Entre tantas análises sobre os resultados electorais paga a pena reparar no alto nivel de abstención que se produciu en Galicia (un 37,03%, case catro puntos máis ca nas anteriores), unha cifra que supón que case un millón de electores galegos que tiñan dereito ao voto decidiron quedar na casa. Porcentaxe que é aínda superior na maioría das nosas cidades como
Vigo (case un 40%, o que supón 98.000 electores), Pontevedra (tamén case un 40%, 29.000 electores), Santiago (43%, 36.000 electores), Ferrol (44%, case 30.000 electores), Coruña (46%, máis de 100.000 electores). Eis nesa inhibición electoral (seguramente causada por fastío e alonxamento dos partidos das preocupacións cidadáns) pode atoparse algunhas das causas do paradóxico retroceso do voto de esquerdas e a mellora relativa das posicións conservadoras producida nas cidades galegas.
Na mesma liña podemos entender o sucedido en
Redondela, onde se depositaron 1.544 votos nulos, causados, entendo na súa maior parte, polo chamamento realizado pola
Liga Veciñal Polo Voto Útil, o que supón case un dez por cento dos votos emitidos (equivalentes aos dous concelleiros obtidos polo PG), ademais dunha clarísima reprobación aos partidos políticos redondeláns que levan anos e anos sen apostar por ningún tipo de renovación (o seu alcalde será o máis veterano dos galegos) nin na conformación das súas listas nin na súa proposta programática. Unha tristeza!
Ben sería que este
toque de atención realizado fose pola vía do crecemento da inhibición electoral (un
fenómeno que se produciu a nivel de todo o estado, 36%, case trece millóns de electores na casa, un 4,5% máis ca nas anteriores locais), fose pola da protesta nas urnas, servise para alertar aos tres partidos maioritarios galegos de que algo se está cocendo na sociedade civil por baixo da súa autocompracencia.