«Ámote vermella» en Lugo

Quedei satisfeito da presentación/recital de Ámote vermella en Lugo. Medio cento de persoas acudiron á Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, onde está instalada Vermellas. Chamábanlles «rojas», a magnífica exposición da que forma parte principal este poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas.  Tanto a exposición como o libro, un mesmo proxecto creativo multisoporte, promovido por Claudio co apoio de Carmen Blanco, constitúen unha homenaxe a aquelas mulleres represalidas polo franquismo. Nacido de «Vermellas», o número de 2006 da revista Unión Libre que ambos os dous dirixen, este poemario inscríbese, ademais, na triloxía que Rodríguez Fer ven ofrecendo sobre a memoria histórica, Lugo Blues sobre a memoria de Lugo, A loita continúa sobre a memoria de Galicia e este Ámote vermella sobre a memoria de muller.

Na súa intervención, Claudio R. Fer salientou que a intención deste proxecto é afirmar a vida, loitar contra a morte. «Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica». Antes de comezar a lectura dos poemas, comentou que lembrabamos a mulleres perseguidas por ter ideas. «O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero». Claudio agradeceu a presenza de varios familiares dalgunhas das vítimas lembradas no poemario: «Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos.» 

Rodríguez Fer leu unha decena de poemas. «A derradeira lección da mestra» (dedicado a Mercedes Romero Abella e a todas as mestras represaliadas), «A Juana Capdevielle»; «Amada Amada» (fusilada, en Ferrol despois de ter o seu fillo, por ter rexeitado a un pretendente falanxista); «As tres mapoulas de Montecubeiro» (homenaxe as tres fusiladas de Castroverde); «Un tranvía chamado Urania» (lembrando a Urania Mella); «A árbore da vida» (lembrando a Cintia Rey, a nai de Víctor Casas, fotografada por Amalia Álvarez Gallego, a muller de Alexandre Bóveda); «A viaxe vermella» (homenaxe a María Casares; «Memorial dos foxos de Lugo» e «Paz para sempre», derradeiro poema, tamén do libro, dedicado a todas as persoas que mantiveron viva as rosas da memoria.

Xerais twitter

Dende onte xa está operativo o noso Xerais twitter, un espazo de microblogueo para dar conta das novidades e das convocatorias da editorial. Con esta nova ferramenta, que se une a que funciona en Facebook, a editorial consolida a súa prensenza nas redes sociais procurando a participación dos lectores e lectoras dos seus libros e dos usuarios dos seus servizos.

A nosa pequena experiencia de microblogueo, tanto empregando o Lareta como o Twitter, é moi gratificante; apenas serviunos para explorar algunhas das súas enormes posibilidades comunicacionais. Como salientou besbe nesta súa anotación de onte, a maior parte dos usuarios, paradoxicamente, infrautilizamos unha utilidade como twitter que atesoura enormes posibilidades creativas. Hoxe unha identidade dixital (sexa persoal, institucional ou corporativa) constrúese coa presenza sobre diversas utilidades dixitais, que permiten xéneros discursivos diferenciados (blogs, twitter ou lareta e facebook pode ser a configuración actual).

«O sombreiro Chichiriteiro»

Hoxe estamos moi ilusionados, chegaron os primeiros exemplares d’ O sombreiro Chichiriteiro, o primeiro conto infantil de Manuel Rivas, ilustrado de forma xenial por Patricia Castelao.

Velaí unha mostra deste traballo gráfico que Patricia Castelao realizou sobre un relato centrado sobre a amizade e a esperanza (dous valores tan necesarios nestes días difíciles de desacougo).

«Rosalía 21»

Hoxe é «Día de Rosalía», conmemoramos o 172 aniversario do nacemento da nosa poeta primeira. Con este motivo aparece Rosalía 21, o libro colectivo de ensaios do proxecto multiartístico coordinado por Anxo Angueira. Un libro ben fermoso para unha data que non debe pasar desapercibida.

Entrevista en Radio Nacional

Onte domingo foi emitida na desconexión do mediodía de RNE para Galicia unha entrevista que me fixeron con motivo do trinta aniversario da editorial. Hoxe varios medios publican algunhas das miñas afirmacións recollidas por Europa Press.

«Nos camiños do entusiasmo", presentación en Compostela

Hoxe presentamos,ás 20:30 horas na Libraría Pedreira de Santiago (rúa do Home santo 55) Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación o ensaio de Goretti Sanmartín. Participaremos no acto xunto a Teresa Moure e a autora. Este ensaio constitúe unha reflexión potente sobre o proceso de recuperación de usos da lingua e do seu prestixio social. Entre as súas numerosas reflexións e propostas, quédome con esta, que me parece fulcral: precisamos un modelo de normalizacion no que a defensa do idioma e a súa calidade vaian unidas. «Os procedementos son a propia política.» Estades todos convidados.

Appanah en galego

Nacida en Illa Mauricio, con trinta e tantos anos, Nathacha Appanah é unha das narradoras máis orixinais en lingua francesa. Porén, a súa obra permance inédita en castelán, existindo no mercado apenas a tradución dunha das súas novelas en catalán e outra en éuscaro. Encargámoslle a Emma Lázare a tradución de Le dernier frère, a súa última novela, aclamada o pasado ano en Francia polos lectores (obtivo os premios dos lectores da FNAC 2007 e dos lectores de L’ Express 2008) e pola crítica. A verdade é que quedamos moi satisfeitos do resultado da tradución. Unha novela moi conmovedora e emocionante sobre a amizade. O derradeiro irmán estará dispoñible nas librarías galegas a finais deste mes de febreiro. Agardo que guste, tamén, aos lectores e lectoras en galego.

Entrevista en «Luces» de «El País Galicia»

Teresa Cuíña fíxome esta entrevista que aparece publicada hoxe nas páxinas de «Luzes» de El País Galicia. A fotografía é de Lalo Villar. Grazas aos dous polo seu agarimo e magnífico traballo.

Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín

O día 6 de febreiro celebrarase en Vigo o Acto de Homenaxe Nacional a X.L. Méndez Ferrín, con motivo do seu 70 aniversario e da presentación do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco e Xerais. O acto, que se realizará no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa de Policarpo Sanz, 26), comezará as 20:00 horas. Entrada libre.

Unha vez finalizado o acto de homenaxe, a partir das 22:00 horas celebrarase unha cea no Pazo Os Escudos, en Alcabre, Vigo. As persoas interesadas en participar na cea deberán ingresar 35€ (trinta e cinco euros) por cuberto na conta de Caixanova número 2080 0065 36 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para poder acceder á cea é imprescindible a presentación na porta do restaurante do xustificante de ingreso.

«A clase»

Hoxe chega as librarías A clase, coincidindo tamén coa estrea da película homónima de Laurent Cantet, protagonizada polo autor da novela, François Begaudeau. Apostamos pola tradución da novela (un grande éxito en Francia) a comezos do verán. Un texto vibrante, de diálogo vivísimos. Un retrato demoledor da escola secundaria francesa de hoxe. Un puxilato constante entre profesorado e alumnado. Semella que volve o naturalismo. Recomendo vivamente a novela. Da película, xa falaremos, aínda que contamos con magníficas referencias.
En Galicia a distribuidora Golem dispuxo dúas fitas, unha en Vigo (nos cines Norte) e outra na Coruña (nos Yelmo de «Los Rosales»).