Artigos

Xela Arias, escachar a palabra

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao Día das Galega nas Letras que A Sega dedicou a Xela Arias:

O pasado xoves, 15 de agosto, a Plataforma de crítica literaria feminista A Sega homenaxeou a Xela Arias no parque do Castro de Vigo. Como centro da sexta edición do Día das Galegas nas Letras, unha convocatoria anual coa que este colectivo pretende facer visible de forma poliédrica, aberta e participativa o papel das creadoras na cultura galega, duascentas persoas participaron ao longo de toda a xornada en diversas actividades literarias e musicais, iniciadas cun itinerario imaxinario, conducido pola escritora Susana Arins, pola vida de Xela Arias, a escritora falecida en 2003, con apenas corenta e un anos, para quen se reclama o recoñecemento da Academia Galega no Día das Letras Galegas.

No manifesto da xornada lido pola escritora Beatriz Maceda, as compoñentes da Sega expresaron o seu compromiso de «espallar a rebeldía e o talento incomparable de Xela», «a treboada apoiada no permanente espello», ao tempo que salientaron a súa capacidade para «arrasar os marcos, desbotar as imaxes, para quedar coas palabras»; para transgredir e transcender con «cada palabra escrita co sangue da vida», fose na poesía, na tradución e na edición, eidos nos que «retorceu as palabras, ata escachalas».

Lembranza que continúa as que no inverno A Sega organizou nas librarías Chan da Pólvora e Lila de Lilith de Santiago e as que na pasada primavera tiveron lugar no concello de Redondela con motivo de asignar por votación popular a Xela Arias o nome da Biblioteca Pública Municipal de Chapela e da inaguración do grafiti no IES de Chapela, onde foi profesora substituta de lingua e literatura galegas no curso 1999-2000, no que se recolle un dos versos dun poema que publicara en 1994 no Boletín Galego de Literatura 11: «Independénciome para que eu saiba / onde quero estar atada, [onde, / as fronteiras ou a morte das fronteiras]».

Homenaxes que coinciden, ademais, coa publicación da edición da súa Poesía reunida (1982-2004) (Xerais 2018), preparada pola profesora Chus Nogueira, un fito na recuperación da obra de quen sempre reivindicou a condición de muller escritora e reaccionou contra o carácter invisibilizador das etiquetas e dos movementos xeracionais. Unha edición na que se recollen todos os seus libros publicados en vida, Denuncia do equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003) e reúne, ademais, a súa ampla obra dispersa, dende a recitada no Festival de Poesía do Condado, no que participou con continuidade dende 1983, até a publicada nas páxinas de Faro de Vigo dos oitenta ou nas revistas Dorna, Luzes e Festa da palabra silenciada.

Unha edición moi agardada que permite por vez primeira acceder ao corpus completo da poesía de Arias, que concibiu o texto poético como espazo de indagación e experimentación coa linguaxe. Indagación de quen, segundo a poeta e académica Ana Romaní, «non se comprace», «da que se interroga e non se acomoda». Esculca que a propia autora confesa acometer «para entenderme e facerme entender, para comprender o mundo no que vivo», actitude que contribuíu á renovación do discurso poético galego e do feminismo dos anos oitenta, aos que acompañou como pioneira. Foi Xela unha autora convencida de que a poesía «sempre é temeridade, incendio» un medio de evitar «sentir a covardía», actitude expresada co verso «vencerse é cousa de se tratar», título do traballo músico-poético que nos seus últimos días compartía con Fernando Abreu, chamado tamén da homenaxe que as asociacións profesionais da edición, tradución e escritura lle renderon en Vigo en maio de 2004 .

Foi dende os seus primeiros textos outro dos trazos caracterizadores do cromatismo da poesía de Xela, ademais dos xogos fónicos, a transgresión dalgunhas convencións da escritura e do característico emprego de colocacións pronominais, deseñar unha completa xeografía urbana, na que inevitablemente identificamos o Vigo da súa mocidade, o barrio do Calvario do instituto Castelao, onde cursou o bacharelato. Cidade onde Xela expresaba a súa vontade de reinventarse cada día, ao xeito dun Loud Reed feminino, cando entre 1987 e 1989, escribiu cinco letras para o disco El desertor (1991) de «Desertores», o grupo musical dos irmáns Díaz. O Vigo da movida, de cuxa crónica ela discrepaba e que ela definiu de forma luminosa como «cidade revolcada», quizais por que en Vigo nunca foi doado diferenciar os límites tan imprecisos entre a dor e o pracer.

