Artigos

Campo do Fragoso CCXXIII

XA CASE ESTÁ

Creo non estar trabucado en que Cervantes escribiu no Quixote que a prudencia e a discreción eran as nais das virtudes. E a verdade que Fran Escriba, o adestrador celeste, posúe as doses suficientes de prudencia e discreción, como demostrou no serán marabilloso de onte en Balaídos, para dirixir a porto seguro unha nave que atopou a deriva, tras os experimentos fracasados de Antonio Mohamed e Miguel Cardoso. Dende a súa chegada comezamos a ver a un Celta recoñecible e fiable dirixido por Iago Aspas, xa unha auténtica lenda para a historia do fútbol de noso, capaz de marcar sete goles en sete partidos e revolucionar en apenas oito xornadas a táboa clasificatoria celeste, con 15 puntos, catro vitorias, tres empates e unha única derrota no Wanda, precisamente cando o astro de Moaña non xogou. Un Celta que cos tres puntos merecidísimos diante dun Barça cheo de promesas como Riqui Puig, un xogador de apenas vinte anos con trazas de figura do futuro, xa case conta coa permanencia.

Probablemente foi o partido de onte no que máis se notou a man de Escribá, quen dispuxo de saída a súa formación máis atacante, con Boudebouz e Boufal nas bandas, máis asumindo todas as precaucións posibles para non perder nunca o debuxo táctico e a disciplina defensiva como mellor garantía para manter unha xornada máis a portaría de Rubén a cero, un dos obxectivos esenciais para continuar puntuando neste agónico final de campionato. Prudencia de Escribá que non debemos identificar de maneira ningunha con falta de ambición, como se demostrou durante a primeira parte, cando os de Valverde máis monopolizaron a posesión do balón (que non as xogadas de gol) e os nosos procuraban roubar á altura da mediana. Un Celta moi contido na saída do balón dende a defensa, que confiou nun Okay moi poderoso e atrevido a batalla coas dúas promesas blaugranas, Aleñá e Puig, que moi desinhibidas axiña fixeron esquecer as ausencias dos seus maiores. Da biqueira deste gran Okay agromaron, case a media hora de xogo, as primeiras chegadas veloces polas bandas, como aquel centro envelenado de Mallo que no 42’ non atopou por centímetros a cabezada de Maxi.

Coa reanudación a prudencia inicial de Escribá virou nunha volta de porca. O Celta deu un paso adiante. Buscou no balón parado apretar aos visitantes sobre a súa liña de meta. Cada saque de recanto de Boudebouz convertiuse nun drama para Cillessen. Así chegou no 51’ o gol anulado polo VAR, tras unha cabezada de Cabral, empurrada a rede por Araújo, que semella estaba a milímetros da posición reglamentaria. Unha xogada que, tras o inevitable baixón anímico, revolucionou o partido, xa que os de Escribá, dirixidos adiante e atrás polo incansable Aspas, acreditaron na febleza defensiva dun Barça que acababa de incoporar ao loitador Arturo Vidal. No 56’ Boufal, tras unha das súas caneadas, intentou repetir a xogada coa que marcara ao Girona. Pouco despois Maxi cabezou coa porta aberta sobre as mans do gardarredes holandés, mais o gol chegaría no 67’, tras un gran centro dende a dereita de Boudebouz, que Maxi remachou de volea ao primeiro pao. Un auténtico golazo produto dunha intelixencia activada por unha vontade colectiva gañadora. Aberta a táboa de marcas, a prudencia de Escribá aconsellou a entrada de Brais Mendez na lameira, troco co que o Celta recuperou o seu debuxo inicial.

Sería o canteirán de Mos quen no 76’ rematou unha perigosa xogada combinada, mentres nuns minutos tácticos interminables, Aspas asumíu a responsabilidade de incrementar a presión defensiva diante dun Barça que comezou a desincharse. Así chegaría no 87’ o penalti asubiado polo VAR, por unha man clara de Wagué, que sería transformado con sangue frío polo Mago de Moaña dun xute cruzado. Pechábase así con prudencia e teimosía unha das vitorias máis claras da tempada, que animou á prudente bancada celeste a cantar emocionada e polo baixiño unha merecida rianxeira. A pesar de que a permanencia non está asegurada de forma matemática e a táboa continúa moi apretada, semella que xa case está conseguido o obxectivo co que chegou Fran Escribá hai apenas dous meses. Faltan apenas un par de remadas para atracar en porto seguro. Adiante Celta!

