Onte 613: O esencial na defensa da lingua

A presentación por parte do BNG dunha proposición de Lei de usos públicos e sociais da lingua galega desluciuse cos inxustos cualificativos de Pilar García Negro sobre o profesor don Xesús Alonso Montero. Como a pasada semana foron escasamente afortunadas as declaracións do presidente da Real Academia Galega sobre a relación do BNG co idioma galego. Un conflito artificial, probablemente cunha orixe política que ven de lonxe, un comportamento escasamente exemplarizante por ambas as dúas partes, que enfraquece un pouco máis o prestixio na sociedade da lingua e das institucións culturais galegas. A loita do BNG (e do conxunto das forzas nacionalistas) a prol da lingua galega é unha tarefa patriótica primeira que merece o maior recoñecemento e respecto. Como tamén o é o compromiso de toda unha vida do profesor Xesús Alonso Montero coa lingua e cultura de noso. Iso é o esencial en ambos os dous casos. Ademais, tanto o BNG coma o presidente da RAG saben que os inimigos da lingua galega están nas cada vez máis influentes posicións negacionistas e naqueloutras que contribúen politicamente ao retroceso do seu estatus. A angueira da lingua galega é aumentar o perímetro do seu abrazo. O obxectivo primeiro das políticas normalizadoras é parar a hemorraxia de persoas galegofalantes, recuperando a autoestima e superando prexuízos e actitudes negativas. Non está de máis, nesta semana das Letras, na que homenaxeamos a Rosalía e Vidal Bolaño, lembrar que o galego é a lingua de todos e todas, sen excepción de cidadanía galega ningunha, mesmo daquelas persoas que non a utilizan de forma activa. Como non está de máis apelar a que a súa defensa é responsabilidade de todos e todas sen excepción. Iso é o esencial.

1 comentario
  1. ana
    ana Dice:

    eu non sei como se pode ser tan listo listísimo / a-ísima e facer tanto o ridículo con esto da lingua, ao final, mentres se lles traba a todos a lingua nesta metalinguaxe absurda o que de verdade importa, que é o que se ten que dicir, non se faga nin en galego nin en castelán nin en latín sequera oh!

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará