Santa María de Castrelos
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao atentado gráfico que sufriiu a igrexa románica de Santa María de Castrelos:
Dúas das pezas máis sorprendentes da exposición «Vigo no tempo» (2023) foron a antefixa da igrexa de Santa Cristina de Lavadores e unha metopa do tímpano da igrexa de Santiago de Bembrive, datadas ambas as dúas no século XII e custodiadas no Museo Catedralicio Diocesano de Tui, que representaban o elevado número de igrexas románicas da comarca viguesa, testemuñas dunha densa ocupación e estruturación do territorio no Vigo medieval. Igrexas das que temos noticias documentadas dende 1136 cando Afonso VII lle concede ao bispo de Tui, don Paio Meléndez, a igrexa de Santiago de Vigo, situada no Areal, e ao cabido da catedral de Tui a igrexa de Santa María de Vigo e anos despois as de Santiago de Bembrive e as de Santo Estevo de Beade. Daquela primeira igrexa de Santiago de Vigo consérvase a espectacular imaxe do Cristo Salvador –sen dúbida, unha das iconas da cidade e a figura máis expresiva que deixou o románico en Vigo, hoxe formando parte dos fondos do Museo Arqueolóxico de Madrid–, tallada sobre un antiga columna romana, probablemente por un membro da escola do mestre das Pratarías, representa o triunfo de Cristo sobre o pecado, con claro ton apocalíptico, estimándose que formaría parte da portada principal diante do adro e do seu cemiterio.
Daquela rede de igrexas románicas parroquiais viguesas, das que están documentadas entre os séculos XII ao XIV até quince templos, consérvanse hoxe apenas tres: a de San Salvador de Coruxo (1185), que inicialmente foi un mosteiro dependente do de Celanova; a de Santiago de Bembrive (1185), construída sobre unha estrutura altomedieval e a de Santa María de Castrelos (1216), de ascendencia castrexa, que pola súa conservación e características sen apenas sufrir modificacións –unha soa nave unida a unha ábsida semicircular, arcos de medio punto nas portas, presenza da flor sexifolia como motivo ornamental–, constitúe unha peza modélica da arquitectura románica galega. Tres pezas primeiras do patrimonio vigués que representan o pulo do Vigo medieval, cunha presenza sobre o territorio parroquial conservada na actualidade. Aquel Vigo que cantaron os poetas Martín Codax (1230) e Mendinho descrito en varias monografías de referencia, como O Vigo das igrexas románicas (Concello de Vigo, 1993) de Eduardo Bragado Rodríguez e Rafael Sánchez Bargiela ou Martín Codax, o gran poeta e cantor de Vigo, século XIII (Concello de Vigo, 2010) de Xesús Alonso Montero.
Alfaia arquitectónica de Castrelos, peza patrimonial moi singular na que nunha única igrexa se xuntan unha das manifestacións máis depuradas do románico do século XIII, mostras da pintura mural relixiosa do século XVI nas paredes interiores (restauradas hai décadas) e a presenza dun interesante retablo barroco, acaba de sufrir un duro golpe ao ser vandalizada por unha pintada realizada cun spray sobre o muro da sancristía na que en letras maiúsculas reza o nome DAMIAN. Un grave atentado á integridade dunha peza arquitectónica estudada por un grupo de historiadores do Instituto de Estudios Vigueses, Mercedes Bangueses, Elisa Pereira, Fernando Costas Goberna e Xoán Carlos Abad, autores dunha fermosa monografía didáctica, ilustrada por Evaristo Pereira, Igrexa románica de Santa María de Castrelos e o seu tempo (IEV,2018), con motivo da celebración dos oitocentos anos do templo, no que entre outros aspectos se salienta a súa vinculación coa Orde de Malta, cuxa cruz aparece en diversos lugares do monumento, desvelada en 2006 polos estudos epigráficos do investigador Pablo Otero do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
Por desgraza os ataques ao patrimonio arquitectónico e artístico no espazo público vigués son máis frecuentes do que cabería agardar nunha cidade amante das artes e orgullosa do seu pasado. Abonda con lembrar as pintadas nas pezas do «Nadador» de Leiro nas avenidas, os ataques ao conxunto escultórico de Buciños, «A familia», instalado en Urzaiz ou a absurda teimosía de non se sabe quen de quitarlle o faro a Manuel Castro, na escultura de Jandro da rúa do Príncipe. Sen esquecer a gravísima vandalización con simboloxía nazi que o pasado mes de agosto sufriu no monte do Castro o monólito que lembra as 136 persoas alí fusiladas tras o 18 de xullo de 1936. Secasí, pouco importa a motivación de quen fixera a pintada de grandes dimensións en Castrelos, para lembrar o nome de Damian, o santo dominador, xemelgo de Cosme, que celebramos cada 26 de setembro con mel e noces, larpeiradas de comezo de outono. No entanto, en todos os casos anteriores, como neste atentado gráfico que hoxe denunciamos sobre un monumento cunha antigüidade de oito séculos, identificamos a doenza colectiva dunha insuficiente educación sobre a conservación, o respecto e protección do patrimonio e da memoria democrática.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir