Listado de la etiqueta: beade

Festa do cabazo

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a festa do cabazo do Carballal:

Organizada pola Asociación Cultural «O Coto», celébrase cada terceiro domingo dende 1984 a festa do cabazo no cabralexo colexio do Carballal. Unha festa gastronómica das máis enraizadas do concello de Vigo, que comparten máis de dúas mil persoas, coa que remata o calendario de grandes encontros anuais de exaltación da comida ou dalgún produto alimenticio concreto. Un ciclo festeiro gastronómico vigués iniciado na primeira fin de semana de xuño coa feira e festa da cereixa de Beade, creada en 1986 e organizada polo CSCR de Beade, á que seguen a festa da sardiña de Teis, creada en 1974 por Ramón Rodríguez «O Gholas» na carballeira do monte da Guía; a romaría do pan de millo de Cabral, organizada dende 1987 polo CCR de Cabral o derradeiro domingo de agosto no parque forestal de Becerreira; a festa do pexego de Candeán de setembro e as organizadas pola Federación de Peñas Recreativas El Olivo, a recuperada festa do mexillón do Parque de Castrelos de primeiros de setembro e o tradicional Magosto do Berbés do segundo sábado de novembro. Festas todas nas que ademais de compartir a familia mantenza e andar de ghavota, a prezos accesibles, nunca falta a música tradicional e o emprego vehicular da lingua galega.

Festa do cabazo do Carballal da que asumín nesta súa XXXVII edición a responsabilidade de pronunciar o pregón de exaltación dun froito da outonada, chamado noutros lugares de Galicia, cabezalote, cabaza ou calacú, que neste tempo de facer memoria de Santos e Defuntos e Magostos, vai abrindo os postigos á invernía e as súas matanzas e nadais. Regalía da horta nosa, para o etnógrafo Felipe Senén, ovos da terra preñados de infindas pebidas, que comezan a dourar e a ofrecerse ao imaxinario da tradición. Esféricas testas, caprichosas formas hortícolas labradas polos catro compoñentes da vida: terra, auga, aire e luz solar. Cabezas que emerxen da terra para agardar o saber da man hábil creadora do artesán que lle labre a faciana na cortiza ou a dispoña para ser preparado coas artes da nosa culinaria. Cabazos cultivados nas ribeiras do Lagares, o antigo río Sárdoma, terras vizosas do Val do Fragoso, onde se estendeu a nosa grande urbe atlántica, ese Vigo de tradición agraria, hoxe espazo simbiótico industrial. Cabazos cabralexos que son froitos privilexiados e testemuñas dunha tradición e duns labores agrícolas que sobreviven nun Vigo en bisbarra complexa, como o definiu Ramón Otero Pedrayo.

Culinaria do cabazo, da que temos primeira referencia documentada no libro da cociña galega de Álvaro Cunqueiro, que a Caixa de Aforros de Vigo publicou en 1973, na que achega receita dun caldo galego, «moi propio dos días medianeiros de outono, cando xa nos cabazos (canastros) maduraron ao sol os calabazotes, e hai fabas novas de tarde». Imaxino que este caldiño de cabazo de Cunqueiro está para bailar nunha peneira, xaora nesta festa do Carballal o público tivo a posibilidade de dar un raite por moitas outras posibilidades culinarias e atopar cabazo en flans, marmeladas, galletas, pasteis, pisto, pan, empanadas e que sei eu. Preparacións moi saborosas todas, como para facer barro coas orellas, frase feita da nosa fala viguesa coa que expresamos a calidade de facer algo moi ben feito. Sen esquecer  as receitas das chulas de calacú presente nos libros clásicos de Repostería en Galicia de Fina Casalderrey e de Cociña galega tradicional de Matilde Felpeto, autoridades na gastronomía de noso. Chulas que forman parte das nosas froitas de tixola, como orellas ou filloas, preparación semellante á que as portuguesas chaman sonhos, nome literario tan suxestivo que podería adoptar a festa do Carballal: «soños de cabazo». Como aconsellan as autoras que á hora de reinterpretar unha receita de orixe popular, como as chulas das que xa falaba Picadillo, non esquecer de botar na tixola unha pela de laranxa e retirala cando estivese dourada.

Como é outra preparación do cabazo transformalo en cabelo de anxo, o ingrediente utilizado para a elaboración de tortas emblemáticas de Galicia como as de Mondoñedo, Viveiro ou Ortigueira, moi utilizado na dozaría portuguesa, ao que chaman doce de xila. Elaboración artesá, onde semella que a clave reside en, despois de enfornar e baleirar o cabazo, desfacer coas mans a polpa en filamentos, que se mesturaron co azucre. Culinaria por ventura en transformación que hoxe utiliza como ingrediente principal a nosa humilde cabaciña, presente nas cartas de cociña contemporánea en pratos como humus de cabazo, manteigadas de cabazo ou cabazo con ricota e pesto xenovés. O cabazo un produto de tempada e de proximidade, protagonista dunha cociña saudable, na que se establece un equilibrio entre o pracer da inxestión e o benestar da dixestión. Beizón ao humilde cabazo, que emerxe da terra para o noso gozo e beneficio.

