Artigos

Bocadillos vigueses

Tras a festa da Reconquista dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a memoria dos bacadillos vigueses:

choripanO choripán, o bocadillo de chourizo grellado, foi a estrela gastronómica da festa da Reconquista. Como sucede dende hai anos, o bocata de orixe arxentina transformou co seu olor inconfundible o Vigo vello até converterse nunha das iconas da que xa é a primeira festa da cidade. Aínda máis, o popular bocadillo do Río da Prata conta xa na nosa cidade metropolitana con himno de seu, unha peza roqueriña de Sniff and Crash, o grupo de Yago Ray Costas e Denís Carballás, que aventuro contará con milleiros de visitas en youtube. Apenas outra peza máis no proceso de creación dunha nova tradición viguesa, que de forma tan exitosa promove a veciñanza do Casco Vello, á que non é allea a procura dun espazo identitario compartido por toda a cidade.

Festa da Reconquista, semellante a outras celebracións de época da nosa contorna, como a da Arribada de Baiona ou a feira Franca de Pontevedra, que contribúen a facer cidade, tanto por incrementar a cohesión cidadá como a pór en valor os cascos peonís como espazos de encontro e lecer. Festas onde, máis alá da fidelidade da recreación histórica de acontecementos, costumes e vestiario, o que reina é a algarada ritual, a xoldra fachendosa da nosa cultura popular (sobre todo da música de raíz e do traxe tradicional) e a presenza teimosa do choripán e outros alimentos na grella.

E non é doadamente explicable na Reconquista a primacía do bocadillo gaucho en terra, coma a nosa, onde contamos cun pan marabilloso e moita imaxinación (como sucede coa empanada) para meterlle dentro as nosas mellores delicias. Considerado sempre como o alimento preferido pola rapazada, todos sabemos dos momentos ben gustosos e saudables que pode achegar un bo bocadillo de queixo do país con marmelo, por ofrecer un exemplo dun bocado ben larpeiro.

Como coñecemos que o bocadillo serve como refrixerio da parva de mañá ou merenda da tarde, como aquelas inesquecibles de pan con chocolate “La campana” ou cunha rebanda de tona con azucre. Sabores da nosa infancia que impregnan a memoria como aqueles dos bocadillos de conservas (sardiñas ou mexillóns) da cantina do colexio, en barriñas da panadaría Darío da Ronda. Lembranza dos bocadillos da nosa adolescencia, como os de luras do Pil Pil da Alameda, os de xamón de Xatomé, cando de viaxe faciamos parada obrigatoria na Cañiza, os de tortilla do bar Carballo ou os de xamón asado do Porco, que aínda se poden tomar no seu novo local da rúa Real.

Non hai dúbida que cada xeración ten os seus bocadillos preferidos. Nos anos oitenta apareceron en Vigo os bocadillos da movida, que contaban con novos e diversos ingredientes. Nesa novidade foi esencial a apertura en 1982 do Papo’s, nun recunchiño da rúa Venezuela, ao pé da escaleiras de Taboada Leal, que comezou a competir coas hamburgueserías abertas nos días do tardofranquismo, como o Corner Hut de Velázquez Moreno coa rúa Progreso ou o Hot and Cold de Torrecedeira. O Papo’s creou, entre outros bocadillos memorables, o mítico “Lourdes”, nome da súa fundadora, un completo de polo que dende hai tres décadas conta con milleiros de incondicionais. Con semellante vontade naceron máis tarde, entre outras, cartas excelentes como as das bocaterías Rin Ran e Lareca, na rúa Churruca, El Chivito en Fragoso e Jenaro de la Fuente, a Paparra en Travesas ou a do Camaleón, ofrecendo a posibilidade de gozar da marabilla de tomar un bocata no paseo de Samil.

Hoxe os bocadillos vigueses están sufrindo outra volta de porca. Hai novos establecementos que ofrecen auténticas marabillas como as de El Trigal, a panadaría da rúa Alexandre Bóveda, frecuentadísima nos partidos nocturnos do Celta. Como tamén son moi ricos os que sirve o foodtruck La Martinesa no espazo gastronómico do Mercado do Progreso. Como é destacable o esforzo por deconstruír o concepto de hamburguesa que ofrecen La Pepita e Casa Galeguesa na rúa Porto. Esforzo de creatividade que no eido do bocadillo fai o chef vigués con estrela Michelin Pepe Vieira, no resturante “A Ultramar” en el El Corte Inglés, onde prepara como prato estrela o bocadillo de luras fritas con emulsión de allo negro fermentado e pel de limón. Unha auténtica delicatesen de gourmet que reiventa o que é, probablemente, o bocadillo galego por excelencia.

Como fan estas novas propostas, é posible procurar alternativas ao liderado do insulso choripán e reinventar dende a nosa tradición e produtos de proximidade unha nova icona gastronómica para a Reconquista. Organizar un concurso de bocadillos vigueses mobilizaría a creatividade do noso sector da restauración máis innovador. Non semella moi difícil ofrecer na próxima Reconquista novos bocadillos vigueses máis saudables e con etiqueta.