Onte 681: Tecnoloxías emocionais

Leo en Comunicación cultural que coa universalización dos smartphones chegarán as chamadas «tecnoloxías emocionais». Semella que utilizaremos o móbil tanto para coñecer a predición meteorolóxica (graciñas 4 gotas!) como para saber do noso estado emocional. Esta é a información proporcionada xa por EmotionSense, un app que diagnostica o noso estado de felicidade ou frustración en base aos datos proporcionados polo uso do noso teléfono. O carácter terapéutico do móbil permitirá previr os nosos estados de ánimo e será tamén fonte de información para mellorar a nosa saúde. Non é ciencia ficción nin fantasía friki. Estamos ás portas da chamada «computación afectiva», a que será capaz de adiantarse ás nosas emocións. Pensemos nas consecuencias que isto pode supoñer. Outro chimpo dixital. Uff!

Onte 650: Messi

Tras a imputación de Messi por fraude fiscal, o seu xogo da serpe paréceme moito menos excitante e fermoso. A partir de agora, inevitablemente, cada vez que Lionel canee aos seus defensores a velocidade de vertixe, non só estarei vendo a un extraordinario futbolista, quizais o mellor do noso tempo, tamén a un cidadán que semella non respectou as súas obrigas colectivas. Todos os servidores públicos, tamén as persoas que gozan do aprezo social (como os artistas e deportistas de elite), teñen a obriga engadida de ser referentes sociais (e mesmo morais), xa que funcionan como «modelos» para a opinión pública. Non se pode diferenciar o deportivo do público e do político. Eis a cerna desta presunta fraude coa que Messi perdería a súa inocencia e candidez.

Onte 643: Matarte lentamente

Nesta crise magoante a realidade vai detrás da ficción, ou a literatura diante da vida, que ven sendo algo semellante. Penseino onte cando lin devagariño a noticia tremenda do suicidio de U.P.B., un xubilado de 82 anos afectado pola estafa das participacións subordinadas de NGB. Penseino cando lembrei unha das historias relatadas por Diego Ameixeiras en Matarte lentamente, a súa próxima novela (en novembro estará nas librarías), precisamente aquela na que se suicidan unha parella de preferentistas xubilados e na que o seu fillo irado artella unha terrible vinganza. Tras a lectura do manuscrito, cando chamei a Ameixeiras comentamos, o que é a vida, este caso dos preferentistas e agoiramos que algún día podería producirse. Agora, apenas un mes despois, a realidade fixo máis verosímil a primeira parte da ficción. Malditos especuladores!

Onte 572: Menela

Celebrouse onte o Día Internacional do Libro Infantil, mais tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo. Unha efeméride destinada a contribuír á defensa da dignidade, dos dereitos e da mellora da calidade de vida daquelas persoas incluídas no que se denomina «Trastorno do Espectro do Autismo» (TEA), unha doenza que se estima no mundo afecta a 35 millóns de persoas, a 1 de cada 150 escolares. Superar os prexuízos e falsas crenzas existentes sobre as persoas con discapacidade ou con trastornos do espectro autista é un requisito imprescindible para conseguir a súa participación social e unha sociedade en real igualdade. Un labor inclusivo que dende 1989 leva realizando en Vigo e a súa comarca Menela, a institución educativa e asistencial, hoxe unha fundación, da que leva termando de forma incansable e xenerosa o psiquiatra Cipriano Jiménez Casas. Dende a creación do seu centro de formación e recursos da rúa Laxe, proxecto pioneiro na recuperación urbana do Casco Vello de Vigo, até a empresa Castro Navas de Priegue, na que traballan persoas maiores con TEA, hoxe sesenta profesionais de Menela atenden a 149 persoas nos seus diferentes proxectos. A inclusión educativa e laboral de persoas con TEA, asi como a atención temperá a nenos que padecen este trastorno constitúen os seus principais obxectivos. Unha actividade da iniciativa privada que sofre as penalidades dos recortes dos poderes públicos, capeando o mellor que pode semellante temporal. Como sinala Cipriano Jiménez Casas no artigo que publica hoxe en Faro de Vigo: «o mundo do autismo non esta feito de silencio nin de illamento; precisa concienciar e participar». O traballo da Fundación Menela merece o noso maior recoñecemento e apoio.

Onte 560: Días mundiais

O 21 de marzo, coincidindo co inicio da primavera e co equinocio, celébranse un cantos días mundiais. Consultando a miña cronoloxía de twitter, atopei onte numerosas referencias ao Día mundial da poesía e da creatividade, ao Día mundial da marioneta, ao Día mundial da sindrome de Down, ao Día forestal mundial, ao Día internacional contra a discriminación racial, ademais das do Día da felicidade (celebrado antes de onte) e as do Día mundial da auga, conmemorado hoxe 22 de marzo.

A celebración de tantas efemérides mundiais en apenas tres días é un síntoma inequívoco das moitas doenzas ocultas que padece a humanidade e o propio planeta, que a comunidade internacional pretende atallar. Como hai razóns tamén para considerar que este apretadísimo calendario laico das boas intencións e das causas da humanidade é apenas unha manifestación da mala conciencia (unha «tirita» sobre unha grande ferida) dos organismos internacionais que o promoven, a maior parte dependentes dunhas Nacións Unidas á deriva, cada vez máis irrelevantes na nova orde internacional. Con todo, é innegable que estas efemérides axudan a facer visibles estas causas dos dereitos da humanidade nos medios de comunicación, nas redes sociais e nos sistemas educativos, o que contribúe a manter a tensión da cidadanía no seu exercicio e defensa. Non é pouco.

