Wikisaber

Este novo portal educativo, promovido por Intel Educación, presentarase en Madrid o vindeiro 11 de marzo. Ten carácter gratuito e aposta polo ensino e aprendizaxe colaborativas. Anúnciase como concibido para ser utilizado en todos os cursos do ensino obrigatorio por alumnado, profesorado e familias.  Semella que algúns contidos son tradución e adaptación ao castelán doutros nativos en inglés. Non vimos na interface nin na información a presenza doutras linguas oficiais españolas. Wikisaber xa mantén un blog de noticias sobre o proxecto. Imaxinamos que nos vindeiros meses aparecerán outras iniciativas de oferta de contidos educativos electrónicos, formalmente vencelladas ao desenvolvemento da competencia dixital nas aulas. Seguirémolas co interese de valorar as tendencias que expresan.

Como será o mundo do libro en 2020?

A revista Qué leer convocou a seis expertos para que fixesen a súa análise de como cren que será o mundo do libro en 2020. A verdade é que algúns dos prognósticos son moi interesantes.

Para Juergen Boos, director da Feira do Libro de Frankfurt, en 2018 a venda de contidos dixitais superará a dos libros tradicionais (impresos), o que non supoñerá, en ningún caso, a devaluación da industria editorial nin a desaparición do libro impreso, xa que para el se convertirá na de maior facturación das industrias culturais (mesmo por riba de Internet).

Para Stuart Applebaum, directivo de Random House, a explosición dixital incrementará as oportunidades dos lectores. Como retribución ao autor das vendas dos libros electrónicos propón o 25% dos ingresos netos obtidos polo editor.

Para Alberto Rollo, director literario de Feltrinelli, o libro, tecnoloxicamente falando, ten unha longa vida por diante. Outrosí sucede coas librarías que en dez anos se terán transformado en espazos multiproduto.

Para Will Moore, directivo deIngram Digital, as librarías deben ofrecer indistintamente produtos  impresos coma dixitais, emulando a estratexia das actuais redes de sociais, xa que os lectores quererán interactuar entre eles. Para el, como sucedeu no sector da música co ipod que levou ao seu cume á música dixital, os novos dispositivos de lectura portátil farán o mesmo no mundo editorial.

Para Mike Shatzkin, fundador de The Idea Logical Company, o crecemento da industria editorial virá da man do e-book e os beneficios dos editores medrarán grazas á creación de novos contidos específicos que pendurarán das súas webs e que se distribuirán por medio dos teléfonos móbiles. Tamén acredita no desenvolvemento de novos xéneros literarios baseados na interacción entre os distintos formatos creativos.

Para Kalev Leetaru, da Universidade de Illinois, o problema do libro dixital non reside tanto na tecnoloxía como no feito de que os editores non saben como financialos. Apunta que paradoxicamente o libro dixital pode incrementar o consumo de papel, pois moita xente optará por imprimir os textos que se descargue. «A auténtica revolución chegará cando os aparellos de lectura dixital maduren ata o grao de ser tan confortables como o papel.»

Revolución dixital?

a href=”http://www.youtube.com/watch?v=NN3ZlOH4knM”>[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/NN3ZlOH4knM" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Se contas con sete minutos, recomendo seguir con atención este videoartigo sobre o concepto e os límites do dixital e da «revolución» que introduce na cidade contemporánea. Aínda que é de 2007 (e, dende entón, as cousas xa mudaron), algunhas afirmacións aínda son luminosas.

Grazas, Txetxu, res razóns, esta peza convida á reflexión desprexuizosa.

Olladas Atlánticas

Olladas Atlánticas é un libro de relatos de Daniel Lavesedo en formato dixital. Poderíamos definilo como o primeiro e-book literario galego. Pode descargarse (o pdf, por 2,60 euros) dende o espazo web da editora Luarna, unha editora dixital multilingüe, que recomenda como soportes móbiles de lectura dixital os sony reader e o irex iliad. Os nosos parabéns a Dani, polo seu labor pioneiro.

Kindle 2

Como xa anunciabamos hai tres días, o luns foi a estrea de Kindle 2 de Amazon. As expectativas desta presentación son grandes.

Hoxe son moitas as referencias na prensa sobre esta cuestión. Outra volta, como sinala Millán, abriuse nos medios o debate sobre o futuro do libro. Estou de acordo co mestre Txetxu Barandiarán: a chegada do e-book levará o seu tempo, sobre todo por que aínda estamos na fase do prototipado e os editores valoramos a desputa con cautela. A loita entre os formatos de lectores portables continúa. Non teño dúbida que o novo Kindle é atractivo, mais ten a enorme dificultade do seu carácter pechado (Amazon emula a estratexia de Apple co Ipod), o que obriga unha concentración na distribución dos contidos, con todos os perigos que un monopolio desta clase pode provocar para a liberdade de edición.

Libros electrónicos, algunhas novidades

Hoxe coñecimos dúas noticias sobre dispositivos electrónicos portátiles de lectura, o novo modelo de sony e o novo kindle de Amazon. O Sony PRS-700 é un e-book que presenta a pantalla táctil como novidade máis importante sobre o modelo anterior, o coñecido como Sony reader. Pola súa banda, Amazon presentará o luns en Nova York o Kindle 2 que, polas fotos filtradas, parece moi semellante ao modelo anterior e manterá o seu carácter pechado. No entanto e a pesar destas novidades de dispositivos específicos de lectura baseados en tinta electrónica, o futuro da lectura en pantallas pode estar en dispositivos non especializados (pedeás, ultraportátiles, iphones e outros teléfonos ou as consolas portátiles domo a PSP ou a Nintendo) asociados á posibilidade que proporciona Google Book Search. Cada vez parece máis claro o futuro da lectura sobre pantallas portátiles, porén non se albisca, aínda, cál pode ser o soporte que se impoña no mercado.

Facebook

Animado por Jaureguizar, estes días entrei a formar parte do Facebook (aquilo é un fervedoiro, lémbrame o comezo do blogomillo, con tantos amigos e amigas falando). Porén, despois de ver hoxe esta peza de humor venezolano (grazas, Ronseis), protagonizada polo actor Orlando Urdaneta (advirto, para non ferir sensibilidades, que é un antichavista, refuxiado en Miami), non podo evitar tamén dubidar coma el que fago eu aí metido.

txtr reader

Este novo e-book ten moi boa pinta. Este txtr reader proporciona prestacións que semellan mellorarían aos soportes actuais, sobre todo, polo seu carácter aberto e a posibilidade de lectura de varios formatos.

O libro electrónico no «Diario Cultural»

Manuel Gago e máis eu fomos convocados hoxe polo Diario Cultural da Radio Galega para opinar sobre o libro electrónico. As entrevistas de Anxo Quintela poden escoitarse aquí.

«Palabras maiores», libros electrónicos de Carmen Balcells

Esta anotación de onte de José Antonio Millán non pode pasar desapercibida. Carmen Balcells, a gran axente catalana, promove «Palabras maiores», unha colección de libros electrónicos dalgúns autores que xestiona a axencia, editados por Leer-e, unha empresa navarra que ata agora se dedicada só á distribución de e-books. Cada un dos títulos (o catálogo total recolle máis de seiscentas referencias) pode descargarse por prezos sempre inferiores aos cinco euros. Ademais de poder descargarse dende a rede, o sistema de venda de Leer-e contempla a implicación, polo momento, de 18 librarías. «Palabras maiores» é unha experiencia de distribución de libro electrónico en España chamada a converterse en referente (para emular, mellorar, modificar…).