Artigos

Obra Social

No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío da absorción do Banco Pastor e da desfeita das caixas, denuncio a situación na que queda a Obra Social da que foron as entidades financeiras galegas.

Unha semana abondou para liquidar o poder financeiro galego. Tras a nacionalización de Novacaixagalicia polo FROB, coa inevitable absorción do Pastor polo Banco Popular remata a historia do primeiro banco galego, fundado hai máis de dous séculos no porto da Coruña por José Dalmau Batista e José Pastor Taxonera co obxectivo de xestionar os aforros dos emigrantes. Galicia queda máis enfeblecida, máis incapaz de asumir riscos, máis dependente, á intemperie dos efectos dunha crise que ameaza, tamén, con levar por diante as posibilidades do seu autogoberno.

Neste contexto de desamparo, as indemnizacións millonarias recibidas por José Luís Méndez, tras a súa xubilación en Caixa Galicia, e polo equipo directivo da Caixanova, tras abandonar a caixa fusionada, constitúen un escandalo para unha cidadanía asombrada diante de semellante descontrol e tan escasa fiscalización das autoridades do Banco de España. Máis aínda cando somos todos os cidadáns os que pagamos a escote estas cantidades desorbitadas sexa por medio das comisións bancarias (cada vez máis elevadas e menos xustificadas) ou por medio dos impostos que nutren os fondos públicos que rescataron as caixas. No entanto, sendo a cuestión das indemnizacións indignante e merecedora de primeira plana, non pode agochar o desastre maior que, sen paños quentes de ningún tipo, supón para Galicia perder as súas tres derradeiras entidades financeiras. Un feito que terá consecuencias negativas para o funcionamento das nosas PEMES e das actividades de autónomos e profesionais, os seus principais clientes. Sen esquecer a inevitable diminución dos beneficios sociais que até agora o Banco Pastor achegaba á Fundación Barrié ou as caixas proporcionaban á Obra Social e Cultural de Caixanova e á Fundación Caixa Galicia. Un problema gravísimo que afecta a servizos sociais, asistenciais e educativos, como á conservación do patrimonio galego ou á promoción das artes e das letras.

Sabemos que no futuro non se van dispoñer dos cen millóns anuais que as dúas caixas achegaban á súa Obra Social, dos que un terzo deles eran destinados a proxectos asistenciais (dende programas de envellecemento activo da rede de Centros de Maiores á asistencia de persoas dependentes) e outro terzo as actividades culturais e artísticas (teatro, música, danza, cine, exposicións) que se desenvolven no seus 97 edificios sociais e culturais, onde se expoñen pezas da súa colección de arte, probablemente a máis valiosa das existentes en Galicia. Sen esquecer os fondos destinados ao sostemento dos seus centros educativos, algúns tan emblemáticos como o Colexio Fogar de Vigo, ás bolsas de iniciación profesional, os programas de asesoramento gratuíto de PEMES ou os de conservación medioambiental, como as famosas “Operación Carballo” e “Operación Castiñeiro”. Todos os datos indican que as reservas de 96 millóns, previstas para os tres vindeiros exercicios, serán insuficientes para o mantemento de toda esta Obra Social, máis aínda cando existe a posibilidade de que unha parte puidese ser utilizada para aumentar a capitalización da NCG no banco hoxe nacionalizado. O futuro de todos estes programas sociais, educativos e culturais, o corazón máis valorado do labor das caixas que foron nosas, queda no aire.

Outrosí sucede coa Obra Social do Pastor, artellada na Fundación Barrié, que non fai falta ser adiviño, a pesar dos desexos dos seus responsables, tamén se verá afectada coa absorción do seu banco. As consecuencias para a cultura galega da diminución da súa actividade poden ser preocupantes, xa que a Barrié é a entidade que achega os fondos principais dalgúns proxectos fulcrais para a posta en valor do noso Patrimonio, dende a restauración da catedral de Santiago, con especial atención ao Pórtico da Gloria, até a súa posta en valor no catálogo das súas publicacións, pasando polo seu apoio ao funcionamento da Real Academia Galega, con especial atención ao seu Seminario de Lexicografía. Sen falar das bolsas da Barrié para a formación de estudantes no estranxeiro, no apoio á investigación ou nos servizos sociais a dependentes.

Se non abondase, a crise da Obra Social das entidades financeiras galegas coincide coa redución brutal dos fondos das administracións públicas destinados ás mesmas finalidades. Roberto Varela, o conselleiro de Cultura, recoñecíao esta semana de forma dramática, referíndose ao mantemento de pezas principais do Patrimonio galego: “Non temos fondos abondos para facer fronte ás necesidades”. O presidente da Xunta de Galicia, a administración con competencia exclusiva sobre todas estas materias de Educación, Cultura e Servizo Sociais, algo debería dicir sobre como ten pensado afrontar esta situación de auténtica emerxencia.

Cando un galego crece, toda Galicia crece



Bapconde, no seu estilo narrativo tan característico, preparoulle a Caixa Galicia esta campaña que, semella destinada a amparar a fusión: “cando todo vaia máis, celebrómolo”, “estamos facendo o que debemos, crecer”, “cando un galego crece, toda Galicia crece”.
Vía Islas Cíes, obrigado.

Os números mandan na fusión

Tras a expectativa creada pola dispoñibilidade das dúas caixas para estudar as posibilidades de fusión, a partir da vindeira semana serán os números os que manden. Semella que por esta análise de Capital Madrid as dificultades para poder cadrar os números van ser importantes, xa que o Banco de España probabelmente só achegará 1.500 millóns de euros dos fondos do FROB, o que para uns pode ser unha cantidade insuficiente e para outros moi difícil de devolver en cinco anos a un interese de case o 8%. José Luís Pego e Javier García Paredes teñen moi pouco tempo para ofrecer as súas entidades unha saída técnica que asegure a viabilidade laboral, a solvencia financeira e a eficacia na xestión da posible entidade fusionada. Non hai dúbida que o emagrecemento da estrutura vai ser brutal, tanto da rede comercial (sobre todo a externa) como da carteira industrial (Pescanova e «R») e financeira (Banco Gallego e Banco Etchevarría). Con todo, iso non abondaría para asegurar o éxito do proceso, sobre todo se as interferencias políticas ou localistas continúan envelenando a cuestión. Feijóo, Caballero e Losada deberían saber controlar o seu protagonismo e permanecer nun discreto segundo plano. O único que parece seguro é que o papel do Banco de España (moi pouco amigo das fusión «intrarrexionais») vai ser determinante.

Dúas SIP para as nosas caixas?

Se finalmente non hai acordo na negociación institucional entre a Xunta e o Goberno, entre o PP e o PSOE, moi dificilmente haberá fusión entre as caixas nosas. Despexada esa incógnita, ábrense dúas posibilidades nas que semella levan traballando os equipos das entidades: Caixanova participaría nunha SIP con outras entidades máis pequenas ca ela (Cantabria, Murcia…) sen acudir ao FROB, o que permitiría unha certa flexibilidade; Caixa Galicia participaría noutra SIP cunha entidade máis grande ca ela, Caja Madrid, e acudirían aos fondos do FROB. De establecerse este escenario, politicamente quen sairía mellor parado do conflito? Se a Xunta non autoriza cada unha das SIP, que alternativas lle quedan ás entidades? E cales serán os efectos sobre a economía galega; e sobre a nosa autoestima como país?

Caja Madrid estuda a integración coa CAM e con Caixa Galicia

Hai tres semanas adiantabamos aquí as tres posibilidades que se barallaban sobre o futuro das Caixas de Aforros galegas. A pesar de que o presidente Feijoo manifestou cautelosamente que o seu Goberno non tiña unha posición adoptada sobre esta cuestión e que daría a sua opinión dentro duns meses, semella que pola información aparecida hoxe en El País e en Cinco días, Mariano Rajoy e Cristóbal Montoro verían ben a integración de Caixa Galicia nunha nova entidade na que se integrarían tamén Caja Madrid e CAM. As tres comunidades gobernadas polo PP unirían así as súas maiores caixas para crear unha entidade que se situaria por diante da «Caixa» catalana.

Con esta documentada información sobre a mesa, a pesar de que entramos en periodo vacacional moito me temo que Feijoo terá algo (moito) que dicir. É de supoñer que algo falarían Rajoy e Feijoo sobre esta importantísima cuestión nas touradas prontevedresas. Se esta fusión vai adiante, hai moitas preguntas a responder: Galicia resignáse a perder o seu primeiro instrumento financeiro? Que futuro lle agardaría a Caixanova?  A dimensión das caixas debe ser o único argumento para artellar as súas fusións? Estas noticias (polo momento, ben sabemos que deben ser consideradas como posibilidades) son outro síntoma de que continuaremos con ese proceso imparable de deconstrución industrial, financeira, lingüística…? Ou é posible que o se está cocendo realmente é a fusión das dúas caixas galegas, como sinala hoxe Público?

A fusión das caixas

A cuestión do financiamento (non pinta ben, xa que non contar con novo Estatuto é un prexuízo grande para a negociación bilateral co Estado) e o da teimosa ofensiva contra o galego non pode adiar na mesa de Feijoo o complexo problema da inevitable fusión das caixas para gañar perímetro na actual crise financeira. A crónica política de Anxo Luxilde (recomendo para estar informado sobre temas principais non perdela semana ningunha) clarifica as tres alternativas que sobre a cuestión se están manexando en San Caetano. A primeira, a que promove Génova: integrar Caixa Galicia no proxecto de fusión de Caixa Madrid e a CAM valenciana, que supoñería formar a maior caixa de España (superando a «La Caixa»), unindo así os esforzos das tres comunidades onde goberna o PP. A segunda, sería que as nosas caixas liderasen fusións con outras de comunidades veciñas, como Caja Asturias ou algunhas das de Castela León. A terceira, sería a fusión galega de Caixa Galicia e Caixanova.

As tres alternativas supoñen importantes dificultades para os seus promotores, especialmente as dúas primeiras, xa que o novo perímetro desvencellaría ás caixas galegas do proxecto de promoción económica do país. Atreverase Feijoo a promover a liquidación de Caixa Galicia como entidade ao servizo de Galicia? Porén, a da fusión galega, despois de vencer algunhas resistencias localistas (xa contamos coa experiencia da fusión de Caixanova), debería asumir o elevado custe social e laboral de eliminar a duplicidade das redes directivas e de oficinas de ambas as entidades. A pesar das dificultades que poidan aparecer semella que esta fusión galega é a única solución viable para poder seguir contando cunha ferramenta financieira propia. O Goberno Galego non pode adiar expresar a súa posición nun tema tan decisivo para Galicia. Outrosí sucede para os dous partidos da oposición que, a pesar dos riscos de abordar un tema  “difícil” coma este –ninguén quere nin pode ter problemas con estas entidades–, teñen unha magnífica oportunidade de visualizar diante da sociedade o rigor da súa alternativa económica e de desenvolvemento sostible.