Listado de la etiqueta: antonina_sanjurjo

Urania Mella e outras viguesas pioneiras

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar a Urania Mella e a

É probable que unha parte das cen mil persoas que nos manifestamos en Vigo o pasado 8 de marzo, nunha das comitivas cívicas máis emocionantes das nosas vidas, descoñecese o nome da viguesa Urania Mella Serrano (1900-1945), unha das pioneiras do movemento feminista galego. Profesora de piano e alfabetizadora, presidenta da Agrupación de Mulleres contra a Guerra e o Fascismo, que contaba en 1936 en toda España con 50.000 afiliadas, Urania era filla da madrileña Esperanza Serrano e do anarquista vigués Ricardo Mella. Comprometida cos valores da educación laica, que inculcou nos seus fillos Humberto e Raúl e nas súas fillas Alicia e Conchita, Urania foi condenada a morte xunto ao seu home, Humberto Solleiro Rivera, «O Chapapote», sindicalista ferroviario da UGT e traballador tranviario, que combinou a súa militancia coa promoción do deporte e da cultura en Lavadores, que sería fusilado con 40 anos o 30 de outubro de 1936.

Conmutada a súa pena de morte por 30 anos de cárcere, en 1938 Urania foi trasladada dende Vigo ao cárcere de mulleres de Santurrarán, instalado nun antigo convento de monxas de Mutriku en Guipúscoa, onde amigou con María Gómez González, alcaldesa da Cañiza (tamén a primeira alcaldesa do noso país), e viviu consumida durante sete anos xunto a outras cincuenta presas galegas, entre as que estaba Josefa García Segret, a mestra de Tui salvada de ser fusilada polo doutor Darío Álvarez Blázquez. Anos de sufrimentos terribles de 1.700 mulleres e centos de crianzas, rescatadas do esquecemento no documental Prohibido recordar (2010) de Txaber Lareategi e Josu Martínez. Consumida e cun tumor cerebral xestado no cárcere, Urania regresou a Vigo en 1945 para recuperar os afectos, pero atopándose nun ambiente hostil, trasladouse a Lugo co seu fillo Raúl e coa familia de María Gómez, onde faleceu cando apenas pasara un mes da súa liberación. Sendo o seu un dos relatos máis conmovedores da nosa memoria, por ventura comezou a ser reparada en 2008 cando o concello de Vigo dedicoulle o seu nome a unha rúa de Lavadores e o Ministerio de Fomento deulle o seu nome a un buque anticontaminación, sendo aprobado en 2010 polo Goberno o seu expediente de declaración de reparación e recoñecemento persoal.

O caso de Urania Mella, pioneira feminista que merecería o recoñecemento nos centros educativos vigueses, non é o único na nosa cidade esquecedeira, que conta con outras pioneiras case ocultas. Este é o caso de Ernestina Otero Sotelo (1898-1956), mestra de Redondela, presidenta do Consello Provincial de Primeiro Ensino, unha das figuras máis brillantes da escola republicana. Como tamén o de Olimpia Valencia (1898-1987), a primeira muller galega en obter a licenciatura de medicina (1925), comprometida co pensamento galeguista, que mantivo aberta durante décadas a súa consulta de xinecoloxía na rúa do Príncipe. Como cómpre recuperar o nome de Placeres Castellanos (1896-1971), compañeira do mestre Víctor Fraiz, fusilado en 1937, cuxo activismo feminista a levou a traballar como xornalista no Congreso Internacional de Mulleres de París (1945).

Viguesas pioneiras do deporte como Antonina Sanjurjo Aranaz (1910-1939), neta de Antonio Sanjurjo Badía, profesora mercantil, galeguista e impulsora dende 1931 do hóckey sobre herba, o que permitiu que en Galicia as mulleres se adiantasen aos homes na práctica desta disciplina. Actividade na que foi axudada por Annita Baker, filla do director do Cable Alemán, xunto a outras xogadoras como Luz Vizcaíno Coloma e Carmela Sanjurjo. Pioneiras como Cándida Otero (1846-1915), a primeira muller fotógrafa de Galicia, casada con Felipe Prósperi, cuxo estudio cederían en 1915 a Jaime Pacheco. Como tamén cómpre recuperar do olvido ás primeiras concelleiras da corporación viguesa (1927), Margarita Losada Pardo, poeta, e Agustina Álvarez de Rovina, tamén a primeira redactora de Faro de Vigo. Unha relación que poderíamos alongar de forma considerable noutros eidos da artes e das letras que contan con mulleres viguesas que abriron espazos para a igualdade.

Todas elas contribuíron a que a partir dos anos setenta comezase a conformarse o actual movemento feminista, personalizado hoxe na figura da escritora María Xosé Queizán que acaba de recibir o sétimo premio Ernestina Otero de Igualdade concedido polo Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo. Sen a recuperación de todas esas mans e os azos destas mulleres non sería posible que o pasado 8 de marzo se enchesen as rúas viguesas reclamando dignidade, igualdade e soberanía para a vida de todas as mulleres. Un río de empoderamento que non parou de fluír en Vigo de Urania Mella á Begoña Caamaño (1964-2014), a xornalista e escritora do Calvario á que quero lembrar encarnando a memoria de todos esas mans.

Poñer o mundo ao revés

Dedico o artigo do Faro de Vigo da semana á folga feminista do 8 de marzo:

Manuel Rivas escribiu nun dos seus artigos luminosos d’ As voces baixas (Xerais, 2012) que no martes de Entroido sempre había quen trancaba os regatos para que secasen e así as lavandeiras de Castro de Elviña non puidesen traballar e poder acudir a un daqueles partidos pioneiros do fútbol feminino que se celebraban no Camiño da Cavaxe. Cumpríase, entón, o mandato do Entroido: poñer o mundo ao revés. Xaora, continuaba Rivas, ao longo do ano sucedía todo o contrario, as lavandeiras levaban enriba da cabeza as bañeiras cheas de roupa que lavaban para as familias de posibles ou para as clínicas, fondas e restaurantes. Lavandeiras que termaban de enormes lotes de roupa pousados apenas nas coroas ou mulidos, heroínas que traían todo un mundo na cabeza.

Mulleres coruñesas humildes como esoutras pescantinas da Ribeira viguesa que vexo nunha foto inesquecible cruzando a rúa Elduayen, á altura da praza de Argüelles, coas patelas cheíñas de frescura na cabeza camiño do mercado do Progreso. Mulleres que levaban moito peso na cabeza como as leiteiras que traían o leite dende Zamáns. Mariscadoras co argazo na cabeza, labregas ou criadas que transportaban sellas da fonte, monllos de leña, de herba ou cestas acuguladas de animais, carteiras portadoras de esperanzas fotografadas todas por Ruth Matilda Anderson hai case un século. Costureiras que levaban a singer na cabeza, homenaxeadas por Isaac Díaz Pardo en dous cadros memorables protagonizados por senllas rapazas que «levan na cabeza un mundo de cousas que poden precisar na vida». Mulleres cuxas columnas acababan destrozadas e o seus corpos vencidos cuxos retratos constitúen hoxe a memoria máis veraz das traballadoras galegas máis humildes do século pasado.

Mulleres ocultadas como as que recupera do esquecemento Anaír Rodríguez nos seus libros imprescindibles para as crianzas –Pioneiras (Xerais 2018), ilustrado por Nuria Díaz, e Pioneiras 2 (Xerais 2019), ilustrado por Abi Castillo– capaces de desviarse do vieiro que a sociedade lle reservaba e conquistar dereitos hoxe irrenunciables. Pioneiras como Antonia Ferrín, a primeira astrónoma galega; Antonina Sanjurjo, pioneira do deporte e do feminismo; Elisa Patiño, a primeira aeronauta nosa; Rita F. Queimadelos, a primeira arquitecta; as mestras María Barbeito e Ángela Ruiz; María Cardarelly, fotógrafa de Rosalía de Castro ou Joaquina García, a inventora dos traxes de auga… Pioneiras todas elas que levaban tamén todo un mundo na cabeza e contribuíron decisivamente a poñelo ao revés.

Un mundo que mudou, grazas os seus azos, as vidas de todas elas, como as angueiras de millóns de mulleres de todo o planeta comprometidas dende hai cento cincuenta anos na reivindicación dos feminismos. Un mundo que mudou, aínda que non o suficiente para que triunfe a revolución máis decisiva para a humanidade: a que procura o empoderamento das mulleres en todos os eidos da vida social e económico e a igualdade real e efectiva en todos os espazos do privado. Unha revolución feminista que cada 8 de marzo recibe apoios máis unánimes na denuncia da brecha salarial e da maior precarización das condicións de traballo que sofren as mulleres como da reclamación de medidas efectivas de conciliación da vida laboral e familiar en todos os sectores económicos, o que continúan sendo máis un desexo ca unha realidade. Unha revolución feminista tan masiva como silenciosa dirixida a erradicar o machismo que ampara o acoso sexual e a violencia contra as mulleres; unha ideoloxía responsable dun feminicidio insoportable e incesante, cuxas cifras de vítimas arrepían e que algúns políticos como Pablo Casado, candidato do PP, para vergonza de todo o electorado, pretenden agora minimizar de forma tan irresponsable como ridícula.

Para poñer o mundo ao revés é imprescindible substituír esa ideoloxía machista e patriarcal, aínda hexemónica, polos valores alternativos de igualdade e liberdade defendidos polo movemento feminista. E para iso, ademais da mobilización, como a folga de mulleres prevista para o vindeiro venres 8 de marzo, é imprescindible que a educación en igualdade sexa o eixo vertebrador de escolas e institutos. Fomentar relacións de equidade e espírito crítico diante da desigualdade das mulleres, visibilizar as achegas das mulleres na sociedade, desvelar os estereotipos machistas, sensibilizar ao alumnado sobre como loitar contras as violencias machistas e os micromachismos presentes nos diversos ámbitos ou potenciar o empoderamento das alumnas no marco dunha atmosfera colaborativa e unha educación onde os coidados son responsabilidade de homes e mulleres son tarefas a desenvolver nos centros ao longo de todo o ano. Poñer o mundo ao revés, en igualdade, é posible.