Listado de la etiqueta: ave

Angrois, nunca máis

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo a traxedia de Angrois:

A traxedia de Angrois conmocionoume. Na noite grande de Galicia, a do do 24 de xullo, seguín case mudo as noticias estremecedoras que chegaban pola radio, pola cronoloxía de twitter e pola cobertura en directo da TVG, o día que celebraba o seu vixésimo oitavo aniversario do inicio das súas emisións. Unha noite na que volvín comprobar que, instalados na aparente comodidade das nosas rotinas, é moi difícil admitir que o horror forma parte das nosas vidas. O que viamos sucedía en Angrois deixounos a alma no papo, non estabamos preparados para asumir semellante hemorraxia de dor nin para enfrontarnos de socate coa nosa finitude, coa morte como a única e verdadeira medida das cousas da vida, como lembrou Suso de Toro esta semana nun artigo extraordinario. Calquera podería ser vítima dese infortunio. Na tremenda noite de Angrois esmagáronse de vez todos os miudallos que nos preocupaban e non puidemos máis que asombrarnos e celebrar a fortuna de seguirmos vivos, agarimados polas persoas queridas. Unha reflexión que levo rosmado na cabeciña unhas cantas veces.

Sei que o accidente noqueoume, tamén, porque utilizo decote o servizo ferroviario Vigo-Madrid. Facía apenas dúas semanas que collera o Alvia, experiencia que teño recomendado no meu blog como alternativa á cada vez máis cara e incómoda viaxe aérea dende Peinador. Confeso que gosto de viaxar en tren a Madrid, a pesar da duración da viaxe, case sete horas nos Alvia e oito e media do tren-hotel da noite. Esta viaxe demorada permíteme ler e repasar devagariño as notas de traballo, dormir un pedazo e logo falar outro, a pesar de que no traxecto haxa moitos problemas de cobertura e decote o móbil se conecte en itinerancia coas compañías portuguesas. O tren facilítame a conversa e a confidencia, e a posibilidade de rosmar nas angueiras mentres pasmo coa vizosa paisaxe da beira do Miño ou a serenidade das terras de Castela onde naceu meu avó zamorano. Considero o tren como o medio de transporte que se achega máis a condición humana. Como sinalou o poeta vigués Alfonso Armada, “o tren é a combinación perfecta entre a natureza e a tecnoloxía, entre a velocidade e o acougo, entre o progreso e a razón”.

Emocionoume a formidable resposta solidaria da veciñanza de Angrois, heroes anónimos que durante as primeiras horas acudiron ao rescate das vítimas. Impresionoume a dedicación dos traballadores públicos sanitarios, de seguridade e emerxencias, como a resposta xenerosa dos milleiros de mozas e mozos que acudiron a doar sangue nunha noite que crían de xoldra. Agradecín o esforzo dos xornalistas e daqueles medios (poucos) que desque coñeceron a noticia informaron con dignidade, afouteza e respecto, o que sei non é fácil nesas circunstancias. Gustoume a responsabilidade coa que actuou o Goberno Galego e todas as forzas políticas en xornada moi complexa. Temos a fortuna de vivir nun país cuxa sociedade é capaz de chorar aos seus mortos mais tamén de actuar en man común para mitigar tanta, tanta dor, tanta desgraza de familias e amizades rotas. O valor da nosa xente é o noso mellor tesouro.

A investigación do sucedido e das súas causas, tanto pola autoridade xudicial como pola comisión de técnicos en accidentes ferroviarios do Ministerio de Fomento, é a primeira reparación que deben recibir as familias das vítimas e a sociedade que respondeu cun único corazón. Sen estes resultados, mesmo sen coñecer o resultado dalgunhas probas claves, como o estudo da caixa negra do tren, é inxusto culpabilizar do accidente ao maquinista, como de forma vergonzosa pretenden os principais directivos de Renfe e Adif, probablemente movidos polos grandes intereses económicos da Alta Velocidade Española na adxudicación da liña Rio de Janeiro a Campinas. Culpar ao pobre maquinista non abonda para explicar un accidente ao que non puideron ser alleos o deseño e o funcionamento dos sistemas de seguridade da liña nun treito de condución manual.

O inexplicable descarrilamento na curva Grandeira evidencia de forma brutal a fraxilidade da comunicación ferroviaria actual de Galicia coa Meseta. Os novos atrasos da Alta Velocidade, que non serán os últimos, levaron aos responsables de Adif e Renfe a adoptar unha estratexia de hibridación do servizos (como o do Alvia accidentado), que semella non está exento de perigos e dalgún punto negro, como denunciaron o sindicato de maquinistas e algúns enxeñeiros e especialistas ferroviarios. Máis cedo ca tarde, o accidente de Angrois poñerá sobre a mesa da política galega as condicións e o calendario de chegada do AVE de Madrid, así como o modelo de hibridación ferroviaria que se utilizará até entón. Un debate político e social que, finalizada a investigación sobre o accidente, obrigará á asunción de responsabilidades e ao deseño de medidas para tratar que un accidente como de Angrois non se produza nunca máis.

A foto, para min extraordinaria, é de Mónica Ferreirós e Xoán Soler, La Voz de Galicia.

