Onte 127: Tourilandia

Excelente primeiro programa de Tourilandia. Nalgúns momentos rin a cachón, sobre todo no derradeiro treito, durante a entrevista co profesor de fútbol David Vidal na que se matizaron as diferenzas entre os verbos ‘saber’ e ‘entender’, un auténtico combate retranqueiro. Memorable foi, tamén, a versión de “Ai si me opero”, explorando as fronteiras desta TVG sempre tan condescendiente co goberno Feijóo. Xosé A. Touriñán e todo seu equipo artísticos, onde destaca Federico Pérez, prometen moito. Este programa de humor pode contribuír a conectar, sobre todo en Internet, cun público mozo, decote afastado da programación da TVG. Ten unha enorme potencia galeguizadora. Ogallá contemos, por fin, co noso Cráckovia ou ¡Vaya semanita!. Polo que vimos onte, a Touriñán e ao seu equipo sóbralles talento para conseguilo. Recomendo estarmos atentos ao programa do vindeiro xoves. Que non vira o de onte, agardo que poida facelo na TVG á carta ou localizando as mellores pezas que se irán subindo ao youtube. As miñas beizóns. É.

Sempre Celso

Tal día como hoxe, hai cen anos, nacía en Celanova Celso Emilio Ferreiro. Sumámonoso con esta lembranza a esta celebración que abre, tamén, o Ano Ferreiro. Hoxe por hoxe, a súa figura sobrepasa o peso da súa propia obra literaria para se converter nun emblema vivo e vital da cultura galega.

Este documento sonoro, publicado pola Mediateca do Consello da Cultura Galega, recupera unha hora e cuarta das conversas que Ferreiro mantivo con María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo. Emociona escoitar a voz grave do noso poeta rebelde relatando devagariño a súa vida, confensando as súas conviccións e compromisos políticos, reflexionando sobre a súa obra e a tradición da poesía galega na que se inscribe.

Onte 116: Concerto

Xabier Docampo avisoume hai dous anos. Repetiumo onte: «Vinte tocando como primeiro violín da orquestra Filharmónica de Viena». A verdade é que non vou discutir se imito ao virtuoso, tanto ten, aínda que non vou desaproveitar a posibilidade que isto me permite de soñar, ao comezo de cada ano, que vivo durante unhas horas co corazón dun violinista. Sexa como for, deixo o entusiasmo da marcha Radetzky para o comezar co novo pulo este difícil 2012. As persoas que prefiran gozar do concerto completo, dirixido polo mestre letón Mariss Jansons, poden facelo dende a magnífica web da CRTVE, a compañía pública que quere dinamitar o Goberno de Maríano Rajoy. Bo ano, con moita música e moita lectura!

Bo ano Ferreiro!

Bo ano Celso Emilio Ferreiro!

Saúde, traballo e lectura galega para todas!

Agardo que o ano novo sexa sereno e ventureiro.

Con todos os abrazos e beizóns.

[Todos os anos adoito este noite de fin de ano facer unha homenaxe aos meus admirados Oasis. O pasado ano fixen unha excepción con Lois Pereiro, que repetirei este ano por mor do centenario de Celso Emilio Ferreiro.]

Onte 111: «Cama e conto» con Babaluva

Foi un acerto achegarse ao Auditorio Luís Tobío de Gondomar para asistir á función de «Cama e conto» que ofreceu Teatro Babaluva. Baseada no texto homónimo de Gonzalo Moure, que publicamos na colección Sopa de Libros, esta versión para marionetas de Larraitz Urruzola e Mirari Urruzola explora con grande orixinalidade o mundo dos contos como a chave para acceder ao dos soños. Malva e a súa nai conversan en voz baixa, ao longo de tres cuartos de hora, sobre a súa experiencia como contadoras, mesturando os fíos da vida cotián da infancia cos das historias do leñador e os animais do bosque. Unha marabilla de sutileza para abordar en escena cuestión tan complexa como a de rescatar ese acto íntimo de nai e filla na hora do conto. Outra marabilla é o a construción do espazo escénico e o das propias marionetas, todas elas recicladas de obxectos da casa. A luz, a música e un ritmo moi sereno nas transicións crean no escenario unha atmosfera capaz de contaxiar un silencio cómplice nos espectadores, mesmo nos máis novos. Os meus parabéns para Larraitz, Mirari e Santi Prego, o director do espectáculo, por esta marabilla de humilde teatro de títeres capaz de contaxiar tanto calor.

Babaluva colabora en cada unha das súas funcións co Proxecto Bubisher. Destina o beneficio da venda dos libros de Cama e conto para esta iniciativa destinada a contar cun bibliobús que leve libros ás escolas dos campamentos de refuxiados do Sahara.

Onte 109: Treme

Aproveitamos estes días ao ralentí para meterlle o dente á primeira tempada de Treme. Outra marabilla de David Simon e a HBO. Desta volta o tema é o desarraigo nun barrio (Treme) de Nova Orleáns tras ser destruído en 2005 polo furacán Katrina. A música é o líquido que flúe polas veas duns personaxes que non se resignan a quedar asolagados pola traxedia. A narración é dunha elegancia extraordinaria. O guión é combativo, sen agochar a presenza da dor nin da beleza dunha cidade que a pesar da desfeita preséntase fascinante. Treme é un encontro memorable entre o amor e a morte nesta cidade que emerxe da inundación con toda a potencia das súas contradicións e conflitos. Semella moi recomendable, tanto para os que aman a música, sobre todo o jazz e o R&B, como para os que non lles chistan as series e prefiren o cinema.

Esta escena coa que remata o primeiro capítulo é moi representativa do seu ton.

Onte 108: Discurso real

Lembro sempre o discurso de nadal como unha imaxe fixa presente na casa dalgunha das avoas antes da cea de Noiteboa. Anunciaba a efeméride, mais ninguén reparaba no que Franco ou Juan Carlos dicían na televisión. Onte foi diferente, xa que compría escoitar o que El-Rei contaba dos negocios do seu xenro deportista. Decontado percibín algo novo na posta en escea, era a fotografía da mesiña supletoria, que aparecía e desaparecía no ángulo dereito da pantalla. Rajoy e Zapatero acompañando a Juan Carlos, substituían ao tradicional retrato de Nadal da Familia Real sorrinte, netos incluídos. Un detalle moi estudado para expresar a unidade de PP e PSOE coa institución da Coroa. Porén, a intervención de El-Rei, a primeira pactada co Goberno coordinado por Soraya Sáenz de Santamaría, non abondará para pechar a ferida aberta por unha tema de corrrupción económica que afecta a súa familia; non abondará por moitas que fosen as referencias elípticas e eufemísticas sobre Iñaki Urdangarín, a pesar de solicitar retoricamente «exemplaridade» ou lembrar que «calquera acción censurable debe ser xulgada e sancionada» ou que «a xustiza é igual para todos». O decisivo foi que  El-Rei eludiu calquera responsabilidade persoal e non pediu desculpas en nome da súa familia, mais, ao mesmo tempo, sentenzou ao seu xenro, a pesar de que é xa de dominio público que a Casa Real coñecía dende 2006 os escuros negocios do duque de Palma. Todo un xeito de entender o funcionamento da familia, que non sabemos se algún editor educativo audaz acuñará nos novos manuais de Educación para a Cidadanía de 2º de ESO. Quedei pampo.

Onte 105: Sermos Galiza

A iniciativa social Sermos Galiza consolídase. A piques de rematar a primeira fase de capitalización prevista, as persoas promotoras confesan que apenas falta un 10% dos 300.000 euros previstos como capital social fundacional para crear este grupo de comunicación en galego. Unha moi boa noticia para pechar un ano difícil para o sector da comunicación e da lectura na nosa lingua. Non hai dúbida que unha das prioridades estratéxicas no proceso de construción nacional é contar con medios de comunicación propios en galego, plurais e profesionalizados, capaces de enfrontar o difícil tránsito entre os paradigmas da comunicación analóxica e dixital. Esta é unha travesía complexa, difícil, onde xogamos o futuro do idioma de noso. Cómpre, pois, contar cunha biodiversidade informativa en galego (todos os os medios son necesarios, dende os impresos, dixitais e radiofónicos até os audiovisuais e multimedia), un espazo comunicacional que axude, ademais, a facer sostible o sector da lectura e da literatura en galega, como o resto das industrias culturais na nosa lingua. Non vivimos tempos para desistir nin para resignarnos, como pretende facernos crer o influente partido conformista. Precisamos doses elevadas de esforzo e corresponsabilidade. Longa vida e mellor futuro para o proxecto de Sermos Galiza, unha agra aberta en man común que precisa da tensión e da forza de todas as nosas mans.