Volvendo sobre a obra esencial de Xela Arias, Vigo ampliaría de forma significativa os límites do seu mapa literario, tanto polo seu carácter radicalmente contemporáneo como polas posibilidades que ofrece unha autora que, como sinalou o manifesto da Sega, «fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario». Xela Arias , quedas en nós.

Onte 1106: Con Ana Acuña en Marín

10399446_705169056219374_7741606275105632519_n

Acompañamos onte a Ana Acuña na presentación no Museo Manuel Torres de Marín do seu libro Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). As profesoras Chus Nogueira e Olivia Rodríguez fixeron dúas grandes intervencións nas que salientaron a importancia deste libro para a historia da literatura galega.

Para Chus Nogueira Conciencia política e literatura galega en Madrid é «un libro necesario, xa que estuda a creación cultural nunha diáspora que até agora non fora estudada de forma sistemática; un libro, pois, pioneiro». «Un libro que establece unha estreita relación entre a creación literaria e a conciencia política. Os chamados “madrigalegos” teñen unha conciencia de subalternidade con respecto á metrópole galega». «Ana Acuña ofrece unha minuciosidade e un rigor que permite unha lectura agradable. Un texto capaz de harmonizar sentimentos, emocións e o rigor da investigación filolóxica». Continuou Nogueira salientando a importancia da obra, xa que «propón unha periodización, polo que estamos diante dunha auténtica Historia da Cultura Galega en Madrid». Rematou Chus insistindo no carácter comprometido do libro, «xa que dá voz os esquecidos», e no seu carácter de «libro fundamental para comprender unha parte da historia da cultura galega do século pasado».

Pola súa banda, Olivia Rodríguez comezou definindo a Ana Acuña como «unha sabia, unha das persoas máis importantes da cultura galega do noso tempo». Salientou despois «a lectura amena e fluída dun texto froito dun traballo titánico, artellado sobre as contribucións de 54 persoas que conversaron coa autora». DSalientou despois a importancia do estudo e da proposta de periodización dos cinco grupos xeracionais presentes no libro, dos que apenas era coñecido en Galicia o segundo, o grupo Brais Pinto, é dicir, Mocidade Universitaria, Grupo Unesco, Lóstrego e Irmandade Galega e Grupo Bilbao, o máis recente e do que forma parte a propia Acuña. Rematou Olivia Rodríguez valorando como un acerto a utilización do método de estudo de historias de vida, o que facilita o multiperspectivismo na abordaxe da fraxilidade da historia do tempo presente.

Onte 531: Biografía de referencia

Na presentación en Couceiro, a crítica Chus Nogueira cualificou Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro como «un libro excepcional, a biografía de referencia sobre Celso Emilio Ferreiro». Para Nogueira no libro de Ramón Nicolás «sorprenden a magnitude, a amplitude e rigor dun traballo que o converten nun libro de referencia». “Que hai de extraordinario nesta biografía?” preguntouse Nogueira. «Paixón, honestidade, elegancia e delicadeza para abordar cuestións biográficas, vontade de estilo e unha estrutura coral, polifónica na que tanto podemos ler a voz do investigador, do propio Celso, as voces autorizadas convocadas e a voz dun narrador que se vai interpolando e que nos achega ao que poderiamos considerar como “unha biografía novelada” moi atractiva». Concluíu Nogueira salientando que eran estes «textos moi fermosos que levan a un man a man entre o biógrafo e o biografado, entre o investigador e o narrador, reforzando a inmersión no universo Celso Emilio, harmonizando dúas técnicas do relato biográfico aparentemente enfrontadas». Foi a de Chus Nogueira unha presentación magnífica, modélica pola súa claridade didáctica e profundidade crítica!