«O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino»

O luns e o martes celebraranse na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña unhas interesantes xornadas sobre «O libro electrónico: presente e futuro na biblioteca e no ensino». O programa pode baixarse aquí en pdf.

As organizadoras tiveron a deferencia de convidarme a falar o luns á mañá de «Propiedade intelectual: implicacións, tendencias e cambios no libro electrónico» e a participar o martes na mesa redonda xunto aos outros participantes nas xornadas, Tati Mancebo, Antonio Quirós, Juan Blanco Valdés, Catuxa Seoane e Camilo Franco.

Aquí pode baixarse o borrador do texto que utilizarei no meu parlamento.

Libros impresos e dixitais

No artigo da semana, ao fío da participación na Feira de Frankfurt, reflexiono sobre o proceso de tránsito cara ao paradigma da comunicación cultural dixital, no que entendo convivirán os libros impresos e os libros dixitais.

[Foto: Estand de Moleskine en Frankfurt 2010]

Kindle versus Ipad

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/HGmRKSds9OY" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

Aínda que é un anuncio de Amazon, achega moi ben as diferencias entre os libros electrónicos de tinta dixital (como Kindle) das taboíñas electrónicas (como o fermoso e atractivo Ipad). O futuro do libro electrónico dirímese entre estes dous tipos de soportes, sen esquecer a influencia que sobre o segundo poida ter a nova xeración de telefonía móbil (androide ou iphone).

O futuro das pantallas

[kml_flashembed movie=”http://www.youtube.com/v/g7_mOdi3O5E” width=”740″ height=”448″ wmode=”transparent” /]

Aconsello este vídeo, enlazado por Manolo Gago (grazas, meu), no que se especula sobre como será a lectura sobre pantallas na fronteira do ano 2014. Unha interesante peza para ser utilizada como recurso didáctico.

Nook, o novo e-book de Barnes & Noble

A aparición de tantos novos trebellos de lectura dixital xeralmente xa non constitúe noticia. Porén, este novo aparello presentado por Barnes & Noble, o chamado Nook, creo que achega varias novidades que poden convertelo nun bo rival de Kindle: pantalla a cor para os menús e tinta dixital (branco e negro) para a lectura dos textos, teclado táctil wifi, navegación utilizando o sistema operativo Android e custa apenas 259 dólares (catro vantaxes que o fan moi superior a calquera dos lectores que se venden hoxe en España). A aparición de Nook demostra que os novos aparellos serán cada vez máis atractivos, ademais da importancia de contar cun formato de lectura aberto ecompatible con diversos lectores.

Sony aposta polo formato EPUB

O que máis me interesa da oferta de libros electrónicos de Sony é a súa aposta decidida polo EPUB, o formato libre que pretende converterse no estándar da edición dixital. Os arquivos que posúen a extensión “.epub” adáptanse e reformatéanse segundo o dispositivo e a pantalla, o que supón un enorme adianto con respecto ao tradicional PDF empregado nas computadoras. Ademais, os libros adquiridos neste formato poden funcionar indistintamente en diferentes lectores (dispositivos de tinta electrónica, teléfonos móbiles, programas de ordenador) a diferencia doutros formatos como Kindle, que só o fan no propio reprodutor de Amazon ou software desenvolvido por eles (como é a aplicación Kindle de iPhone). A aposta de Sony polo EPUB é unha importante noticia para o desenvolvemento do libro electrónico.

Pode atoparse máis informacións sobre as características do formato EPUB nas diversas anotaciónas de Soybits e ediciona ou na web do IDPF.

Actualización (27-08-2009): Proba de que a necesidade de saber manexar este formato respírase no ambiente do mundo da lectura é esta magnífica anotación de hoxe de Marcos Taracido: «Receita caseira para cociñar un EPUB».

El Corte Inglés xa ten o seu libro electrónico

Creo que esta noticia é importante para o desenvolvemento do libro electrónico nos nosos mercados. El Corte Inglés, baixo a súa marca Inves-Book 600, comeza a comercialización do seu primeiro e-book a un prezo xa atractivo, 299 euros. Paréceme moi alentador que o aparello utilice tamén, o formato EPUB, que semella pode converterse no estándar do libro dixital na actualidade. Pola súa banda, Sony actualiza os seus eReaders con estes novos modelos. Será xa este nadal o do libro electrónico en España como prognostica Pedro de Andrés o presidente da Federación de Gremios de Editores?

Bibliotecas do futuro

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/UjoJd_uN-7M" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Este un recurso didáctico e divulgativo sobre o que serán as bibliotecas do futuro, como centros de acceso á información e coñecemento. Interesante reportaxe (case 10 minutos).

Vía Booktailors (Obrigado).

Do libro electrónico á lectura dixital

Esta noticia de Ediciona paréceme moi importante: por fin Amazon reorienta a súa estratexia do negocio dixital renunciando ao seu modelo de dispositivo de lectura  propietario (actualmente o Kindle 2 e o Kindle DX) para facer, pola contra, maior fincapé na distribución dos contidos. Semella que a irrupción do IPhone como posible dispositivo de lectura dixital (e tamén doutros teléfonos) e o desenvolvemento do formato ePub aconsellan esta mudanza do equipo de Bezos, ao que, quizais tampouco, sexa allea a ameaza de Google.

A aposta por formatos de libro electrónicos o máis estándares e compatibles posible (neste momento ePub de Adobe, mais pode mudar pola dinámica tecnolóxica e empresarial) imponse sobre a posibilidade do monopolio que dos dispositivos de lectura pretendía impoñer Amazon. A avalancha de modelos de e-books promete que o negocio en España pode comezar a desenvolverse a partir desta campaña de Nadal. No entanto, o futuro do libro electrónico está na sua capacidade de propoñer unha cadea de valor que faga viable o negocio da distribución e propiedade dos contidos dixitais (non esquezamos que non van ser todos gratuítos, aínda que si, seguramente máis baratos cos analóxicos). Asumindo que toda a edición internacional está nun proceso de reconversión e reconstrución tanto da súa actividade como da súa cadea de valor, dificilmente vai existir a curto prazo unha única forma de distribución do contido textual dixital e do seu consumo (a lectura dixital).