Onte 642: Interminable

Atrevinme a viaxar a Madrid en tren. Saín ás oito da mañán de Guixar e pasadas as tres cheguei a Chamartín (con media hora de atraso). Participei nunha reunión, din un paseo (abafaba a calor), e ás dez e medio da noite collín o tren-hotel que chegou a Vigo ás sete da mañán (en punto). En total, quince horas e media de viaxe. Na ida aproveitei para ler e traballar. Unha marabilla! Na  de volta dormín un pedaciño e rosmei outro bo anaco. Acabei mallado! Cos prezos dos billetes de Peinador polas nubes, tras a redución do número de prazas e a utilización de avións de hai tres décadas, a alternativa do tren semellaba razoable. Máis aínda cando os prezos son moi atractivos. Unha ilusión! Dende Vigo a viaxe por ferrocarril a Madrid faise interminable, sobre todo o treito con Ourense, cen fermosos quilómetros (boa parte á beira do Miño) que levan máis de dúas horas. Diante dos novos atrasos anunciados das obras do AVE, diante dunha interconexión entre as cidades galegas por camiños de ferro tan ruín coma existente, diante de «alternativas» tan escasamente atractivas coma as descritas, a ninguén lle pode estrañar o éxito da convocatoria que estes días axita Abel Caballero.

O noso tren

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da inauguración da liña Avant entre A Coruña e Ourense, reflexiono sobre o que entendo debera ser un modelo vertebrador do territorio do ferrocarril galego.

A apertura da liña de velocidade alta entre A Coruña e Ourense e a solicitude do PP ao Goberno en funcións para que non licite determinados treitos reabre o debate sobre a chegada da alta velocidade. É comprensible que o pasado sábado os responsables da dirección do PSdeG-PSOE, tras unha derrota electoral sen paliativos, recibisen coa onda ao ministro de Fomento, cualificando con grandilocuencia o feito como histórico. Porén, non se pode agochar que a posta en marcha deste tren que corre a máis de 200 km por hora entre Santiago e Ourense, evidencia tamén algúns dos erros cometidos nas últimas tres décadas sobre a reforma dos camiños de ferro e, en xeral, sobre a planificación das infraestruturas de transportes en Galicia.

Afeitos como estamos os galegos, quizais pola nosa condición xeográfica atlántica, a ser os últimos en gozar das modernidades viarias da historia –abonda con lembrar que durante o franquismo fomos os últimos en completar o plan REDIA de estradas nacionais, cando no eixo mediterráneo xa contaban coas primeiras autoestradas; ou como na democracia a apertura das nosas autovías con Castela realizouse despois da inauguración do primeiro AVE con Andalucía– recibimos a chegada deste tren veloz con máis escepticismo ca entusiasmo. Prudencia e desconfianza máis que xustificadas tras o anuncio do presidente da Xunta de que nos plans do goberno do pontevedrés Mariano Rajoy a finalización das obras do enlace ferroviario coa meseta adiarase, canto menos, até 2018. Outrosí sucede coa finalización do chamado Eixo Atlántico ferroviario, que debería unir Ferrol coa fronteira portuguesa, para o que se enxergan as peores perspectivas, tras declinar o goberno luso a realización das obras no seu territorio.

Tras a apertura do treito do AVE Santiago-Ourense, as áreas metropolitanas de Vigo e A Coruña, ás dúas rexións urbanas sobre as que se alicerza a economía e a poboación do país, continuarán afastadas por máis de dúas horas dun tren exclusivamente diurno (a derradeira frecuencia en cada sentido continúa sendo ás nove da noite), obrigando a que milleiros de persoas utilicemos decote o vehículo privado nunha carísima e incómoda autoestrada de pagamento para a que non existe alternativa ningunha doutro vial semellante gratuíto. Outrosi sucederá coas tres terminais aeroportuarias do país para as que non existen proxectos, nin sequera a longo prazo, de conexión co novo trazado ferroviario, nin tampouco cos portos principais, xa que a infraestrutura non está concibida para o uso por parte de trens de mercadorías (nin sequera durante a noite), o que dificulta, como xa se está comprobando, a apertura en Vigo da autoestrada do mar. Con todo, o caso máis inconcibible sexa o da ausencia de conexión ferroviaria cos portos exteriores de Ferrol e A Coruña, hoxe dúas obras megalómanas, dificilmente xustificables, que pretenden dobregar con formigón a vontade do mar.

Mención á parte merece que os trazados previstos polas liñas de AVE ameazan con liquidar o actual e obsoleto tren de proximidade galego, illando vilas ferroviarias centenarias como Redondela, Lalín, Carballiño ou Monforte; sen contar cun proxecto alternativo de “tren de cercanías”, esencial para a mobilidade interna das rexións urbanas Ferrol-A Coruña e Vigo-Pontevedra. Sen esquecer o papel subalterno que no calendario de desenvolvemento do AVE galego se lle concedeu a Vigo, á derradeira cidade do Eixo Atlántico á que chegará a velocidade alta e, non sabemos, cando a alta velocidade. É innegable que a incerteza sobre o que pode suceder coa prevista variante por Cerdedo aumenta coa redución drástica dos investimentos públicos anunciada por Rajoy.

Deseñado como parte do mapa radial da Alta Velocidade Española, debemos recoñecer que o custosísimo trazado do AVE galego, ademais de chegar con dúas décadas de atraso, non se axusta ás actuais necesidades do país. Galicia ten dereito a contar canto antes cunha conexión ferroviaria de Alta Velocidade con Madrid e con Porto, ninguén o dubida; mais tamén precisa conectar todas as súas cidades por un servizo ferroviario que utilice velocidade europea, sen esquecer a imprescindible interconexión entre os seus tres aeroportos e portos principais, como cos servizos de cercanías das rexións urbanas. Eis un proxecto de transporte intermodal viable, unha rede capaz de vertebrar todas as Galicias, as da beiramar atlántica coas do interior. Daquela poderíamos expresar o entusiasmo que hai cento e trinta anos cantaba Manuel Curros Enriquez na chegada da primeira locomotora a Ourense, que unía en cinco horas a cidade das Burgas con Vigo: “Velahí ven, velaí ven tan oupada, tan milagrosiña, con paso tan meigo, que parece unha Nosa Señora, unha Nosa Señora de ferro”. Ese sería o noso tren.