Onte 314: «A punta de pistola» de Fran Alonso, premio «La Voz de Galicia»

Aledoume moito acompañar a Fran Alonso na noite na que recolleu o premio «La Voz de Galicia de novela por entregas 2012». Tiven a fortuna de ler hai meses a obra gañadora, A punta de pistola, unha trepidante novela de estrada, axustada ás convencións requiridas polo certame (trinta e uns capítulos autoconclusivos e menos de catro mil caracteres), na que Fran coa súa habitual mestría e potencia narrativa retrata un episodio do tempo contemporáneo. Unha parella de mozos marxinais, O Varas e a Rica, rescatan a punta de pistola a Dixie e Pixie, os seus fillos de apenas oito anos internados polos servizos sociais nun centro de menores. A partir desa situación extrema, na que en palabras de Fran «a realidade pode ser máis inverosímil ca ficción», a familia emprenderá unha fuxida a velocidade de vertixe que a levará, primeiro, aos labirintos do centro comercial, e máis tarde polos vieiros da rexión metropolitana viguesa. Como é adoito nos textos narrativos de Fran Alonso, un feito real, neste caso denunciado por el nun artigo de opinón en 2006, constitúe o xérmolo dunha ficción na que se cruzan os camiños doutras historias, relatadas en ton máis acougado, como a protagonizada por unha camioneira blogueira de formación universitaria e por Celia Rivas, a primeira muller camioneira de Galicia. Unha novela de lectura enguedellante na que se aborda unha reflexión de profundo calado educativo, ao tempo que se deita unha olla desprexuizada sobre a infancia, a familia e desestruturación da sociedade en tempos de crise. Parabéns para o grande Fran, si señor!

Onte 293: Premios Lois Peña Novo

O foxo do castelo de Soutomario foi o espazo de privilexio escollido para a cerimonia de entrega dos Premios Lois Peña Novo 2012. Os autores do Dicionario Xurídico Galego, editado por Xerais; o escritor e funcionario redondelán Gonzalo Amoedo López; e o Luís Villares Naveira, maxistrado da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Pronvicial de Lugo foron os galardonados. Especialmente memorable e punxente resultou a intervención de Luís Villares defendendo a necesidade dunha acción xurídica positiva a prol da lingua galega e un traballo social eficaz para desmontar os prexuízos existentes sobre o seu uso en todos os ámbitos. Agardo que a Fundación Lois Peña Novo publique decontado os vídeos de todas as intervencións, moi valiosas, dun serán no que se defendeu con paixón e razón o emprego da lingua galega no eido da Xustiza e o consumo responsable dos produtos etiquetados en galego. Parabéns aos premiados e aos organizadores.

Onte 282: Martín Codax

A visita á Bodega Martín Codax, que nos agasallou cun moi sabedeiro xantar para celebrar os 35 anos dos Premios da Critica Galicia, demostroume o excelente papel social e cultural desta empresa cooperativa dedicada á produción e comercial de viños. A diversificación e calidade dos seus produtos, a inequívoca modernización dos seus procesos, como a súa estratexia de comercialización internacional en cincuenta países, son compatibles co compromiso de continuar un xeneroso labor de patrocinio á cultura galega, un dos sinais de identidade da empresa dende a súa fundación. A renovada estratexia de utilización das súas extraordinarias instalacións para organizar actividades culturais (o ciclo de música galega deste verán será soberbio), a promoción de produtos culturais galegos ou as novas iniciativas como o Club de Poesía Martín Codax ou o apoio aos creadores residentes son fenómenos de transferencia social que merecen ser abeizoados.

No Premio Xerais 2012

Quede no arquivo o vídeo da intervención do Premio Xerais 2012.

Onte 280: «Atl», a distopía de Manuel Lourenzo

Despois de varios meses de intensa e concienciuda edición, chegaron os primeiros exemplares de Atl, a obra de Manuel Lourenzo González gañadora da XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela. Este fermoso volume de 540 páxinas e encadernación acartonada contén un texto no que se propón un novo achegamento á Atlántida, o continente perdido, dende perspectivas que van dende a historia e o mito, até a crónica e a fábula. Esta é unha engaiolante novela de acción, de lectura moi áxil e entretida, mais tamén unha coidadísima e complexa obra de ficción científica na tradición das mellores obras do xénero. Unha distopía que retrata de forma minuciosa e verosímil outra sociedade posible, na que se lle outorga moita importancia á política, ao desenvolvemento tecnolóxico postdixital, á ciencia e o coñecemento, a relación coa natureza, así como as formas de vida cotián, nas que existen escasas posibilidades para a iniciativa persoal. Revísanse así, os grandes temas da condición humana e da organización social nun espazo, que o autor sitúa «nalgún mar do noso interior máis profundo», e nun tempo futuro que pode ser calquera nese continente perdido. Neste momento de desconcerto e desacougo sobre o futuro,  a reflexión que Atl propón sobre a deriva dunha sociedade futura é de enrome interese. Sen dúbida, Atl é unha novela importante na traxectoria solidísima do autor, froito dunha década de traballo, mais tamén creo que marcará un fito na narrativa galega do século XXI. Parabéns!!!

Onte 275: Outro serán en San Simón

Foi o serán de onte en San Simón o da babuxa, circunstancia que nos obrigou a facer todo o convivio ao cuberto. A pesar dos malos agoiros do rescate, anunciado por Guindos mentres Marilar Aleixandre remataba o seu discurso e Calveiro recollía o seu Merlín, dende as palabras de apertura de Celia e as pezas de Xurxo Souto, o serán foi emotivo e emocionante, amosando que alí se tecía, tamén, unha comunidade de afectos. Coa aparición de María e Manuel Lorenzo, autores de Tona de laranxa, saltou a grande sorpresa. En San Simón onte reivindicouse o valor tremendo das palabras (na intervención memorable de Calveiro) e a paixón pola literatura expresada pola familia do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón. A volta a Cobres, entre unha mesta brétema, fixo aínda máis inesquecible estoutro Xerais.

Onte 255: O Pedrón de Nova Escola Galega

Os membros de Nova Escola Galega non puidemos agochar a satisfacción por recibir o Pedrón de Ouro 2012. Tras aquel Premio da Crítica Galicia de 1987 na modalidade de Iniciativas Culturais, recoñécese agora a nosa traxectoria de defensa do modelo de escola pública galega e de promoción da innovación e renovación pedagóxica. O Pedrón, como salientou Mariló Candedo, a nosa presidenta,  é para nós aínda máis significativo cando coincide cos durísimos recurtes no ensino público e cando o modelo de galeguización educativa sofre un retroceso histórico. Nova Escola Galega é un proxecto colectivo e transversal de profesionais que asumimos como tarefa contribuír ao proceso de construción da nación dende o eido educativo. Facémolo dende a independencia e a autonomía con respecto ás organizacións políticas, sindicais e das administracións educativas, mais procurando sempre artellar redes colaborativas con outras organizacións profesionais, sociais e cívicas. Sabemos da importancia do Pedrón de Ouro, un recoñecemento que nos achega novos azos para continuar co noso afán.

Onte 226: «Non hai noite tan longa»

Non hai noite tan longa, a novela de Agustín Fernández Paz, recibíu dos premios no mesmo día, o Lousada Diéguez á mellor obra de ficción de 2011, e o Irmandade do Libro ao mellor libro de 2011. Un feito inédito que nos encheu de ledicia. Con estes recoñecementos, que se unen aos da AGE, Fervenzas literarias e Redelibros, é difícil discutir que esta primeira novela de Agustín en Xerais Narrativa é a mellor valorada das publicadas en galego o pasado ano. Con esta novela xeracional, o autor de Cartas de inverno foi capaz con de gañar novos lectores e lectoras, derrubando así fronteiras e superando prexuízos, como fixera Rosa Parks, o que constitúe outro feito moi alentador para a normalización da literatura de noso e do seu sistema editorial. O seu discurso maxistral en Lalín, reflexivo e esperanzador, cando recolleu o premio da Federación de Libreiros, apelou a responsabilidade do narrador para ofrecer relatos que importen aos lectores. Unha demostración máis da madurez dun autor principal das letras do noso tempo. Nas vindeiras semanas aparecerá en Xerais Narrativa unha edición revisada e definitiva de Aire negro, outras das súas xeniais novelas.

Onte 206: Nova Escola Galega, Pedrón de Ouro 2012

Nos días difíciles é cando máis se agradecen as boas noticias. Nova Escola Galega recibirá o domingo 20 de maio o premio Pedrón de Ouro. Recoñécese así o seu labor de tres décadas a prol da galeguización educativa e da renovación pedagóxica en todas as etapas e eidos do sistema educativo. Expreso a miña gratitude aos membros do Pedrón, unha institución galeguista que mantén rexo o seu ideal, que sei comparte o medio milleiro de membros de Nova Escola Galega que ao longo da nosa vida profesional e dende diversos eidos contribuímos con discreción, paciencia e humildade a pular contra vento e marea polo modelo de escola pública galega. Para NEG este Pedrón constitúe un aliciente e un compromiso para continuar a procura dunha escola instalada na lingua de noso, innovadora e renovadora, aberta en diálogo con tempo contemporáneo, iluminada na construción compartida do coñecemento polas luces da razón e polos valores da paz. Beizóns.

Onte 188: Os fillos do mar

Pasei boa parte da tarde lendo na novela coa que Pedro Feijoo debuta na narrativa galega. Tras o seu magnífico estudo sobre o xornal Galicia de Valentín Paz Andrade e Viva o Fu Remol!, o escritor e músico de Los Feliz e Lamatumbá ofrece unha novela trepidante sobre as pegadas da memoria na cidade de Vigo. Máis de catro centas páxinas dunha historia de intriga, escritas con grande elegancia e unha preciosa ambientación viguesa (nalgúns treitos chegou a emocionarme), nas que a historia dunha familia que procura atopar a súa identidade contribúe a facelo coa comunidade (un chisco desmemoriada) á que pertence. Os fillos do mar, finalista do premio Xerais de novela 2011, reivindica a volta da narración e o entretemento aos andeis das novidades da literatura galega. Un texto ben escrito, unha novela armada con solidez, un tema relevante, unha ambientación e documentación magníficas. Agardo que axude a incrementar o número de lectores e lectoras en galego nestes tempos de crise. Recoméndoa moi vivamente.