«Unha feliz continuidade»

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono, a raíz da cerimonia dos Xerais e da entrada de Bernardino na Academia, na feliz continuidade do proxecto de desenvolvemento dunha literatura nacional en galego. Unha feliz continuidade, na que haberá rupturas e modificacións froito do tempo novo que enxergamos.

Foto de Pilar Ponte, moitas grazas.

Iolanda Zúñiga, un novo horizonte

Sen menoscabo ningún da alta calidade do discurso de Fina Casalderrey como mantedora literaria da cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010, nin da orixinalidade e emoción da intervención de Teresa González Costa para agradecer o Premio Merlín, os tres folios que leu Iolanza Zúñiga, tras recibir o Premio Xerais de novela por Periferia, foron memorables. As súas palabras potentes, expresadas co ritmo de rap, sinalaron simbolicamente o inicio dunha nova etapa na literatura galega. O que sucedeu onte en San Simón expresa a feminización e renovación da narrativa galega actual. Algo que debemos celebrar de forma entusiasta.

No blog de Xerais e no perfil de Facebook é onde iremos recollendo estes días toda a información xerada polo fallo destss premios.

As fotos, oportunísima, é de Pilar Ponte. Grazas, profa!

Os Premios Xerais 2010 en directo por Blogaliza.tv

O sábado, 12 de xuño, a partir das 19:00 horas, Blogaliza.tv transmitirá en directo a cerimonia de entrega dos Premios Xerais 2010. No acto, que durará arredor dunha hora, intervirá a escritora Fina Casalderrey como mantedora literaria celebrando o 25 aniversario do Premio Merlín de Literatura Infantil.

Blogaliza.tv repite a experiencia desta retransmisión, facilitada nesta edición pola mellora das condicións técnicas das instalacións do Auditorio da illa de San Simón. Para a retransmisión, como informa Pedro Silva, responsable de Blogaliza, «utilizaránse estándares abertos e software libre, a cadea de distribución de audiovisual baseada en Theora, dende a cámara ata o navegador. As melloras dos sistemas de reprodución de video en tempo real fan máis facil o emprego da etiqueta <video> como receptor universal de imaxes en streaming. E a calidade tamén vai mellorando.»

Se queres comprobar que vas poder asistir a este evento, dende a tua cadeira, bótalle unha ollada á carta de axuste de blogaliza.tv.

Amin Maalouf, Premio Príncipe de Asturias das Letras 2010

Quen me coñece sabe ben da miña admiración pola obra de Amin Maalouf, o escritor francófono, de orixe libanesa, que vive dende hai anos na Normandía francesa. Coñecímolo hai dez anos cando viu a Compostela a presentar a edición en galego da súa, até agora, última novela A viaxe de Baldassare, traducida por Xavier Queipo e Lolis Torres París. Dende aquela viaxe quedamos engaiolados tanto pola súa proximidade humana e elegancia como pola causa que defende a da esperanza, a de enxergar camiños de encontro entre civilización e culturas, sen menoscabo ningún para asumir a diversidade e a diferencia como esencial á condición humana. Para Maalouf «a universalidade dos valores esenciais e a diversidade das expresións culturais» son dous principios tan intanxibles como inseparables para poder volver a repensar o mundo dende a primacía da cultura e, sobre todo, dende a identidade cultural de cada comunidade.Velaí o interese con que recibimos o seu informe sobre a diversidade lingüística como un reto proveitoso para contribuír a consolidación de Europa. Velaí o entusiasmo co que editamos o pasado ano A deleiba do mundo, un ensaio fulcral na súa traxectoria, no que diagnóstica de xeito anticipatorio a profundísima crise do capitalismo da mundialización. O feito de que hoxe obtivese o Premio Príncipe de Asturias das Letras 2010 constitúe, pois,unha fachenda que non podemos agochar. O pasado ano, Amin Maalouf xa recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia do ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente. As nosas beizóns  para o bo de Maalouf que sempre ten a deferencia de recoñecer a Xerais como súa editora en lingua galega.

«A Veiga é un tempo distinto» de Eva Moreda, Premio Terra de Melide 2010

Eva Moreda Rodríguez é a autora A Veiga é como un tempo distinto, a novela que resultou gañadora da IXª edición do Premio de Narrativa Terra de Melide 2010. Unha novela emocionante, elegante e de indubidable calidade que tiven a oportunidade de ler como membro do xurado que lle concedeu o cada vez máis prestixiado premio melidense. Gostei da novela polo xeito orixinal e atrevido de abordar o tema da emigración galega en Europa, neste caso a Londres, durante a década de 1960 dende un punto de vista das mulleres emigrantes e da súa toma de conciencia. Gostei da técnica narrativa utilizada, tecnicamente moi coidada, tecendo unha prosa elegante e medida, para relatar en segunda persoa a historia dunha parella de emigrantes d’ A Veiga, Elisa e Gelo, obrigados a construír en Londres as súas vidas de xeito ben diferente a como viñan facendo na súa terra de orixe. Gostei dos temas que aborda, dende os límites do amor e o desamor, da amizade e a solidariedade, até a soidade e o compromiso síndical e político construídos sempre sobre o valor das emocións e a súa influencia no devir das vidas dos personaxes.  A Veiga é como un tempo distinto é, pois, unha novela que actualiza con moito xeito o tema da emigración galega no contexto das mudanzas profundas que se xermolaron na Europa dos sesenta, dende o nacemento da música pop, o movemento de liberación da muller, e que, máis tarde, tanto influíron nos cambios profundos da sociedade galega. A Veiga é un tempo distinto será publicada por Xerais na colección Narrativa nos vindeiros meses. Os meus maiores parabéns para Eva Moreda, unha autora da que xa coñeciamos algúns outros textos. Alerto da calidade da novela erótica Organoloxía, Premio Narrativas Quentes 2010, que axiña será publicado por Edicións Positivas.

