Análises dos resultados das locais
/en Política/por bretemas- Fernando Varela: “Ganadores y perdedores”.
- Camilo Nogueira: “Non teñen remedio”.
- X.M. Pereiro: “Resaca electoral 3: quen gañou?”
- Vigoblog: “El ganapierde electoral”
- Xabier Cid: “As mellores eleccións posíbeis”.
- Martin Pawley: “27-M en Gz”
- Lantania: “Análise Vigo 07: o día seguinte”.
- Cabrafanada: “Valoración de urxencia”.
- Zerovacas: “A cruz: ¿que lle pasa ao BNG nas cidades?
Agardamos o comentario indispensable de dpaso.
Inhibición electoral
/en Política/por bretemasNa mesma liña podemos entender o sucedido en Redondela, onde se depositaron 1.544 votos nulos, causados, entendo na súa maior parte, polo chamamento realizado pola Liga Veciñal Polo Voto Útil, o que supón case un dez por cento dos votos emitidos (equivalentes aos dous concelleiros obtidos polo PG), ademais dunha clarísima reprobación aos partidos políticos redondeláns que levan anos e anos sen apostar por ningún tipo de renovación (o seu alcalde será o máis veterano dos galegos) nin na conformación das súas listas nin na súa proposta programática. Unha tristeza!
Ben sería que este toque de atención realizado fose pola vía do crecemento da inhibición electoral (un fenómeno que se produciu a nivel de todo o estado, 36%, case trece millóns de electores na casa, un 4,5% máis ca nas anteriores locais), fose pola da protesta nas urnas, servise para alertar aos tres partidos maioritarios galegos de que algo se está cocendo na sociedade civil por baixo da súa autocompracencia.
Profundizar no cambio político
/en Política/por bretemas
Afeitos como estamos a escoitar os discursos autocompracentes dos responsables dos partidos, a ninguén pode extrañarlle que se manifesten igualmente satisfeitos cos resultados das locais. Unha cerimonia retórica que non pode agachar nin algúns importantes fracasos nin a consolidación das tendencias que se abriron tras as últimas autonómicas.- O Partido Popular, a pesar do seu bo comportamento na maioría das cidades, non pode evitar a súa decepción pola perda de 54 das súas maiorías absolutas, feito que suporá verse expulsado de moitas alcaldías e xa de dúas Deputacións, o que arruina a estratexia clientelista que mantivo durante cinco mandatos. Consolídase así a tendencia iniciada nas autonómicas de perda de boa parte dos seus apoios (que por vez primeira se sitúan por baixo do 42%) e de menor implantación nalgúns dos seus feudos tradicionais (os casos moi numerosos da provincia de Lugo e dalgunhas localidades pontevedresas, como Salceda, Nigrán e A Estrada, son moi significativos). Un panorama moi negro para Alberto Núñez Feijoo que na súa primeira convocatoria electoral non consegue remontar o voo.
- O PSdeG-PSOE, a pesar de aumentar en porcentaxe de votos, número de concelleiros e novas alcaldías, non pode ocultar o rotundo fracaso da súa estratexia cesarista nalgunhas cidades onde gobernaba comodamente: A Coruña e Lugo, principalmente, (onde perde a súas maiorías absolutas e retrocede claramente) e, mesmo tamén en Santiago (onde Bugallo foi claramente superado polo candidato conservador). Estratexia cesarista que, coa honrosa excepción de Ferrol (onde Irisarri obtén un resultado magnífico), tampouco funcionou en Vigo, onde Abel Caballero apenas consegue incrementar a porcentaxe de votos en menos dun punto e medio (66 votos), o que amosa as serias dificultades de crecemento dos socialistas na primeira cidade galega. Moi fino terá que fiar o presidente Touriño para, a pesar de contar co poderoso aparello de poder da Xunta, rendabilizar a súa xestión en futuras convocatorias.
