É incrible

(Foto Sangiao, El Correo Gallego)

Nin os meus peores vaticinios, de hai menos de dúas semanas, agoiraban este novo desastre. Botámonos a chorar?

(Foto Ramón Leiro, La Voz de Galicia)

Actualización (23:00 horas): o verquido semella moi perigoso. As autoridades tratan de evitar que chegue aos bancos marisqueiros de Arousa. Agardemos que funcione a coordinación interinstitucional e as medidas dos técnicos para evitar males maiores.
Aínda que haberá agardar a contar cos datos (descoñecemos a qué se dedica a empresa?, qué produtos utiliza?, desde cando funciona?) todo parece indicar que volvemos pagar a permisividade das pasadas Administracións autonómicas con este tipo de industrias. É posible que unha planta química como esta de Brenntag poida estar ubicada apenas a cen metros dun espazo medioambiental tan sensible como o do río Umia? Semella que esta non é outra catástrofe ecolóxica imprevisible ou motivada por un erro humano inevitable. Haberá tempo de pedir responsabilidades.

Actualización (03-09-2006, 11:00 horas): mágoa que a prensa de hoxe non achegue moitos novos datos sobre a catástrofe. O que non hai dúbida é que a mancha é tóxica (formada por compoñentes derivadas do petróleo) e como veleno arrasa a biodiversidade alí por onde pasa. Non hai dúbida, tampouco, de que se podería ter evitado e que hai moitas responsabilidades por dirimir.
(Foto Sangiao, El Correo Gallego)

Actualización (04-09-2006, 07:30 horas): as máis recentes informacións de Medio Ambiente e as publicadas hoxe por diferentes medios sinalan que afortundadamente o verquido comeza a ser controlado. Non estaría de máis que decontado se elaborase un mapa das instalacións de risco, existentes no país, semellantes ás de Caldas, e un plan galego de emerxencias.

(Foto Lavandeira, La Voz de Galicia)

Actualización (04-09-2006, 21:30 horas): é moi de agradecer a actuación rápida, enérxica e determinada de Pachi Vázquez para atallar canto antes a crise. O máis sorprendente das novas de hoxe son as declaracións dos responsables da empresa que atribúen a causa do incendio á “electricidade estática” e ás “elevadas temperaturas”. Se estas circunstancias non están contempladas nos protocolos de seguridade, é para botarse a tremer.

Etiquetas:

A nosa dimensión tráxica

Onte mentres especulabamos sobre as razóns da catástrofe incendiaria, a nosa dimensión tráxica acentuábase, semella que sen solución de discontinuidade, co accidente de Villada.
Como atinadamente sinala hoxe Juan esta nova traxedia amosa a precariedade patética e vergonzosa das actuais comunicacións de ferrocarril con Galicia (practicamente nas mesmas condicións de hai vinte e cinco anos cando fixemos a mili). Son moitos os nosos milleiros de mozos e mozas estudantes ou emigrantes “mileuristas” que poden dar testemuño do estado calamitoso dos nosos enlaces ferroviarios con Madrid, Euskadi ou Cataluña. Un escándalo que se produce mentres se nos solicita paciencia por agardar á vindeira década polo AVE.
Négome a aceptar que podamos considerar estas catástrofes continuas como un sino tráxico dun país periférico ao abeiro da súa mala sorte. Somos os primeiros en sinistros medioambientais, laborais e viarios. Podemos continuar resignándonos sine die a encabezar este taboleiro da España máis negra? Algo máis que lamentarse haberá que facer para evitalo? Ou non?

Etiquetas: Galicia, Sinistros

Cal será a próxima?

Mágoa de país con semellantes tendencias suicidas!
Cal será a próxima catástrofe medioambiental?
(Vídeo vía Contando estrelas)
Actualización (24-08-2006): os autores do vídeo son galiciaenpie.com, a cadaquén o seu. Os meus parabéns polo seu traballo
Etiquetas: ,

Galicia en chamas

Etiquetas: ,

Arde a nosa pel

Cando onte á noitiña deixamos a Pawley na Coruña, despois da asinatura de Agustín e da recollida dos premios Lecturas, non sabiamos que na nosa viaxe pola autoestrada comprobariamos tan de preto o horror provocado polos terroristas do lume. Xa pasaramos unha Compostela sitiada por unha mesta nube de fume mais, en chegando a á altura da entrada ao “corredor” de Sanxenxo, foi cando unha barreira de lapas nos impediu continuar. A garda civil obrigounos a dar a volta para coller en disciplinada ringleira a estrada xeral. Dende as curvas de Barro contemplamos atónitos a forza das lapas nas súa plenitude invadindo a autoestrada e ameazando con chegar ás vivendas. Dende Pontevedra a Vigo, de novo xa na AP-9, viaxamos mergullados na nube de fume: invadiunos, entón, unha enorme tristeza cando comprobamos que o cumio do Xaxán, despois de tres xornadas, continuaba ardendo. Deitámonos verdadeiramente conmocionados, sabendo que moitos dos nosos compatriotas pasarían a noite defendendo impotentes os seus eidos.

A vaga de incendios desta fin de semana, cando azouta o nordés e se dispara o termómetro, constitúe un atentado ecolóxico e social (xa con tres vítimas inducidas polos incendios) de enorme envergadura. Por moito que doa debemos recoñecer que arde a nosa pel e somos os propios galegos os que provocamos semellante atentado contra o noso futuro. Cales son os móbiles destes incendiarios que semellan actuar de xeito tan organizado como eficaz? Como podemos poñerlle couto dende a raíz?
A solución ao problema non é doada. Non cabe dúbida que, nestes momentos de emerxencia e conmoción, o Goberno Galego debe procurar axuda (máis medios humanos e materais) para combater as lapas (dende a participación de membros do exército á colaboración doutras comunidades e de Portugal) xa que a sensación de desamparo e impotencia que sofren as comunidades veciñais, que levan varios días (vencidos polo cansazo) intentando protexer as súas casas, é tan dolorosa como os devastadores efectos do lume. Como tamén é imprescindible intensificar a actuación das forzas de seguridade e da fiscalía para perseguir a estes auténticos terroristas. Mais, a pesar do díficil que semelle, unha vez superada a crise, cómpre non abandonar a política sensata e rigorosa iniciada este ano pola Consellaría de Medio Rural (admirable o traballo tanto do Conselleiro Suárez Canal como de todo o seu equipo na xestión da catástrofe) para poñer en valor a xestión do noso patrimonio forestal. Só abordando as causas estruturais do problema poderemos evitar que en vindeiros veráns volva queimarse un dos nosos patrimonios máis valiosos.
A asinatura dun grande Pacto polo Monte, apoiado polas tres forzas parlamentarias, polo Goberno Galego e polos concellos e deputacións, e respaldado polo asociacionismo civil, non podería ser o instrumento político que permitise unha nova política para erradicar esta lacra? A sociedade galega no seu conxunto non pode admitir de xeito ningún que os incendios sexa unha lacra inevitable ou unha portaxe a pagar pola nosa condición periférica. Con esta convicción profunda e con determinación política abonda, os galegos podemos e debemos gañarlle a batalla a estes pirómanos de rostro descoñecido.
Etiquetas: ,

A Ría na UVI

No artigo da semana reflexiono sobre a degradación da Ría de Vigo, por mor da desvastación urbanística da beiramar e polos problemas do saneamento, e sobre a necesidade de que o concello propoña de inmediato unha ubicación para a nova depuradora.

Rosas murchas

No artigo da semana atrévome a propoñer unha reflexión, a partir do asasinato de Águeda González, sobre o insidioso fenómeno do terrorismo contra as mulleres. Teño unha certa perplexidade que sobre este tema se debata tan pouco nos nosos blos.

Os enigmas mundiais de 2006

A xente de IGADI adiántame por por correo electrónico a súa Guía exterior 1/2006 onde reflexionan sobre a ducia de enigmas sobre política internacional que eles albiscan para o ano que comeza:
  1. Sairán os americanos e británicos de Iraq?
  2. Destronará a gripe aviar ao terrorismo como maior preocupación global?
  3. Avances ou retrocesos na proliferación nuclear?
  4. Qué camiño elixirá Belarús?
  5. Haberá Putin despois de Putin?
  6. Reconciliaranse China e Xapón?
  7. Haberá cambio de réxime en Siria?
  8. Consolidarase a viraxe á esquerda en América Latina?
  9. Quen substituirá a Kofi Annan?
  10. Retomará Europa o debate sobre a Constitución?
  11. Cabe agardar mudanzas reais para África na consecución dos Obxectivos do Milenio?
  12. Recuperarán os demócratas o Congreso en EEUU?
A verdade é que a situación internacional preséntase para este 2006 con escasas certezas para a transformación dunha situación moi viciada polo actual unilateralismo estadounidense que todo o asolagada. Non gusto desta axenda mundial que, porén, merece toda a nosa atención.