Onte 184: Día de premios

Gosto dos premios literarios á obra editada xa que, máis alá da recepción da crítica e das cifras de vendas, expresan a opinión do lectorado cualificado que os outorga, ademais de estimular e recoñecer o traballo do equipo editorial e dos autores. Onte foi un día para ese tipo de premios. Pola mañá soubemos das obras finalistas dos Premios AELG 2012 e despois os outorgados pola Asociación Galega de Editores na Noite da Edición 2012. A pesar das dificultades de ano tan difícil como o pasado, ambos os dous premios de escritores e editores amosan que tivemos unha boa colleita, incorporamos ao noso catálogo obras con afán de permanencia. Unha satisfacción que celebro co equipo de profesionais e autores de Xerais.

Onte 176: Xesús Couceiro

Na reunión da Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores acordamos por unanimidade outorgar o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2012 ao libreiro e editor Xesús Couceiro. Este galardón co que os editores pretendemos cada ano recoñecer o labor realizado por unha persoa a prol da cultura do libro serálle entregado en Compostela o vindeiro venres, 9 de marzo, no transcurso d’ A Noite da Edición na que tamén daremos a coñecer os premios que outorga o sector editorial ás mellores obras de 2011. Nacido na parroquia de Albixoi do concello de Mesía, Suso Couceiro pasou de traballar como xerente dunha empresa de electrodomésticos a fundar en 1969 a súa primeira libraría na compostelá rúa de San Pedro. Dende entón, ao longo de catro intensas décadas, Couceiro desenvolveu de forma modélica e teimosa o seu noble oficio nas librarías de Xeneral Pardiñas, o Hórreo e agora no edificio recuperado da praza de Cervantes que xa xestionan os seus fillos Pablo e María. Fundador e primeiro presidente da Federación de Libreiros de Galicia (1977), co-fundador de Edicións Laiovento (1991), ven de poñer en valor Edicións do Cerne, selo creado por Luís Mariño, dedicándoo á edición de facsímiles de primeiras edicións de autores galegos libres de dereitos de autor. Sexa como libreiro, como bibliófilo, como editor, Xesús Couceiro dedicou a súa vida enteira á promoción do libro galego e á cultura da libraría como espazo cultural. Un recoñecemento merecidísimo.

Onte 148: A forza do vento

O serán frío de Pontevedra non impedíu que os membros do Ateneo completasen o aforo da Casa das Campás para participar na presentación de Extramunde, a novela de Xabier Queipo premiada co Xerais 2011. Recén chegado dunha xuntanza da Axencia Europea de Pesca, centrada na remontada do rodaballo no Mar Negro, Xavier comezou o seu parlamento agradecendo aos ateneístas, entre os que había un numeroso grupo de escritores, a súa presenza, xa que «actos coma a presentación dunha novela galega son actos de resistencia activa». Antes de confesar que a xénese desta novela estivo nalgúns soños coloridos e brutais que tivo, o compostelán lembrou un proverbio coreano que viña ao caso: «A forza do vento detense diante da paciencia do mar.» Foi unha inxección de esperanza moi oportuna, que apuntamos no caderno como pacientes mariñeiros que somos.

Onte 132: Fervenzas Literarias

Dende hai cinco anos Fervenzas Literarias é un espazo de referencia na rede para a literatura galega. O seu seguimento diario da actualidade editorial, as conversas con autores e editores e, sobre todo, o repositorio de recensións merecen o noso maior interese. No entanto, son os seus premios anuais, outorgados por votación entre os seus lectores e lectoras, que abranguen todos os subxéneros de edición e actividades relacionadas coa edición e a lectura en galego, referencia indiscutible de rigor e independencia para todo o noso sector. Onte coñecimos os correspondentes ao ano 2011. Polo que nos atinxe non podemos estar máis agradecidos, tanto polos recoñecementos recibidos polos libros editados por Xerais e, outra edición máis, por estas Brétemas. Expreso a miña gratitude a todas as persoas (case cincocentas) que participaron nas votacións e a Fervenzas Literarias pola continuidade de labor tan importante para facer visible a literatura galega.

