Onte 1651: «Tempos de bebidas isotónicas e fast-food» no Café Badía

Cafe_Badia_22-04-2016

Visitamos onte o Café Badía, para min o máis xeitoso dos novos cafés literarios do país, para presentar Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, o libro de relatos de Álex Alonso, gañador do premio Ánxel Fole 2015.  Foi unha gozada acompañar a Álex na conversa que mantivo con Marcos Calveiro, o noso xeneroso anfitirión.

Comezou Marcos lembrando que coñecera ao autor cando Álex traballaba de camareiro no Café Dublín de Vigo. Unha experiencia que para Calveiro facilita a capacidade para escoitar, onde quizais estea a razón de que a maioría dos contos do libro estean escritos en primeira persoa, cun rexistro lingüístico diferente e un galego moi vivo. Confesou Álex Alonso que para el «o barman é coma un periscopio, capaz de controlar cousas que as persoas que están doutro lado da barra non son conscientes. barman identifica a soidade da xente ou recibe confesións que os clientes non farian a ninguén». «En cada un dos relatos quixen poñerme no lugar do personaxe, do outro. Este é un exercicio moi positivo para todos, que permite comprender a quen é ou pensa diferente ca ti. Se nos puxéramos máis no lugar do outro, a sociedade será máis tolerante.»

XG00246601 (1)Despois Marcos propuxo unha reflexión sobre o carácter urbano dun libro, que definiu como «político e indignado», onde semella desapareceu o mundo rural. Álex  desvelou que «os relatos están tirados de noticias de xornais que me chamaron a atención, coa intención de expresar a rabia sobre a situación de precariedade que vivimos, dende as preferentes á precariedade laboral, que se dan na cidade». Marcos salientou o carácter cinematográfico de moitos dos títulos dos relatos dun «libro no que se alterna o foco entre o humor e unha denuncia moi dura». Alonso confesou que os títulos lles saían moi rápido, «quizais por que vou sempre ao cinematógráfico». Con respecto á outra cuestión, o autor confesou que o seu primeiro libro, Xénero imperfecto,  no que abordaba o tema da violencia de xénero, «a algunha xente resultoulle moi duro». «Neste segundo quixen escribir relatos moi duros, pero tratei ir compensando. No libro aparecen os relatos ordenados tal como os fun escribindo, mesturando o humor, a parodia e a ironía duns coa dureza doutros.»

Calveiro abordou despois o papel sobranceiro das novas tecnoloxías no libro, onde hai críticas moi duras ás redes sociais. Entre sorrisos Álex confesou que «hai anos cría que Facebook era algo narcisista, mais agora o utilizo con frecuencia, a pesar de que son cosciente que estamos completamente idiotizados polo uso destas tecnoloxías das que penso hai que facer un uso máis racional». Marcos seguíu o fío dese nobelo e reiterou a preocupación de Álex pola diversidade de voces e pola autenticidade do galego, mais tamén «pola preocupación pola perda da linguaxe, pola escritura con xeroglíficos, pola vacuidade de moitas conversas». Alonso contestou que «hai unha involución no xeito de expresarse, provocada polo uso das linguaxes icónicas». «Sobre a cuestión do galego pretendín que os personaxes non se afastasen do seu rexistro, sobre todo para que non perdesen autenticidade nin credibilidade».

Rematou a conversas comentando o uso de palabras claves nalgúns relatos como «chinito», «balón medicinal», »la chica» e «terrorista». Ao respecto da última, Álex comentou que coñecera cando traballaba en Lugo a Antón Santos, a quen dedicou un relato no que «quixen salientar a desproporción coa que se abordan algúns destes casos». Pechou Marcos Calveiro agradecendo a Álex Alonso «un libro que é signo dos tempos, polo tanto unha homenaxe a Prince. Un libro claramente político».

Onte 1646: Gala do Libro Galego

Gala_do_Libro_Galego

Esta fin de semana déronse a coñecer as obras finalistas dos Premios Gala do Libro Galego 2016 convocados conxuntamente, por vez primeira, pola Asoiación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia. Ademais da lóxica satisfacción que supón para o cadro de Xerais contar con 11 obras finalistas, en case todas as cetegorías, esta Gala do Libro está chamada a abrir unha nova etapa de colaboración entre os membros do sector do libro galego. Rematar cos gremialismos e compartir unha acción potente de visibilización do libro literario galego e do asociacionismo no sector son obxectivos da Gala que celebraremos no teatro Principal de Compostela o serán do 14 de maio. Unha iniciativa novidosa que merece recoñecemento e apoio. Beizóns ás responsables das tres asociacións que, despois de varios anos de conversas, convocan a Gala.

Onte 1638: Centenario de Lueiro en Fornelos

marcos_abalde_fornelos_09-04-2016

Magnífica xornada a de onte en Fornelos de Montes onde se homenaxeou a Manuel Lueiro Rey con motivo do seu centenario e se entregou ao escritor Marcos Abalde Covelo a cuarta edición do premio que de poesía que leva o nome do autor d’ O sol na crista do galo. Baixo a coordinación de Carme Carreiro Montero, presidenta da Asociación Veciñal O Cruceiro da Laxe, desenvolveuse un acto literario e musical no que se homenaxeou a Lueiro e se reclamou para el un día das letras galegas. Presentouse, ademais, unha nova edición de Non debían medrar, que preparou Ramón Nicolás, e un audiovisual ben fermoso sobre o autor preparado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez.

Entre as diversas intervencións destacou a realizada polo escritor Marcos Abalde Covelo, autor de Exhumación, o poemario gañador da IV edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, que publicará Xerais o vindeiro verán. Unha intervención que moito apreciaría Lueiro, un humanista intransixente coa desigualdade e a inxustiza. Comezou salientando Abalde que «toda a humanidade é a nosa única familia» e definindo Exhumación como «un intento de recuperar a fraternidade cando o ser humano está roto, ferido co resto da humanidade». Preguntouse o escritor de Lavadores como era posible que a igualdade sexa aínda unha utopía e expresou a súa convicción de que «as xeracións futuras van xulgarnos moi duramente pola infamia da situación dos refuxiados e pola exclusión de toda a miña xeración». «Exhumación pretende recuperar a palabra “emancipación”, entendida como non dominar, non humillar, non explotar, mais tamén non deixarse dominar, como expresión do deber de rebeldía, o deber de revolta.»

Onte 1637: A estrea da «Esmeraldina» de Ledicia Costas

Esmeraldina_presentación_08-04-2016

O salón da Casa do Libro de Vigo encheuse onte de lectores e lectoras de todas as idades para participar na presentación de Esmeraldina, a pequena defunta, a precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta, novela coa que Ledicia Costas obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015. Víctor Rivas, o ilustrador de ambas as dúas novelas e creador gráfico do universo do Alén Mundo, confesou que lle encantaba ilustrar por encargo, asumindo cada encomenda como un reto creativo. «No proxecto de Escarlatina / Esmeraldina utilicei a estética victoriana, que sempre me gustou moito, así como unha recreación clásica do macabro».

XG00253301Ledicia Costas comezou lendo os primeiros parágrafos da novela. «A precuela naceu da demanda das lectoras novas que me pedían unha segunda parte de Escarlatina. Quixen que fose protagonizada por Esmeraldina, o que supuxo o reto de darlle personalidade a esta rapaza, independente e sensible.» «Cando souben que unha filla de Buffalo Bill morrera da febre escarlatina elexín o espazo e o tempo do Salvaxe Oeste. Permitiume incorporar figuras como a de Bill, que estaba en contra da escravitude, e outras literarias como a lenda de Sleepy Hollow, o xinete decapitado, o relato de terror de Washintong Irving». Sinalou Ledicia que na novela, ademais dunha aventura de auténtico terror, quixo abordar os temas da asunción da morte e da soidade, «Esmeraldina ten que aprender a vivir sen a súa familia e ser capaz de poñerse no lugar das outras persoas». Por último, salientou a importancia da cociña na serie e confesou que a receita que pecha O libro d’ A Tremenda, a de Pasteis de Belem, era unha homenaxe a Portugal.

Onte 1635: Na Feira do Libro de Pontevedra con Álex Alonso

XG00246601Comezamos onte en Pontevedra a tempada de presentacións nas Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros. Fixémolo co libro de relatos de Álex Alonso, Tempo de bebidas isotónicas e fast-food, obra gañadora do Premio Ánxel Fole 2015, e coa edición que Anxo Angueira preparou de Follas novas de Rosalía de Castro. O bo serán de primavera foi un aliciente para que a praza da Ferrería pontevedresa estivese moi animada, o que ben agradecimos.Na súa intervención, Álex Alonso definiu o seu libro como “unha expresión dun estado de ánimo indignado, unha denuncia da corrupción, da precariedade, do paro, dos desafiuzamentos, da estafa das preferentes, do acoso escolar, da violencia contra as mulleres ou do racismo”. “Quixen que o libro fose coma un caleidoscopio da sociedade actual, un mosaico onde cada un destes problemas tirados das páxinas dos xornais fose unha peza, procurando unha lectura acedamente divertida”.

Onte 1634: Camilo, Premio Trasalba

Camilo NogueiraAcerta de cheo a Fundación Otero Pedrayo outorgando a Camilo Nogueira o Premio Trasalba 2016. Recoñécese así a extraordinaria traxectoria de Camilo nos eidos político, profesional e cultural onde serviu con xenerosidade desbordada a causa de Galicia. Modelo de teimoso optimista da vontade, Camilo contribuíu a modernización do nacionalismo galego contemporáneo e o seu arraizamento no pensamento socialista radical e europeísta, “na mellor tradición da Xeración Nós”. Ensaísta concienzudo e lúcido, analista agudo, historiador erudito, lingüista vocacional, conferenciante didáctico, lector curioso, vigués cosmopolita, Camilo Nogueira acuñou no nacionalismo galego o modelo de pensamento inclusivo, imprescindible para enxergar e compartir os territorios da esperanza. Cando cumpre os 80 anos, este premio recoñece o seu labor de xigante e pioneiro. O 26 de xuño estaremos con el en Trasalaba celebrando a Galicia da esperanza.

Onte 1632: “A cacería” de Amadeo Cobas

XG00252801Presentamos en Noia A cacería, a novela de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela curta cidade centenaria. O escritor Ramón Carredano definiuna como “unha novela de aventuras pura e dura ao xeito máis clásico, onde existen batallas e amores, heroes e viláns, escrita cun ritmo trepidenate, capaz de levar ao lector dacabalo sen presa, mais sen pausa, sen nunca chegar a afogalo”. “Mais tamén unha novela curta, concisa e conceptual, caracterizada pola economía de recursos, onde non sobra nin falta nada,” “A cacería narra o proceso de iniciación de Zairo, o neno co que comeza a historia, o home coa que remata esta narración ambientada nun tempo e un espazo mítico”. Pola súa banda o autor confesou que “o máis verídico da novela é o escenario, as montañas da Barbanza e as do Pireneo aragonés”, “a novela foi escrita en galego no Pireneo, sendo unha mestura da montaña galega e das penalidades que vivín a tres mil metros”. “A cacería é unha historia guerreira e de amores na que pretendín levar aos lectores onde non pensan.”

Onte 1629: Activismo literario de Xerais

Que_non_te_aten_Cafetaria_Vilariño_Ponte_Carreira_31-03-2016

Foi onte outra intensa xornada de activismo literario de Xerais, no que durante o serán se desenvolveron tres presentacións simultáneas doutras tantas novidades recentes da editorial. Na Numax de Compostela, Fran Alonso e Alba Cid acompañaron a Ismael Ramos na presentación do libro de poemas Os fillos da fame, premio Johán Carballeira do concello de Bueu. No salón de plenos do concello de Ribeira presentamos a obra xuvenil A cacería de Amadeo Cobas, gañadora do premio de novela cidade centenaria, ao tempo que asinabamos co alcalde a continuidade da nosa colaboración neste certame de narrativa curta. Xa case na noitiña na Cafetaría Vilariño de Ponte Carreira o incansable Manuel Iglesias Turnes presentaba Que non te aten, contando coas intervencións de Pilar Sampedro e Cándido Iglesias e coa colaboración da Libraría Pedreira. Activismo que continuaremos esta fin de semana con novas convocatorias literarias. No serán de hoxe na Biblioteca González Garcés da Coruña cunha nova presentación de Que non te aten, que pechará a actuación dos Cantareiros do Naval. O sábado á tarde Xurxo Souto prresentará na Biblioteca de Muxía o seu espectáculo “Oceano para terrícolas”, baseado nos seus Contos do mar de Irlanda. Ao mesmo tempo no Liceo de Noia Amadeo Cobas presentará A cacería da man do escritor Ramón Carredano, acto co que a editorial celebra o día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Comezaremos os actos da vindeira semana o martes na Fundación Luís Seoane da Coruña, onde o alcalde Xulio Ferreiro participará na presentación d’ A Galicia urbana. En Pontevedra acompañaremos na primeira feira do libro deste 2016 a Alberto Fortes, Ramón Caride, Álex Alonso e Anxo Angueira que presentarán as súas novidades, actos que coincidirán coas presentacións da novela de Amadeo Cobas en Vigo e Santiago. Pecharemos a semana o venres na Casa do Libro de Vigo coa agardada estrea de Esmeraldina, a pequena defunta con Ledicia Costas e Víctor Rivas, protagonistas destacados tamén do Salon do Libro Infantil de Pontevedra. E o sábado ao mediodía presentaremos no concello de Fornelos de Montes a edición de Ramón Nicolás de Non debían medrar, coa que celebramos o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rei e a entrega do premio de poesía que leva o seu nome.

O esforzo de Xerais procura visibilizar as nosas novidades en espazos e localidades diversas, procurando chegar a novos públicos. Nun momento de hibridación e de incerteza, cando desapareceron practicamente as políticas públicas de lectura e de apoio ao libro editado en galego, o futuro do noso sector está tamén na nosa capacidade para activar o interese dos lectores e lectoras e ampliar o perímetro do seu abrazo. Nesa angueira seguimos.

Onte 1627: Cajaraville premiado

hector-cajaravilleParticipamos onte no xurado da XVIII edición do certame de narración curta Ánxel Fole convocado polo concello de Lugo. Tras case tres meses de lectura, non foi doado escoller entre 62 orixinais, media ducia deles de gran calidade. Despois de moitos falares votamos entre tres obras finalistas resultando gañadora a títulada Once portas, que resultou ser de Héctor Cajaraville. Once portas é unha novela de lectura aditiva sobre a desaparecida muralla de Compostela. Coa habilidade que descubrimos en De remate, Héctor propón unha viaxe na historia, dende a cidade do Calixtino do século XII até hoxe, que axude a solucionar un enigma sobre a ubicación das portas e poxigos de Compostela. Cando a presidenta do xurado abriu a plica e coñecimos o nome de autor quedamos abraiados, xa que este é o terceiro premio literario que Cajaraville consegue nos últimos nove meses, tras o Xerais de novela e o Raíña Lupa de lix. Non hai dúbida que estamos diante dun escrtior completísimo, sólido, versátil, chamado a revolucionar a narrativa galega actual. Nestes días está chegando ás librarías a súa novela infantil Quen dá a quenda?, que resultou finalista do Prmeio Merlín de literatura infantil do pasado ano. Parabéns, Héctor!!!

Onte 1575: O Goya de Coira

Jorge_CoiraO Goya para Jorge Coira como mellor montaxe polo seu traballo en El desconocido é un premio valioso para esta película producida por Vaca films, a primeira dirixida por Dani de la Torre, que tamén recibiu un segundo polo mellor son. Xaora, é un recoñecemento para o traballo de Jorge Coira, un soñador do cine galego durante as dúas últimas décadas, fose como guionista, director ou actor. Sabemos que o talento de Coira estivo detrás de moitos proxectos do audiovisual galego, razón pola que este premio ven como anel para recoñecelo, Secomasí, este Goya permitiu, ademais, que na súa voz se visibilizase na cerimonia que en Galicia existe xente «intentando facer cine e contar historias». Ben sei da parafernalia destes premios, mais non podemos negar que axudan a pór o foco sobre traballos e persoas tan discretas e teimosas como o cineasta chairego. Coira e todo o equipo de El desconocido merecen todos os nosos parabéns.