asesoría).

En definitiva, do que se trata é de refundar a cadea de valor do libro que, respectando o protagonismo do autor e do lector, contemple as funcións de editores (centrados sobre o tratamento do contido), libreiros (especializados na promoción do produto) e bibliotecarios (ese porto seguro no novo paradigma dixital), profesionais sobre os que se asentou o noble oficio da edición dende que naceu na sociedade romana. Todo o sector do libro, como o da comunicación cultural no seu conxunto, está obrigado a iniciar esta mudanza de rumbo, na que convivirán libros impresos e dixitais e nas que haberá que responder a moitas preguntas e despexar moitas incertezas.

[A anotación está preparada en base a derradeira parte da intervención realizada hoxe no debate con Javier Celaya arredor do tema «Cultura impresa, cultura dixital» que mantivemos no IIIº Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia.]