Onte 65: Anxo Fariña

Saín moi satisfeito da presentación do premio Merlín deste ano, un acto que evidencia a madurez adquirida por Anxo Fariña, un dos nosos autores hoxe con maior proxección. Como sucedera hai vinte e cinco anos, cando unha nova e ampla xeración de autores iniciou o proxecto dunha literatura infantil e xuvenil en galego normalizada, identifico nestes últimos anos varias xeiras de autores e autoras moi interesantes que se afanan en continualo e anovalo. Unha noticia excelente. Entre eles atopamos a singularidade e dinamismo de Fariña que, como fai tamén o xenial Jacobo Fernández Serrano, arrisca escribindo e ilustrando dende as marxes da fantasía e da ciencia ficción sobre temas clásicos da literatura xuvenil. Tras o éxito rotundo dos Megatoxos, serie que será reeditada na súa totalidade por Xerais o vindeiro ano, Fariña escribiu e ilustrou un formidable relato no que visita o mito de Prometeo, como fixera Mary Wollstonecraft Shelley co seu Frankestein. Faino coa intención de procurar, dende a confianza nas posibilidades da ciencia –máis en concreto da biotecnoloxía e a robótica–, os límites da perfección do ser humano. Unha angueira científica, a da paixón polo coñecemento,  á que engade outra mítica, a da procura da Atlántida. A busca da porta da civilización labiríntica perdida da que falaba Platón permite viaxar ao lector ou lectora (vivir unha aventura), como sucede nos Megatoxos, entre os espazos do pasado e o futuro. Mención á parte merece gabar o estilo comunicacional de Fariña empregado nunha presentación de formato tan innovador como eficaz. Parabéns, Anxo!

Onte 45: Galeguismo integrador

Non o puido dicir mellor Bieito Ledo nas súas breves palabras de benvida da cea na que se deu a coñecer o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2011: «durante tres décadas estes premios baseáronse no galeguismo integrador que nós os da Fundación recentemente anovada, renovada e ampliada concibimos como fortiter in re suabiter in modo, man forte con luva de seda, sen confundir a luva coa man, que seguiremos ofrecendo por Galicia, sempre». A de onte foi unha noite para a esperanza no entorno da desolación actual sobre a situación da industria cultural de noso: uns premios arriscados e sólidos, unha representación numerosísima e plural, ademais dun traballo dos organizadores en man común, tan discreto coma eficaz. Con estes vimbios e a vontade amosada, a continuidade dos Premios da Crítica Galicia está asegurada. Os meus parabéns para Bieito Ledo e Antón Pulido, capitáns dunha operación tan necesaria como exitosa para consolidar unha tradición contemporánea.

Onte 42: O embigo do mundo

Coa presentación en Compostela de Extramunde, a novela de Xavier Queipo gañadora do Premio Xerais 2011, iniciamos a nosa tempada de Nadal. “O embigo do mundo” é un espectáculo artístico, unha presentación literaria de formato innovador, onde se mestura o teatro da man de Quico Cadaval e Anabel Lago, a danza contemporánea de Olga Cameselle e a música e a palabra do colectivo Río Lagares (Mister Choco e Xavier Queipo) para convidar e incitar aos lectores a participar do espazo e da aventura de Extramunde. Un acto, ademais, que pretende recoñecer a traxectoria dun dos escritores que posúen unha das obras (non só narrativa, tamén ensaística e poética) máis sólidas e orixinais das dúas últimas décadas. A metáfora do embigo do mundo acuñada por Queipo, como a dos círculos e dos ollos de grafiti de Ce Tomé, o autor da magnífica cuberta de Extramunde,  nos centos de fotografías proxectadas na derradeira parte do espectáculo, lonxe de calquera intención narcisista dos seus autores, ten que ver coa exaltación colectiva do valor da diversidade e da construción dun mundo creativo propio dende a identidade galega, alí onde residen as células nais da nosa lingua e dende onde se continúa a nosa cadea de transmisión cultural. “O embigo do mundo” é a afirmación da nosa centralidade creativa, fronte a calquera condición periférica que pretenda rebaixar o noso horizonte. O de Queipo é un espectáculo moi interesante que repetiremos o serán do venres no Museo do Mar de Vigo. Aconsello non perdelo.

Fundación Premios da Crítica Galicia

Hoxe participei na constitución da nova xunta directiva da Fundación Premios da Critica Galicia, un proxecto do galeguismo integrador que non podía crebar a súa andaina despois do seu funcionamento ininterrompido dende 1978.

Os reunidos acordamos nomear a seguinte xunta directiva: presidencia, Bieito Ledo; vicepresidencia, Antón Pulido; secretaría, Manuel Bragado; vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó; vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela.

Ademais, tras analizar aspectos relativos ás características de cada unha das modalidades, acordamos que o fallo dos premios correspondentes ao ano 2011 realizarase na cidade de Vigo o serán do 22 de outubro. O 26 de agosto celebraremos en Compostela unha nova xuntanza.

Premios Xerais 2011, as entrevistas


Blogaliza.tv realizou unha magnífica cobertura dos Premios Xerais 2011. No blog de Xerais podemos atopar todas as entrevistas que Alfredo Ferreiro fixo aos gañadores, membros do xurados e algúns dos asistentes. Un material documental ben interesante.

Eis a relación e os seus enlaces: