Listado de la etiqueta: cervantes

Estrela Rosalía

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío de solicitar o nome Rosalía para a estrela HD149143:

Recibimos con entusiasmo a noticia, achegada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, da aceptación por parte da Sociedad Española de Astronomía da súa candidatura «Rosalía e Río Sar» para darlle nome ao sistema exoplanetario designado para España pola Unión Astronómica Internacional (IAU), dentro do seu programa «NameExoWorlds», a estrela HD149143 e o seu planeta HD149143b. Unha designación que se producira entre unha ducia de propostas –entre as que está, tamén, a de «Breogán e Ith», presentada polo Observatorio da UAM– en base aos votos recollidos por cada unha delas até o 12 de novembro na web: www.nombraexoplanetas.es. Nomeamento que como parte da celebración do seu centenario realizará a IAU a mediados do mes de decembro, conxuntamente cos nomes das estrelas e planetas doutros países, escollidos todos por medio da participación cidadá.

O sistema proposto para España está na constelación de Ofiúco, chamado tamén Serpentario, da que forman parte estrelas como Rasalhage e Cebalrai. A estrela HD149143 forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, compilado a comezos do século XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e as súas colaboradoras do Observatorio de Harvard. É unha estrela anana amarela, semellante ao noso Sol, situada a 240 anos luz da Terra. A súa magnitude relativa é de 7,89, o cal permite que poida ser visible con prismáticos en ceos escuros. Pola súa banda o exoplaneta HD149143b foi descuberto en 2005 polo Observatorio da Alta Provenza coa técnica da espectroscopia Doppler. É un xigante gasoso, un pouco maior ca Xúpiter, moi próximo a súa estrela, que tarda só catro días en dar unha volta completa ao seu redor, sendo o que se coñece por un planeta de tipo xúpiter quente.

As persoas investigadoras e amantes da Astronomía permiten que cada día coñezamos mellor o Universo, nunha extraordinaria procura da Humanidade para explorar os centos de miles de millóns de estrelas. Esta causa incesante da ciencia e da tecnoloxía na esculca astronómica permitiu identificar en 1995 a presenza dun corpo que orbitaba a estrela Pegasi51, confirmando así a existencia de exoplanetas (na actualidade case catro mil), planetas que xiran arredor doutras estrelas. Unha descuberta imparable da comunidade astronómica internacional a que moito contribuíu o desenvolvemento das tecnoloxías de observación que permitiu, tras a invención do telescopio, a observación dos planetas Urano e Neptuno e que obrigou a que IAU aprobase a creación, non sen polémica, de novas categorías como a dos «planetas ananos» do sistema solar onde foron clasificados corpos como Ceres (descuberto en 1801), Plutón (1930) e os novos identificados polo telescopio Hubble da NASA no que vai de século XXI (2005): Eris, Makemake, bautizado co nome dunha deidade do pobo Rapa Nui e Haumea, designado como nome da deusa hawaiana da fertilidade.

O feito de que a estrela HD149143 recibise o nome de Rosalía suporía un recoñecemento universal para quen é a figura primeira da nación e da cultura galega. Anticipada ao seu tempo, convencida feminista, crítica con toda clase de inxustizas, entregada con paixón á reivindicación da paisaxe galega, cantora da terra e da natureza, Rosalía integrou na súa poesía o firmamento e os corpos celestes, nun tempo onde non existía a actual contaminación luminosa e todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. Símbolo de soidade e tristeza, a noite será para a autora de Follas novas refuxio e compañía, ao tempo que a Lúa e as estrelas serán interlocutores dos seus sentimentos máis íntimos: «durmo alumada pola lámpada que ós probes lle luz dá».

Esta decisiva designación astronómica (na anterior, realizada en 2015, foi escollido como nome da estrela española, Cervantes, e como os seus exoplanetas Quijote, Sancho, Dulcinea e Rocinante), constitúe unha oportunidade formidable de proxección mundial para que a cultura galega coloque no firmamento os nomes de Rosalía e Río Sar, un dos territorios mais íntimos da nosa cantora, proposta que os membros da Agrupación Ío, a quen se debe tan acertada nominación, engaden os doutros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía, como Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria, que serian utilizados no caso de que se descubrisen máis exoplanetas da estrela Rosalía.

Nestes días de Samaín e San Martiño, festa de cabazas, magostos e exaltación da noite, cómpre unha mobilización de toda a comunidade galega de Internet, con atención especial ás tan activas dos centros e bibliotecas escolares, para en man común pór no ceo a estrela Rosalía e o exoplaneta Río Sar: «colleume a noite, / noite brillante, / cunha luniña / feita de xaspes, / cas estreliñas / para guiarme, / que aquel camiño / solo elas saben.»

Os paneis informativos sobre a candidatura elaborado pola Agrupación Ío poden baixarse en pdf aquí.

Podes votar á candidatura Estrela Rosalía aquí.

 

Día do Libro

Dedico o artigo de Faro de Vigo desta semana a celebración do 23 de abril, Día do libro e dos dereitos de autor.

Mañá, 23 de abril, celébrase en máis dun cento de países o “Día do libro e dos dereitos de autor”, unha efeméride creada pola Unesco en 1995 coa intención de homenaxear o libro “animando a todo o mundo, sobre todo ás persoas máis novas, a descubrir o pracer da lectura e a respectar a insubstituíble achega dos autores ao progreso social e cultural”. Promovida internacionalmente polo sector editorial español, que xa a viña celebrando dende 1930, coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega (unha chiscadela da historia) e coa festa cívica catalá do Sant Jordi, o 23 de abril é a grande festa do libro, das librarías e bibliotecas, do fomento da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. Unha celebración que nesta edición centrarase na promoción da frase “Ler para vivir” (#lerparavivir) nas redes sociais e nos actos organizados en Bangkok, cidade tailandesa declarada capital mundial do libro 2013.

Para a Unesco, é innegable o poder de convocatoria que ten o libro en todo o mundo “para transmitir a cultura dos pobos e os soños dun futuro mellor”. Baixo as súa diversidade de fasquías e formatos ao longo da historia, o libro é unha das creacións máis egrexas que fixo a humanidade, a soá que cada cultura modula en cadansúa lingua. O libro é unha creación xenial da humanidade concibida para xerar a lectura, unha actividade cognitiva individual,  enmarcada nun contexto social, que Alberto Manguel considera nos define como especie, capaz de transformar a cada unha das persoas e capaz de axudar a mudar o mundo ofrecéndolle coherencia e sentido. Razóns polas que o acceso de toda a cidadanía en igualdade de condicións á riqueza dos libros, expresada na súa diversidade lingüística e cultural, constitúe un obxectivo para a comunidade internacional e unha responsabilidade irrenunciable dos poderes públicos de cada un dos estados. Esa bibliodiversidade é un patrimonio común de toda a humanidade a preservar que, como sinala o manifesto da Unesco, “fai do libro moito máis ca un obxecto puramente material, a máis fermosa invención do ser humano para o intercambio de ideas máis alá das fronteiras do espazo e do tempo”.

Esta efeméride non pode ser allea ás profundas transformacións que está vivindo o libro. Un tránsito entre o paradigma da edición impresa, fixado hai apenas cinco séculos pola imprenta gutemberiana, cara ao paradigma da edición dixital, desenvolvido polas utilidades hipertextuais e a disrupción que supuxo internet para facilitar o acceso á información e ao coñecemento. Un tránsito que provoca a coexistencia do libro nos formatos impresos e dixitais (libros impresos e libros dixitais) nunha hibridación enriquecedora e moi estimulante para o lectorado e para os profesionais da edición. Mais tamén, un proceso de mudanza non exento de problemas, sobre todo os que atinxen aos perigos da uniformización cultural que pode supoñer o control da distribución dos contidos dixitais en mans dunhas poucas empresas (estadounidenses) e as dificultades para crear unha nova cadea de valor sostible para a edición dixital compatible cos dereitos de autores e editores.

Neste 23 de abril, instalados ademais en plena crise deflaccionaria, con efectos moi virulentos sobre a redución das vendas do sector do libro, non podemos esquecer que a industria editorial achega un valor importante na xeración de emprego, na produtividade e na innovación. En termos económicos, con 23.000 millóns de euros de facturación, o sector do libro constitúe hoxe a primeira industria cultural en Europa, por diante da música, do cine e das artes escéncias. Outrosí sucede en España, onde a industria e o comercio do libro, ademais da súa indubidable contribución ao pluralismo cultural e lingüístico, é tamén a primeira industria cultural (2.772 millóns de euros de facturación), mais tamén a que menos achegas públicas recibe.

Con motivo deste día do libro, os editores galegos fixemos un chamamento á cidadanía e aos poderes públicos a prol dunha política estratéxica para  o libro e a lectura en Galicia. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías, a creación do bono cultura como instrumento de incentivación do consumo cultural, a ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública, o apoio á rede de bibliotecas escolares, a creación dunha oficina para a promoción da literatura e do libro galego no mundo, a realización dun plan de fomento de lectura son algunha das medidas que os editores galegos reclamamos aos poderes públicos para facer efectivo o recoñecemento do sector profesional do libro como estratéxico e prioritario para Galicia, xa recollido na Lei do Libro e a Lectura de Galicia, aprobada por unanimidade do Parlamento Galego en 2006. Feliz día do libro!