Reconquista fiel

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a publicación de Fidelidade viguesa (Instituto de Estudios Vigueses, 2026) de Jorge Lamas:

A pasada festa da Reconquista foi un éxito: superou todas as cifras de participantes, postos e presenza do folclore, tanto na música popular galega como na exaltación e coidado do vestiario tradicional. Despois de trinta e dúas edicións, a Reconquista consolidouse como a festa popular primeira do Vigo do século XXI, debendo ser recoñecida con carácter internacional pola súa temática histórica e a cantidade de participantes activos. E quen llo ía dicir aos membros da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, presidida hoxe polo incansable Fiz Axeitos, que nos noventa co barrio moi deteriorado tiveron o gran acerto de representar o relato dos acontecementos da invasión francesa e reconquista da vila amurallada de 1809 como mito fundacional da cidade de Vigo.

Éxito veciñal indiscutible, froito da constancia activista teimosa desta asociación, tamén organizadora do entroido e da saída de manueles, tras meses de ensaios, do enriquecemento do argumento da festa e da incorporación de elementos etnográficos e folclóricos, sobre todo da música tradicional galega, onde Vigo é potencia mundial, como da ampliación da súa celebración ao paseo de Afonso e a rúa Elduayen, gañadas para sempre como espazo público peonil.

Reconquista estudada polos historiadores do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), como parte da guerra peninsular, entre Francia e Inglaterra, entre os que destacan as achegas do xornalista vigués Jorge Lamas Dono, autor de Historias de Vigo (Xerais 2018), O Vigo que viron os franceses na Reconquista (IEV 2021) e Da Calzada ao Casco Vello (Xerais 2023). Coincidindo coa Reconquista publica A fidelidade viguesa (IEV 2026), libro onde repasa a historia política de Vigo ao fío do seu título de cidade, o seu desenvolvemento de pequena vila á cidade, recoñecida como tal en 1810, tras derrotar ao exército de Napoleón, polo que foi distinguida cos títulos de «leal e valorosa» e, máis tarde, co de «sempre benéfica», a raíz da acollida solidaria a milleiros de soldados retornados en condicións deplorables da guerra de Cuba de 1898.

Lamas repara que no título non aparece documentado o adxectivo «fiel», a pesar de que foi aprobado en 1987 cando a corporación presidida por Manuel Soto aprobou, a instancias do informe de Lalo Vázquez Gil, o cronista oficial da cidade, a proposta de honras, títulos e símbolos. Lamas investiga no que chama a «lea do título», xa que comprobou que «fiel» non estaba presente nos documentos das concesións reais orixinais, sendo incorporada en 1837 e 1841 sen contar con apoio legal, aínda que máis tarde co apoio na súa difusión dos xornais Faro de Vigo e La Oliva. Primeiro esculca no uso deste adxectivo na bibliografía clásica viguesa e logo procura (sen fortuna) a súa presenza nos primeiros documentos vigueses: o do preito entre veciños de Vigo e Canadelo en 1097, onde aparece o nome de Vigo, pasando pola primeira referencia como vila (1234) e o paso da súa xurisdición ao Arcebispado de Santiago, até a súa primeira expansión como vila portuaria durante o reinado de Juan II e o aumento de poboación en 1497 cando Santa María de Vigo adquiriu rango de colexiata. Lamas identifica entre documentos privados do XVII e XVIII fórmulas que adornan o nome da vila de Vigo como «moi nobre e leal», mais sen carácter oficial.

Xaora, a cerna da investigación sobre a suposta fidelidade viguesa atópaa Jorge Lamas no documento do 27 de outubro de 1810 do Consello de Rexencia que lle outorga a Vigo o título de «cidade leal e valorosa», sen esquecer que esta condición a libera do pago dos impostos correspondentes por todos os servizos ao acceder á categoría de cidade. Distinción viguesa que provoca un preito con Tui, que se considera prexudicado economicamente, e se alongará case unha década na que Vigo contará cun apoderado en Madrid para representar os seus intereses na Corte. Lamas conclúe que se ben non hai respaldo legal nin documental para o inclusión de «fiel» no título da cidade, foi legalizada na sesión plenaria do 7 de abril de 1987, como sucedeu co escudo, no que se insire o lema da cidade. Peza heráldica cuxa evolución tamén nace das consecuencias políticas da Reconquista e das Cortes de Cádiz, que o 6 de agosto de 1811, aprobaron un decreto polo que «serían incorporados á Nación todos os señoríos xurisdicionais de calquera clase e condición». O que no caso de Vigo levou a que a corporación solicitase a substitución da cuncha, que representaba ao señorío de Compostela, por unha árbore, a oliveira, representación do novo mundo, onde Jorge Lamas, atopa a orixe do actual escudo vigués, ao que en 1949 se lle incorporaría un toque mariño.

Recomendo estoutra alfaia da historia viguesa de Jorge Lamas, outra chave para entender o Vigo contemporáneo e as raíces da vila milenaria e da cidade centenaria que é.

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *