«Dona Carme» continúa gustando

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Xx0hZLBTGR0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Grazas, moitas grazas, a todos os lectores e lectoras do CEIP de Lamas de Abade!

Dona Carme fai agora vinte anos. Comprobo que continúa gustando aos picariños e picariñas de hoxe e algunhas profesoras lle atopan utilidade didáctica. Que máis se lle pode pedir a este libro publicado cando non había nada, ou case nada, para os primeiros lectores?

Non sabedes que satisfacción me produce saber que Dona Carme continúe viva.

Premio de Fervenzas Literarias

Recibo con sorpresa a noticia de que os lectores e lectoras de «Fervenzas Literarias» declararon estas Brétemas como o mellor blog de 2009. É este o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do blog nestes cinco anos de andaina, razón pola que non podo estar máis que agradecido. Beizóns!

Os blogs xa non son o que eran

Arturo Losada de Xornal de Galicia tivo a amabilidade de facer unha reportaxe con motivo do quinto aniversario destas brétemas e dos blogs do meu amigo Jaureguizar. Os blogs (e, loxicamente, os blogs en galego) mudaron de fasquía e funcionalidade non hai dúbida ningunha, mais non morreron e nunca tantos se actualizan cada día na nosa lingua. O meu maior agradecemento para Xornal de Galicia e as miñas desculpas por seu houber algún autobombo nas miñas palabras.

Quinto aniversario

Hoxe estas brétemas chegan o seu quinto aniversario. Dende aquela primeira anotación levamos publicadas 2.623 (383 neste quinto ano)  e recibidos 7.308 comentarios, cifras que amosan unha certa ralentización do ritmo de publicación con respecto a anos anteriores. Un feito ao que sabemos non son alleas nin a nosa intensa participación no blog de Xerais (que nun ano e medio de vida superou o milleiro de anotacións) e, sobre todo, a nosa incoporación ao longo deste último ano as redes sociais de Facebook e Twitter, onde comezamos a participar con certa intensidade. A identidade dixital vaise tecendo coa conversa activa que mantemos na rede por medio de diversas ferramentas e redes o que inevitablemente está levando a unha reformulación do papel dos blogs (da súa lectura e da súa escritura). Nesa lideira andamos, participando activamente, dende finais do mes de febreiro, na fantasía de Blogaliza, que hoxe proporciona soporte a unha parte moi significativa e activa da rede de oito mil blogs existentes en galego (xa non me atrevo a chamala blogomillo para non entrar en debates cos máis entendidos no fenómeno ou na conformación de tendencias).

Repasando mes a mes os contidos deste ano recollo algunhas anotacións que merecen ser recuperadas por moi diversas razóns. No mes de xaneiro, «Autonómiccas: ollo con Pontevedra!»,  que agoiraba importantes dificultades para os membros do Bipartito. En febreiro, «Rotundo fracaso de Galicia Bilingüe», no que, a pesar de errar no titular da anotación, apuntaba a semente de división social que aquela manifestación supoñia. En marzo, «Comeza o ano Piñeiro», na que recollo as ideas principais da conferencia do profesor Alonso Montero sobre o protagonista das Letras Galegas 2009. En abril, «A discreción do editor», unha breve anotación ao fío dunhas palabras do meu compañeiro Juan Blanco Valdés que resumen moi ben o meu xeito de entender o meu oficio. En maio, «Feijoo no labirinto», longa anotación que abría esa longa serie dedicada ao seguimento do conflito da lingua, a nosa primeira preocupación (obsesión) deste ano. En xuño, «Do libro electrónico á lectura dixital», unha anotación recompilatoria das novidades sobre esta cuestión, o tema do ano da edición internacional. Dos meses de verán, «O futuro de Cultur.gal», texto que reclamaba a creación dunha fundación para dar estabilidade a nosa feira da sindustrias culturais. E dos últimos meses do ano, «Abandonados», un des meus artigos dominicais en Faro de Vigo nos que volvo a denunciar a situación dos sen teito.

A todas as persoas que participan no blog, en Twitter e en Facebook (espazos onde, xeralmente, enlazamos as anotacións do blog), as miñas beizóns e recoñecemento pola deferencia de reparar nelas. Se o tempo, ese ben tan difícil de xestionar, non nos falta seguiremos o noso percorrido, explorando nas brétemas de esperanza.

50

Hoxe fago cincuenta anos. Agustín Fernández Paz, cando pasou esta liña no tempo, descubriume un poema de Jorge Luis Borges, titulado «Límites», que dende entón tiven moi presente. Permitinme a ousadía de traducilo para recollelo tal día coma hoxe:

Hai unha liña de Verlaine que non volverei lembrar,

Hai unha rúa próxima que esta vedada aos meus pasos,

Hai un espello que me viu pola derradeira volta,

Hai unha porta que eu pechei até o fin do mundo.

Entre os libros da miña biblioteca (estou a velos)

Hai algún que xa nunca abrirei.

Este verán farei cincuenta anos;

A morte desgástame, incesante.

Beizóns a todos e todas polos agarimos. Saúde, amor e liberdade!

Entrevista n' «A Nosa Terra»

César Lorenzo entrevistoume n´A Nosa Terra con motivo do trinta aniversario da editorial e da aparición dos nosos primeiros e-books. Desculpas polo que poida supoñer de autobombo. Grazas a Paco Vilabarros pola fotografía.

«Non somos un sector subvencionado»

Hoxe aparece publicada en La Voz de Galicia parte da conversa que mantivemos, o pasado venres, Xosé Ballesteros e mais eu arredor da situación da edición en Galicia.

Como é adoito nestes encontros, falamos devagariño de moitas máis cousas ca do diagnóstico inicial do noso sector, dende o sentido da presenza nas feiras internacionais, pasando pola relación do editor cos autores e autoras e a nosa formación autodidacta, até o balance dalgunhas carencias de xénero.

Agradézolle ao xornalista Ángel Varela o seu convite e o admirable traballo de síntese e a Gustavo Rivas as súas magníficas fotos. [As miñas desculpas polo autobombo.]