Xa temos finalistas dos Premios Xerais 2010

O xurado da XXVII edición do Premio Xerais de Novela formado por Comba Campoy (actriz), Manuel Ángel Candelas Colodrón (profesor da Universidade de Vigo e blogueiro), Roberto Pérez Pardo (profesional do libro), Belén Regueira (xornalista), Antón Sobral (pintor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas, entre as 38 obras participantes, as presentadas baixo os lemas «Fría e negra», «Hovercraft» e «O avesso do avesso».

Pola súa banda, o xurado da XXV edición do Premio Merlín de literatura infantil formado por An Alfaya (Premio Merlín, 1997), Jacobo Fernández Serrano (Premio Merlín, 2009), Antonio García Teijeiro (Premio Merlín, 1996), Mar Guerra (Premio Merlín, 2008), Gloria Sánchez (Premio Merlín, 1990), e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar como finalistas, entre as 32 participantes, as obras presentadas baixo os lemas «Canis lupus», «Celerífera», «Cincocentros trinta e tres» e «Sete pétalos».

O fallo de cada un dos premios darase a coñecer no serán do sábado, 12 de xuño, no acto literario que terá lugar na illa de San Simón e no que a escritora Fina Casalderrey actuará como mantedora literaria. Como en edicións anteriores o acto será retransmitido en directo por Internet por Blogaliza tv.

A Coruña, a cidade que le, convoca un concurso de biblioclips

Onte na presentación de Níxer na Casa Museo Casares Quiroga tiven oportunidade de comprobalo unha vez máis: o concello da Coruña en cuestión de lectura é un modelo a seguir. Xa non é só o funcionamento modélico da rede de Bibliotecas Municipais, agora tamén o é a súa campaña transversal de animación lectora que baixo a denominación «A cidade que le» ofrece un dos máis completos programas deste tipo que coñecemos. Velaí ciclos de actividades que aquí temos gabado noutras ocasións como o «Poetas di (n) versos», o s «Encontros na cidade da Coruña» (este ano coa presenza do noso admirado Alberto Manguel) ou os itinerarios literarios. A pesar do completo do programa, aínda queda espazo para a sorpresa. Velaí a convocatoria de »Vémonos na Biblioteca. Concurso de Biblioclips das Bibliotecas Municipais da Coruña«, unha iniciativa pra promover o feito lector entre a cidadanía cunha visión diferente, persoal e lúdica das bibliotecas públicas. O concurso consiste na realización dun anuncio (aquí nas brétemas, dende hai tempo chamámolos «book-trailers» dunha duración máxima de 35 segundos de visionado, inspirados na biblioteca e a lectura. A curta poderá estar ou non gravada nun espazo bibliotecario. En calquera caso, valorarase a orixinalidade e a capacidade de expresar calquera punto de vista relacionado co tema do concurso, así como as posibilidades de emisión dos traballos presentados. As bases poden baixarse en pdf aquí e o prazo de envío das obras remata o 1 de setembro. O primeiro premio consistirá nunha cámara de vídeo. Estou seguro que, a pesar da sobriedade e utilidade do premio, a participación será moi numerosa e dará moito xogo futuro na rede. Os meus parabéns aos promotores de tan interesante concurso.

Magnífico discurso de Antón Louro nos Premios da Crítica

Onte cheguei tarde á cerimonia de entrega dos Premios da Crítica 2010 celebrada en Mondariz Balneario. Magooume non poder ver a entrega do premio de creación literaria que recibiu Suso de Toro. Un premio que moito me aledou. O esforzo literario de Sete palabras merecía un recoñecemento deste tipo; a novela recibira boas valoracións da crítica e de moitos lectores e lectoras, porén deica agora non asomara por premio ningún dos fallados a obra editada. Entrei na sala coincidindo coas palabras de agradecemento do maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra Xoan Xosé Barreiro Prado, declarado Galego Egrexio polo seu destacado papel na creación da Irmandade Xurídica Galega e, en xeral, polo seu traballo arreo na galeguización da xustiza. Logo chegaron as intervencións dos políticos. Abriunas Anxo Lorenzo, logo interviu Roberto Varela e pechou Antón Louro. Aí saltou a sorpresa. O discurso do Delegado de Goberno foi magnífico, memorable. Moi lonxe do carácter protocolario destes parlamentos, Louro axiña atrapou a atención do auditorio coa súa defensa firme dos principios que forxaron os consensos arredor da normalización da lingua galega. Salientou con claridade a falacia que agocha o argumento do «equilibrio das linguas» que para el «só prexudica a máis feble, a galega» e solicitou con enerxía a recuperación dos espazos de encontro para evitar problemas de convivencia entre os cidadáns. Mágoa que nas notas de prensa sobre a cerimonia publicadas hoxe non aparecese referencia ningunha a estas tan ponderadas declaracións que foron longamente, moi longamente aplaudidas.

«O Pedrón de Camilo Nogueira»

No artigo da semana dedico unha homenaxe á figura do meu admirado Camilo Nogueira con motivo do premio Pedrón de Ouro que recibiu onte en Padrón.