Tras día tan sinalado recupero uns versos de Ramiro Fonte, tirados d’ A rocha dos proscritos, afirmando a condición poética de cada cidadán: «Cando chegue a primavera / Xunto á casa que foi súa / Deixarei este poema, / Coma unha flor ventureira / No libro da beirarrúa».

Onte 549: Amador e Daniel

Efemérides como a do 10 de marzo non poden pasar desapercibidas. Recordóunolo Agustín Fernández Paz  en «Era un inverno cruel de chumbo e morte», o título da valiosa anotación que publicou onte recollendo o primeiro verso dun emotivo poema escrito por Darío Xohán Cabana en lembranza daquel día nefasto de 1972. Nun tempo de abraiante precariedade laboral e social coma a que vivimos, é imprescindible facer un exercicio de memoria histórica lembrando o que sucedeu naquel Ferrol  de 1972, cando os obreiros de Bazán e Astano foron ametrallados pola policía. Como debemos facelo cos conflitos de Vigo naquel mesmo ano. Só así seremos conscientes do tremendo esforzo das xeracións que nos precederon, e mesmo das vidas que custaron as conquistas que agora pretenden arrebatarnos. Amador Niebla e Daniel Rei, sempre!!!

Onte 541: #QueSeLixeATroika

As grandes manifestacións de onte en Portugal amosan a indignación dunha maioría social farta da política de austeridade imposta pola Troika e polo goberno de Passo Coelho. Convocados apenas por internet –utilizando  un blog, Fb e Twitter, baixo o hastag #QueSeLixeATroika e os lemas «Queremos as nossas Vidas» e «O povo é quem máis ordena»–, o millón e medio de persoas que ocuparon as rúas das cidades portuguesas, probablemente nas máis importantes manifestacións da súa historia recente, aprobaron unha Moción de Censura Popular, un chamamento á romper coas políticas nefastas de devaluación interna que empobrecen aínda máis aos humildes e remata coa democracia. O que sucedeu onte en Portugal amosa, ademais, a crise da lexitimidade dos partidos de goberno que minten á cidadanía e incumpren sistematicamente o que prometeron. Neste triste proceso, Portugal vai un ano por diante nosa. Aconsello reparar nas fotos e nos vídeos, identificando os textos das pancartiñas, onde non aparecen (ou polo menos eu non os vin) emblemas e insignias dos partidos de esquerda tamén presentes na convocatoriaEmociona escoitar outra volta  «Grândola vila morena» no Terreiro do Paço. Dá moito que pensar, un pobo que non se resigna.


Onte 522: A renuncia de Ratzinger

A renuncia de Bieito XVI é unha decisión honesta e coherente para evitar aquel espectáculo lamentable que foi a agonía pública de Wojtyla. Co histórico «xa non teño forzas, recoñezo a miña incapacidade para desenvolver o meu ministerio», Ratzinger asumíu a súa finitude, a súa condición de ser humano que xa non está nas condicións óptimas para desenvolver o labor para o que foi elixido. Un comportamento moi infrecuente, contracorrente, moralmente valioso, que agardo chegue a marcar tendencia.

Instalado na soidade vaticana e nas intrigas políticas da vaticalia e do seu vatileaks, o alemán intentou, ao longo do seu mandato, limpar a imaxe luxada da igrexa, tras medio século de abusos a menores, e mesmo chegou a recoñecer «os pecados e os delitos» cometidos por esta causa. Non tivo moita fortuna para facelo xa que debeu lidiar coas presións á contra dos poderosos movementos ultras (Lexionarios, Opus e Comunión e Liberación) incapaces de asumir esa lacra, grupos que se fixeron fortes na curia e no seu entorno durante o papado de Xoán Paulo II. A súa alma tridentina tampouco o axudou, levouno a un comportamento escasamente ecuménico, pechando vías de diálogo con outras igrexas, impedindo calquera avance sobre o papel das mulleres na igrexa (e na propia sociedade) ou mesmo a vacilar na negación do Holocausto coma un crime contra a humanidade.

Comentario á parte desta renuncia merece o feito de que esta primicia mundial saltase grazas ao coñecemento do latín de Giovanna Chirri, unha xornalista vaticanista da axencia italiana Ansa, demostrando canto axuda o coñecemento de linguas (aínda que sexan mortas) no xornalismo (e na vida).

Onte 516: Luciña

Dende onte o mundo é un chisco máis xusto. A Cámara dos Comúns aprobou a legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo en Inglaterra e Gales. Aquela conquista de dereitos cívís da que foron pioneiros os Países Baixos e Bélxica e, en 2005, o primeiro goberno Zapatero, a pesar das fortes resistencias conservadoras, moi especialmente das igrexas, vai estendéndose por Europa e algúns estados americanos. Esta lei británica constitúe un avance importante na conquista da igualdade real, mesmo a pesar das súas carencias, sobre todo no que atinxe aos dereitos das persoas transexuais ou as parellas lésbicas na procura de dereitos reprodutivos non contemplados neste texto. Unha luciña prendida na escuridade europea.