PXOM de Vigo, o informe de Cultura

Outra vez máis, grazas a Vigoblog podemos ler na rede o que se nos pretende ocultar sobre a tramitación do PXOM de Vigo. Desta volta é o texto completo do informe da Dirección Xeral do Patrimonio (12 folios en PDF). Unha lectura atenta amosa que as modificacións solicitadas pola Consellaría de Cultura ao concello de Vigo son relevantes, por moito que a propia conselleira pretendese minimizalas para non incomodar de máis aos seus compañeiros vigueses. Cada nova información publicada demostra que hai moitos intereses tras a aprobación do plan vigués. O cambio profundo dalgúns criterios de planeamento e a necesidade dun novo proceso de exposición pública impóñense. Alguén pode explicar a teimosía dos defensores medulianos deste PXOM?

Etiquetas: ,

Vigo: tirar do fío

Hoxe El Pais de Galicia publica unha información sobre os asuntos de Finca do Conde e do xeneroso “apoio” de ING Real Estate á Volvo05. Unha atención moi oportuna (como tantas outras que se veñen publicando neste medio, xa de referencia) e clarificadora sobre o qué está sucedendo no Vigo gobernado polo Partido Popular. Estou convencido que tirando do fío, estes dous temas poden dar moito de si. Desde hai tempo vimos salientando que en Vigo non son florciñas todo o que reloce.
Actualización (20.18): É de xustiza recoñecer que Vigoblog hai xa un ano tirou dese fío como de tantos outros. Merecidas beizóns.

Etiquetas:

Pecha a Libraría Cervantes

Cervantes, a libraría do escaparate máis amplo e vistoso de Vigo, pecha. A pesar das mudanzas que os novos propietarios fixeron nos últimos anos, a más clásica das librarías viguesas non segue adiante. Outra baixa importante no centro da cidade, onde apenas resiste Librouro. As outras librarías foron desaparecendo todas, unha por unha: Bertrand, Arcova, Curros Enríquez, Cultural, Papelaría Española, Barrientos… (por citar as que fun recordando, houbo máis). Esta é a proba máis rotunda da crise dun sector cultural, ao que os poderes públicos semellan non valorar como merecera. Ben sinala Xurxo Patiño, o secretario da Federación de Libreiros de Galicia e responsable de Librouro: “o presente das librarías é complicado, o futuro desalentador”.

Actualización (11-2-2007): no artigo da semana volvo sobre a cuestión.

Etiquetas:

Escenarios doentes

No artigo da semana recomendo a visita ás exposicións fotográficas Casas doentes de Manuel Sendón e Escenarios de Vari Caramés, das que xa temos falado no blog.

As voltas do Plan

No artigo da semana volvo coa cuestión do PXOM vigués. Tal como se desenvolveron os argumentos desta semana, cómpre unha inflexión da posición de todos os grupos. Neste contexto de emerxencia, propoño a constitución dunha mesa permanente dos catro grupos municipais para realizar un seguimento consensuado dos traballos de subsanación das deficiencias. Difícil (pensarán algúns), mais imprescindible, se queremos saír deste atasco endémico.

Etiquetas:

AVE e PXOM

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre as causas e as responsabilidades da crise viguesa arredor da paralización da tramitación do PXOM e do adiamento da variante por Cerdedo do AVE. Ben sería nestes asuntos ir diferenciando o gran da palla.

Etiquetas:

O Vigo da movida

Os moitos que non puideron acompañar a Siniestro hoxe nos Salesianos poden consolarse con este vídeo sobre aquel Vigo da movida.
Etiquetas:

La Favorita de Príncipe

Os vigueses queremos a rúa do Príncipe por que é a nosa rúa do paseo. Na miña casa, ao pé do Barrio do Cura, identificabámola coa propia cidade. “Imos pasear a Vigo”, diciamos cando baixabamos ao Príncipe. Cando neno devecía por correr diante dos escaparates das longas galerías de La Norma e Tobaris. Pasmaba diante da Papelería La Española. Gostaba entrar nas Galerías Durán, para ver as chilindradas de entroido da Libraría Barrientos e, de paso, botaba un ollo ao expositor do pintor Sanluís, no que lembro tamén tre visto algunha muller semiespida. Pasaba moi a modiño diante das Colonias, unha docería onde nunca entrabamos, e que tiña os escaparates cheos de botellas, para min, moi raras e de pratiños con piñóns, améndoas e outras galdrumadas. Non podía faltar no noso paseo entrar no escaparate de Moya, a xoguetería onde vendían os primeiros “scalestriks” que nunca tiven, nin parar diante do Sport, nin subir as escadas de Galerías Alfredo Romero, onde se mercaban os traxes de primeira comuñón, nin na xastrería Esmar, nin en Zapatos Chavalín, onde sabía que agasallaban os nenos coas pelotas gorila.
Onde si entrabamos moitas veces era en La Favorita no número 46. Sempre foi a miña tenda preferida no Príncipe. Todos os veráns iamos mercar aqueles “campings” azuis co piso de goma Pirelli, ou as “bambas” para facer ximnasia e xogar ao fútbol. Chistábame entrar pola porta da zapataría, pola rúa de Velázquez Moreno, para así poder axexar na ventá da perruquería de Allú, un dos maiores celtistas que coñecín de pequeno. Facía por demorarme nos escaparates e nas vitrinas exteriores, sempre rotuladas a man. Admiraba as vitrinas e os mostradores interiores da mercería, onde expoñían boinas Elósegui, enormes bragas de algodón, medias de cristal, ou os grosos carpíns para os mariñeiros. Engaiolábanme os armariños de bandexas dos carretes de fío de todas as cores de Fabra y Coats. Observaba os centos de caixiñas, perfectamente identificadas, de onde as dependentas, vestidas coa súa bata azul, sacaban botóns, puntillas, fitas, gomas, corchetes, pedraría ou os fíos de perlé de Áncora que mercaba a miña avoa para ganchillar os panos que logo inzaban a casa enteira. La Favorita sempre chea de mulleres bulindo na cola, diante dos mostradores de madeira, unha e outra vez fregada e refregada.
La Favorita era, naturalmente, para min, a de Don Juan. Un señor pequenote, vestido adoito cunha elegante cazadora de napa e agochado tras os seus lentes diminutas na súa pequena oficina acristalada. Don Juan e Tito, o seu socio, mantiveron La Favorita como un clásico da rúa do Príncipe ata hai apenas uns anos. Foron fieis ao espírito fundacional dun establecemento que fundado polos seu pais, chegados de Cataliña, perviviu durante case un século nun dos lugares máis emblemáticos da cidade.
Hoxe na rúa do Príncipe xa non hai fotógrafos de rúa, nin vendedores de parisién, nin libraría ningunha. Apenas unhas cantas xoeirías das de toda a vida, como a de Rainiero Fernández, o grande fotógrafo afeccionado, e un par de zapatarías resisten o empuxe da nova economía global, que no terreo do comercio impoñen as franquicias e tendas das grandes cadeas. De todo aquilo quédanos a memoria da infancia e as fotografías que o noso amigo Manolo Vicente, sempre tan previsor, fixo uns días antes que pechara para sempre La Favorita de Príncipe.
(Unha primeira versión deste texto inaugurou a miña sección “Campo de Granada” de Faro de Vigo, o 22 de agosto de 1999. Publícoo, de novo, lixeiramente actualizado, xa que como pediu unha boa amiga, saudosa dos nosos anos yeyés.)

Etiquetas: ,