Listado de la etiqueta: álvaro_cunqueiro

Onte 973: Duelo de Penélopes

diaz_castro_12-05-2014

Felicísimo foi o acto de onte no Club Faro de Vigo no que homenaxeamos a Xosé María Díaz Castro. Todas as intervencións foron moi brillantes e amosaron a relevancia do autor de Nimbos. Armando Requeixo, o biógrafo e estudoso do escritor de Guitiriz, presentouno como figura poliédrica, poeta durante sesenta anos e tradutor destacadísimo. Luís González Tosar, amigo e editor do poeta durante a derradeira década da súa vida, realizou o retrato humano. Contou con moita finura como Xosé María namorou por carta de María Teresa, a súa madriña de guerra, que sería a súa dona. Relatou a súa amizade con Charles Lessner, o afillado de Karl Marx, que sería en Vilagarcía, cando traballaba no colexio León XIII, o seu profesor de inglés e alemán. E lembrou Tosar con saudade e emoción aqueles días felices compartidos, nos que o poeta colaborou coa revista Dorna.

Pechou as intervencións Xosé Luís Méndez Ferrín abordando a relación de Díaz Castro con Vigo, «a capital editorial e cultural de Galicia do século XX e do comezo do XXI». Lembrou o papel esencial do poeta berciano Ramón González Alegre, director da revista Alba de Vigo, quen non seu libro Poesía gallega contemporánea, publicado en 1953 por Hugín, deu a primeira noticia do poeta Xosé María Díaz Castro. «Daquela ingnorábase en Vigo que Díaz Castro publicara en 1946 o opúsculo Nascida dun soño na imprenta e librería Celta de Vilagarcía». Continuou Ferrín recordando o decisivo que fora a publicación en 1956 da Escolma da poesía galega. IV Os contemporáneos, preparada por Paco del Riego, onde se recolleron textos de poetas inéditos como Díaz Castro. «Alí aparece o núcleo duro dos poemas diazcastrianos, dende a pérola negra, «Penélope», mais tamen outra «Penélope» a de Álvaro Cunqueiro. Unha sostense a carón da outra, a iso é o que chamamos “duelo de Penélopes”». «Daquela había sede de Díaz Castro. Un clamor para que publicase un libro en galego, cando en Galaxia había repulsión para a publicación de poesía. Así naceu a serie Sanlés, onde non aparece o carimbo de Galaxia, dirixida por Del Riego e Celso Emilio». Citou Ferrín as críticas entusiastas que recibira Nimbos, a pesar que Carballo Calero cualificara a Díaz Castro apenas como «poeta legible». Rematou Ferrín afirmando que «teñen razón aqueles que consideran que o canon da poesía galega do século XX está formando por Xosé María Díaz Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro».

Texto da presentación (pdf).

Martes lardeiro

No artigo da semana en Faro de Vigo falo sobre a festividade do Martes de Entroido.

Non foi doado este ano correr o Entroido. As choivas, que non nos abandonan dende Nadal, impediron que merdeiros e mascaritas corresen en Vigo diante do Meco dos recortes chantado na Porta do Sol, obrigando a adiar o desfile de comparsas para o vindeiro sábado, o que por fortuna alonga uns días o Entroido xa en tempo de Coresma. Porén, os ballóns e babuxadas non impediron que as farturas e excesos do Entroido se estean celebrando nas mesas nosas con cocidos, laconadas e enchentes de larpeiradas deste tempo, as froitas da tixola ou do ferro, que así bautizamos ás orellas, filloas, follas de limón e flores.

Non debemos esquecer que dentro do calendario do Entroido tradicional galego é data principal para cumprir co rito da comida carnavalesca a de hoxe, a do Martes de Entroido ou “Martes lardeiro”, chamado así xa que é o derradeiro día para gozar dos praceres do “lardo”, que ese é o nome da graxa do touciño, tanto en galego coma castelán. Connotación da xornada coa cultura do porco que, por certo, se mantén en portugués como “Terça-Feira Gorda” ou en francés como “Mardi Gras”, nome que recibe tamén todo o período dos carnavais en Nova Orleáns no estado estadounidense de Luisiana onde hoxe se celebra un dos desfiles carnavalescos máis famosos do mundo.

No xantar do Martes lardeiro a carne de porco é a grande protagonista, sobre todo presentada no que Picadillo chamaba “cocido alegre”, ese onde é maior a proporción de carnes ca de verduras (mellor repolo ca grelos), garbanzos e patacas. O cocido galego é, sen dúbida, o prato forte deste día, mentres no norte de Portugal o é a orelheira de porco, acompañada de feijoada branca e doutras carnes de porco. No entanto, sabemos que hai mesas galegas que para hoxe prefiren o lacón con grelos, prato considerado por Cunqueiro como “rei da cociña galega”, que algúns aconsellan servir en dúas fontes, unha para os grelos e as patacas e outra para o lacón e o chourizo; aínda que hai cociñeiras que lle engaden orella e cachucha (chamada noutros lugares cachola ou cacheira), a cabeza de porco salgada citada no século XVIII polo Padre Sarmiento no seu “Coloquio en duascentas coplas galegas” entre outros ingredientes da cociña do noso Entroido: “E tamén estaban / os bufetes cheos / de lenguas, chourizos, / perniles, codelos, / de lacós, cachuchas, / fociños de cerdo, / nuns pratos moi anchos / e todo friento”. Noutras mesas galegas, como as do Cebreiro, os Ancares e o Bierzo, o pote do Martes lardeiro está protagonizado polo botelo ou butelo, chamado androlla na comarca do Bolo, embutido preparado coa tripa máis gorda do porco que se enche con pequenos cachos de carne con óso (de costela e soá) picada e adobada con allo, pemento picante e loureiro.

Na sobremesa do Martes lardeiro non poden faltar as froitas da tixola. Entre elas a raíña son as filloas –bautizadas como marruchos no Val Miñor, freixós na Mariña de Lugo, “filhoses” no norte de Portugal, “frisuelos” en Asturias, “crêpes” na Bretaña ou “pancaques” no Mar de Prata–, unha larpeirada na que ovos, fariña e sal se mesturan cun líquido que pode ser caldo, auga, leite ou mesmo sangue (no tempo de matanza). Tan queridas son as filloas na terra nosa que Cunqueiro sentenzou que non se “debería permitir que ningún restaurante se cualificase como galego sen ter pasado antes a proba da filloa e sen ofrecer este produto na carta cada semana”.

No Martes lardeiro non poden faltar, tampouco, as crocantes orellas de entroido –orellas de frade no norte de Lugo, chaolas en Cariño–, cuxa composición coincide coa das filloas, aínda que se lle incorpora a reladura de limón, anís, lévedo e manteiga. Nalgunhas familias en Martes lardeiro ofrécense follas de limoeiro, unha auténtica delicia culinaria galega a recuperar, como as flores, feitas cun ferro en forma de flor que se molla no amoado e somérxese logo en aceite quente, onde a pasta fritida conservará a forma da flor de ferro. Larpeiradas fritidas todas do Martes lardeiro nas que o etnógrafo portugúes Ernesto Veiga de Oliveira identifica un acto cerimonial que “representa unha práctica máxica de expulsión de demos ou forzas anímicas nocivas”. Tamén son sobremesas desta xornada os buñuelos de Beluso, o bandullo ou “mixtura gallega” da que falaba Picadillo, que aínda se prepara nalgunhas casas do Morrrazo, o tripón dóce de Sober, a bica de Laza, os sapos da Limia de Xinzo e a torta do Cigarrón de Verín, larpeiradas propias do triángulo máxico do entroido tradicional ourensán.

