Animar a lectura pola radio

Dende o pasado mes de xaneiro alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria do Colexio Público Pazos de Reis de Tui desenvolven durante as mañás dos martes un programa de animación á lectura na Radio Municipal de Tui. Os alumnos e alumnas analizan un libro, realizan unha pequena reseña do autor e recomendan a súa lectura.

Premendo en cada título podemos escoitar os programas dedicados a Cidades de Fran Alonso, A rebelión dos coellos máxicos de Ariel Dorfman, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey e Mal de escola de Daniel Pennac (programa no que participaron dous profesores do centro).

Os nosos parabéns ao alumnado participante e á comunidade educativa de Pazos de Reis por tan fermosa iniciativa.

Xerador de anuncios

Despois do acontecido onte coa revista Retranca, está asegurado o éxito da súa campaña de promoción en Vigo. A capacidade negociadora de Kiko da Silva conseguiu que nos vindeiros días os vitrasas da liña C-1 circulen nas súas traseiras con este slogan tan retranqueiro: Probablemente Zeus non exista. A cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen? A min gústame máis que o orixinal, retirado polos responsables da empresa de transportes. Lémbrame ao humor que xoga co equívoco, indispensable nos tempos da ditadura e do tardofranquismo para explorar límites, cando Bibiano cantaba aquilo de «Abaixo a dentadura» ou cantabamos con Luis Llach «L’estaca». No entanto, o acontecido coa campaña de Retranca en Vigo, pon en evidencia a utilidade do humor para visibilizar problemas que permanecían agachados ou ocultos; ao tempo que amosa (por decepcionante que isto semelle para a liberdade de expresión, a existencia de temas que non poden ser abordados publicamente (dubidar da existencia de deus, non pode ser considerada unha acción que violente a ningún outro cidadán). En todo caso, para seguir ensaiando campañas retranqueiras nos buses, existe na rede este xerador de anuncios, que convido a utilizar como recurso didáctico nos centros escolares.

Aprimorar a lectura e a escritura

Alessandro Martins recompilou vinte e unha listas para aproimorar a lectura e a escritura que veu publicando no seu blog ao longo dos últimos anos. A pesar de que teñen un interese desigual, hai algunhas magníficas e útiles para ser empregadas na animación bibliotecaria. Eis o caso dalgunhas das listas sobre a animación da lectura: «Como aprendín a gustar da ler con once actitudes dos meus pais», «Os dez consellos para ler máis libros cada ano», «Os dez motivos para ler os clásicos», «Os doce consellos que facilitan o hábito da lectura». Como tamén as listas para aprimorar (que verbo bonito) a escritura, onde destacan «Os sete consellos de Gabriel García Márquez para escibir mellor». Esta recompilación de Martins é unha anotación para o arquivo. Moi útil. Grazas.

Os murais do Faro

No artigo da semana recomendo visitar a exposición dos murais do Faro instalada na Estación Marítima de Vigo. Unha interesante lección de historia local.

Tratamento subordinado

Mais que recomendable a longa conversa que manteñen Agustín Fernández Paz e Manuel Vidal Villaverde este luns en Galicia hoxe. Entre as moitas cousas a salientar das palabras sabias de Agustín recollo estes dous fragmentos imprescindibles:

O primeiro sobre a lingua:

Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que poidamos vivir en galego coa mesma normalidade coa que o pode facer unha persoa castelán falante. Para iso, entre outras moitas medidas, é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.

O segundo sobre algúns dos problemas da lectura e escrita en galego:

Escribir nunha lingua minorizada socialmente leva aparellados serios problemas de visibilidade, tanto na propia sociedade (e penso agora nos libros galegos en Galicia, confinados coma nunha reserva india nunha parte significativa das librarías, ou no tratamento subordinado que reciben nos medios de comunicación, ou no insidioso mantra de que somos unha literatura subvencionada) como na posibilidade de ser traducidos a outras linguas e chegar así aos potenciais lectores doutros países do mundo. Así que esta cuestión é política, e son as medidas de política económica e cultural as que poden axudar a solucionala.

25-XI: Non a violencia machista

Recomendo os arquivos de Trafegando ronseis, blog que fai diariamente un traballo admirable de seguimento de todos os recursos existentes na rede contra a violencia machista. Beizóns!

Bookopoly

Pode adquirise en Amazon por 24,90 $.
Vía: Livro e afins.

Mais o que si está en galego na rede é o scrabble.gz.

Día de mortos

No artigo da semana falo do «Día de mortos»mexicano, efeméride que coincide coas nosas de Santos e Defuntos ou do Samaín.
Neste vídeo de carácter didáctico (doce minutos) amplíase a información sobre estas festas do «Outromundo».

Samaín de Cedeira 2008

Rafael López Loureiro, o primeiro estudoso e animador do Samaín galego, envíame o programa de actividades do Samaín de Cedeira que ven animando de forma ininterrumpida dende hai dezaoito anos. A festa comezará esta tarde de sábado, ás cinco da tarde coa recollida de melóns para irse apuntando ao Concurso Exposición de caveiras. Tamén haberá unha llinkana , un Obradoiro de Maqueado, a cargo da actriz e directora de teatro Fusa Guillén e Merendola de Outono, con bola de azucre e requeixo, outros dous clásicos da festa. No lus con fus, a iso das oito e media, máis ou menos, sairá a Pasarrúas das Pantasmas que con todas as luces da vilavella apagadas fará o tradicional percorrido polas calellas e currunchos máis agachados para ao seu remate facer a Entrega de Premios do Concurso Exposición, non quedando xa senon darnos entre todos o De Hoxe nun Ano e preguntarnos: ¿Qué hai na plaza? e contestarnos: Papel de estraza! e así concluírmos: Cada un que se retire pra a súa casa. Beizóns, Rafa!