Campo do Fragoso CCXIX

O CELTA NA UCI

O peor do que sucedeu onte en Balaídos non foi a derrota sen paliativos do Celta fronte a un Levante mellor nin sequera o avultado da táboa de marcas, 1-4. O peor foi que a bancada quedou frustrada contemplando un Celta desquiciado, desorientado, impotente, conformista presentando a súa firme candidatura ao descenso de categoría. E onte non apareceron os fantasmas do VAR nin arbitraxes severas (co noso Celta sempre o foron) nin se pode xustificar a derrota polas ausencias de Maxi e Aspas, os dianteiros sobre os que Felipe Miñambres deseñou esta tempada o proxecto, os seus moi numerosos descartes e as súas polémicas fichaxes. A bancada tomou conciencia onte que o Celta padece unha doenza severa que pode levalo a Segunda. O que son palabras maiores para o futuro do propio clube, cando vive unha das etapas de maior distanciamento entre a propiedade e a afección.

Unha doenza agravada esta semana por dúas crises que danaron máis esta precaria saúde. A primeira cando o xoves o PP volveu monopolizar a sede do clube de Príncipe para lanzar a candidatura do seu presidente, superando así a liña do pluralismo político do clube fundado en 1923 por Manuel de Castro Handicap e outros galeguistas, unha fronteira que o propietario da SAD ten obriga moral de respectar, por moi respectables que sexan as súas afinidades políticas, tanto como as de milleiros de celtistas. A segunda, esta derrota tan contundente contra un rival directo na loita pola permanencia, que supuxo a perda real de sete puntos, o que deixa aos de Cardoso en caída libre e á bancada do Fragoso angustiada.

Confeso que antes de comezar a matinal non animaba ao optimismo a enésima ocorrencia do adestrador de Trofa na confección do once inicial. Colocar a Brais Méndez como referencia en punta e confiar a Jozabed e a Fran Beltrán o liderado do xogo foron decisións arriscadas que apenas tardaron vinte minutos en demostrarse moi desafortunadas. O tempo que tardaron os visitantes en que Rochina gañara unha desputa aos nosos mediocampistas no tres cuartos celestes e cun pase longo pillase as costas dos centrais, entre os que apareceu o veterano Morales para bater a Rubén a pracer. Un tipo de xogada que se repetiría ao longo do partido grazas á intensidade e ás axudas dos valencianos capaces de gañar practicamente todos os duelos aos galegos, para os que a lameira se fixo moito máis grande que os seus azos.

Ben é certo que antes de que marcasen, Boufal xutou con intención sobre o porteiro, tras un dos seus fermosos caneos, capaces aínda de provocar o sorriso da bancada. Perigo que se repetiría vinte minutos despois, cando o marroquino enviou a Mallo un balón gañador que o de Marín rematou (o mellor que puido) sobre o porteiro nas proximidades da área pequena. Unha xogada onde puido estar o empate, mais que demostraba a carencia total de referencia atacante dos nosos.

Dúas xogadas que resumen todas as ocasións celestes, moi superados polos levantinistas que despois dun paradón de Rubén aumentaron, antes do descanso, a diferenza grazas a unha cabezada de Coke ao segundo pao, que rematou sen oposición ningunha un saque de recanto. Un partido liquidado ao comezo da reanudación, cando foi expulsado Boudebouz, tras un entradón só atribuíble á falta de concentración do debutante. Como sucedera en Xetafe, en inferioridade numérica o Celta foi máis vulnerable, ao que pouco axudaron os trocos de Cardoso, superado polas contrariedades.

Coa bancada en estado de shock, cando algúns afeccionados apuparon ao presidente ou aproveitaron para ir xantar, a ferida agravouse co terceiro do Levante, outra collida de costas da liña de tres centrais e coa vergonzosa desputa entre Brais e Boufal, con 0-3 e faltando apenas dous minutos para a conclusión, para dirimir quen tiraba un penalti (dubidoso), que sería transformado polo internacional de Mos. No entanto, o Levante aínda tería tempo de redondear o resultado con outro caroliño que deixaba ao Celta xa na UCI.

Non quero ser agoreiro, pero o Celta vai telo difícil para evitar o descenso. Nin sequera co regreso de Aspas ou coa mudanza de adestrador vai ser doado remediar a doenza que padece. Convén lembrar a frase de Alfredo Di Stéfano, «ningún xogador é tan bo como todos xuntos». Como convén non esquecer que a doenza do Celta, desde a marcha de Eduardo Berizzo, ten moito que ver, roubándolle a frase ao seu mestre Eduardo Bielsa, «coa perda de identidade do proxecto, dos argumentos que o sosteñen, do desenvolvemento da idea». Carlos Mouriño sabe que nos soños comezan as responsabilidades. O Celta é un soño case centenario de milleiros e milleiros de celtistas.

