O futuro do Culturgal

Este 2009 non haberá Culturgal. A desvinculación total do proxecto por parte da Consellaría de Cultura, organizadora da pasada edición, impide celebrar esta feira das diversas manifestacións das industrias culturais en Galicia. Toda unha mágoa! A pesar da mobilización en Facebook e do ofrecemento de axuda por parte da Concellaría de Cultura da Coruña, non hai tempo nin cartos abondos para organizar nun par de meses un evento coas dimensións e a dignidade do da última edición. Razóns polas que parece moi sensato o acordo adoptado onte na reunión da Asociación Galega de Editores de aproveitar estes meses que quedan do ano para recuperar a xestión do proxecto (a verdade é que nunca debeu pasar as mans da Xunta de Galicia), xuntar aos diferentes sectores profesionais (música, audiovisual, xestión cultural…) e constituír de vez a fundación que organice anualmente a feira e asegure a súa independencia. Só así evitaremos que este feira, concibida para contribuír á profesionalización e visibilidade dos produtos culturais na nosa lingua, dependa dos intereses e das querenzas dos responsables das administracións públicas. No entanto, penso que sería moi proveitoso para non estragar tantas e tantas enerxías que foi xerando o proxecto, celebrar na Coruña (onde tanto se implicou a  concellaría de cultura no Culturgal 2008) nunha fin de semana do mes de decembro, unha marathón de presentacións dos produtos culturais deste ano 2009 (libros, discos, películas, series, iniciativas, publicacións periódicas…). A experiencia de «La noche en blanco», que se celebra esta fin de semana en Madrid, non podería ser reinventada en galego na Coruña? Unha idea que podería estudar a Concellaría de Cultura da Coruña.

«Como galego sinto vergoña»

Tras o acto de presentación do manifesto «Galego. patrimonio da Humanidade» (onde houbo unha importante participación e intervencións moi relevantes), fixen estas declaracións para Galicia hoxe.

Como galego sinto vergonza de que o presidente do meu país teña tan escasa consideración co esforzo colectivo de case tres décadas que costou forxar o actual estatuto xurídico do galego. Recuperar este consenso é unha prioridade para a nosa convivencia. Interpreto a tremenda acollida que ten o manifesto  (alén do papel dinamizador da propia rede) e o xermolar de diversas iniciativas  organizativas arredor do idioma como un síntoma do malestar existente en sectores urbanos moi diversos da sociedade coa actual política do Goberno Galego sobre a lingua, mais tamén como un síntoma moi esperanzador de vitalidade cívica.

«GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE», presentación do manifesto

O venres, 10 de xullo, ás 12:30 horas, no Salón de Actos da Casa Galega da Cultura de Vigo presentaremos o texto do manifesto «Galego. Patrimonio da Humanidade». Ata o día de hoxe apoian o texto 1.152 persoas.

«Pirata», terceira novela de María Reimóndez

A presentación de onte de Pirata, a terceira novela de María Reimóndez (tras o éxito rotundo d’ O club da calceta), foi unha marabilla. Durante media hora, María e Xabier Díaz entrelazaron a lectura de fragmentos da obra con cancións populares nas que arrecendía a euforia da maruxía. Un dúo orixinalísimo e memorable.

Acerta Reimóndez cando define Pirata «como un libro de viaxes interiores», xa que baixo a aparencia dunha novela de aventuras, ambientada no século XVIII e tecida sobre protagonistas reais, o que se propón ao lectorado é unha novela de mulleres rebeldes, ao tempo que unha reflexión sobre a identidade en toda a súa complexidade. A verdade é que esta primeira botadura foi moi afortunada. No mes de outubro, Pirata recalará no Aquarium da Coruña. Daquela volveremos sobre ela.

Homenaxe á cidade da liberdade

O sábado 23, ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro celebrarase a “Homenaxe á Cidade da Liberdade”, un acto literario arredor da novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal. A entrada é de balde.
A boca da literatura e a da canción, as palabras e a música, a poesía e os tangos, entrelazan e levedan nunha conmoción sen tregua sobre o escenario. A fonte que inspira este encontro é a novela Os libros arden mal, de Manuel Rivas, que ten por escenario a cidade da Coruña. Desta obra, co gallo da súa publicación en Francia, o xornal Le Monde dixo que provoca no lector “emoción, asombro, marabilla e pracer”.
O punto de arrinque desta “historia dramática da cultura” é un feito real, o da queima de libros que tivo lugar en agosto de 1936 nas proximidades da dársena coruñesa. Aquelas fogueiras tentaban queimar para sempre o corazón libertario da cidade. Porque se hai unha esencia fundacional da Coruña é o amor pola liberdade.
Fronte a esa pulsión totalitaria, que trata de controlar o poder as mentes, resiste e xermola a enerxía do desexo e a re-existencia, a que se expresa a través da literatura, a música e a memoria das que o historiador Ranahit Guha chamou as “voces baixas” ou silenciadas da humanidade.
Esta posta en escena conta coa participación de: Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascón (voz, gaita, serrucho). Está prevista a participación doutros músicos invitados.

«Os ollos do Contomar»

Acredito que este libro é unha marabilla. Poucas veces gocei tanto da beleza da lectura como nestas fotografías de Manuel G.Vicente. Outrosí sucede cos textos, que constitúen unha antoloxía fulcral sobre a lectura, o libro e a biblioteca.

Beizóns para Espazo Lectura!

[recomendo baixar as primeiras 28 páxinas en pdf]

Día internacional do libro e dos dereitos de autor

Con motivo do Día internacional do libro e dos dereitos de autor, hoxe ao mediodía presentaremos no Consello da Cultura Galega Do orixinal ao libro, o primeiro manual de edición técnica en galego que preparou o editor Juan L. Blanco Valdés. Jacobo Bermejo, presidente do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego acompañaranos nesta presentación. Este magnífico manual, prologado polo ortotipógrafo galego José Martínez de Sousa, proporciona boas doses de autoestima para o conxunto do sector editorial en Galicia ao tempo que fixa en galego os criterios dunha edición textual de calidade. Beizóns para Juan L. Blanco.

O Día internacional do libro deste ano está, inevitablemente, presidido polo interese sobre as relacións entre as novas tecnoloxías e o libro. Onte fixen dúas pequenas entrevistas para senllos programas da TVG (os informativos e «Acompáñenos») onde esta cuestión aparecía como a principal preocupación das entrevistadoras. Insistín na fortuna que temos os editores contemporáneos de poder participar neste cambio do paradigma da comunicación cultural, que non se producía dnede ha imáis de cincocentos anos, ao tempo que o libro terá distintos futuros, na medida que coexistirán soportes analóxicos e dixitais durante un período que non sabemos aínda estimar.

Boa xornada do libro. Hoxe recomendo visitar as librarías e bibliotecas galegas. Estamos todos de festa.

«Ámote vermella» en Lugo

Quedei satisfeito da presentación/recital de Ámote vermella en Lugo. Medio cento de persoas acudiron á Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, onde está instalada Vermellas. Chamábanlles «rojas», a magnífica exposición da que forma parte principal este poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas.  Tanto a exposición como o libro, un mesmo proxecto creativo multisoporte, promovido por Claudio co apoio de Carmen Blanco, constitúen unha homenaxe a aquelas mulleres represalidas polo franquismo. Nacido de «Vermellas», o número de 2006 da revista Unión Libre que ambos os dous dirixen, este poemario inscríbese, ademais, na triloxía que Rodríguez Fer ven ofrecendo sobre a memoria histórica, Lugo Blues sobre a memoria de Lugo, A loita continúa sobre a memoria de Galicia e este Ámote vermella sobre a memoria de muller.

Na súa intervención, Claudio R. Fer salientou que a intención deste proxecto é afirmar a vida, loitar contra a morte. «Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica». Antes de comezar a lectura dos poemas, comentou que lembrabamos a mulleres perseguidas por ter ideas. «O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero». Claudio agradeceu a presenza de varios familiares dalgunhas das vítimas lembradas no poemario: «Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos.» 

Rodríguez Fer leu unha decena de poemas. «A derradeira lección da mestra» (dedicado a Mercedes Romero Abella e a todas as mestras represaliadas), «A Juana Capdevielle»; «Amada Amada» (fusilada, en Ferrol despois de ter o seu fillo, por ter rexeitado a un pretendente falanxista); «As tres mapoulas de Montecubeiro» (homenaxe as tres fusiladas de Castroverde); «Un tranvía chamado Urania» (lembrando a Urania Mella); «A árbore da vida» (lembrando a Cintia Rey, a nai de Víctor Casas, fotografada por Amalia Álvarez Gallego, a muller de Alexandre Bóveda); «A viaxe vermella» (homenaxe a María Casares; «Memorial dos foxos de Lugo» e «Paz para sempre», derradeiro poema, tamén do libro, dedicado a todas as persoas que mantiveron viva as rosas da memoria.

«Nos camiños do entusiasmo", presentación en Compostela

Hoxe presentamos,ás 20:30 horas na Libraría Pedreira de Santiago (rúa do Home santo 55) Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación o ensaio de Goretti Sanmartín. Participaremos no acto xunto a Teresa Moure e a autora. Este ensaio constitúe unha reflexión potente sobre o proceso de recuperación de usos da lingua e do seu prestixio social. Entre as súas numerosas reflexións e propostas, quédome con esta, que me parece fulcral: precisamos un modelo de normalizacion no que a defensa do idioma e a súa calidade vaian unidas. «Os procedementos son a propia política.» Estades todos convidados.

Literatura Galega pola Paz

A verdade que foi moi emocionante e ao tempo sereno o acto conmemorativo do 60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos no que presentamos en Vigo o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz e recordamos a Xesús R. Jares. Ademais da lectura do texto completo da declaración, por parte de dez estudantes de ESO e Bacharelato, foron magníficas as intervencións literarias e institucionais. A guinda foi o extraordinario o concerto da Agrupación de Mestres da Escola de Música Tradicional do concello de Vigo. Grazas a todos polo apoio solidario e pola lembranza saudosa da figura do noso benquerido Suso Jares.