Galicia pola unión

Dedido o artigo da semana en Faro de Vigo á iniciativa de celebración cidadá do 25 de xullo.

a_nacion_galega_25-07-2015Ás portas deste 25 de xullo, “día da nación galega”, no calendario oficial “día nacional de Galicia”, para moitos de nós, tamén, “día da patria galega”, producíronse varias iniciativas cívicas –como o “Manifesto pola Unidade”, asinado xa por máis dun milleiro de persoas de diversas procedencias– orientadas a que esta data sexa por fin unha auténtica festa cidadá, na que por riba das diferentes adscricións partidarias, todos e todas as galegas se sintan convocados a participar na defensa do país e dos dereitos da súa cidadanía. Unha data na que a sociedade civil galega, dende a riqueza das súas asociacións culturais, sociais e profesionais, tamén dende o pluralismo das súas organización políticas e sindicais, una as súas mans e angueiras para afirmar a vontade de Galicia de continuar existindo como suxeito político e de enfrontar os retos do seu autogoberno.

Continuando coa tradición galeguista e nacionalista, os promotores desta convocatoria do 25 de xullo da nación galega manexamos como idea esencial a de que Galicia é unha construción que a todos e todas corresponde e na que todos e todas podemos participar dende a nosa vontade individual, sexa acudindo a manifestación, gozando das convocatorias festivas ou consumindo produtos galegos e etiquetados na nosa lingua. Xaora, a deste 25 de xullo protagonizado polo común, é unha apelación nacida da cidadanía á unidade, consciente de que as divisións e os seitarismos só nos conducen a insignificancia e a lamentar aos soños rotos, mentres que a unión multiplica as nosas forzas e intensifica o noso entusiasmo para procurar os camiños que nos permitan decidir o que queremos ser e o queremos deixar as nosas fillas e netos.

Galicia vive un dos momentos máis difíciles da súa historia recente. Dende hai uns anos, o imparable devalo demográfico, que ameaza con destruírnos como pobo, acentúase coa emigración de toda unha xeración de mozos e mozas formados. A crise ruinosa dalgúns dos nosos sectores produtivos estratéxicos produciuse ao tempo que se desfixeron as institucións financeiras galegas. As taxas de desemprego e índices de pobreza e exclusión social continúan sendo das máis elevadas da nosa historia, mentres as cifras do PIB galego sitúanse á cola do resto das comunidades, por baixo da media española. Como as recomendacións de política estratéxica autocentradas continúan sen ser abordadas, dende as de ordenación do territorio e racionalización das administracións locais, como as das infraestruturas portuarias, aeroportuarias, viarias e ferroviarias. Como tampouco se atenden as relativas á prioridade das políticas educativas e de I+D+I ou ao aproveitamento tarifario da nosa produción de enerxía eléctrica.

Nos últimos anos os problemas económicos de Galicia agraváronse ameazando coa desaparición de sectores que para o noso país son estratéxicos e fundamentais, como o leiteiro, o forestal, o pesqueiro, o eólico ou o da construción naval, mais que para o resto do estado ou da Unión Europea poden ser aquí perfectamente prescindibles. O que amosa que as prioridades produtivas teñen que ser escollidas por nós mesmos. Galicia é hoxe un país que necesita activar todos os seus recursos e todas as súas potencialidades produtivas, rexenerar a súa economía para xerar máis traballo e benestar para a súa cidadanía.

A actual onda recentralizadora prexudica tamén os intereses de Galicia e as posibilidades de contar con financiamento suficiente, no marco da autonomía financeira e da consideración das singularidades territoriais e demográficas da nosa comunidade, para ofrecer os servizos básicos de educación, sanidade e dependencia e atender ao marco competencial recoñecido no noso autogoberno. Outrosí sucede coa valoración da nosa lingua e cultura, o patrimonio da humanidade ao noso cargo, que sofren na intemperie un retroceso que as pode levar a unha perigosa insignificancia decorativa, cando non a súa práctica desaparición.

Neste marco Galicia precisa activar o seu autogoberno en termos políticos, mais aínda cando o que semella inevitable proceso de fragmentación política levará, previsiblemente, despois das eleccións xerais á apertura dun debate decisivo sobre a nova articulación territorial do estado. Xaora, ás portas deste 25 de xullo, Galicia precisa activar o seu proxecto colectivo, actualizar a súa vontade inequívoca de profunda rexeneración económica e política. E precisa facelo co protagonismo e entusiasmo dunha maioría social de cidadáns e cidadás que comparten un sentimento de pertenza a un país, do que se senten orgullosos e identificados. Xa o anunciou Curros Enríquez no poema “Pola unión”, que musicara hai uns anos o cantor Benedicto: “… na unión dos bos galegos / está da patria o porvir!”.

Que facemos co Pirulí?

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo o futuro do Hospital Xeral e doutras instalacións da área sanitaria de Vigo.

ResidenciaCase coincidindo co sesenta aniversario da súa inauguración, nas vindeiras semanas “O Pirulí” pechará as súas portas para dar paso ao novo hospital Álvaro Cunqueiro de Beade. Un acontecemento que non pode pasar desapercibido xa que todos sabemos que o sucedido nos cuartos e dependencias da residencia viguesa quedará na nosa memoria máis íntima e na historia de cada unha das nosas familias, dende os días felices dos nacementos (máis de douscentos mil ao longo da súa historia) coma das longas noites de espera nos días das doenzas e das perdas dos seres queridos. Para a cidadanía viguesa, o Pirulí non é un espazo calquera.

Construída, a partir de 1949, ao pé da desaparecida capela de Santa Rita, no corazón do Couto, nun espazo concibido no plan de Cominges como a zona verde de Casablanca, con dezanove plantas e duascentas cincuenta camas a residencia viguesa tiña vontade de converterse no edificio máis alto de España e no seu maior centro sanitario. Porén, recortado o proxecto polas súas moitas alturas e o custe elevado, cedeu esta primacía á madrileña Torre España e, dez anos, despois á bautizada como “Ciudad Sanitaria La Paz”. Deseñada polo arquitecto José Marcide Odriozola –na súa pioneira estrutura de formigón interviu tamén o enxeñeiro e construtor vigués Ramón Beamonte– o edificio, que sobresae en trinta e tres metros á cota do Castro, foi inaugurado por Franco o 16 de setembro de 1955, recibindo o nome de “Residencia Almirante Vierna”, na honra de Manuel Vierna y Belando, o contralmirante do “Crucero Baleares”.

Da fasquía primixenia exterior daquel templo da saúde do Instituto Nacional de Previsión franquista e do seu plan de residencias e ambulatorios, coa excepción da luminaria frontal do corpo central, pouco quedou. A harmonía da construción simétrica racionalista da súa planta cruciforme e a impoñente escalinata sobre a rúa Pizarro, a que daba acceso á entrada principal presidida por seis columnas graníticas entreveradas, desapareceu polas sucesivas ampliacións do edificio, que medrou, desde a década dos setenta, coa mesma intensidade e desorde ca propia cidade.

As sucesivas ampliacións, invadindo o espazo dispoñible arredor do Couto e da rúa Pizarro, os colapsos periódicos dos servizos de urxencias e hospitalización, o dinamismo do seu cadro de persoal (protagonista dalgunha das primeiras folgas por “un convenio xusto”, mesmo antes da morte do ditador), as melloras asistenciais dos últimos vinte e cinco anos (coincidentes co seu traspaso ao Servizo Galego de Saúde) e, finalmente, a súa integración dende 2002 na rede formativa do CHUVI correspondéronse coa dinámica do crecemento revolcado da propia cidade. Xaora, o Pirulí, bautizado como Hospital Xeral dende 1983, ofreceu unha imaxe moi nítida do que foi Vigo e a súa área metropolitana nas últimas seis décadas.

Moitos somos os que nos preguntamos que sucederá coas instalacións do Pirulí unha vez pechadas o 3 de setembro. Como tamén coas do Policlínico Cíes, importante construción circular de 1967 do arquitecto Xosé Bar Boo, coas do hospital do Rebullón e coas dos centros de especialidades da Doblada e de Coia, que tamén quedarán fóra do servizo na reestruturación da área sanitaria de Vigo. Edificios de titularidade pública, que como no caso do Hospital Xeral volverán a depender da Tesourería Xeral da Seguridade Social do Ministerio de Emprego que deberá decidir o seu futuro, sexa a reutilización para novos usos públicos, a súa venda ou mesmo a súa demolición. Cinco importantes edificacións públicas cuxo futuro debe ser obxecto de debate cidadán e dun acordo interinstitucional entre as catro administracións que operan na cidade.

Os edificios do Pirulí ou do Cíes non pode quedar abandonados, como sucedeu coas instalacións residenciais, educativas e deportivas da ETEA, hoxe case arruinadas, para a vergonza de todos. Sen dúbida que o concello de Vigo debe ser a institución que lidere a elaboración dunha proposta de novos usos para o que noutrora foron instalacións sanitarias, tendo en conta as necesidades de espazos dotacionais para novas escolas infantís, centros de maiores, centros de carácter sociocomunitario e outro tipo de servizos públicos dos que Vigo carece. Sen esquecer que neste plan debe estar contemplada a ubicación definitiva da nova Biblioteca Pública do Estado, que como temos xa proposto, podería se construída no magnífico soar da Metalúrxica de García Barbón, propiedade tamén da Tesourería da Seguridade Social, ou nun exercicio de audacia instalada nalgunhas plantas da torre do Pirulí, transformando o edificio de Marcide na luz dos libros e dos lectores e lectoras vigueses. O alcalde Caballero debería valorar estas posibilidades no marco da axenda de negociación aberta co goberno central.