Aproveitemos as horas deste Martes lardeiro para gozar das larpeiradas salgadas e dóces do entroido, ben sabemos que tras delas continuarán os rigores e penalidades deste tempo ruín. Ben o adianta a sabedoría do refraneiro popular galego: “Adeus, martes de Entroido, es valente gandul: tres días de boa vida, sete semanas de xexún”.

Onte 703: Reigosa fala de García Márquez

Na presentación de onte en Compostela das edicións d’ A Galicia máxica de García Márquez Carlos Reigosa despexou algunhas das incógnitas da relación con Galicia do autor de Cien años de soledad.

A primeira foi a da existencia dunha «avoa galega» do nobel colombiano, un personaxe perdido na bruma da xenealoxía familiar citado polo autor nas súas declaracións e sinalado nas referencias dos seus biógrafos Plinio Apuleyo Mendoza, Martin ou Dasso Saldívar. Para Reigosa os datos biográficos certos amosan que as avoas e bisavoas de García Márquez son colombianas, mais «as tataravoas son todas españolas. Dentro delas  intúo que unha delas, Josefa Vidal, poida ser de Ourense, xa que o escudo heráldico dos Vidal ten a súa orixe en Verín ou Trives.» «Gabo non acabou nunca de disdicirse da existencia dunha “avoa galega”, que eu entendo constitúe para el un elemento literario. Hai unha inconsciencia literaria na súa afirmación de galeguidade. Ben sabemos que os escritores poden escoller a súa familia literaria, como fixeron Valle Inclán e o propio Cunqueiro.» Relatou Reigosa despois algunhas das conversas que mantivo co colombiano a este mesmo teor.

«En 1968 falei por vez primeira con el, fíxeno por teléfono con el con motivo da publicación d’ El Otoño del Patriarca. Díxenlle que non atopara ningunha referencia a súa avoa galega en Cien años de soledad. Contestoume: “si, na forma de contar. Ela dicíame coa mesma cara de pao ‘come toda a comida’ ca ‘esta noite vin ao teu tío’ (morto hai vinte anos).» Para Reigosa nesa forma de contar «está a raíz da verosimilitude narrativa de García Márquez, nesa seriedade.» Seguiu Reigosa relatando outras conversas que mantivo con Gabo, deténdose naquel día enteiro (31 de outubro de 1991) que compartiron co colombiano na axencia EFE, «onde contou tantas e tantas anécdotas sobre Fidel Castro, así como as súas conspiracións políticas latinoamericanas». «Referíase sempre a Fidel, co que mantivo unha gran amizade, como “gallego”, que para Gabo significa “teimudo”, “que non hai quen poida dobralo”». «Tras aquel encontro de Madrid, no que non puiden preguntarlle sobre as miñas dúbidas sobre a avoa, convertinme nun perseguidor. Collino en Los Ángeles, o 7 de outubro de 1996, onde entre as presas confesoume que a súa irmá Ligia procuraba a historia dos devanceiros galegos. Díxome que avoa Tranquilina era descendente duns galegos que chegaron ao norte de Venezuela» A derradeira referencia sobre a cuestión chegoulle a Reigosa por medio da conversa a través de Plinio Apuleyo Mendoza na que Gabo dixo que «da avoa galega non sabía máis, pero por favor que o descubran, que o investiguen, porque son eu quen necesita sabelo». Para Carlos Reigosa con estas palabras, quizais, chegue a fin desta historia.

A segunda das incógnitas das que falou Reigosa foi das viaxes de García Márquez a Galicia. «Sabemos que realizou tres, existindo constancia documental da realizada en maio de 1983, dúas fotografías de Ramón Vilar de EFE, que aparecen no libro.» Contou Reigosa a orixe desta primeira viaxe: «Tras gañar o Premio Nobel en 1982, García Márquez entrou nunha fase de desesperación, de agobio polos múltiples compromisos que estaba obrigado a asumir. Confesoullo a Felipe González, daquela presidente do Goberno, quen lle aconsellou “regálate unos días a ti mismo”. E así foi. Cumpriu o seu desexo: “Gostaría ir a Galicia e coñecer aos meus ancestros”. Felipe González planificou esta viaxe. Encargoulle a Domingo García Sabell, entón delegado do Goberno, que actuase de cicerone en Compostela mais insistiulle en que “baixo ningún concepto lle presentes a ningún intelectual ou xornalista”. Porén, houbo unha excepción, a dun profesor do Instituto Rosalía de Castro que o identificou na Porta Faxeira.» Reigosa referiuse ao xantar en Compostela, «no piso superior do Restaurante Alameda, no que acompañaron a García Márquez e a súa dona Mércedes Barcha, García Sabell, a súa filla Teresa e os fillos desta Ricardo e Daniel». Referiuse tamén Reigosa o carácter privado e discreto desta viaxe, «na que se aloxaron no Hotel dos Tilos do concello de Teo» e na que Gabo quixo levar un lacón para enviarllo ao seu amigo Fidel Castro.» «Das outras dúas viaxes sabemos que se realizaron en coche e que entraron por Portugal. Non houbo coñecemento público nin encontros con ninguén.»

A terceira das incógnitas ás que se referiu Reigosa foi á relación entre García Márquez e Álvaro Cunqueiro, «dous escritores que se coñecían, mais que se miraron de esguello». «Alvaro Cunqueiro limitábase a dicir: “Eu síntome máis próximo de Alejo Carpentier, Lezama Lima ou Borges ca de García Márquez”. Nunca asumiron que compartían un mundo. Cunqueiro non aceptou o termo de “realismo máxico” como unha definición para a súa obra, xa que prefería o de “realismo fantástico”.»

Xa para rematar as intervencións, Reigosa definiu A Galicia máxica de García Márquez «como unha historia real contada con estratexia de ficción sobre un aspecto até agora descoñecido. Distancieime do que é un estudo académico e do seu rigor mortis, mais todos os datos que aparecen no libro son certos. É un retrato de García Márquez feito desde unha perspectiva literaria. Só lamento que hoxe xa non podo falar con el. Só podo facelo co seu irmán Jaime ou cos seus biógrafos.»

Foron numerosas as referencias desta presentación, mesmo da que se fixo eco algún medio latinoamericano, amosando o interese pola figura de García Márquez: «Carlos Reigosa indaga en la relación de García Márquez con Galicia» (Europa Press); «Reigosa revisa a ascendencia galega de García Márquez» (Camilo Franco, La Voz de Galicia); «Reigosa descobre a “avoa galega” de García Márquez» (María J. Álvarez, El Correo Gallego); «Carlos Reigosa indaga en la relación entre García Márquez y Galicia en su última obra, “elemplo de periodismo”» (20 minutos); «La abuela de García Márquez influyó en su literatura» (El Universal, México); «Reigosa dice que García Márquez le habló sobre la influencia de su “abuela gallega”» (Que!).

2011, o ano de Pereiro, dos Bosques, da Química, do Alzheimer…

A celebración de efemérides («Ano de tal ou de cal») constitúe, ademais dun útil recurso didáctico, a posibilidade de orientar ao longo dun ano as políticas sociais, culturais e educativas públicas e privadas (sobre todo no eido da edición e da comunicación) cara a un tema, problema, personalidade, obra ou manifestación artística. A experiencia internacional e nacional demostrounos a súa eficacia como mecanismo de rescate ou sensibilización social, mais tamén que sen unha programación axeitada poden constituír o máis rotundo dos fracasos.

A pesar de todos estes condicionantes e do perigo de abusar na utilización deste recurso, non me resisto a enumerar algunhas das efemérides que celebraremos en Galicia ao longo deste 2011:

Ademais, 2011 será o ano antitabaco, o da inauguración da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura,  ano de eleccións municipais (22 de maio) e outro ano máis da crise económica que ameaza con acadar os cinco millóns de parados en España e 237.000 en Galicia.

[Quizais poda quedarme atrás algunha outra, razón pola que moito agradece se enriqueza a anotación.]