Fotos: Grobas /Faro de Vigo

Campo do Fragoso CCXVIII

TEMPOS DIFÍCILES

Tras catro derrotas consecutivas e apenas un punto de quince posibles, o Celta de Miguel Cardoso esvara no abismo do descenso. A súa impotencia anímica e escasas alternativas de xogo diante dun Valencia moi necesitado agoira unha segunda volta dramática. Tras seis tempadas nas que o club de Carlos Mouriño semellaba atopar estabilidade nas posicións medias da táboa de Primeira, mesmo aspirando a participar nas competicións europeas, a noite do pasado sábado volveron ao Campo do Fragoso os fantasmas do último descenso (2006/2007).

Un proceso de descomposición deportiva que lembramos comezou a manifestarse tamén cunha xeira de derrotas consecutivas no comezo do inverno polas que o daquela flamante propietario recibiu no palco os primeiros apupos. Recordamos como aquel Celta do valente Fernando Vázquez, liderado por Borja Oubiña e Gustavo López, foi quedando sen fol anímico e sen recursos de xogo, azos que tampouco puido achegar o simpático Hristo Stoichkov, recibido en Balaídos cando faltaban apenas dez partidos coma un heroe, mais que só puido acompañar ao Celta na súa peregrinaxe cara Segunda, un inferno onde loitaría despois (non o esquezamos) durante cinco tempadas.

E como sucedera hai unha década, na que o guión previsto para a tempada mudou radicalmente co comezo da segunda volta, este Celta de Cardoso parece estar pouco preparado para padecer os rigores anímicos da loita tremenda que supón evitar o descenso, onde cada partido debe afrontarse a cara de can, como unha auténtica final. Dificultade superior nesta ocasión, onde a igualdade na táboa de marcas, na que as diferenzas entre as posicións europeas e de descenso son de apenas tres vitorias, sitúa a salvación por riba dos corenta puntos. E aí, a partir de agora, en acadar eses corenta e poucos puntos está o obxectivo dun Celta obrigado a modificar decontado e con a maior determinación a súa folla de rota.

Mudanzas urxentes que pasan pola incorporación de reforzos en posicións claves e pola recuperación do estado de ánimo e do compromiso dun vestiario, no que os ventos non foron de todo propicios. Tarefas que obrigan a actuar con afouteza tanto á propiedade do club, á dirección deportiva, ao cadro técnico como ao núcleo duro do cadro de xogadores (por utilizar un eufemismo) para liderar a remontada, sen esquecer o apoio nestes tempos difíciles dos seareiros celestes, dispostos outra vez máis a termar dun soño celeste inacabable.

Xaora, non está todo perdido. O sábado á noite o Celta notou moito as baixas de Aspas, Costas e Okay, tres pezas esenciais no esquema do adestrador de Trofa, cuxa reincorporación nas vindeiras semanas pode contribuír a conectar máis voltaxe ás tres liñas dun equipo que durante a primeira parte diante do Valencia xa foi máis ordenado e soubo protexer mellor as súas costas que nas debacles recentes co Athletic e co Raio. Mais non abondará co regreso de Iago, que con certeza achegará na lameira o liderado que o sábado tanto botamos en falta, orientando o xogo de Brais, Boufal e Maxi Gómez, que semellan algo perdidiños sen a luz da estrela de Moaña.

Sen embargo, o Celta precisa de maior rigor táctico na xestión dos tempos de partido, sexa mediante os trocos ou de variantes ocasionais, algo que tanto Mohamed como (polo momento) Cardoso non souberon proporcionar, quizais polo coñecemento escaso da competición española. Como cómpre reforzar nesta xaneira o cadro de xogadores cun par de valores contrastados, xa que a política de formación de «promesas» internacionais para ser traspasadas por millonadas (eis o caso lamentable de Emre Mor, unha das fichaxes máis caras da historia do club, ou de Jensen, outra figura aínda inédita), pode ser atractiva para o propietario, pero nefasta a medio e longo prazo para o futuro do equipo.

No entanto, hai tempo suficiente para reorientar esta deriva negativa. O magnífico estado de forma de Rubén Blanco, auténtico heroe diante do Valencia, capaz de evitar unha goleira de escandalo, convida ao optimismo. Como tamén a madurez deportiva do núcleo de canteiráns, que conforman case a metade das aliñacións, aseguran o compromiso até o derradeiro minuto coa causa celeste. Hoxe aínda é posible abordar estes tempos díficiles e evitar o descenso, pero para iso cómpre que todas as instancias do club e do celtismo actúen en man común. Agardemos conseguilo.

Campo do Fragoso CCXVI

SEN COMPÁS

Do entusiasmo do gran partido fronte ao Atlético de Madrid pasou o Celta a decepción do empate no tempo engadido fronte a un Valladolid que foi superior durante a última hora de xogo. Un Celta que saíu arrasando durante os primeiros vinte minutos nos que marcou dous goles mais que perdeu o compás cando cedeu o control da pelota ao seu rival.

Un equipo afouto e paciente sempre este de Pucela, un dos visitantes que máis acompañantes traen a Balaídos, que non marcara nos catro partidos anteriores de liga mais que aquí soubo atopar o camiño dos seus tres goles na fraqueza da banda esquerda celeste, onte unha auténtica viña en tempo de vendima. É por moito que lle doa a Antonio Mohamed, correspóndelle a el boa parte da responsabilidade da nefasta actuación defensiva dos laterais, tanto de Juncá como de Roncaglia, que amosaron unha febleza tremenda, moi evidente xa na primeira parte, á que o adestrador non soubo poñerlle remedio ningún. E cando o intentou coa entrada de Junior Alonso, acumulando un liña de catro centrais e un medio centro (tamén) defensivo, o equipo xa perdera o compás e a capacidade de darlle acougo ao seu xogo en ambas as dúas áreas.

Comezou o Celta de marabilla forzando dous saques de recanto no minuto inicial e marcando dous tantos cando non transcorreran oito. Aventurábase un día de festa goleira. Coa luva esquerda Aspas creou o primeiro no minuto catro, aproveitando unha parede de Maxi que recibira ao pé un centro raso de Juncá. O segundo chegou, pouco despois, cando o goleiro uruguaio rematou de volea entre dous defensas un servizo de Iago dende a banda dereita. Unha táboa de marcas que debeu de incrementarse no 10’ cando Aspas cabezou un centro precioso de Brais ou no 15’ cando Boufal xutou e o porteiro Masip zafou con moita fortuna co seu corpo.

Xaora, cando máis vento nas velas levaba a nave celeste, foi cedendo no entusiasmo e chegou o fatídico parón para a auga, momento desque o que os de Mohamed afrouxaron as rendas. A dupla de mediocampistas Lobotka e Okay non carburaba e o equipo perdeu o compás. No 36’ produciuse o primeiro furado na banda de Juncá (un lateral, onte, mellor atacante ca defensor) e a primeira oportunidade clara de gol dos visitantes, un xute a base do pao de Alcaraz. Tres minutos despois, tras outra perda de Lobotka (moi soíño até a entrada de Beltrán, co partido case vencido), o Valladolid acurtaría distancias: Óscar Plano cabezou á rede un centro lateral de Nacho, tras unha desatención de Roncaglia, que viviu un día pouco afortunado. Unha xogada exitosa que os pucelanos repetirían nos seus goles posteriores.

Tras a reanudación, no 53’ a pesar do gol temperán e marabilloso de Aspas, un xute dende fóra da área de moitos quilates, tras unha caneada moi xeitosa de Boufal, o Celta non conseguiu facerse co tempo do partido, xa que os visitantes teimaron en roubarlle o balón. E sen a pelota, por moitos homes altos que acumule atrás, o Celta amosou que é un equipo vulnerable. Nacho volveu ensaiar o centro lateral desde a esquerda, que desta volta aproveitou Enes Ünal. Un segundo tanto pucelano no 68’ que axustou a táboa de marcas, abrindo unha media hora final a cara de can, con oportunidades do gol en ambas as dúas portas.

O Celta puido marcar nun gran xute de Brais á escuadra no 72’ e no 87’ cando Iago nunha contra, que semellaba gañadora, encarou a Masip en solitario. A entrada na lameira de Beltrán deulle máis fluidez e balón ao xogo celeste, mais os visitantes teimaron na procura do empate. Puideron conseguilo cando Ünal encarou ao noso Sergio ou cando no 85’ Michel bateu cun xutazo sobre o longueiro. Fixérono cando máis doía e cando o Celta xa non puido responder, no derradeiro minuto dunha prolongación de cinco, no enésimo furado da banda esquerda celeste que Leo Suárez aproveitou para marcar o gol dun tan merecido empate.

Antonio Mohamed onte non soubo ler un partido complexo de fútbol europeo, que no seu inicio semellaba un aparente trámite para consolidar ao Celta en posicións de privilexio. Faltoulle onte aos celestes compás e dirección, doses maiores de humildade e concentración, un chisco de acougo e pausa no xogo co balón.