Onte 1385: Rúa Cunqueiro

Varios medios recabaron onte a miña opinión sobre a posibilidade que manexa o concello de Madrid de retirar do rueiro, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica, o nome de Álvaro Cunqueiro. Non son orixinal expresando a miña decepción xa que se bautizaron co nome de don Álvaro unha rúa madrileña noi foi porque no ano 1937 publicase en El Pueblo Gallego artigos como «De la necesidad del Caudillo» ou poemas como «Elegía verdadera a los muertos de la revolución«, ao servizo da causa franquista, senón pola súa condición de escritor e fabulador memorable. Cunqueiro tiña no seu ADN a escritura, «non había realidade, fose cal for, que non suscitase nel unha construción literaria». Escritor, esencialmente, en lingua galega, cun talento moi por riba de xéneros, xa que foi narrador, poeta, autor dramático, xornalista e tradutor. Sería máis que lamentable que o equipo de goberno de Manuel Carmena non entendese a dimensión de escritor total de Álvaro Cunqueiro.

«Rúa Cunqueiro en Madrid» (artigo en Faro de Vigo).

Onte 1384: Humillación ou grexit?

12-07-2015Angela Merkel e o bloque dos seus socios non deixaron onte moita opción a Tsipras: ou reformas draconianas coa conseguinte perda de soberanía (e polo tanto humillación do goberno e pobo gregos) ou saída do euro (a pesar de non estar contemplada nos tratados). Á chanceleira alemá non lle chista o actual goberno grego de esquerda europeísta e non está disposta a que se contaxie o seu exemplo a España e Portugal, países tamén debedores ás portas dunha convocatoria electoral a fin deste ano.

Se algunha dúbida quedaba, nesta Europa ao xeito alemán só hai espazo para os negocios (e intereses) das grandes corporacións financeiras, quedando as vidas das persoas e o seus dereitos ao abeiro das axudas humanitarias. Con todo, a situación de onte foi semellante ao ultimátum que recibiu Zapatero e que o levou a pactar con Rajoy aquela reforma express da Constitución sen referendo ningún. Sen posibilidades de acordar un marco equilibrado entre países debedores e acreedores non hai credibilidade para a moeda única, mais tampouco viabilidade para o proxecto de integración europea que esta semana corre o risco de escachar en múltiples anacos.

Onte 1382: Pola unidade no 25X

_manifesto_pola_unidade_10-07-2015

Tras varias semanas de traballo, onte saíu publicado o Manifesto pola Unidade, un chamamento que promovemos vinte e cinco persoas de diversos ámbitos e procedencias coa intención de que colectivos cidadáns, sociais, culturais e partidos e organizacións políticas se sumen, sen exclusión previa ningunha, na celebración do vindeiro 25 de xullo. Sei que cada un dos asinantes e das asinantes facémolo a título persoal porque entendemos que esta é a forma máis clara de expresión da cidadanía, a da suma das vontades individuais. Soñamos e, dende agora, pretendemos que o 25 de xullo as rúas de Compostela sexan as dun país en marcha que, como remata o manifesto,«tome nas súas mans a construción dunha nación para tod@s». Convido a asinar aquí o manifesto e agradezo a súa difusión.

Onte 1373: Non a lei mordaza

fontdevilla-policia-ley-ley-mordaza--circuloEstou convencido que o principal obxectivo da Lei de seguridade cidadá, a lei mordaza do PP que onte entrou en vigor, é crear unha atmosfera de medo que impida a protesta e minimice o activismo cidadán. Unha lei que constitúe unha clara ameaza para o exercicio dos dereitos constitucionais de liberdade de reunión pacífica, expresión e información, concedendo –como denunciou Estebán Beltrán, director de Amnistía Internacional– «poderes máis amplos á policía, menor control xudicial e menor liberdade de expresión.»

Ten razón o xuíz Xermán Varela cando di que con esta norma o goberno de Rajoy considera a «unha parte da sociedade como inimiga» e pretende «provocar que a xente non estea disposta a exercer os seus dereitos fundamentais, renunciando á liberdade de expresión de forma completa, en todo o seu contido.» Fronte a semellante ameaza conservadora, a cidadanía non pode renunciar á liberdade de expresión nin ao activismo pacífico nin asumir a autocensura cando expresa as súas opinións, como sucedía no franquismo, agardando o ditame da censura previa. O medo non pode vencer a liberdade e a propia democracia, hoxe en perigo.

