Listado de la etiqueta: bng

Onte 1307: Sondaxes

la_voz_de_galicia

Non me atrevo a valorar a fiabilidade das sondaxes publicadas onte por La Voz de Galicia. Xaora, alertan sobre tendencias electoriais que non me parecen disparatadas. Primeira: as posibles maiorías absolutas de Abel Caballero e Miguel Anxo Lores, que se sitúan moi por riba da tendencia á baixa dos seus partidos no resto das cidades. Segunda: a necesidade que terá o PP de apoiarse na súa marca branca de Cidadáns para poder manter un par de alcaldías. Terceira: as importantes dificultades das Mareas, coa excepción da liderada por Martiño Noriega en Compostela e quizais á da de Xulio Ferreiro na Coruña, de contar cos votos vertebrados por Podemos noutras convocatorias. No entanto, a un mes da convocatoria, con estas sondaxes todos terán razóns para a esperanza. O Partido Popular podería conservar os mobles cun par de alcaldías, repartíndose o resto o PSOE, o BNG e as Mareas. Bendita fragmentación!

Un plan para a lingua

No artigo da semana de Faro de Vigo publico unha reflexión sobre o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega con motivo do décimo aniversario da súa aprobación.

Logo PNL_JPGHai dez anos, o 21 de setembro de 2004, o Parlamento Galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Foi aquel un día histórico (ou así o crimos moitos) para o galego, ese patrimonio milenario que a humanidade deixou ao noso coidado. Foi aquela unha páxina máis do libro da esperanza do noso país, escrita con sintagmas de simpatía, optimismo e xenerosidade e impresa coa tipografía colaborativa de noso.

Promovido e elaborado durante o goberno presidido por Manuel Fraga Iribarne, do que era vicepresidente Alberto Núñez Feijoo, correspondeu a Xesús Pablo González Moreiras, daquela Director Xeral de Política Lingüística, cuxa personalidade integradora lembramos con saudades, convocar e animar para a súa redacción a unha comisión técnica presidida polo académico Manuel González, organizada en oito comisións sectoriais, nas que traballaron máis de cen persoas de diferentes ámbitos profesionais e académicos que recolleron máis dun milleiro de opinións, achegas e inquedanzas de persoas, asociacións e colectivos educativos, culturais e cívicos diversos.

Tras un intenso debate e un modélico (e pouco frecuente) exercicio de consenso por parte dos tres grupos parlamentarios (PPG, PSdeG-PSOE e BNG), o plan foi aprobado co voto de todos os membros da cámara galega. Un éxito colectivo memorable que merece ser recordado. Deseñábase así unha completísima folla de rota, apoiada por todos os grupos e alicerzada sobre a Lei de Normalización Lingüística de 1983, un auténtico plan integral e estratéxico de normalización que pretendía servir de guía das políticas dos poderes públicos (dende a Xunta de Galicia ás administracións locais) sobre a lingua galega nas primeiras décadas do século XXI. Un plan que se poñía en marcha cando comezaban a percibirse síntomas moi preocupantes do devalo social da lingua, da ruptura da súa cadea de transmisión familiar e da aceleración do seu proceso de substitución polo castelán.

Orientaron a redacción do documento do PXNLG a consecución de cinco grandes obxectivos, hoxe plenamente vixentes e aínda non acadados, como o de “garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe”, sabendo que conta co amparo das leis e das institucións; favorecer o uso do galego nos distintos ámbitos da sociedade, “conseguindo para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos”, como os da educación e administración; ou “promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda”. Obxectivos que se concretaron para cada un dos sectores (administración e xustiza, ensino, medios de comunicación, economía, sanidade e ciencias, e sociedade) en máis de 400 medidas concretas, cuxa posta en marcha debería ser incorporada pola Xunta de Galicia a un plan anual cuxa avaliación e seguimento sería presentada ao Parlamento Galego.

Transcorrida unha década, aquelas enormes potencialidades do PXNLG para darlle un novo pulo ao galego apenas se aproveitaron, fose polo seu tímido desenvolvemento inicial no goberno de Touriño, como e sobre todo pola aberta belixerancia dos gobernos presididos por Feijoo, que xa dende a oposición albiscou, non sabemos se por convicción ou por oportunismo, o rendemento electoral que lle produciría abrazar a doutrina de “la imposición del gallego” e a defensa da denominada “liberdade lingüística”. Amparándose nesa liña doutrinal foi especialmente intensa a contrarreforma lingüística imposta polo primeiro goberno de Feijóo, que coa aprobación en 2009 do “Decreto de Plurilinguismo” (parcialmente anulado despois polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) levou a unha sensible redución da utilización do galego como lingua vehicular no ensino non universitario e a súa práctica desaparición dos centros de educación infantil, sobre todo os dos entornos urbanos. Dende entón, o goberno de Feijóo desvinculouse de facto das medidas programáticas recollidas no plan xeral, reduciu até nun 70% as partidas destinadas para a lingua e desentendeuse dos mecanismos previstos de planificación e avaliación do plan. En román paladino, aquel consenso arredor do plan de 2004 quedou en auga de castañas.

Nun entorno de auténtica emerxencia, cando os informes sociolingüísticos recentes agoiran unha lenta agonía para o galego, a lingua precisa dun plan integral de recuperación acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. A recuperación dos obxectivos e medidas estratéxicas do PXNLG, así como o espírito participativo e de amplitude de miras co que foi elaborado, aventuro que moito axudarían a recuperar o consenso. A nosa lingua, a de todos os galegos, merece outra oportunidade.

Onte 1082: Terrorismo machista

Non_a_violencia_machistaTras a intervención do vicepresidente Rueda sobre a escalada de violencia machista en Galicia, diante dunha bancada do Goberno baleira, Carme Adán preguntou na tribuna: «Imaxinemos, por un momento, que estivésemos a falar de sete persoas mortas por terrorismo. Vostedes cren que non estaria aquí Feijóo?» E non lle falta razón á deputada do BNG cando fai este duro paralelismo, xa que o terrorismo machista debe ser considerado como unha cuestión de estado, un problema político e social de primeira magnitude. Así o entenden as organizacións feministas que entregaron onte ao vicepresidente unha táboa reivindicativa de medidas contra a violencia de xénero, que van dende accións educativas e sanitarias, a outras referidas coa xustiza e a seguridade, o emprego, o apoio ao asociacionismo feminimo, a erradicación da publicidade sexista ou o protocolo de actuación dos medios de comunicación sobre esta cuestión. Para combater a lacra do terrorismo machista non abondan os minutos de silencio. Requírese que pase ao primeiro plano da axenda pública. Daquela, a bancada azul non quedaría baleira cando se abordase no Parlamento.

Onte 987: Podemos gaña en Navia

Europeas_2014_Vigo_distritosO feito de que Podemos gañase as Europeas en Navia non debe pasar desapercibido. Esoutro novo Vigo, un polígono de vivendas de promoción pública e cooperativa, cunha poboación que ten a media de idade máis baixa de Galicia, está chamado a marcar as tendencias do voto da xeración de menores de 40 anos. Nas últimas Autonómicas en Navia gañara AGE, formación que nas eleccións do pasado domingo ocupou a segunda posición. É un feito para a reflexión que o PSOE, partido que tradicionalmente lidera o voto no veciño barrio de Coia, sexa en Navia terceira forza política, mentres que PP e BNG ocupan as últimas posicións. Non semella un disparate considerar a hipótese de que Navia sexa un distrito que adianta o comportamento electoral do futuro voto urbano. A ter en conta nas análises que se está facendo sobre os resultados electorais na cidade de Vigo, onde o taboleiro revolcouse unha barbaridade.

Onte 986: Racha o taboleiro

SAMSUNGOs resultados das Europeas racharon o taboleiro. Os partidos considerados sistémicos de cada espazo político sufriron un pao severo do seu electorado. PP e PSOE en todos os territorios, Izquierda Unida na Comunidad de Madrid, o BNG en Galicia, por poñer só tres exemplos. A irrupción de forzas alternativas de esquerda, Podemos en toda España, incluída Galicia, onde apenas conta con implantación, e unha certa consolidación das posicións de AGE, testemuñan a necesidade de novas propostas, novos liderados e novas formas de comunicación política. Non agocho a decepción por outro pésimo resultado do BNG, un síntoma apenas da necesidade da súa refundación, se non quere quedar nas vindeiras municipais nas marxes da irrelevancia. Porén, os resultados en Galicia, onde gaña a esquerda, abren espazo para a esperanza; é posible artellar unha sólida alternativa de esquerda nacionalista capaz de facerlle fronte a un PP que retrocede e desputarlle o sorpasso a un PSOE en claro devalo.

Onte 985: Temos dereito a un futuro distinto

xavier-vence-conversas-capaA viguesa editorial Engaiolarte abriu o seu catálogo cun excelente libro de conversas de Xan Carballa con Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Gustei da edición coidada deste libro alboral tanto polo singular do seu formato cadrado, pola composición da páxina e o tratamento do texto e fotos coma polo acabamento en flexi-book, aspectos nos que se percibe a experiencia editorial de Xosé Fernández Puga e o propio Carballa, editores d’ A Nosa Terra. Pola conversa que mantivemos con Puga na Feira do Libro de Vigo, sabemos que Engaiolarte ten a intención de apostar pola edición de libros fermosos, moi coidados na edición e nas calidades dos materiais. Sen dúbida, un acerto para afrontar o complexo proceso de hibridación da edición cultural galega de hoxe.

Xaora, alén do interese deste libro como obxecto, o que máis gustei foi da voz achegada por Xavier Vence, o protagonista destas duascentas páxinas que papei dunha sentada ao longo da tarde de onte. Unha conversa fluída, ben estruturada, con esacasas repeticións, o que constitúe mérito de Xan Carballa, un dos nosos mellores xornalistas culturais. Vence ofrece unha voz sen estridencias, un discurso reflexionado e depurado no eido académico, capaz de ofrecer unha raiola de esperanza para o nacionalismo galego de esquerdas. Abandonando o seitarismo e o vitimismo (esas doenzas que parecían incurables nos dirixentes nacionalistas), asumindo tamén a autocrítica, Vence humaniza a actual proposta política do BNG expresando de forma didáctica e comprensible, sen abusar da súa talentosa erudición económica (un dos seus puntos máis fortes), que a saída máis responsable en Galicia para a crise é a soberanista. Vence valora de forma equilibrada o labor do bipartito e a ruptura da XII asemblea do BNG, ademais de realizar afirmacións que abren un espazo para a recuperación dunha alternativa nacionalista de esquerdas que teña por obxectivo acadar os 500.000 apoios electorais, ese 25 % ou 30 % que a fagan eixo de gobernabilidade. É, pois, moi de agradecer este esforzo de tender pontes presente nas páxinas dun libro de conversas no que Vence presenta un discurso cheo de matices para liderar o nacionalismo galego de esquerdas desta década.

O subtítulo do libro, «Temos dereito a un futuro disitinto», expresa a vontade de Vence de conectar afectivamente cos sectores sociais e políticos que están ou estiveron na fronteira do BNG ou que formaron parte do nacionalismo político organizado nas últimas tres décadas. Quizais non lle falte razón a Vence e o futuro do nacionalismo galego de esquerdas dependa nesta altura máis da súa capacidade de conectar afectiva e emocionalmente coa sociedade galega ca do seu programa.

Parabéns aos editores de Engaiolarte, a Xan Carballa e a Xavier Vence por ofrecer tan interesante estrea editorial. Recoméndoa.

Onte 982: Ana Miranda, unha extraterrestre

ana_mirandaÉ desoladora a decisión adoptada pola Junta Electoral de eliminar ao BNG do espazo que os medios públicos galegos dedican á cobertura da campaña, a pesar de que a candidatura nacionalista obtivo en Galicia nas últimas eleccións europeas 103.724 votos. A efectos prácticos supón para o BNG perder os 27 segundos que tiña asignados dentro dos cinco minutos que en cada informativo de TVG e da Radio Galega dedican ás europeas. Adoptada a instancias dun recurso presentado por UPyD, formación que en Galicia apenas contou con 14.418 apoios, esta decisión pretende negar simbolicamente a existencia da candidatura nacionalista nos medios públicos que conforman o espazo informativo galego. No que queda de campaña electoral Ana Miranda será apenas unha extraterrestre deambulando polo país, que deberá afastarse dos micrófonos e cámaras dos medios públicos galegos? Sería un xesto de fair play que o resto das candidaturas galegas rexeitasen tan inxusta e desproporcionada decisión.

Onte 933: Con Ana Miranda

Ana_Miranda_03-04-2014Gustei moito de escoitar a Ana Miranda, a candidata do BNG nas eleccións ao Parlamento Europeo, na súa intervención no Fórum Europa de Vigo. Na presentación que dela fixo Camilo Nogueira salientou aspectos esenciais como os seus quince anos de experiencia parlamentaria en Bruxelas, a súa capacidade para expresarse nunha manchea de linguas, como a súa visión integral e o seu coñecemento profundo dos problemas de Galicia e no mundo.

No seu discurso Ana Miranda amosou este coñecemento, froito tanto dunha formación xurídica moi rigorosa como dunha experiencia e madurez política incuestionable. Comezou denunciando a pobreza, a desigualdade e a exclusión como principais problemas dunha Galicia con 280.000 persoas paradas, 100.000 emigrantes mozos expulsados do país e 90.000 familias sen ingresos ningúns. Denunciou o emprego precarizado en Europa, onde xa «hai 120 miillóns de cidadáns pobres, case unha cuarta parte dos da Unión».

Presentou un balance da súa actividade parlamentaria, centrándose sobre todo nos temas pesqueiros, medioambientais e de política industrial. «Nós somos unha nación pesqueira, un país atlántico» afirmou, ao tempo que lembrou que polos corredores do parlamento foi despedida como «a señora da pesca artesanal».

Apoiou os procesos soberanistas de Escocia e Cataluña, que cualificou de «exemplo vivo de democracia e do dereito a decidir nunha Europa que non recoñece a diversidade». «O seu é un exercicio pleno de democracia, o máis vangardista nos procesos de liberación nacional dos últimos séculos, sobre todo pola implicación da cidadanía. Merecen todo o meu respecto».

Ana Miranda respondeu con claridade na quenda de preguntas que lle formularon os asistentes dende a posición dos coaligados verdes sobre a pesca galega no parlamento («sempre defendimos e sempre defenderemos os intereses galegos»), pasando pola súa opinión sobre Lidia Senra («expreso o meu respecto para ela, benvido todo o mundo que defende a Galiza») até as relacións con Bildu («aquí en Galiza a lista será a do BNG, as coalicións son instrumentais, alí onde esteamos defenderemos os temas galegos, que son os temas universais».)

Creo que a de Ana Miranda é, sen dúbida, unha excelente candidatura. Unha voz firme, rebelde, loitadora. que defende unha Europa que aínda non existe. Unha beizón para a defensa dos intereses de Galicia e dunha nova Europa posible. Agardo que teña a maior fortuna no seu empeño.

Onte 613: O esencial na defensa da lingua

A presentación por parte do BNG dunha proposición de Lei de usos públicos e sociais da lingua galega desluciuse cos inxustos cualificativos de Pilar García Negro sobre o profesor don Xesús Alonso Montero. Como a pasada semana foron escasamente afortunadas as declaracións do presidente da Real Academia Galega sobre a relación do BNG co idioma galego. Un conflito artificial, probablemente cunha orixe política que ven de lonxe, un comportamento escasamente exemplarizante por ambas as dúas partes, que enfraquece un pouco máis o prestixio na sociedade da lingua e das institucións culturais galegas. A loita do BNG (e do conxunto das forzas nacionalistas) a prol da lingua galega é unha tarefa patriótica primeira que merece o maior recoñecemento e respecto. Como tamén o é o compromiso de toda unha vida do profesor Xesús Alonso Montero coa lingua e cultura de noso. Iso é o esencial en ambos os dous casos. Ademais, tanto o BNG coma o presidente da RAG saben que os inimigos da lingua galega están nas cada vez máis influentes posicións negacionistas e naqueloutras que contribúen politicamente ao retroceso do seu estatus. A angueira da lingua galega é aumentar o perímetro do seu abrazo. O obxectivo primeiro das políticas normalizadoras é parar a hemorraxia de persoas galegofalantes, recuperando a autoestima e superando prexuízos e actitudes negativas. Non está de máis, nesta semana das Letras, na que homenaxeamos a Rosalía e Vidal Bolaño, lembrar que o galego é a lingua de todos e todas, sen excepción de cidadanía galega ningunha, mesmo daquelas persoas que non a utilizan de forma activa. Como non está de máis apelar a que a súa defensa é responsabilidade de todos e todas sen excepción. Iso é o esencial.

Onte 556: O BNG con Vence

Todas as informacións que coñecimos onte sobre o desenvolvmento da XIV Asemblea do BNG amosan que desta volta a fronte nacionalista si que imprimiu unha importante virada. A mudanza do portavoz nacional e do oitenta por cento da executiva, elixidos case por unanimidade, así como a inequívoca deriva programática cara un proxecto soberanista, homologable aos de Esquerra Republicana ou Bildu, abren unha nova etapa para a organización hexemonizada pola UPG. Tras o fracaso da asemblea de Amio de hai pouco máis dun ano, que levou á fractura da organización e ao fracaso nas Autonómicas de novembro, na de onte o BNG gañou en cohesión e capacidade de innovación programática, achegándose ao modelo organizativo do BN-PG da Reforma Política.

Pareceume moi significativo que na súa primeira intervención, Xavier Vence fixese unha chamamento á «necesidade de unir o nacionalismo» e á posibilidade de «explorar fórmulas de colaboración estratéxica con todas as forzas nacionalistas», o que supón un recoñecemento da pluralidade de opcións nacionalistas, un inédito exercicio de realismo por parte do novo portavoz. Outrosí sucedeu cando expresou a necesidade de «manter a unidade de acción con todos os movementos sociais e forzas de esquerda», tendendo así a man á colaboración con todas elas. Non menos interesante parecéronme as súas apelacións á confianza nas propias posibilidades da nosa economía, á soberanía fiscal para recadar todo tipo de impostos e poñelos ao servizo dos intereses xerais, a necesidade da organización de «mudar estilos e modais», como á de «cultivar bos sentimentos para contaxiar ilusión», unha vía humanista de acción política.

Con Vence de cabezaleiro, o BNG ensaiará por vez primeira na súa historia, unha estratexia explicitamente arredista, un camiño aberto cara á independencia que se traducirá nun programa «polo dereito a decidir», na liña escollida polos partidos nacionalistas escocés, vascos ou cataláns. Unha estratexia retoricamente moi atractiva, mais non exenta de riscos, sobre todo se isto levase a que o BNG non fose considerado pola cidadanía coma unha opción de goberno nos concellos ou na conformación dunha alternativa para a Xunta de Galicia. Non hai dúbida que o BNG con Vence moveu ficha e recuperou a iniciativa. Ábrense posibilidades moi interesantes.

Publicado en Galicia confidencial.