Listado de la etiqueta: antón_costas

Vigo, innovación e marca

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío da celebración do foro Vigo Innovación, propoño unha reflexión sobre a necesidade dun proxecto de planificación estratéxica como saída á crise actual:

O domingo 8 de xaneiro, Antón Costas Comesaña, catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona, publicou un magnífico artigo nas páxinas de «Faro de Vigo» baixo un título aparentemente provocador: «Vigo: innovar o languidecer». Este egrexio veciño de Matamá, hoxe vicepresidente do Cercle d’Economía de Barcelona, puxo o dedo na chaga afirmando que «se Vigo quere evitar esmorecer de xeito imparable polos efectos da crise sobre os seus sectores industriais punteiros, a automoción e a construción naval, debe reinventar os seus vieiros como cidade, nun proceso radical de innovación». Para iso propuxo cinco receitas: 1ª reter e atraer á xente nova; 2ª ofrecerlle vivendas asequibles; 3ª acuñar o «viguismo» como marca; 4ª promover a cooperación entre os innovadores e 5ª contar cun «goberno local intelixente» capaz de implicar a toda a cidadanía nesta estratexia.

Efectivamente, nada podemos obxectar ao diagnóstico de Antón Costas sobre a crise de Vigo e os seus perigos. A pesar do seu carácter de cidade económica-emprendedora, caracterizada ao longo da súa historia bicentenaria por un contaxioso dinamismo innovador, Vigo hoxe esmorece a causa da súa crise industrial, só comparable á que sufríu hai tres décadas, cando coincidiron a reorientación da actividade de Citröen coa reconversión do sector naval e a taxa de desemprego chegou ao 30%. O número de expedientes de regulación de emprego (ERE), a diminución da actividade do pequeno comercio e do sector de servizos, así como as cifras de emprego do último ano demóstrano. Segundo os datos da Consellaría de Traballo, a comarca viguesa pechou 2011 con 46.028 persoas desempregadas, das que 31.759 viven en Vigo, concello no que a taxa de paro se sitúa xa á altura do 21,52 % da media do estado, á cabeza de Galicia. Vigo é un dos puntos negros do desemprego en España.

Ademais do paro, temos outros importantes problemas. Tras a escandalosa valoración de Novacaixagalicia por parte do FROB, xa ninguén pode negar o fracaso rotundo da operación da fusión das caixas de aforro galegas. Fracaso (económico e político) que expresa, quizais mellor ca ningún outro, este esmorecemento. Un proceso de deterioración da que foi a nosa primeira ferramenta financeira durante máis dun século que se agravará coa segunda e inminente onda de fusións destas entidades. Absorbida por outro banco (quizais o de «La Caixa»), é probable que cada vez fiquen menos pegadas do compromiso daquela «caixanova» coas empresas e emprendedores vigueses, así como o importante apoio achegado obra social ao tecido cívico e actividade cultural.

Se non abondase co fracaso da nosa entidade financeira, a crise ameaza o futuro das nosas infraestruturas básicas de comunicación: aeroporto, porto e ferrocarril. No último ano Peinador perdeu destinos, frecuencias e pasaxeiros á mesma velocidade que aumentaron as tarifas dos seus billetes. O porto de Vigo ten moitas dificultades para conseguir a súa consideración de porto nodal da Rede Transeuropea de Transportes. E o atraso da chegada do AVE a Vigo, tanto o que nos uniría con Madrid como o do Eixo Atlántico, xa é unha evidencia que acepta xa até o vigués campión do optimismo. Ademais dos efectos retardatarios da imposibilidade de artellar un diálogo político capaz de poñer en marcha a imprescindible Área Metropolitana de Vigo, que quedará adiada outra lexislatura máis.

Para evitar continuar devalando, o Vigo metropolitano precisa contar cunha estratexia de planificación prospectiva guiada tanto polas luces da innovación e da formación en todos os sectores, como polas identitarias dunha cidade industrial e marítima capaz de liderar o proxecto dunha Galicia europea e atlántica. Vigo precisa reinventarse, mais sen esquecer a súa memoria, aproveitando as súas potencialidades, que as ten, como cidade internacional do automóbil e como vello porto transocéanico, dous dos referentes que foron conformando a nosa marca internacional. Para superar este devalo, xa non abondará, pois, coa coraxe da nosa clase traballadora defendendo os sectores produtivos de noso e co dinamismo dos nosos emprendedores que abriron as rotas do mar de Vigo. Precisarase, ademais, como sinala o decálogo elaborado tras o Foro Vigo Innovación, promovido pola Zona Franca, unha profunda mudanza do modelo produtivo, xa que «as cidades que non sexan capaces de ofrecer algo que as outras non teñen e contar cunha imaxe de marca propia quedarán paralizadas no tempo e non serán capaces de saír adiante e superar a crise con garantías de futuro». Para poder reiventarse, Vigo precisa, como lembrou Antón Costas, doses elevadas de intelixencia e xenerosidade política capaces de implicar a todos os emprendedores e á cidadanía nesta estratexia.