Onte 1366: Factores do martinazo

Os chíos de Jaureguizar axudáronme a entender que o martinazo de onte tivo un claro compoñente emocional. Manolo Martínez, que xa agardou en dúas ocasións esta oportunidade de uparse como presidente da Deputación de Lugo, despois de batallar con Cacharro, non comprendeu que a súa imputación por malversación de fondos públicos o eliminaba como candidato. Aí residiu o seu erro garrafal. A decepción, a soberbia, o resentimento, a ambición, a xenreira, mesmo a vinganza contra a súa propia sombra, levárono a morrer (politicamente) matando. Xaora, tamén hai outro factor, que ten a súa orixe na incapacidade da dirección do PSOE de entender a situación política actual. Pretender impoñer a un candidato imputado, como fixo Besteiro durante semanas, para mudalo in extemis a noite anterior da votación, é un erro tremendo, mais cando non se conta cun liderado forte que evite as saídas persoais, como a do alcalde de Becerreá.

Neste contexto de fracaso e febleza, é imprescindible establecer un marco de negociación política entre os responsables do PSdeG-PSOE e BNG no que coa maior transparencia e claridade se fixen tanto programas como criterios de actuación política nas deputacións. Só así poderán evitar que suceda en Pontevedra e na Coruña outras catástrofes coma a lucense. No entanto, tampouco pode descartarse como hipótese que tras o martinazo de Lugo poidamos asistir a un exercicio de transfuguismo premeditado, que a curto prazo impediría o éxito da moción de censura, como saida máis lóxica para esta farsa. A esta altura, é prematuro aventurar se estamos ao comezo ou o remate doutro episodio valleinclanesco na política galega.

Onte 1364: As catro idades

54428836059Interesoume moito a análise que Enric Juliana publica en La Vanguardia ofrecendo unha explicación xeracional para a actual «triple crise española» (económica, dos partidos e de Catalunya). Seguindo os estudos demográficos e de análise electoral de Jaime Miquel, establece catro idades na poboación española cuxo comportamento político tería na actual coxuntura de confusión e mudanza unha clara compoñente xeracional. A alianza entre os «Reformistas» e  «Cidadans novos», as persoas menores de 56 anos, podería decantar o resultado electoral cara unha fragmentación que obrigase a «abrir unha nova etapa de reformas pactadas». Entendo que este esquema tamén é operativo en Galicia, a pesar de ser superior a porcentaxe de persoas maiores de 57 anos, identificadas como «Nenos da guerra» e «Nenos da autarquía». A existencia dunha forte pulsión de mudanza, inserida na estrutura demográfica, debería ser considerada como outro factor decisivo á hora de artellar a Candidatura de Unidade Galega.

Onte 1361: A dinosebe na Princesa

Dinoseto-Porta-Sol-Vigo-expectativa_TINIMA20150619_0443_5

A colocación «temporal» da dinosebe na Praza da Princesa, no corazón da Porta do Sol, é a primeira das caballeradas do novo mandato. A pesar de que está asegurado o éxito popular da medida, como espazo de selfies e outras caralladas, chantar este xardín efémero sobre unha praza centenaria non parece unha gran idea urbanística. Entendo que con este xesto irónico, non exento dunha chiscadela de humor, Caballero expresa apenas a súa intención de afondar no exitoso modelo da súa cidade ornamental. Con todo, e máis alá da anécdota da nova ubicación da [custosa] dinosebe viaxeira, semella que non parecen medidas de moito futuro continuar instalando sobre aparcamentos, prazas, rotondas e rúas xardineiras onde as oliveiras nunca poderán chantar raíces ou as flores e os tepes de céspede teñen data de caducidade. Xaora, non deixa de ser un paradoxo que estes días abafantes en Vigo, moitos veciños do meu barrio lamentemos cun aceno de melancolía que con motivo das obras de «humanización» do segundo treito de María Berdiales foran arrincados os frondosos ligustros plantados hai vinte anos polo goberno de coalición de Carlos Príncipe. No dilema de optar entre chantar ou non raíces, de escoller entre humildes ligustros ou espectaculares e [custosas] dinosebes, quizais radique a cerna do debate entre dous modelos de entender a humanización da cidade.

Onte 1357: Sobre a cultura da Autonomía

2015061410433628798Sermos Galiza publicou onte na web unha parte da entrevista que Belén Puñal me fixo para o «A fondo» dedicado á cultura da Autonomía. Nas miñas respostas insisto na importancia que creo tivo para o sector editorial en lingua galega o proceso de normalización lingüística, tanto no seu desenvolvemento como nos recentes anos escuros. Abordo tamén a forte dependencia do noso sector ediitorial con respecto da edición educativa e paraescolar, o que na miña opinión axuda a explicar as razóns polas que o chamado «sistema literario galego» nunca chegou a funcionar como tal nin foi capaz de ampliar de forma significativa o seu perímetro integrando a novos públicos. A miña gratitude aos responsables de Sermos Galiza pola súa deferencia por contar coas miñas opinións.