"O adeus do vello mariñeiro"

Onte acompañamos a X.H. Rivadulla Corcón na presentación na Coruña do seu máis recente poemario, O adeus do vello mariñeiro.
O libro foi presentado polo poeta Xavier Seoane que comezou salientando que a poesía é unha arte da pervivencia e como tal o libro de Rivadulla (a quen imaxina coma un vello baleiro namorado de salitre) transmite unha visión do mundo dunha rara intensidade. A continuación, Seoane debullou a estrutura do libro, conformado por dous cadernos simétricos de poemas de tres estrofas de tres versos libres, o primeiro do vello mariñeiro e o segundo da súa muller. “No poemario nárrase unha historia de amor e morte. Un triángulo entre home, muller e mar presidido pola aura dun soño. Un mar saudosento, misterioso, penetrado pola melancolía. Amor, morte, tempo, soidade. O mundo dos recordos e do esquecemento. O recordo como forma de vencer á morte. Un libro mergullado no mar de sentimentos: saudade, melancolía e da perda dos soños en dialéctica coa realidade. O que non impide ao poeta ofrecer unha visión estoica, serena, de xente que está afeita a enfrontar dificultades”. Continuou Seoane cualificando o poemario como “canto ao amor, aínda que ten tamén unha dimensión profundamente elexíaca. O amor é o que salva da morte. O amor como legado da vida. Ser de mar e pensamento”. Rematou a súa intervención recomendando a lectura do “fermoso libro de Corcón” no cuarto do vello mariñeiro de Lugrís e citando os versos de T. S. Elliot “O mar ten moitas voces /moitos deuses e moitas voces”.
Rivadulla, antes de ler coa tamén poeta Enma Couceiro unha boa parte do poemario, sinalou que rematara o libro en xuño de 2002, antes do que sucedeu co Prestige. “Ese mundo do mar desfacéndose do que falo no libro é anterior ao Prestige. A grande traxedia do mar son as políticas que se están tomando sobre a pesca. A frota de Muxía da miña infancia cuadruplicaba á actual. Os meus amigos mariñeiros vense obrigados a abandonar unha profesión que aman, recordade que os mariñeiros o son para toda a vida. É unha traxedia cultural e económica que debo denunciar”. Rematou as súas palabras recordando que a imaxe que conserva de pequeno é “a das mulleres dos mariñeiros no malecón de Muxía, quietas, agardando polos seus homes. O malecón, precisamente, que fora construído por elas. cando chegaban, o primeiro que elas recollían era o cesto, onde levaban a comida. Agora non hai malecón e agardan dentro dos coches. os tempos mudaron”.

Nace "Edoy Leliadoura"

A aparición dos seis primeiros títulos da colección “Edoy Leliadoura” de Sotelo Blanco edicións é unha noticia importante para a poesía galega. Dirixe a colección Xesús González Gómez, o que promete calidade e coidado nas edicións. A aparición deste novo espazo poético engádese a especialización de Espiral Maior, á aposta de Galaxia por potenciar Dombate e á consolidación de Xerais Poesía (na que este mes apareceron novos títulos do Leo e X. Rivadulla Corcón).

Etiquetas:

Bernardino 75

No artigo da semana realizo a miña homenaxe á figura de Bernardino Graña, quen será homenaxeado esta semana en Cangas con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Unha boa oportunidade para volver sobre a obra do noso mariñeiro das palabras. Os actos da homenaxe, organizada pola Asociación Cultural A Cepa, xa foron anunciados. A presentación do libro homenaxe, coordinado por Héitor Mera, terá lugar o sábado, 29 de setembro, ás 13:00 horas, no salón de plenos do concello de Cangas.

Etiquetas.

Memoria de poeta

Moito teño lido e gozado nestes días coa lectura das case cincocentas páxinas de Memoria de poeta, o libro autobiográfico de Xosé María Álvarez Cáccamo. Quedei engaiolado con estas primeiras memorias de Pepe que, como xa fixera Antón Baamonde (ben é certo que con outro rexistro), quedan a medio camiño entre o percorrido autobiográfico e a proposta ensaística. O autor ofrece unha voz sólida, agarimeira e sensible, chea de matices e con escasa impostura, que permite ao lector realizar unha viaxe tanto polo periplo humano e literario do poeta, como da xínea e da xeración literaria ás que pertence. A relación co pai e co grupo familiar, a conformación das amizades e do grupo literario dos poetas dos oitenta, a reflexión poética, educativa, artística ou sociolingüística, a crónica recente da “vida que comeza” (fermosa metáfora do tempo presente), a enerxía do amor ou a conciencia patriótica son algúns dos temas abordados por Cáccamo cunha naturalidade e sinceridade sobrecolledora. Un libro que non dubido en recomendar moi vivamente.