- O BNG, a pesar de aumentar o seu número de votos, de concelleiros e de alcaldes en tres das provincias (coa excepción de Pontevedra, onde retrocede por mor do mal resultado de Vigo), non pode ocultar o seu fracaso nas cidades onde perde 24.000 votos (coa excepción da Coruña e, en menor medida, en Lugo). A debacle de Ferrolterra (despois da crise provocada polos seguidores de Rodríguez), o esmirriado resultado de Vigo (ao que non puido ser allea a estratexia da agrupación local de apoiar ao PP na cuestión do PXOM), a imposibilidade de conseguir o “sorpasso” en Ourense ou o serio aviso recibido en Pontevedra (onde pasa a segunda forza), a pesar de que poida conservar esta alcaldía e participar nos gobernos locais de todas as cidades, son feitos que non poden ser considerados como meras notas á marxe. O BNG conta con maiores posibilidades de condicionar ao PSdeG-PSOE (o que constitúe un éxito da súa Dirección), medra nas vilas intermedias (con resultados enormes en Monforte, Carballo ou nos concellos do Morrazo) e mesmo nalgunhas máis pequenas (como en Arzúa, Melide, Teo ou Gondomar) o que constitúen noticias para a esperanza dos que agardamos na ampliación do proxecto político nacionalista. No entanto e lonxe de autogabancias, os seus responsables deben reflexionar sobre cáles son as razóns das súas serias dificultades para consolidarse nas cidades, onde se concentra o 70% da poboación.
Agardamos que o proceso de negociación das alcaldías amose a madurez da política de rexeneración democrática e transparencia que, a pesar das insuficiencias, está abrindo o bipartito. Os cidadáns galegos apostaron por este xogo de equilibrios democráticos. Precisamos máis que nunca de sutileza, respecto e altura de miras por parte dos dous coaligados.
27 M
/en Imaxes, Política/por bretemas
Vía: El Roto. El Pais.Uso obrigatorio do casco
/en Imaxes, Política/por bretemas
Vía: Argallando.Entrevista a Xabier P. Docampo
/en Autores, Entrevistas, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Política/por bretemas
Interesantísima esta entrevista a Xabier P. Docampo. Como moi ben sinala Xavier Cordal, o mestre fala “o idioma da sabedoría, do afecto e da rebelión”.
Anoto algúns fragmentos das súas respostas nunha entrevista que é desas poucas para arquivar e compartir:
- “A orixe do feito literario está na palabra e esta é a esencia da oralidade. Calquera texto, por moi afastado que pareza estar do oral, aprehendémolo coma un resoar interior, coma un eco que nos vén dalgures… “
- “Hai un momento no proceso da escritura no que entras nunha voráxine narrativa que te invade e te impulsa, nese momento tes a sensación de estar escribindo ao ditado dese son ou dese eco que chega a ti desde o demo sabe onde, e faino con palabras.”
- “A aparición dunha literatura infantil e xuvenil galega tan vizosa e importante, relaciónase –non unicamente, pero entre outras cousas– moi directamente co compromiso coa lingua dos autores e autoras. E iso forma parte dun claro compromiso co pobo galego, entendendo esta expresión como o desexo de explicar o que somos e a que aspiramos. “
- “O máis alto compromiso do escritor ten que ser coa literatura, sen iso non é posible ningún outro.”
- “Vexo con dolor como todo aquilo que podería ser a base dunha nación que arma un futuro de seu, agricultura e gandaría, pesca, paisaxe, recursos naturais… foi destruído ou está a ser rapinado e, ademais, a industria que debería servir de compensación está ameazada de deslocación. Entrementres o noso capital espiritual: fala, tradición, historia… vaise precarizando. Os actuais son tempos de grandes decisións, desas que damos en cualificar como históricas; nelas, na súa aparición, reside a miña esperanza de optimismo.”
Decideixo decidir
/en Efemérides, Imaxes, Internet, Política/por bretemas
Sant Jordi non son é a festa do libro e da rosa. Son tamén numerosos os postos que promoven iniciativas políticas e cívicas coma “Decideixo Decidir” ou esoutra do puntCat.
Gonzalo Bouza-Brey agredido
/en Autores, Política/por bretemas
Unha chapa republicana motivou a agresión sufrida polo poeta vilagarcián Gonzalo Bouza-Brey e a súa compañeira María Isabel hai dous días. Unha noticia que nos produce enorme estupor; unha mostra alarmante de intolerancia que merece a nosa máis enérxica repulsa. Venturosamente semella que María Isabel e Gonzalo van mellorando das súas feridas. Unha aperta agarimosa e solidaria para eles dous e un recoñecemento para a edición de La Voz de Galicia de Arousa que informou puntualmente de tan lamentable acontecemento.
Saúde e República!
/en Imaxes, Política/por bretemas
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Gorgorito e o Vigo Ye-Ye28 de Xullo de 2026 - 12:14 p.m.
Vigo líder de Galicia22 de Xullo de 2026 - 4:23 a.m.
Isaac Fraga, unha vida para o cine16 de Xullo de 2026 - 4:20 a.m.
As da Industria9 de Xullo de 2026 - 4:18 a.m.
Feira do libro na Alameda1 de Xullo de 2026 - 4:07 a.m.