Hospital Álvaro Cunqueiro

Dedico o artigo semanal de Faro de Vigo á situación do traslado do Hospital Álvaro Cunqueiro,

mudanza-sanitaria-4

O traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de pacientes e profesionais da área sanitaria de Vigo está sendo un fracaso. Tras as reiteradas denuncias de deficiencias construtivas e carencias asistenciais, realizadas por pacientes e sanitarios do centro ao longo da pasada semana, os responsables do SERGAS rendíronse á evidencia e decidiron parar o proceso na súa fase crítica, xa que non contan con garantías de que nos quirófanos, nas UCI ou nas áreas de reanimación do novo hospital se respecten os estándares sanitarios de calidade do aire. Unha decisión relevante xa que supón se adía polo momento a unificación dos servizos de urxencia en Beade e se recupera a actividade cirúrxica complexa no Xeral e Meixueiro, xusto na semana na que ía ser abandonada.

Durante estes días pacientes e profesionais alertaron nas redes sociais que o Álvaro Cunqueiro se estreara en precario. A lista das súas denuncias é tan longa como desacougante: dende pingueiras e caídas de falsos teitos, pasando por problemas nos condutos de aire acondicionado e na recollida de augas residuais, deficiencias na limpeza, timbres que non funcionan nos cuartos, falta de sofás para acompañantes até problemas co servizo de comida. Denuncias tamén relativas a carencias de medios, sexa que non está previsto o funcionamento dun laboratorio central no propio hospital, a precariedade do equipamento técnico e da medicación dispoñible dalgúns servizos, a falta dun TAC ou a utilización dun camión estacionado fóra do recinto sanitario para realizar as resonancias, cos prexuízos que isto ocasiona para a calidade asistencial. En todo caso, eivas que expresan o incomprensible que resulta que un gran hospital como o de Beade iniciase a súa actividade sen estar rematadas todas as obras, sen contar con todos os medios e recursos en correcto funcionamento, sen desenvolver un período de axeitamento previo dos seus profesionais e sen realizar unha avaliación dos riscos para pacientes e profesionais dun proceso tan complexo.

Xaora, chama a atención que estas deficiencias non atinxan aos servizos non sanitarios de aparcadoiro, multimedia e cafetaría, concibidos como un negocio moi rendible. Abonda con botar contas coas cifras das súas tarifas para quedar abraiado. Un bono de aparcamento para un vehículo dun acompañante durante cinco días (sen posibilidade de contar con outra alternativa na zona) custa 20 euros. Un paquete de servizos multimedia (tv, radio e internet) para o mesmo período custa por paciente 31,70 euros. Uns 50 euros por persoa ingresada. Cantidade que para as adxudicatarias supón a posibilidade de recadar cada cinco días máis de 40.000 euros, é dicir máis de dous millóns de euros cada ano. É inevitable preguntarse as razóns de que en Beade non existan posibilidades ningunhas de estacionamento e wifi gratuítos tratándose dunhas instalacións “sanitarias públicas”.

A orixe deste caos inicial no Álvaro Cunqueiro, ademais das presas inevitables provocadas pola proximidade da convocatoria das eleccións Xerais, reside no modelo de financiamento privado escollido por Feijoo para a súa construción, a denominada “concesión de obra pública mediante pagamento por dispoñibilidade”. Unha adxudicación por vinte anos a unha UTE liderada por Acciona por un canon anual de 72 millóns, ao que se lle engade a xestión dos servizos non sanitarios. Unha decisión que supuxo importantes recortes no proxecto de hospital de financiamento e xestión pública, deseñado polo goberno de Touriño cun orzamento de arredor de 400 millóns de euros. Tras a privatización decidida por Feijoo, reduciuse o número de camas até as 845 (fronte ás 1.450 previstas no proxecto orixinal) e, segundo fontes sindicais, minguouse un terzo o espazo dos quirófanos, un 50 % o destinado a urxencias e rebaixáronse as calidades construtivas e algúns dos servizos sanitarios previstos. En definitiva, o Cunqueiro será un hospital de construción e xestión privadas que acabará custando bastante máis de 1.440 millóns de euros (coma tres cidades da cultura ou un porto exterior e medio da Coruña), xa que non esquezamos ao canon anual haberá que engadirlle os ingresos dos servizos non sanitarios.

No entanto, o máis lamentable do caso do novo hospital de Beade é que despois de superada esta fase crítica de traslado non mitigará as carencias e os colapsos da área sanitaria de Vigo. Tras o peche total do Xeral e o parcial do hospital Nicolás Peña, a área viguesa quedará apenas con 1.260 camas, moi lonxe das que serían precisas para abandonar os postos de cola das listas de agardar de toda España. A mobilización convocada o xoves 3 contra os recortes no novo hospital pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, na que están representados os sete sindicatos do sector, merece a atención cidadá.