"Fóra do sagrado" de Anxo Angueira

Espectacular e moi emocionante foi o recital de presentación de Fóra do sagrado, o poemario que dedica a Vigo Anxo Angueira. O paraninfo “Leónides de Carlos Ardenaz” do Instituto Santa Irene ateigouse de xente para escoitar a presentación de Méndez Ferrín e a declamación do poeta, acompañado dos músicos Leo de Matamá (nas guitarras e voz) e Aser Álvarez (percusión).
Na súa intervención Ferrín sinalou que presentabamos “un libro situado no centro do puro republicanismo da fé na liberdade”. “Este é un texto para ser pronunciado en alta voz, para ser cantado, xa que soporta unha potentísima oralidade. A necesidade da dicción oral para facernos vibrar plenamente como nos grandes cantares de xesta. Aí a razón da invitación do eoi da Chanson de Roland“. Continuou Ferrín afirmando que Fóra do sagrado supón unha “erupción de palabras, poesía acumulativa, con potencia da anáfora, amosando toda a capacidade emotiva do versículo libre”. Despois de citar a Pier Paolo passolini e ao seu pranto polo proletariado suburbano, Ferrín sinalou que este “longo poema representa unha nova concepción da poesía política, cargado de ideas fondas e dunha sentimentalidade profunda; unha manifestación exultante e alegre da cifra de toda a Galicia contemporánea que é a cidade de Vigo”. O autor de Bretaña, Esmeraldina rematou as súas palabras gabando a representación plástica que presidía o acto (cinco murais de cinco metros de altura realizados polos irmáns De Dios), representación do máis simbólico desta cidade, o porto do Berbés e alá arriba (como diría Castelao) das casas onde viven as xentes de terra. “Sempre, sempre, sempre, Vigo un camiño cara a liberdade”, foron as palabras derradeiras de Ferrín.
Aconsello esta anotación de Arume dos Piñeiros sobre este poemario de Angueira, chamado a marcar un fito na nosa produción contemporánea.
Actualización (28-06-2007): Crónica da presentación de Arume dos Piñeiros.
Actualización (29-06-2007): a crítica de Heitor Mera no Cartafol.

Etiquetas:

"Cólera" de María Xosé Queizán

Hoxe presentamos Cólera, o máis recente poemario de María Xosé Queizán. Durante o acto proxectarase un vídeo de 45 minutos, preparado por Manuel Forcadela, que recrea con imaxes, testemuños e músicas seis dos poemas do libro.
Cólera é a memoria orgullosa dunha xeración que rememora un proceso histórico clave na conformación do tempo presente. Empregando a emotividade que proporciona a paixón poética, a autora loa á mocidade galega que iniciou o galeguismo político de posguerra e se mobilizou para derrocar o réxime do tirano. Polo poemario discorren acontecementos políticos e sociais decisivos dunha década (a que vai dende mediados dos sesenta ao inicio da Reforma Política): a formación do Consello da Mocidade, o 25 de xullo de 1969, Castrelo de Miño, Ferrol 10 de marzo de 1972 ou as Encrobas. Mais tamén, polo libro discorren elexías ao Che Guevara ou a Frantz Fanon, figuras que serviron de referentes ideolóxicos a esta xeración. Ademais doutros poemas que constitúen homenaxes explícitas a protagonistas daquel tempo de entusiasmo, confrontación, dor e represión, como os dedicados a “Carmiña” (“Testemuñas os anos dunha loita / de terra e tempo”) e a Reimundo Patiño, por só citar algunha destas pezas.
María Xosé Queizán, como xa fixera noutras ocasións, emprega o poema como rexistro ensaístico, fuxindo do intimismo e verquendo toda a súa intencionalidade social humanista para conseguir un poemario inusualmente comprometido e irado no contexto da poesía galega actual. Eis o título, rotundo, provocador e luminoso como metáfora daquel tempo onde agromou, con tanto esforzo, a esperanza da liberdade.

Etiquetas:

Marilar Aleixandre en Budapest

A proxección da literatura galega no exterior é unha tarefa complexa que require un traballo demorado e sistemático por parte de todos. Afortunadamente cada vez son máis frecuentes as noticias da presenza dos nosos autores e autoras en eventos internacionais.
Estes días soubemos da viaxe de Marilar Aleixandre a Budapest para participar, entre os días 29 de marzo ao primeiro de abril, no festival internacional de poesía Europoetica Sacra, que este ano ten por tema “escribir no límite”, relacións entre linguas, poetas que escriben en linguas minorizadas / distintas da materna. Marilar foi convidada polo Instituto Cervantes que apoia este festivalcomo fan, tamén, o Instituto Goethe, o Instituto Italiano de Cultura, British Council… Polas múltiples referencias que vimos na rede (non entendemos nin papa de húngaro) semella que este festival de poesía ten moita proxección. Os nosos parabéns a Marilar.

Actualización (28-03-07): Galicia hoxe amplía a información cunha interesante entrevista a Marilar.

Longa noite de pedra

Este cartel sobre un texto de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro formará parte da campaña “Libros a la calle 2007″ que durante o mes de abril se desenvolverá no metro e nos autobuses públicos de Madrid, Zaragoza (xestionados pola mesma empresa de Vitrasa) e Segovia. A lingua galega viaxará nestes medios para animar á lectura de poesía dos cidadáns. Hoxe día da poesía (parabéns, Fran) sería ben que as empresas de transportes municipais galegas emulasen a idea.

Xavier Queipo

La Voz de Galicia anuncia hoxe que Xavier Queipo formará parte dun grupo de nove poetas de todo o mundo co que Bruxelas, a cidade sede das institucións europeas, “quere lucir, fomentar e fachendear da súa multiculturalidade e da súa condición de urbe internacional, multirracial e multilingüística. Os versos de Queipo, inéditos e escritos expresamente para a ocasión xunto aos doutros oito poetas de orixe española, marroquina, camerunesa, belga e rumana, serán expostos en grandes paneis por toda a cidade, que unirá así, baixo o común denominador da poesía, o espírito de seis linguas, coas que pretende dar fe da pluralidade idiomática que a conforma”. Unha iniciativa a emular. Queipo viaxará a Galicia os días 8 e 9 de febreiro para participar en Santiago e Vigo nos actos de presentación de Dragona, a súa máis recente novela. Informaremos da obra e destes actos, onde haberá moita música, nos vindeiros días. Parabéns para Xavier!