Ler é

É moi atractivo o portal Leer.es que acaba de abrir o Ministerio de Educación coa intención de transmitir o entusiasmo pola lectura e animar a súa práctica. Ademais do seu deseño coidado e contemporáneo (na liña da web 2.0), pareceume de gabar o esforzo por chegar os contidos tanto ás familias como aos docentes. Recóllese un catálogo extenso de recursos de animación en diversos soportes, que poden ser empregados na biblioteca de aula ou de centro. É novidosa a axenda da lectura así como a insistencia en todos os espazos na procura da participación do lectorado. Outrosí sucede coa posibilidade de escoller a navegación nas catro linguas oficiais (aínda que non estean todos os contidos en todas as linguas), algo abondo infrecuente nestes espazos. Non deixa de ser curioso que cando aparece este magnífico portal do Ministerio de Educación coñezamos que os espazos galegos públicos dedicados á promoción da lectura e da nosa literatura e edición no eido internacional (dependentes da Consellaría de Cultura) deixaron de ser actualizados esta semana, poucos días antes de que sexa anunciado o programa de «2010. Ano da Lectura».

«Símbolo perdido», hoxe chega o novo libro único

Hoxe as librarías quedarán asolagadas polo novo libro único. Paradoxicamente, La Voz de Galicia a pasada semana xa consideraba no seu suplemento o libro de Brown como o máis vendido (antes mesmo de poñerse a venda). O fenómeno da primacía absoluta do bestsellers ten moito de contraditorio, xa que resulta absolutamente beneficioso para a ampliación da base social de lectores e lectoras, ao tempo que , inevotablemente, reduce a biodiversidade de títulos e autores nos andeis e mesas de novidades. Un fenómeno, que sabemos non é novo, mais que está adquirindo dimensións incribles (como amosa a imaxe-denuncia promovida por A Libreira).

Non hai dúbida de que do lanzamento da obra, en termos marqueteiros e de utilización de Internet e das redes sociais na promoción do libro, temos moito que aprender. Ademais, contaremos con edición en galego (unha edición de 6.000 exemplares, grande, pois) preparada como a catalana por El Aleph editores.

Se mercas unhas gafas, regalámosche un libro

Este serán, agardando polo vitrasa para volver do chollo, sorprendeume a publicidade da traseira do bus dos Caños: «Se mercas unhas gafas, regalámosche un libro». A bonita iniciativa marqueteira, que tamén de promoción lectora, corresponde a Óptica Studio, unha cadea de ópticas nacida en Cangas hai trinta anos e na que nunca reparara. Esta oferta en termos económicos é modestiña (apenas un desconto dun par de puntos), porén supón unha iniciativa singular a gabar, xa que non é adoito empregar o libro como un reclamo de prestixio para vender outros produtos. Nada sei sobre cales son os libros agasallados por esta pequena cadea de ópticas (mágoa que no seu sitio web tampouco anuncien, polo momento, a promoción) nin nunca pisei ningún dos seus establecementos. A partir de agora conta coa miña simpatía. Os meus parabéns.

«Non somos un sector subvencionado»

Hoxe aparece publicada en La Voz de Galicia parte da conversa que mantivemos, o pasado venres, Xosé Ballesteros e mais eu arredor da situación da edición en Galicia.

Como é adoito nestes encontros, falamos devagariño de moitas máis cousas ca do diagnóstico inicial do noso sector, dende o sentido da presenza nas feiras internacionais, pasando pola relación do editor cos autores e autoras e a nosa formación autodidacta, até o balance dalgunhas carencias de xénero.

Agradézolle ao xornalista Ángel Varela o seu convite e o admirable traballo de síntese e a Gustavo Rivas as súas magníficas fotos. [As miñas desculpas polo autobombo.]

O futuro do Culturgal

Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a  concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.

Textos de Agustín nos vagóns do Metro

Vímolos esta fin de semana en Madrid en varios vagóns do Metro. Forman parte da campaña Libros a la Calle, organizada, outro ano máis, polos libreiros e editores madrileños. Non podo agachar a miña enorme alegría pola presenza entre os textos dun de Agustín Fernández Paz (pertence ao seu multipremiado O único que queda é o amor, por certo, incluído esta semana na Lista de Honra do IBBY 2009), ilustrado por Pablo Auladell (esta semana inagurou nova web). Para cando os textos literarios nos nosos autobuses urbanos ou nos vagóns dos Vigo-Coruña? Dende a iniciativa privada, os editores e libreiros galegos cos nosos propios medios e coa maior independencia temos que mobilizarnos para promover a necesaria revolución lectora, a que agardamos? Recomendo visitar a pestaña de «textos» da web da campaña, onde se poden ler todas as pezas ou baixalas en pdf. Beizóns para o noso gran Agustín (ollo, está noite en Libro aberto)!

Hai «bestsellers» en galego?

Velaí a reportaxe que publica hoxe Vieiros sobre os «bestsellers» en galego. Outra volta cada un dos editores consultados debatemos sobre os conceptos de «bestsellers» e «longsellers» ou de edicón literaria ou de produtos de lecturasobre o teón de fondo da necesidade de ampliar as dimensión do noso mercado editorial. Hoxe a aposta de todos é chegar co libro en galego a novos lectores e lectoras, obxectivo que obriga a arriscarse ensaiando temáticas e xéneros até agora pouco frecuentados pola nosa edición.

En todo caso, os éxitos de vendas dos que falamos os editores son unha fachenda para todo o sector e, sobre todo, para a sociedade de lectores e lectoras en galego que os protagoniza. Anotacións coma esta son verdadeiras inxeccións de optimismo para o sector do libro en galego, inmerso no seu conxunto nunha certa melancolía.

A arte do book trailer

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ZS9rltzpgzw" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hai tempo que non recolliamos novos book trailer, esas pezas publicitarias audiovisuais de promoción do libro. O noso bo amigo Leroy Gutiérrez recolle nesta anotación algúns moi bonitos da editora portuguesa Livros de Areia. Leroy considera que estas pezas portuguesas posúen as catro características principais que eu traduzo debe ter este subxénero audiovisual ao servizo do libro:

1. Ser elocuente: as imaxes deben remitir ao libro.

2. Ser estimulante: pretendemos convertir ao espectador en lector.

3. Ser breve: un lostregazo entre os 20 e 60 segundos.

4. Ser preciso: debe aparecer a imaxe do libro.

En Xerais acabamos de preparar estes días un novo book trailer que agardamos poder presentar no mes de setembro. Pretendimos que fose elocuente, estimulante, breve e preciso, porén, non sabemos se o conseguimos.

"A Casa do vagabundo", outra despedida

Xosé Rivadulla Corcón, director d’ A Casa do vagabundo, o programa de libros (e con especial dedicación á poesía) da Radio Galega envíanos esta carta de despedida:

Estimados habitantes da Casa do vagabundo:

Xa sabedes que esta casa non ten ni paredes nin portas, tampouco xanelas nin tellado e pode emprazarse en calquera lugar do mundo onde alguén teña a intención de ler un libro feito con palabras na fermosa lingua dos galegos, e cada sábado as dúas e media se emprazaba na Radio Galega, así foi dende o 14 de xaneiro do 2006 ata o 20 de xuño do 2009, despois de 172 emisións e que pasasen pola casa 120 profesionais do libro: escritores, editores, críticos, traballadores de editoriais…
O espazo tivo continuidade todos os veráns, pero no que está por chegar non será así, sen ter a certeza de que a volta do outono poderemos emprazar de novo a casa na Radio Galega, o asunto quedou pendente de conversa cos responsables da programación da emisora.
Resulta que cando se me comunicou a decisión xa non foi posible gravar e emitir un novo programa no que puidera despedirme como debera, agradecendo o cariño de toda a familia do libro galego.
Declaro que fun feliz facendo este programa porque cada persoa que veu á casa fíxome vivir un momento inesquecible. Cada un dos 172 programas son unha lembranza que perdurará por sempre.
Pode parecer que A casa do vagabundo era un programa de radio, pero foi realmente un espazo para facer amigos. Coñecín alí por vez primeira a moitos dos convidados que por el pasaron e nesa breve media hora de conversa construíuse unha amizade con cada un deles. A verdade é que me sinto afortunado. Cos que xa era amigo houbo reencontros moi entrañables.
As veces emociónome e non me importa que así sexa, por isto non podo elaborar un aséptico escrito de despedida, así que mellor remato.
Grazas a todos e desculpas aos que non deu tempo que viñeran á casa.
Grazas en especial a Xurxo Souto que foi quen me pediu un día que fixera para a Radio Galega un programa sobre libros.
Se volvo no outono xa o saberedes, e se non saudádeme se nos cruzamos nalgunha rúa, estrada ou corredoira.
Cunha fonda aperta
X. H. Rivadulla Corcón

Outra carta que nos enche de tristeza e decepción.  Máis cando o programa de Corcón, que se emitía todos os sábados á hora do xantar, creaba unha media hora de acougo ben bonita. Os centos de autores e autoras que participaron no programa sempre falaron marabillas deste espazo para a poesía e para a conversa vagarosa e culta. Agardo que esta despedida apenas sexa un até logo, e Corcón volva ser chamado polas novas responsables da RG para continuar co programa.

No entanto, tras mudanzas de enfoque tan lamentables como as  introducidas no programa Aberto por Reformas, ben sería que os novos directivos da CRTVG fixeran explícitos os seus criterios de programación, tanto para o verán como para o reinicio da tempada.  Máis alá do Diario Cultural (ao que sería inimaxinable que acoutasen), na nova programación da RG haberá algún outro espazo destinado a facer visible a nosa creación cultural?

Continuará "Libro Aberto"?

Acabamos de recibir  a carta de despedida de Luís Rei Núñez, o director do programa “Libro Aberto”. Despois de 127 programas “Libro aberto” consolidouse como o espazo de referencia para a promoción do libro galego en televisión. Magoadamente a nova dirección da TVG, que acaba de suprimir o “Servizo de Cultura”, non asegura a continuidade do programa. Sinceramente non me entra na cabeza que os novos directivos da CRTVG poidan liquidar da grella un programa da calidade e audiencia de “Libro aberto”. Se o fixesen cometerían un gravísimo atentado contra a lectura, un auténtico delirio! A industria do libro galego e o fomento da lectura en Galicia (un país á cola nos índices de lectura) precisa como auga de maio de “Libro aberto”, precisa, ademais, recuperar o minuto do libro nos informativos diarios e crear a “Hora do conto”, un miniespazo diario dirixido aos lectores máis novos.

Nesta despedida de “Libro aberto” é o momento de abeizoar o traballo realizado por Luís Rei Núñez, o seu director, Manolo Romón, o seu presentador, e o de todos os membros do equipo de profesionais.

Reproduzo a carta de despedida de Luís Rei Núñez:

Amigos de “Libro aberto”:
Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005. Dado que ese programa de “Libro aberto” xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.

Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.

Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.

Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, “Libro aberto” acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.

Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.
Luís Rei Núñez
Director de “Libro aberto”